Carlos Dafonte
OS ELEMENTOS
CONSTITUTIVOS DA HEXEMONÍA
Gramsci foi
abrindo perspectivas diversas, algunhas poden parecer contraditorias
ó longo da súa reflexión, difícil reflexión na cárcere, sobre
aspectos fundamentais do seu concepto de hexemonía e das
relacións entre estado e sociedade civil.
Reflexións
moi valiosas para axudarnos a comprender hoxe o xeito en que se
produce o dominio dunhas clases sobre outras e que Anderson estudiou no seu libro “As antinomias de Gamsci”, destacando as
contradicións que algunhas veces parecen existir no seu pensamento.
Por
exemplo, noutro pasaxe dos “Cadernos” formula o problema da
hexemonía non como unicamente unha cuestión de
consenso e centrada na sociedade civil, senón como unha suma de
consenso máis coerción compartida entre a sociedade civil e o
estado: O estado exerce a coerción e a sociedade civil o consenso.
Formulación que pode inducir a equívocos e non permite comprende-la
realidade.
Tamén, e posiblemente resultado da
análise sobre o que acontecía na súa patria, do poder exercido
polo totalitarismo fascista, da identificación estado- partido, da
existencia de bandas de paramilitares, que acosaban e destruían as
organizacións obreiras e partidarias, formula en determinado
momento, a identificación total entre sociedade civil e estado,
chegando case a negar a existencia da primeira, o que pode levar a
interpretacións de carácter ultraesquerdistas, como aquelas
que consideran que toda democracia burguesa é fascismo. Di Gramsci:
“ Por estado debe entenderse non só o aparello gobernamental,
senón tamén o aparello privado da hexemonía ou sociedade civil”
e sentencia “en realidade, sociedade civil e estado son unha e a
mesma cousa”. “A sociedade civil é tamén parte do estado, en
realidade é o estado mesmo”. Quen non distinga un réxime
democrático-burgués do fascismo, aínda que ambas las dúas son
formas da ditadura do capital, esta a caer nunha política sectaria
como a do “terceiro período”, onde identificábase, mediante a
teoría do social-fascismo, á socialdemocracia cos nazis e
fascistas, de onde xurdiu a negativa da fronte obreiro para combater
cos primeiros ós segundos. Na actualidade esta posición dificulta a
comprensión das especificidades da democracia nas sociedades do noso
entorno.
Dende o meu punto de vista, tan erro é considerar hoxe que non hai límites entre sociedade civil e Estado, como aseverar a supremacía da primeira sobre o segundo que leva, como xa dixemos á concepción da “vía parlamentar ó socialismo”, construída esta, sobre dúas ideas erróneas: a primeira, que no centro do sistema o capitalismo só require do aspecto cultural, consensual, da hexemonía, para manterse no poder e a segunda, que fronte ó principio marxista de “unidade política do estado burgués” que precisa dunha revolución para esnaquizalo, considerar posible despeza-lo estado e ir “neutralizando”, por parte dos traballadores, pezas esenciais do mesmo, mediante o exercicio da hexemonía cultural da clase obreira e os seus aliados, entendida só como consenso; hexemonía que se pode incluso exercer sobre sectores das clases antagónicas.
Este é
outro dos argumentos que os partidos reformistas sacan dunha
determinada lectura de Gramsci: que a crase obreira é capaz de
chegar a consegui-lo consenso incluso de sectores da propia
burguesía, unha clase antagónica, sobre moitos aspectos da súa
política, en determinadas conxunturas, e neutralizar así ás forzas
de oposición ó socialismo.
Pero creo
que Gramsci tiña moi clara esta cuestión; nunha pasaxe que moitos
queren esquecer di textualmente: “Un grupo social é dominante
sobre os grupos inimigos ós que tenta “liquidar” ou
someter mediante a forza armada, e é dirixente respecto dos grupos
“afíns” ou aliados. Un grupo social pode, e de feito debe, ser
dirixente antes de conquista-lo poder do goberno (esta é unha das
principias condicións para a conquista do poder mesmo); despois,
cando exerce o poder e o mantén firmemente no seu puño, se convirte
en dominante, pero tamén segue a ser dirixente”.
A
conclusión á que debemos chegar despois de analiza-las achegas que
fixo Gramsci á análise de como domina a clase dominante e o camiño
para a consecución do poder por parte da clase obreira, é que
posiblemente pola súa difícil situación na cadea, só esbozou toda
unha serie de cuestións vitais para o proceso revolucionario, sobre
os que posiblemente tentaría afondar máis adiante. Afondamento que
nunca se produciu pola súa temperá morte e que todos os que se
consideren marxistas deben levar adiante, xa que teñen nos seus
escritos unha fonte inesgotable de cuestións básicas para entender
o dominio na sociedade capitalista e a forma de toma-lo poder.
Creo que a
interpretación xusta sobre o concepto de hexemonía, que é a
suma de consenso máis coerción, e polo tanto explica a dominación
burguesa, é a que elabora Perry Anderson, cando establece o
exercicio do consenso en ámbolos dous termos, sociedade civil e
sociedade política, ou estado, e o da coerción neste último. Só
comprendendo esta asimetría estaremos en condicións para
establece-lo proxecto estratéxico adecuado para a toma do poder.
Como xa
dixen o dominio burgués baséase na aceptación por parte da maioría
da sociedade, do consenso das masas, cunha situación determinada;
pola crenza de que elas exercen o seu propio goberno no “estado
representativo”. Pero para que as masas cheguen a esta conclusión
errada, necesítase tanto a práctica diaria do exercicio da propia
democracia burguesa, como doutros elementos creadores da propia
crenza: escola, medios de comunicación etc.
Os
revolucionarios nunca deben esquecer, que aínda que na vida cotiá o
estado parece que non existe, e que os neoliberais de toda caste
falen da “necesidade de adelgaza-lo estado”, este si existe co
seu monopolio da violencia “lexítima”, que é quen lle da,
repito, aínda que na cotianeidade da vida non se aprecie, a robustez
ó sistema e apórtalle valores culturais, ideolóxicos, etc.
“Adelgaza-lo estado” non significa para eles eliminar os
instrumentos da violencia. É a existencia dese estado “invisible”
o que fai poderoso ó sistema, porque no caso de xurdir unha
situación de crise, que poña en cuestión ó capitalismo, a
coerción vai desprazar axiña ó consenso, a violencia convertese en
dominante e determinante, e os instrumentos coercitivos do estado
pasan a situarse no lugar de vangarda. Iníciase o proceso máis
extremo ó que Alba Rico denomina “pedagoxía do voto”. O voto
popular foi unha conquista que custou arrancalo ás clases dominantes
que gobernaban, sangue, suor e lágrimas. Os capitalistas “manexan”
a democracia aplicando unha pedagoxía que non exclúe ningún
método, manipulación legal, o señor Herrero de Miñón fixo hai
anos unhas declaracións sobre a lei electoral española e o seu
obxectivo de marxina-los comunistas, que establece unha realidade que
aínda que sospeitada non deixa de ser sorprendente, propaganda,
suborno e chegado o caso fascismo. Se un pobo non vota segundo os
intereses dos grupos económicos aplícaselles esa “pedagoxía”.
Nos casos máis extremos se suprime e neutraliza a unha parte da
poboación e despois duns anos permíteselles votar ós
superviventes. España 1936, Chile 1973, Venezuela 2002, son tres
exemplos da súa aplicación, no último caso falida.
A
experiencia da revolución rusa e outras posteriores ensínanos que
coa desaparición do estado, esborrállase toda a “arquitectura”
social, económica, etc, construída arredor do esqueleto estatal.
Sería
posible hoxe nun país do centro do sistema, que as forzas que queren
construír unha alternativa ó capitalismo, tomaran baixo o seu
control valéndose da “democracia representativa” parcelas do
estado capitalista que pretenden destruír?. Pero, existen
verdadeiramente esas forzas políticas hoxe?. Salvo minorías que se
atopan moi lonxe dese obxectivo, as forzas que teñen posibilidades
de conquistar parcelas de poder dentro do estado capitalista, están
integradas dentro do sistema e é imposible un cambio na súa
estratexia de transformación da realidade.
A NECESIDADE DUNHA ESTRATEXIA
REVOLUCIONARIA PARA O SÉCULO XXI, NO CENTRO DO SISTEMA CAPITALISTA E
DE CONSTRUCCIÓN DA FORZA POLÍTICA QUE A LEVE ADIANTE.
Os procesos revolucionarios nos países
do centro do sistema teñen que ser resultado dunha mestura de
ámbalas dúas estratexias, cunha activa participación de masas.
Só desde
as institucións non se avanzará cara o socialismo xa que o estado
burgués está concibido para que no caso de que institucións e
aparellos do mesmo non sexan administrados de acordo ós intereses da
burguesía, sexan bloqueados por outros compoñentes do mesmo
estado…e o final sempre fica o recurso de utiliza-los aparellos da
coerción.
En segundo lugar para avanzar cara a
unha sociedade socialista, necesítase algo máis que a participación
electoral da cidadanía, necesítase da agudización da loita de
clase e a creación e articulación de numerosas estruturas de base
con representación directa, verdadeiros embrións do que permitirá
a constitución do “dobre poder”
En terceiro lugar a utilización por
parte dos explotadores dos instrumentos de coacción sempre é unha
posibilidade, polo que a consigna leninista de “gaña-las tropas”,
adecuada a nosa realidade é tempo, ten que ser estudada, teorizada e
concretada en tácticas moi precisas. É necesario un traballo moi
concreto para conseguir que o aparello represivo chegue ós momentos
máis importantes do proceso o máis feble posible ou dividido. O
proceso revolucionario avanzará máis axiña canto máis afastada
sexa a ameaza de contrarrevolución armada, golpe de estado, etc. O
mesmo estudo precisase respecto ás ameazas do exterior.
Este dobre
poder, a existencia dunha nova democracia dentro da vella democracia
burguesa, pode tamén, se as circunstancias o permiten, ter asento en
certas institucións do estado burgués, os concellos por exemplo, se
as forzas revolucionarias son capaces, unha vez que as dirixen, de
abrilas ó pobo.
Hoxe debémonos preguntar e dar unha
resposta axeitada, sobre cal debe se-la estrutura do dobre poder no
século XXI. Mobilizacións como as dos chamados países da Europa do
leste, onde se abolira o capitalismo de mercado despois da segunda
guerra mundial, non serven de ensinanza. O aparello estatal foise
“disolvendo” sen utiliza-lo aparello coercitivo, xa que non
estaba en xogo as estruturas de poder de clase; cambiouse unha
sociedade que non era nin capitalista nin socialista, por outra con
capitalismo de mercado. A loita polo poder produciuse entre os que
usufrutuaban as riquezas do país controlando o estado e os que
querían restaura-lo capitalismo; pero todos pertencentes a un mesmo
grupo social, non houbo confrontación de clase. Moitos dos membros
da nomenclatura do réxime anterior, son hoxe propietarios de grandes
empresas roubadas ó pobo, coa complicidade dos que sen pertencer a
ese grupo “dirixente” do antigo réxime, eran partidarios da
restauración capitalista.
Distinto é o caso arxentino e
venezolano; no primeiro unha medida de carácter económico, o peche
da banca, produce un balbordo dos pequenos aforradores ó que se
suman outros sectores sociais golpeados pola crise económica. Non é
resultado dun proceso político que leva a unha organización das
masas; é máis ben un movemento espontáneo de sectores da pequena
burguesía que recúan cando se incorporan ó mesmo sectores obreiros
e populares; non existía nin organización nin obxectivos de
carácter estratéxico.
Pero estas experiencias de dobre poder
son moi diferentes ás de Rusia de 1917, fundamentada nos soviets,
que tiñan unha base fabril moi importante aínda que segundo
avanzaba o proceso estendeuse por toda a sociedade. Ademais en Rusia
existía un partido revolucionario, o bolxevique.
O dobre poder na Comuna de París de
1871, tiña unha base nas organizacións dos barrios e non fabril.
Todo o anterior nos debe levar a
afirmar que non hai modelos e cada sociedade ten que ir construíndo
as organizacións que van ser a base do dobre poder e cuxa natureza
será expresión e resultado da loita de clases.
En quinto lugar, salientar que o
dominio dalgunhas institucións do estado burgués por parte das
forzas revolucionarias, aínda que fora dun xeito conxuntural,
axudaría ó proceso. Cando as masas se mobilicen, cando teñan un
obxectivo común de conseguir un cambio na sociedade, cando funcionen
os instrumentos de coerción do pobo, cando chegue ese momento que se
considera fundamental no proceso, será importante, facilitaría
aglutinar a máis sectores da sociedade non antagónicos se algunha
institución, elixida mediante o voto, acordara apoia-las posicións
da gran maioría do país. Facilitaría un dos obxectivos mais
importantes que xa está sinalado e que se ten que resolver nos
primeiros momentos de iniciado o proceso, a “loita polas tropas”.
En sexto lugar, o tema fundamental, o
do suxeito revolucionario; que clase social vai leva-la hexemonía en
todo o proceso. Tema hoxe moi cuestionado pero que desde a miña
perspectiva, ningún proceso de cambio de estruturas chegará a
acada-lo obxectivo final de derrota-lo capitalismo e iniciar un
proceso de avance cara a un novo modelo que chamamos socialismo, pola
razón de que non vai estar en función dos intereses do capital,
senón en función dos intereses da sociedade, sen que se solucione.
Por moito que se poña de actualidade e se queira meter con calzador
que a confrontación política e social hoxe é entre os “de baixo
contra os de arriba”, os de abaixo teñen intereses moi diversos,
que hoxe ante a presión dos de arriba, a oligarquía, poden ter
algunhas coincidencias, pero apartados os de arriba do control das
institucións básicas do estado, esas coincidencias de hoxe,
volveranse contradicións mañá, e contradicións antagónicas, polo
tanto a clase maioritaria da sociedade, as xentes que viven do seu
salario, a grande maioría da sociedade, o que se chama vulgarmente a
clase traballadora, a única que crea riqueza, debe solucionar o
problema de non ser capaz en todos estes anos desde a desaparición
da ditadura, de construír para as batallas que se teñen dado e as
que se aveciñan, da agudización da loita de clases, a organización
propia que lle permita xogar o papel hexemónico en todo o proceso, a
única garantía de que se vai avanzar polo camiño que leve cara a
unha nova sociedade sen explotadores nin explotados. É a única
clase que está interesada obxectivamente, na construción dunha
sociedade socialista. E cando afirmo o anterior aclaro, que desde o
meu punto de vista, non hai modelo algún que poda ser copiado na súa
integridade. Se esta é a situación a nivel organizativo no estado
español, hai que recoñecer que se parte dunha debilidade extrema
dos axentes políticos que debían capitaliza-lo cambio.
A expresión non organizada do dobre
poder, foi a “marcha pola dignidade” que xuntou en Madrid a máis
dun millón de persoas. Non tiña un obxectivo de carácter sindical,
eran moito máis amplos os que se barallaban, defensa de todo tipo de
dereitos, servizos públicos, xeitos distintos de entender a
democracia, de exerce-lo poder...
Podemos a nova forza política que
aparece no panorama do estado, con moita forza segundo a última
enquisa do CIS, entendo tenta converter a súa organización na
hexemónica nese dobre poder que se está a organizar, ser a
expresión máis xenuina do mesmo; as marchas, as mareas e todos os
organismos que están a xurdir poden comezar a ser unha expresión
organizada do dobre poder, onde os Círculos de Podemos xoguen o
papel hexemónico; e paréceme lóxico ese devezo, sobre todo se o
novo partido sae reforzado do panorama electoral do ano 2015; pero o
voto a Podemos vai ser en parte un voto de castigo, non un voto para
a construción, constituído por unha grande parte de voto de PP e
PSOE, é dicir voto en certa medida conservador, todo o máis
progresista, que volverá ós partidos do bipartidismo tan pronto
Podemos empece, si é que o fai, a tomar algunha medida que se poidan
considerar de esquerdas. Leva ademais como organización unha
contradición no seu seo, a de ser interclasista, polo que o problema
de non eixstir un partido de clase, xenuinamente dos traballadores,
atópase sen resolver.
IU tiña un campo moi importante para,
nesta crise, aparecer como a forza política capaz de dar
alternativas e aglutinar a todos os sectores golpeados pola mesma.
Pero este movemento atópase prisioneiro da súa concepción do que é
o “pacto de esquerdas”, que non foi máis aló que do pacto co
PSOE, o que o sitúa neste momento de crítica xeneralizada contra un
sistema que favorece ás minorías máis poderosas e explotadoras da
forza de traballo, como un dos promotores desta políticas polo
apoio, por exemplo, que prestaron ós orzamentos antisociais da época
da presidencia de Rodríguez Z e toda outra serie de medidas tomadas
polo PSOE nos últimos oito anos do seu goberno e o pacto en
Andalucía. Ademais se foi convertendo co paso do tempo, agás
algunha federación, nunha organización para o traballo
institucional, pero non para traballar nas rúas, situación que lle
permitiu a Podemos deixala, de momento sen discurso e a remolque das
súas decisións, aínda que o programa de Podemos en moitos
aspectos, non vai máis aló que o de IU; por outro lado IU non soubo
ter lazos, despois dunha análise científica do que representou o
movemento, co 15 M movemento transversal que foi un bo termómetro da
situación política, social e económica na que se atopaban sectores
moi importantes da sociedade española. Polo tanto a situación de
IU, a súa queda, ten explicacións políticas e organizativas que
vai ser moi difícil corrixir; non se conseguirá só cun cambio de
imaxe, necesítase algo máis. Pero ó mesmo tempo, a Podemos
converténdose nun partido moi parecido ós que actúan no estado
español, é posible que se lle acurte o seu percorrido, que perda
parte do apoio que lle chega do 15 M.
En Galicia no mes de novembro de 2014.
Nos artigos sobre a Hexemonia en Gramsci fanse umha afirmación correcta, non é igual a revolución na Rusia autocrática, a China do Kuomintang, o Vietnam ou a Cuba "colonia" da mafia, que no Occidente con democracias consolidadas. Tamen é certo que non temos moitos exemplos de cales serían as formas desa revolución... e procura esos exemplos no Ecuador, na Bolivia, etc...
ResponderEliminarE certo que son exemplos que valen... mas na Europa si temos exemplos de cómo poden ser os organos de poder alternativo, de loita da clase obreira en estados imperialistas. Por orde cronoloxico, podemos falar de Outubro do 69 no norte de Italia e a ocupacion de fábricas que se deu, coa criación de consellos obreiros; mais recentemente, a revolución portuguesa, onde xurdiron organos como as Comisions Operarias, as Comisións de Moradores ou o Soldados Unidos Venceran, ou as cooperativas rurais no Alentejo, como organos que ían adoptando medidas de loita e de poder da clase traballadora. E voltando para atrás, os consellos obreiros da revolución alemá, que tomaron o poder en Baviera, ou a republica Hungara, falannos de revolucións en sociedades mais semellantes á nosa que a rusa de 1917; son experiencias moi estudiadas polo marxismo, desde os chamados "consejistas" como Pannekoek ou o mesmo Bordiga, ate Rosa Luxemburgo, que foi parte o seu comezo, ou Trotski e os escritos sobre Alemaña. Penso que, ainda derrotados, si temos experiencias revolucionarias en estados industrializados, onde a clase obreira xa é a maioria social, con democracias mais ou menos asentadas; e ese é do fio que temos que tirar para desenvolver o programa da revolución nuns estados desas características.... Sen esquecer que o momento mais alto de poder obreiro constituenno os Soviets... O que non serve da revolución rusa, e non é pecata minuta, son os ritmos da revolución: en 9 meses pasan do estado mais atrasado de Europa á sua vangarda. Eses ritmos só poden darse cun estado moi debil, cumha minima capacidade de integracion (e cooptación) dos movimientos opositores. En 1919, na Alemaña, producese un movimento semellante ao Ruso, e termina integrado e reprimido nas mesmas proporcions: integran a uns (a maioria do SPD) na republica e asesenan a Rosa Luxemburgo e Karl Liebhnecht, xunto con eles a centos de obreiros e obreiras.
Na Alemaña o proceso revolucionario comeza en 1919, mas prolongase ao longo de máis duna decada, ate 1933, que remata coa vitoria do nazismo. O longo de todos este anos, Alemaña vive unha longa situacion revolucionaria, con momentos agudos da loita de clases, como o 19, 23/24 ou comezos da decada do 30,... ate o seu traxico final.
ResponderEliminar