Carlos Dafonte
Hai moitos anos un republicano que nacera cos albores do século pasado,
me sentenciaba, que o capitalismo tiña a tendencia a converter ós países nun
“patio de Monipodio” cervantino e que nesas circunstancias, a ditadura, onde un
reducido grupo de persoas tiñan as leis e as institucións ó seu servizo, era un
caldo de cultivo moi favorable para que o índice de corrupción, si para medir
esta práctica hai algún índice adecuado, se multiplicara.
Pois ben, desaparecida a ditadura que tapaba a corrupción como podía,
non había medios de comunicación que tiveran a suficiente independencia como
para atreverse a denunciala, só saíron dous ou tres casos que chegaron á
opinión pública, como resultado das liortas entre as diferentes familias do
franquismo, falanxista, democristiáns, opusdeistas, etc, que se movían o
son do ditador e estaban interesadas en
danar a aquela que lle disputase os seus favores, a partires do ano 1978 a
corrupción segue a ser unha sinal de identidade do réxime actual.
Ou ben pola razón de que o grao de corrupción do réxime anterior se
mantén ó non producirse unha creba democrática e continuar asentado o nacido ca
Constitución de 1978 na hexemonía social da oligarquía franquista, ou porque o
capitalismo en crise e dependente, como acontece no estado español, ten que
sobredimensionar o aspecto da corrupción para mante-la taxa de ganancia, o caso
é que este país segue a ser o “patio de Monipodio” e todos os días, dende hai
anos coñecemos novos casos de corrupción e enriquecemento ilícito que non teñen
a resposta adecuada por parte dos partidos políticos afectados, sobre todo os
dous maioritarios, neste caso nunha dobre faceta: en primeiro lugar, a
separación inmediata dos corruptos ca aparición das primeiras sospeitas de
actuar fora do establecido polos principios da ética elemental e a dimisión dos
cargos políticos superiores que os ampararon ou non foron capaces de detectar
estas actuacións; e en segundo aprobando as leis necesarias para que roubar do
erario público, e a corrupción nas súas múltiples formas redúcese a ese
obxectivo, teña como resultado graves penas de cárcere, que non lles permitan
pasar o resto da súa vida, sen poder ostentar cargos públicos por uns anos,
como acontece hoxe en día, pero desfrutando do roubado. Tamén os dous grandes
partido que teñen monopolizado o control das institucións nestes anos, son
responsables de non corrixi-lo texto constitucional para acada-la independencia
plena do poder xudicial, que axudaría a loitar mellor contra a lacra da
corrupción.
E se non hai resposta por parte dos partidos maioritarios, tampouco se produce dun xeito contundente por parte da sociedade, o que debía ser a corrección na práctica do que os partidos non fan, e elección tras elección, comprobamos como partidos e candidatos baixo graves sospeitas moitas veces confirmadas polos tribunais, de ter unha actuación irregular ou en numerosos casos imputados, son elixidos para novos mandatos; a xente segue a confiar neles para a administración da “cousa pública” nunha actitude reprobable e cómplice ca corrupción.
Que é o que pode levar a millóns de votantes a ter un comportamento
como o comentado?. Posiblemente ó decatarse de que a corrupción percorre todas
as estruturas do estado, desde o personaxe que ostentaba ata hai ben pouco a
máis alta maxistratura, que apareceu en diferentes medios como o “maior
comisionista” do país e implicado en diferentes negocios, ata unha parte
importante dos que dirixen os concellos nas zonas de maior desenvolvemento
económico, ou as estruturas de determinados partidos, os que “tocan poder”,
cuxa financiación non é transparente e nalgúns casos corrupta, ou as prácticas
contrarias a calquera contido ético, aínda que se podan considerar legais, de
numerosos cargos públicos. E un segundo aspecto, son as prácticas corruptas
empresariais, que empezando polo que foi cabeza dos mesmos e hoxe no cárcere,
ata todas as tramas de branqueo de cartos, pagar en negro ós traballadores,
financiar a partidos a cambio de concesións de obra pública dun xeito
fraudulento e toda outra serie de delitos que constantemente aparecen en algúns
medios.
Que foi primeiro, o ovo ou a galiña?. Unha sociedade corrupta pode ter
políticos e empresarios decentes? Ou son estes últimos os que corrompen a
sociedade e o que lles leva a votar ás maiorías do xeito que o fan?. Se
analizamos a historia deste estado, en toda a súa complexidade, pero sobre todo
desde o período no que sectores da burguesía impóñense en certa medida, non
houbo unha verdadeira revolución burguesa, á monarquía absoluta aprobando unha
constitución, a corrupción foi unha faciana constante na actividade política;
descaradamente no turnismo dos partidos a partires de 1876, aguzada ca ditadura
de Primo de Ribera imposta en 1923, tamén no período republicano de 1934-36 que
levou a queda do goberno Lerroux e institucionalizada e permitida durante todos
os anos da ditadura franquista. Corrupción política que no capitalismo, onde o
beneficio é todo, non pode estar separada da corrupción económica e nun sistema
democrático, se este binómio non se altera, acaba nun sistema político cada vez
máis corrompido que son as dúas sinais de identidade da crise do réxime actual
e do seu sistema oligárquico, que se atopa ademais moi afectado pola crise
económica, que pon en evidencia o seu contido de clase.
Nesta crise total, no estado español xorden toda unha serie de
movementos de repulsa que desbordan os límites do propio réxime, o 15-M, as
diferentes “mareas” en defensa de determinados servizos públicos, as marchas
pola dignidade que cuestionan na súa totalidade o réxime, que se poden
sintetizar en todo un conxunto de berros que resoaron na maioría de prazas e rúas
do estado e que resumen o sentimento dos mobilizados, “lle chaman democracia e
non o é”, “non nos representan” e outros moitos que xa forman parte da memoria
colectiva. Fronte a esta actitude de loita o réxime tenta establecer uns marcos
novos legais, aprobando a chamada lei “mordaza” que xunto a outras, queren
limita-la acción dos traballadores recortando toda unha serie de dereitos e
deturpando aínda máis a cativa democracia actual.
Nesta crise de réxime, aparecen novas alternativas políticas, e as que
non cumpriron co seu papel de encabezar as loitas, caso de IU, van a ir
enfeblecéndose ata acadar unha presenza testimonial; aparece, e o resalto pola
razón de que foi un aldabonazo importante, a Fronte Cívica Somos Maioría
encabezada por Julio Anguita e máis tarde Podemos, pero con obxectivos
similares. Fronte a agresión que representan as políticas neoliberais puladas
polo PP e o PSOE a nivel de estado e organizacións burguesas nacionalistas,
agrupar a redor dun programa sinxelo, entendible para a grande maioría, co que
estiveran de acordo os afectados pola crise, votasen o que votasen con
anterioridade, que permitise derrota-lo bipartidismo un dos alicerces do réxime
nado en 1978.
E produciuse un espazo de tempo en que arredor de Podemos, xa analicei
noutros artigos as razóns de que lle deran tanta cobertura mediática, se
aglutinaron importantes sectores sociais e, as enquisas reflectían, que tamén
unha parte de votantes do PP escollían a esa organización para derrota-lo
bipartidismo e o proxecto oligárquico. Pero foi “fror dun día”. Os erros na
xestión do seu éxito, a transformación de Podemos nunha máquina electoral, o
abandono paulatino da súa radicalidade primixenia e a incapacidade, por medo a
perder posibles votantes de presentar un programa coherente de transformación
social o acaban convertendo “nunha forza máis do panorama político”. E para canaliza-lo descontento dos votantes
do PP, nunha operación perfectamente financiada, planificada, dirixida e
coordinada, amplíase o campo de acción duna forza en principio catalá, a todo o
estado, sen que os que foran tan exixentes ca financiación de Podemos, reclamen
explicación algunha sobre quen financia esta operación.
Deste xeito o que volve a estar de novo sobre o tapete electoral para o
día 24, non é xa a derrota do bipartidismo, senón con quen vai goberna-lo PP ou
o PSOE, se o farán con Ciudadanos ou con Podemos; pois IU que podía se-lo eixo
vertebrador da verdadeira alternativa, derrotárona os seus problemas internos,
o seu afastamento da rúa e dos problemas das maiorías sociais e d@s
traballador@s, sempre a remolque nas mobilizacións, ata nun tema como a
corrupción e presa dos posibles pactos co PSOE, que unha parte da súa
dirixencia, entendo que trabucadamente, teñen como obxectivo estratéxico.
Toda unha serie de candidaturas que xorden en numerosos municipios, sen
coordinación, cun carácter localista, non van ser capaces, agás nalgúns casos,
poucos, de sobrepasa-los límites que impón a dinámica bipartita.
De cumprirse o que formulo máis arriba, estaríamos a falar dunha nova
derrota, pero non dunha guerra; dos resultados do próximo día 24, que non van
ser de “cambio de ciclo político” como se formulaba hai poucos meses, hai que
sacar conclusións e leccións. As xerais son para finais de ano. A mobilización
d@s traballador@s non pode minguar en aras do electoralismo, é a única
posibilidade de “mante-la garda alta” e a conciencia de clase en primeira liña.
En Galicia no mes de maio de 2015
No hay comentarios:
Publicar un comentario