A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 1 de julio de 2014

NECESÍTASE A UNIDADE, PERO NON A CALQUERA PREZO


Carlos Dafonte

Nun artigo anterior aparecido no blogue, “A campaña contra os que poden poñer en perigo o bipartidismo”, analizaba dun xeito moi sinxelo, os atrancos que atoparían determinadas forzas políticas no desenvolvemento do seu labor, desde o momento en que os resultados das eleccións europeas confirmaron os vaticinios establecidos polas enquisas; os dous grandes partidos perderon un importante número de votantes e produciuse o ascenso dos de outras forzas que de xuntarse, de facer unha alianza política, aínda que sexa con carácter electoral, poden poñer en perigo un dos alicerces do sistema: a alternancia no control institucional entre PSOE e PP, para o que se necesitou facer pasar ó primeiro por ser de esquerdas e ó outro de centro dereita.

No presente artigo, porque creo moi necesario no momento actual abrir un debate sobre o tema, vou facer algunhas reflexións sobre os elementos imprescindibles nos que se debe dar o achegamento das diferentes posicións que poden crear unha alternativa ó bipartidismo e polo tanto ó réxime nacido en 1978. Pero son consciente de que alguén pode interpretar os contidos deste artigo como parte da desaforada, burda e antidemocrática campaña que moitos medios, desde unha óptica de dereitas, manteñen contra Podemos e algún dos seus líderes. Espero que despois de lelo, se entenda ben cal é a miña posición.
Quero deixar moi claro desde o primeiro momento, que de consolidarse esta alternativa nas Cortes, se debería abrir un período constituínte, que só vai ser posible combinando a loita social e a política; ca presencia de amplas masas nas rúas esixíndoo e a existencia dunha maioría nas institucións.
Pero a unidade non debe aportar maior confusión ó panorama político actual, xa moi confuso, produto da agonía do réxime; pola contra, debe servir para clarificar e para sumar, aínda que haberá que ter en conta, cuestión moi importante, que en política as regras das matemáticas moitas veces non se cumpren, e un máis un, poden ser catro e outras veces só un.
Esta posible unidade de forzas políticas, ten como vimbios fundamentais a dúas formacións de carácter estatal, IU e a revelación das pasadas eleccións, Podemos, ós que se lles poden sumar algún outro de carácter autonómico e algún sector, moi feble, que se esgalle do PSOE, a consecuencia de como se solucione a actual crise na que se atopa inmerso. Moito terían que cambia-las cousas para que se incorporase algunha forza de carácter revolucionario. Habería que facer un esforzo para incorporar tamén, organizacións de carácter social que non representen un freo a todo o proceso
Polo tanto IU e PODEMOS serían os dous grandes piares sobre os que se asentaría esa unidade; a primeira unha organización, espero que ninguén se ofenda pola afirmación, claramente socialdemócrata, que non confunde polo de agora, estas posicións co keynesianismo, e a segunda con toda unha serie de formulacións e afirmacións que no panorama político estatal parecen moi novidosas, que se puxeron de moda na marfallada ideolóxica que foi o “15- M”, pero que se as analizáramos a fondo, non o son tanto e moitas veces carentes de contido nunha forza que para moita xente apareceu como unha esquerda renovada, aínda que os dirixentes de PODEMOS repiten en numerosas ocasións, que eles non son “de dereitas nin de esquerdas”, expresión que hai moitos anos utilizaba para cualificar o seu movemento, un dos fundadores do fascismo español, José Antonio Primo de Rivera, por exemplo, no discurso do teatro da Comedia ou na “Carta a un militar español”. Posiblemente o coñecemento destas posicións teña influído en moitos coma min, para pensar que aquelas xentes que din “non ser de dereitas nin de esquerdas” ou “apolíticos”, sempre os considere, en principio, como xentes ou organizacións de dereitas. Prometo liberarme de vellos prexuízos.
Como non confundo o que é un movemento de masas que loita por unha reivindicación concreta, como pode ser a loita contra a privatización da sanidade, en que a ninguén se lle vai esixir que se defina de dereitas ou esquerdas, creo que cando se trata da unidade de acción de partidos e organizacións políticas, por exemplo para presentar candidaturas nun proceso electoral, situarse na esquerda, significa a defensa de toda unha serie de valores que non poden ser obviados e polo tanto considero que a posible unidade se ten que definir con nitidez como unha forza de esquerdas, aínda que con elo se limite en certa medida o campo dos apoios, campo que tamén se verá limitado de non facelo.
Hai moitos anos a triunfante revolución en Cuba, tivo que facer labor de pedagoxía; moita xente dicía Fidel si, comunismo non, e Fidel tivo que da-la batalla para dicir que o que valoraban nel como positivo, o era por ser comunista.

A necesidade de que Podemos defina o seu proxecto estratéxico
Pois ben, Podemos está hoxe en día nunha posición moi salientable para facer un labor de pedagoxía, congraciar a unha grande parte da poboación cas ideas, cos valores, da esquerda e rachar dunha vez por todas ca idea falsa e polo tanto cos falsos valores, que os medios de comunicación e a práctica política cotiá consideraba eran os valores da esquerda ó considerar como representante da mesma, ó PSOE. Pero, é Podemos verdadeiramente unha forza de esquerdas? Se así fora, estaría disposta a xogar ese papel?.
Polas manifestacións dos seus voceiros máis destacados, paréceme difícil. Teñen unha tendencia constante a enmascara-lo conflito de clase na sociedade española, que se ten aguzado ca crise do sistema, un elemento fundamental desde unha perspectiva de esquerdas, baixo numerosas falsas contradicións, “os de arriba contra os de abaixo”, pero sen sinalar quen se atopa no nivel superior e quen no inferior, e aínda que pareza fácil, non o é; un empresario con 25 traballadores que os explota dun xeito inmisericorde, onde se atopa?. Ou copiando o movemento “occupy Wall Street” dos EEUU, somos o “99 % contra o 1%”; aínda máis ambiguo. Ou a “revolución da cidadanía” contra a “casta”, termo peréceme, que empregou o sociólogo italiano Pareto a finais do século XIX, cando estudaba a formación das élites; por certo foi nomeado senador perpetuo por Mussolini. Podemos e os seus voceiros, tampouco sinalan con claridade quen forma parte da mesma e a maioría das veces no contexto no que se emprega a verba, parece que só se refiren a un grupo de políticos; e os que mandan nos políticos do réxime, os poderes económicos, que?.
Sobre o “cidadanismo” como teoría política, habería moito que falar, curiosamente en Bolivia e Ecuador, países ós que asesorou unha fundación na que se atopan moitos dirixentes de Podemos, esta teoría é asumida por moitos dos que están a gobernar.
Como dicía, formulacións todas que agochan a división da sociedade en clases sociais, de explotados e explotadores; algunha persoa inxenua pode pensar que se fai así co obxectivo de agrupar ó maior número de indignad@s posibles, pero tamén pode levar a pensar que son outras as intencións como non enfrontarse ó problema fundamental do capitalismo, a explotación; en calquera caso, este tipo de propostas levan no seu interior o síndrome do fracaso cando se comece a “tocar poder”.
Nas sociedades divididas en clases sociais e cuxa evolución histórica é produto da loita entre elas, unha organización política, aínda que o intente disfrazar, sempre defende os intereses dunha clase, non se poden defender os de varias, levaría a unha constante contradición.
Por outra banda a esquerda o é, se cuestiona o sistema de explotación imperante no mundo e Podemos, co seu recurso dialéctico a que se cumpra a lei, a Constitución e a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, moi na liña de Julio Anguita, no que estamos, penso, tod@s de acordo, segue sen amosar se o seu proxecto político estratéxico está pola superación do capitalismo ou non.
O cumprimento do marco legal, non poñería fin ó capitalismo, seguiríamos no capitalismo e sen unha faciana moi renovada, capitalismo, e polo tanto nun sistema baseado na explotación da forza de traballo. E debemos formular a seguinte pregunta nunha situación de crise: acadaríase o obxectivo fundamental de todo capitalista, de recupera-la taxa de ganancia, a verdadeira xénese da mesma? Se a resposta é negativa, a única posible, dentro do capitalismo non hai saída para as xentes que viven do seu salario, e toda proposta que incite a crer que si existe saída dentro do capitalismo, é un engano.
Polo tanto é lícito, coñecendo que Podemos recibiu un enorme apoio de medios de comunicación moi importantes, ligados tamén a importantes emporios económicos, preguntarse se estes medios e grupos económicos non promocionaron a Podemos buscando unha alternativa para un PSOE que se debilita dun xeito para eles alarmante e para non permitir que os votos que este perdeu e vai seguir perdendo, os capitalice IU ou forzas a súa esquerda.

Crise en IU e busca dunha saída que vai ser subordinala a Podemos.
A situación actual en IU que só coñezo polo que vai aparecendo nos medios de comunicación, recórdame a vivida no ano de 1996 na mesma organización, despois das eleccións xerais. Acadáramos o maior número de votos que nunca conseguira unha forza de esquerdas no estado español, máis de dous millóns seiscentos mil, e nembargantes a maioría dos medios orquestraron unha campaña sobre o que consideraron fora unha derrota electoral de IU que foi moi ben acollida pola oposición interna a Julio Anguita, agrupada en “Nueva Izquierda” que recibiu todo o apoio mediático necesario para crear a grande crise do ano 1997 ca ruptura en Galicia, coa comparsa de Cataluña e numerosos dirixentes estatais, que despois de facer o maior dano posible, axiña marcharon para o PSOE, onde agás un, poucos fixeron carreira política; “Roma non paga traidores”.
Hoxe vólvese a falar nos medios de derrota en IU, e algúns dirixentes apúntanse a esa tese, aínda que se gañou un millón de votos e triplicouse o número de deputados; vólvese falar da necesidade de renovación na dirección, e prodúcense toda unha serie de movementos internos, tanto no eido organizativo, promoción de Alberto Garzón, como de discurso, que me fan pensar que de darse unha unidade con Podemos nas próximas eleccións, IU vai xogar un papel claramente subordinado.
Podemos ó meu entender, representa o pensamento máis radical da pequena burguesía, que nun momento de crise e debido á pouca firmeza ideolóxica amosada pola única forza que se poda considerar de esquerdas con certo peso social, IU, do que hai que facer responsable en primeiro lugar ó Partido Comunista, hoxe ten gañado a sectores de asalariad@s e pon en cuestión a súa existencia.
Teño a impresión de que os resultados electorais ó Parlamento Europeo, onde IU non capitalizou todo o descontento existente entre amplas capas da sociedade, a causa da aparición de Podemos con todos os seus apoios mediáticos, están a servir para unha batalla interna onde as cativas, pero aínda existentes, perspectivas políticas de clase, se perdan. Eu que non milito hoxe en ningunha organización, asisto a estas circunstancias lembrando aquelas verbas, de que a historia repítese moitas veces como farsa.

En Galicia no mes de xullo de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario