Carlos Dafonte
O enfrontamento prodúcese no eido militar, no
económico e no ideolóxico. No primeiro gastando enormes cantidades
en cada vez facer armamento máis sofisticado e caro, que se podían
empregar doutro xeito. Tentando conseguir vantaxes estratéxicas e
xeopolíticas que permitan unha superioridade sobre o adversario,
aínda que nunca se chegue a un enfrontamento directo. Creándolles
problemas de todo tipo a aqueles que non acepten as condición
impostas polo imperialismo liderado polos EEUU e se considera milita
no campo contrario
No eido económico, China ademais de se-lo pais que posúe a maior parte da débeda estadounidense, o que converte á primeira potencia no seu debedor, por mor da chamada globalización, converteuse no “obradoiro do mundo” e lugar de asentamento de numerosas empresas do centro capitalista, dende hai uns anos iniciou un proceso de penetración político-económico en áreas do planeta de exclusiva presencia dos EEUU e da UE, como América Latina ou África, onde o rexeite das políticas imperialistas dos USA, foi substituída pola importante colaboración deste “imperialismo de baixa intensidade”, que propicia investimentos máis útiles e vantaxosos xunto cos seus aliados, aínda moi febles, os chamados BRICS, Brasil, Rusia, India e Suráfrica. Esta competencia leva a una agresiva actividade dos EEUU, acompañada como sempre, dunha presencia maior dos seus exércitos en todas as zonas “quentes” do mundo como pode se-lo Mar de China, América Latina, Europa do leste e África.
Segundo estudaba Michael Klare nun interesante
artigo hai uns anos, é a partires de 2010 cando os EEUU redeseñan a
súa política militar. En xaneiro de 2012 o presidente Obama
establecía a nova estratexia de defensa: reduci-lo tamaño do
exército, darlle maior pulo á “ciberguerra” e as “operacións
de élite”, poñer fin a algunhas misións de combate, Iraq,
Afganistán e centra-la atención do país no Océano Pacífico
preferentemente, pero sen esquece-lo resto dos mares. Nesa nova
estratexia, en Europa se reducirían os exércitos en presencia.
E para ese fin acordan establecer una zona na
periferia marítima de Asia, que abrangue un espazo que vai dende o
Golfo Pérsico, Océano Indico, Mar de China e noroeste do Pacífico,
onde van a actuar prioritariamente ca presencia cada vez maior da
flota norteamericana e toda una serie de pactos con países da zona,
Indonesia, Filipinas e Vietnam e o inicio de relacións diplomáticas
con Birmania ata ese momento campo exclusivo de penetración china,
que tentan illar ó coloso asiático; moi preocupante neste
crecemento da tensión nesta área, é o acordo do Parlamento de
Xapón aprobando que o seu exército poda levar a cabo misións fora
do seu territorio que foi rexeitado inmediatamente polo goberno
de Corea do Sur, un dos aliados máis firmes dos EEUU pero que non
esquecen o que significou o imperialismo xaponés e temen una
reactivación militar do mesmo. Como pode influír esta decisión
sobre as relacións China-Xapón, que parecía que amosaran certo
desxeo despois da xuntanza da APEC do mes de novembro en Pekín?. O
tempo o dirá, pero de seguro non vai axuda-la distensión na zona. A
loita por illar ó adversario é moi importante como amosa toda a
serie de conversacións que se deron no marco desta xuntanza da APEC
na que participan 21 países que representan o 56% do PIB mundial,
cos intentos dos EEUU de chegar a acordos excluíndo a China e a
esta, tamén tentándono, pero excluíndo á primeira.
Outro aspecto importante son as conversas para
establecer un acordo multilateral de libre comercio, o “Acordo
Estratéxico Trans-Pacífico de Asociación Económica” que tenta
abrir espazos para os produtos norteamericanos. O acordo P-4, de
libre comercio multilateral asinado orixinalmente por Brunei, Chile,
Nova Zelandia e Singapur, que entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2006,
e que o presidente Bush tivo interese en ampliar e que con ese
obxectivo negocian en completo segredo, Australia, Canadá, EEUU,
Xapón, Malasia, México, Perú e Vietnam. Tamén amosaron interese
por unirse ó mesmo, Taiwan, Filipinas, Laos, Colombia, Costa Rica e
Indonesia.
China non permanece parada diante de todas estas
tramas económicas; en 1996 crea xunto con Rusia, Kazaxistán,
Kirguizistán, Taxikistán e Uzbekistán a Organización de
Cooperación de Sanghai, (OCS) a cuxa xuntanza última, do mes de
xullo, na cidade de Ufá, asistiron como observadores Afganistán,
Irán, Mongolia, India e Paquisán.
Por outra banda na xuntanza dos BRICS do mesmo mes e
na mesma cidade e como consecuencia da utilización no seu beneficio
do Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional polos EEUU e a UE,
crearon o Novo Banco de Desenvolvemento, cun capital inicial de
50.000 millóns de dólares ampliables, e o Fondo de Reserva cuxo
capital inicial é de 100.000 millóns de dólares e que ten como
obxectivo axudar ós membros do grupo no caso de turbulencias
financeiras que lles afecten.
Por último salientar dous documentos, o primeiro do
Pentágono de 5 de xaneiro de 2012 que tenta quebranta-la política
de defensa china de facer todo o posible, a nivel diplomático, de
non permitir a entrada das forzas dos EEUU nas dúas liñas
consideradas como estratéxicas, a “verde”, formada pola primeira
cadea de illas do Mar de China e a “branca”, que se estende máis
aló das Filipinas.
O segundo documento é, “Estratexia militar
nacional de EEUU 2015” de recente difusión e enfocado a como
conter a China e Rusia.
A remodelación dunha grande área de importante
valor estratéxico.
Oriente Próximo, Medio e norte de África con toda
unha serie de conflitos en Afganistán, Iraq, Libano, Palestina,
Siria, Libia e Iemen, atópase inmerso nun proceso de reestruturación
do que nos EEUU se coñece como o nacemento do “novo oriente
próximo”, proxecto do “falcón” Bush que continúa a “pomba”
Obama, premio Nóbel da paz, nunha clara demostración de que os
intereses da oligarquía norteamericana son defendidos por ámbolos
dous partidos. A expresión foi presentada ó mundo en Tel Aviv pola
señora Condoleza Rice, secretaria de estado norteamericana en xuño
de 2006; e volveu a aparecer cando Israel destruíu unha parte do
Líbano, tamén en boca da mesma señora: “O que vemos aquí é,
nun senso, o nacemento, os dores do parto, dun Novo Oriente Próximo
e todo o que nós facemos e asegurarnos de empurrar para non volve-lo
anterior”.
Hoxe é unha “folla de ruta
militar”anglo-israelo-estadounidense, un proxecto cuxa creación
debe ser resultado do “caos construtivo” en toda a rexión e que
servirá para a creación dun novo mapa, que pasaba nun primeiro
momento, pola destrución de aqueles países que sobrevivían ó
marxe dos ditados dos que marcan a “folla de ruta”, sen
importarlles que o “caos construtivo” teña xerado toda unha
serie de tensións na zona e axudado á aparición de determinadas
forzas, como o Estado Islámico ou os Talibáns, que lle garanten ó
imperialismo liderado polos USA, continuar a súa intervención
directa, baixo a tapadeira da “loita contra o terrorismo” e
continuar así a carreira armamentista e o reforzamento de Israel
como xendarme da zona. Pero en Iraq aprenderon que ó marxe do custo
da súa aventura, máis de tres billóns de euros, tamén que non son
capaces de manterse militarmente nun conflito de longa duración,
polo que a súa nova estratexia será a utilización de tropas de
élite equipadas con “drons” de combate e material militar de
última xeración. O obxectivo a creación de pequenos espazos con
categorías de estados, homoxéneos a nivel étnico, pero febles a
nivel económico e ante o poderío israelita, o que se coñece como o
“mapa do xeral Peters”, que necesitarían a protección dos EEUU
para a súa subsistencia.
Este Novo Oriente Próximo tamén sería a panca de
control do que os estrategos rusos consideran o “ventre brando”
da Federación Rusa, o que Brzezinski chama no seu célebre libro “
O taboleiro Mundial” os Balcáns Euroasiáticos, cuxos compoñentes
son o Cáucaso, é dicir Azerbaixan, Xeorxia e Armenia e Asia
Central, Kazastán,Uzbekistán, Kirguizistán, Taxikistán,
Turkmenistán, Afganistán e Paquistán.
O continente africano e as perspectivas de
intervención imperialista.
Nesta perspectiva por parte dos EEUU, de recuperar
zonas de influenza, atópase o traslado do AFRICOM, o centro de mando
e control das operacións militares en África á base de Morón,
desde Alemaña e o establecemento no territorio español dun
continxente de marines, dise que 3000, e máis de corenta avións de
combate; pero como no caso das armas nucleares nas bases de
utilización norteamericana, os gobernos do estado español non teñen
control algún; algúns analistas consideran que esta medida pode
ter moito que ver co apoio político norteamericano ó actual goberno
no seu conflito con Cataluña; por outra banda continúa o
asentamento nos últimos anos en territorio africano dunha enorme
cantidade de bases con militares norteamericanos.
En xaneiro de 2013, o ABC diario nada sospeitoso se
ser antiimperialista, informaba que en dous meses se iniciaría o
adestramento por parte de tropas estadounidenses de exércitos locais
en 35 países do continente; sería levado a cabo pola Segunda
Brigada da Primeira División de Infantería, la coñecida como
“Brigada Daga” destacada en Fort Riley, Kansas. No mesmo artigo
afirmábase que dende o ano 2007 os EEUU construían unha ducia de
bases aéreas nese continente para o establecemento de avións non
tripulados.
Informacións posteriores en outros medios,
indicaban o enfado dos estadounidenses e franceses que teñen bases
en Djibuti, controlando o acceso ó canal de Suéz, no estreito de
Bab el Mandeb, pola inmediata construción no país, cunha mellor
situacións estratéxica, dunha base china cuxas empresas levan
adiante numerosas obras de infraestruturas no país. Non hai que
esquecer que a de Djibuti é a maior base norteamericana en África,
a de Camp Lemonnier, onde tamén hai continxentes militares de
Israel.
Ó amparo da loita contra a enfermidade do ébola,
no 2014 os EEUU acadaron o permiso para establecer un posto de mando
en Liberia, onde no menos de 3000 militares estarán presentes así
como el establecemento dunha ponte aérea.
Si a todo o anterior engadímoslle que en máis
dunha ducia de países hai presenza militar de Francia e tamén
importante, española e que os chinos van a enviar un continxente de
preto de 1000 a Sudán para defende-los seus intereses petrolíferos,
afectados pola política estadounidense de agresión contra o goberno
do país, o reforzamento da base de Morón e a súa utilización para
agredir a pobos africanos, ou tomar partido en guerras civís, nos
pode facer ser un branco para toda unha serie de grupos que practican
a violencia indiscriminada contra a poboación civil.
O continente africano estase preparando para ser un
campo abonado para toda unha serie de enfrontamentos armados que
levarán máis destrución, miseria e fame a un continente onde só
na chamada “guerra do Congo” morreron máis de cinco millóns de
persoas, diante da indiferenza dos medios de comunicación da UE e do
que se coñece como “occidente”. As súas multinacionais estaban
moi implicadas e o seguen estando, no saqueo desta rexión.
O proceso de cambio e integración en América
Latina, perde pulo.
Dende hai uns anos abriuse un proceso en América
Latina, estimulante polo que representaba de enfrontamento co
imperialismo norteamericano o que permitía a mellora das condicións
de vida de amplas masas ata ese momento marxinadas, sectores
indíxenas moi importantes en Bolivia e Ecuador, por exemplo, e
fronte os organismos de drenaxe da riqueza que acostuman a impor os
EEUU, os tratados multi ou bilaterais, xurdiu o ALBA, MERCOSUR e
UNASUR con toda unha serie de proxectos de integración en
infraestruturas e intercambio entre diferentes países, máis xusto.
Dende o primeiro momento o imperialismo USA tentou poñer fin a este
proceso no seu “patio traseiro”, apoiando diferentes golpes de
estado en Venezuela, desprestixiando todo o o que se levaba a cabo,
facendo crer que os novos réximes son antidémocráticos cando a
realidade é que o dos EEUU non superaría a comparación con
calquera dos novos establecidos en América Latina; e xa non digamos
ós que eles protexen, Colombia e México, onde o asasinato de
periodistas, sindicalistas e líderes sociais atópase á orde do
día.
Pero hai que recoñecer que o acoso do imperialismo,
que nunca hai que subestimar, e os erros propios, corrupción, falla
de decisión política para someter ós sectores capitalistas
nacionais, falla de liderado, etc ten producido en Venezuela e
Brasil, os dous principais garantes do proceso e financiadores de
importantes proxectos de integración, serias dificultades que poñen
en cuestión a continuidade do mesmo. En Brasil os erros propios, que
radicalizan a sectores da poboación en dificultades económicas e
outros que pensaban unha resposta distinta por parte do partido no
goberno, pero tamén o acoso dos grupos oligárquicos, está a crear
unha situación moi difícil que pode chegar a unha revogación da
propia presidenta ou un golpe de estado. En Venezuela a falla de
produtos como consecuencia dunha política de desabastecemento dos
sectores contrarios ó novo réxime, como aconteceu no Chile de
Allende, as posicións golpistas da oposición apoiada polos EEUU e
países da UE, entre eles España, sen fisuras entre PP e PSOE, a
queda do prezo do petróleo, que algúns analistas pensan que é
ficticia e unha medida contra o país e Rusia, os que se ven máis
afectados, esta a crear unha situación que penso non se vai
solucionar cas eleccións próximas, cuxos resultados, de perder a
oposición golpista non van ser recoñecidos e serviran para propagar
un maior descrédito do país a traveso dos medios ó servizo do
capital e de gaña-la oposición, todos os avances sociais e de
reparto mellor da riqueza producida, veríanse paralizados.
Neste contexto hai que analiza-lo establecemento de
relacións diplomáticas Cuba-EEUU e a visita do papa a dous países
importantes da “nova América Latina”, Bolivia e Ecuador. É
sorprendente que os EEUU aceleren o inicio de relacións diplomáticas
, despois de que hai dous anos Putin, afirmase nun medio de
comunicación que se iniciaran as conversas co goberno cubano para
restablece-la base rusa en Lurdes, en tempos base da URSS e por outra
banda a visita do papa a dous países díscolos co imperialismo para
falarlles de prudencia, mesura e toda outra serie de “virtudes”
cristiás, esta na liña de evita-los enfrontamentos co poderoso do
norte; debía ir a predicar estas “virtudes”, ós que gobernan,
por exemplo, en Guatemala e Honduras onde os gobernos actúan ó
servizo do capital máis espoliador e sanguinario, ou a México esa
“democracia” mendaz que asasinou nos últimos dous anos a 45
periodistas e, baixo os titulares de crimes do narcotráfico,
esconden os crimes de estado.
O retroceso en Europa das liberdades e dereitos.
Á preocupación lóxica porque a Unión Europea
apoiase hai un tempo un golpe de estado contra o presidente
constitucional de Ucraína, ca participación de sectores claramente
de ideoloxía nazi, e a resposta contundente de Rusia facéndose co
control de Crimea e o inicio da guerra civil que enfrontou ós
golpistas ca poboación maioritaria rusa do leste do país, hai que
engadir o avance da extrema dereita xenófoba e racista nos
países nórdicos, o último episodio é o de Dinamarca, antano
gobernados pola mal chamada socialdemocracia, cuxas políticas
neoliberais dos últimos anos, tiveron como consecuencia a
despolitización de amplas masas de traballadores e aplanou o camiño
para a chegada ás institucións da extrema dereita. Significarán os
seus gobernos un ataque sistemático contra o estado de benestar
existente? Posiblemente nunha primeira etapa só se levarán a cabo
recortes contra os que “non son do país”, xente chegadas de fora
e os seus descendentes, pero a medio prazo de persisti-la crise
sistémica, tod@s se van ver afectad@s. Estes dous acontecementos
deixaban as claras as transformacións que se están a levar a cabo
na UE que se confirman no “caso grego”, as negociacións sobre a
crise do país e os xeitos de saír da mesma.
No caso de Grecia amosáronse dende o meu punto de
vista dúas cuestións salientables. En primeiro lugar a Unión
Europea amosou o seu carácter oligárquico e antidemocrático.
Oligárquico porque todas as saídas que lle permitían a Grecia
eran, non para solucionar os problemas sociais e económicos do pobo
traballador grego, senón para salva-la oligarquía grega, pero sobre
todo garantir salva-la oligarquía financeira alemá e francesa cuxos
bancos están atrapados por unha política aventureira, que non
valoraron ben os riscos en momentos de euforia e de expansión
ficticia da economía, pois toda expansión da economía especulativa
acaba sempre na explosión da burbulla que crea. E antidemocrática
pois viuse dun xeito nidio que a democracia non rexe nesta UE, onde
un organismo que ninguén creou, o chamado Eurogrupo, formado polos
ministros de economía dos diferentes países, acorda decisións que
van a afecta-los que, no caso de Grecia manifestaran mediante
referendo a súa postura contraria as políticas de institucións non
representativas e chega a impor a limitación da actividade
lexislativa do propio país; un verdadeiro golpe de estado. E despois
dese golpe de estado unha parte maioritaria de Syriza, traizoou o
mandato popular e pregouse ó que estableceu a oligarquía.
Un segundo aspecto, ten que ver co carácter das
forzas políticas “emerxentes” que se está a producir en
algúns países da UE. Non nos enganemos, son forzas de carácter
reformista que non van a ir máis aló do enfrontamentos verbal
co sistema e propor algunhas reformas ca ilusión de que este
funcione mellor, se produza unha distribución máis equitativa da
riqueza producida polos asalariados, pero nada máis; e con eses
vimbios pouco se pode conseguir contra os mecanismos institucionais
postos en funcionamento pola oligarquía. Pero hai que recoñecer que
“enganchan” a moita xente, ca súa perspectiva electoralista, de
negociación ca oligarquía para que as cousas melloren e para elo
propoñen cousas que o corpo electoral ve normal, mellora na
sanidade, e todo tipo de servizos, expulsa-los corruptos, afasta-los
partidos do réxime, a casta. Esíxenlle pouco á xente, só
votarlles, pero xogan un papel moi importante, facer de tapón para
ter entretida á sociedade, que pense que con esas propostas e
votándolles, chega para que se produza o cambio, afogar outro tipo
de saídas. A realidade é que a oligarquía non está, neste ciclo
económico, disposta a ningunha renuncia; é máis, considera que
pode infrinxir unha derrota importante @s traballador@s
e modificar no seu favor as sociedades chamadas do “benestar” é
dicir, privatizar todo tipo de servizos e recortar todo tipo de
dereitos.
A Unión Europea é inmodificable, pensar que
se pode conseguir unha “UE máis social”, slogan que escoitamos
constantemente na nosa contorna, modificando a actual, é unha
quimera, imposible. A edificación doutra Europa, ó servizo dos
traballadores, só se levantará sobre os escombros da actual. Que se
ten convertido nunha cárcere para os pobos.
Pero unha pregunta debe xurdir inmediatamente da
constatación anterior, por que as forzas revolucionarias neste
período de crise, non foron capaces de presentar unha alternativa
que aglutinase a todos cantos foron afectados pola mesma?. A resposta
non pode ser que as forzas dos reformistas é moi grande, que os
medios de comunicación ...creo que é necesaria unha reflexión a
fondo sobre o que acontece e as limitacións que existen para a
construción, orgánica e programática desa necesaria alternativa.
No estado español, non por moito repetir unha
mentira se vai converter nunha verdade.
Unha grande mentira recorre os territorios do estado
español neste período preelectoral: que a crise esta
superada, que entramos nun novo ciclo económico de estabilidade
e crecemento sostible o que producirá emprego de calidade,
indefinido, étc, étc, étc. O discurso do que é adicto o Partido
Popular. Todos os partidos e organizacións políticas, os do arco
parlamentar e os “emerxentes” prepáranse para o veredicto que
van se-las eleccións ás Cortes do mes de novembro, despois de
pasa-la revalida das autonómicas e municipais do mes de maio e o
exame das catalás de setembro, envoltas no falso debate de se son
plebiscitarias a favor da independencia, ou non. Todas o son, dígase
explicitamente ou non, sempre teñen ese carácter, sobre todo para
quen controla as principais institucións, Cortes e Goberno.
Tamén debe estar claro que votar como se fixo todo
este tempo, ou a favor do PSOE ou do PP, era tamén un plebiscito a
favor da monarquía, dunha falsa “unidade de España”, das
políticas neoliberais, do goberno da oligarquía na sombra, da
corrupción, e toda outra serie de aspectos. En novembro vai haber un
plebiscito sobre a política do PP, sobre os recortes de liberdades,
sobre, aínda que Rajoy non teña coñecemento de que o somos, son as
súas verbas referíndose a Grecia, “un país inviable pois o é o
que ten unha débeda do 100% do PIB”. Trabucouse, o país heleno
ten o 180 % do PIB pero o estado español, grazas as políticas
oligárquicas do PP, de aceptar débedas privadas, supera por pouco o
100% do PIB de débeda pública, a todas luces impagable. Tamén van
ser un plebiscito sobre a corrupción estrutural no seu partido e
nunha parte importante das institucións que o bipartito domina;
dende o cobro en “negro” de moitos dirixentes ás numerosas
tramas, Gurtel, ERES, Púnicas, cursos de formación, Pokemon,
Campeón, Brugal, tarxetas de Bankia, o saqueo das Caixas, etc e
tantas outras, menos importantes pero todas elas ó final financiadas
con cartos públicos. Plebiscito tamén sobre a reforma laboral e as
consecuencias da mesma para a maioría dos traballadores asalariados,
recortes sociolaborais, baixada de salarios, precarización do
emprego, ataque contra a negociación colectiva, en resumo máis
poder para os empresarios deixando ós explotados en maior desamparo
para vende-la súa forza de traballo. Podería continuar pero deixo
só esas pinceladas que me parecen suficientes.
Pero tamén plebiscito para a oposición, polo que
unha parte da mesma, tenta supera-la súa actuación destes anos de
lexislatura do PP, contratando grupos de expertos que van redactar
programas que solucionen os problemas que padece a sociedade
española, propoñendo reformas constitucionais, en resumo dicindo
que vai facer agora todo o que non fixo, ou o contrario do que fixo,
cando estivo no goberno, que foron moitos anos dende que desapareceu
a ditadura. En novembro, cos votos, hai que dicirlle con claridade a
“esta oposición”, que eles son parte do problema e non a
solución.
Hai outra oposición que consciente de non haber
cumprido co papel que podía xogar neste período de crise, tendo
unha postura máis comprometida ca loita nas rúas, explicando as
raíces da crise, organizando á xente para a loita, denunciado con
maior forza que se cargue a crise sobre as costas da maioría da
sociedade, e preferentemente sobre as d@s asalariad@s
de onde obteñen a maioría dos seus votos, pensando que os
resultados de novembro poden ser malos, tente operacións de
camuflaxe como a creación de candidaturas de Unidade Popular, sen
facer unha reflexión fonda sobre o acontecido e o que teñen que
modificar. De concretarse esta alternativa, vai significa-la
desaparición de IU, que non tería maior importancia se con elo non
se soterrase a perspectiva da loita de clases na política española,
substituída polo “cidadanismo”. Unha ideoloxía moi afín á
burguesía que establece que unha cidadanía mobilizada pode acadar
sen grande costo social e sen violencia, dos que hexemonizan o poder,
maiores espazos de participación e liberdade. As clases sociais non
existen, a clase obreira se foi diluíndo, os partidos tampouco teñen
razón de ser dado que todos os proxectos históricos de emancipación
fracasaron, a revolución non é posible; a xente debe organizarse
nos barrios, ONG’s, centros sociais...Eses son os alicerces do
“cidadanismo”.
Se candidaturas deste tipo son vistas por unha
grande parte de sectores sociais como unha necesidade, entendo que
dun xeito equivocado, hai que dar a batalla para que a súa formación
e presentación se produza nunha batalla ideolóxica arredor da
configuración dun programa que propoña solucións para os graves
problemas que sofre a maioría do país, onde non poden estar
ausentes puntos como a saída do euro, que é unha soga no pescozo
dos febles que permite extraer ós elos máis fortes da cadea
imperialista as maiores rendibilidades, a reestruturación da débeda,
a saída da OTAN e de todo o armazón militar que nos obriga a gastos
enormes en armamento e presencia en numerosos países, que se
camuflan un ano tras outro con habilidade polo goberno da quenda; a
socialización da banca e das empresas estratéxicas que non compren
co seu labor social e mediante as que a oligarquía faise ca riqueza
do país; defensa e mellora dos servizos públicos fundamentais como
sanidade, educación e transportes, poñendo fin ás numerosa obras
faraónicas emprendidas, como o AVE, que non articula o territorio e
menos co mesmo carácter radial co que se construíu o tren no século
XIX, comprensible naquel momento en que o estado español era
unitario pero non na actualidade no que se produciu un proceso
descentralizador; compromiso de loita contra a aprobación do Tratado
de Libre Comercio que negocian en segredo a UE e os EEUU; a apertura
dun proceso constituínte que devolva ó pobo a soberanía,
confiscada na Constitución do ano 1978.
Todo o anterior indícanos que vivimos un proceso de
reestruturación no que é necesario intervir para sentar os
alicerces de novas organizacións, novos proxectos e novos programas.
Hai que recoñecer que a campaña comezou do peor
xeito posible por parte do PP; do xeito máis corrupto e caciquil;
tentando merca-lo voto d@s eletor@s, dándolles cartos por medio
dunha suba de miseria ós xubilados e funcionarios e como a economía
“vai moi ben”, rebaixando o IRPF, unha baixa que beneficia sobre
todo ós máis poderosos economicamente e que non vai solucionarlle
problema algún ó resto que se vexa beneficiado.
O PP antes de tomar estas medidas debía explicar
ben como nun país que non cumpre cos niveis de déficit orzamentario
establecidos pola UE e que é “inviable” segundo Rajoy, debido a
súa enorme débeda pública pode facer fronte o pago da mesma e si é
certo que a partires do 1 de xaneiro do ano que ven, somos avalistas
das débedas de bancos, caixas e empresas por un monto de 1 billón
600 mil euros e que en caso de non pagar, como Grecia, temos que
responder co patrimonio “nacional”, o de todos os habitantes do
estado. Debía explicar Rajoy, xa que ten moitas ganas de falar nesta
precampaña, se a loita contra a corrupción vai consistir en que os
presuntos corruptos do PP se xunten con ministros para explicarlle a
súa situación.
O PP nas eleccións de novembro, aínda que non haxa
alternativas fiables debe ser co PSOE os grandes derrotados nos
próximos eventos electorais.
En Galicia, en ausencia doutra perspectiva, é
necesaria unha confluencia reformista para facer fronte ó
bipartidismo.
Todos os datos actuais, tanto micro como
macroeconómicos desmenten ó presidente Núñez Feijoo e o seu
goberno. Non estabamos mellor preparados para enfronta-la crise que
no resto das Comunidades Autónomas, e o seu goberno leva paralizado,
incapaz de tomar medidas durante varios anos. A explicación é
clara, acepta o que se fai en Madrid aínda que polas nosas
característica, fagan, a unha parte da poboación galega, sufrir
máis que á do resto do estado agás Andalucía e Extremadura.
Esta situación de parálise institucional e
política non só afecta ó PP senón que tamén ós partidos e
organizacións da oposición o que permitiu que nas pasadas eleccións
municipais apareceran diversos movementos que entroncan co Nunca
Máis, o NON Á GUERRA e o 15-M, de repulsa da situación
socio-económica, política, do propio réxime, que se concretaron
nas diferentes candidaturas, con compoñentes moi diversos, que
tiveron un éxito salientable acadando as alcaldías de Compostela, A
Coruña e Ferrol entre as grandes cidades e algúns outros alcaldes e
concellais en municipios de toda a xeografía galega. Coñécense a
estas candidaturas co nome xenérico de “mareas” que se atopan
fronte u reto histórico a nivel de participación electoral, outra
cosa son os retos que teñen que solucionar a nivel municipal @s
elixid@s nestas listas, que facer? de cara as eleccións xerais do
novembro próximo e as Autonómicas en Galicia do ano que ven.
En primeiro lugar teremos que preguntarnos se “as
mareas” son algo máis que os membros electos o día 24 de maio, se
detrás destes hai unhas organizacións estables capaces de dar
respostas e representar hoxe, os devezos dun electorado que apostou,
nunha parte importante tamén, por un cambio non só municipal, senón
de réxime, por un xeito distinto de entende-la acción política,
por poñe-la economía ó servizo da maioría, por protexer ós
asalariados, á clase obreira, os únicos que crean a riqueza e
atraelos cara a ese proxecto, que o consideren como propio, por
conseguir que a democracia sexa plena, buscando o xeito de que os
representantes elixidos podan ser controlados e revocados no caso de
non cumprir co prometido, por rachar ca democracia liberal, que só
se atopa interesada en poñer atrancos ó exercicio da soberanía
popular.
E chegados este punto é necesario facer unha
reflexión sobre a Alternativa Galega de esquerdas(AGE), cuxo
nacemento e resultado electoral nas anteriores Eleccións galegas,
despertaron enormes expectativas non só en Galicia senón a nivel de
estado; como aglutinadora de todo un sentimento de rexeite , de
cabreo de moit@s elector@s
contra o xeito de facer política e o propio réxime; pero pronto
aquel sentimento de euforia foi minguando ó non dar AGE un paso máis
e supera-la alianza parlamentar.
Pero de todos os xeitos, a súa existencia,
permitiulle capitalizar unha parte dos movementos antisistema e que
Podemos non acadara a forza que ten noutras comunidades autónomas. A
aparición das “mareas” nas pasadas eleccións municipais
representan o seu fracaso e o seu corto percorrido.
Con todos os datos que temos sobre o taboleiro
político galego, é posible darlle un golpe ó bipartidismo e ás
políticas neoliberais que leva adiante, e aínda que a algúns non
nos guste, hai que recoñecer, que hoxe só o reformismo é capaz de
facelo.
Pero os que temos outro pensamento e unha estratexia
diferente, a medio e longo prazo, non debemos fica-lo marxe do
proceso que se está a producir. Debemos participar e dentro do
posible, orienta-lo proceso nas seguintes cuestións; en primeiro
lugar na elaboración do programa; en segundo lugar en acada-la
máxima unidade entre as forzas que loitan contra o bipartidismo e o
neoliberalismo e en terceiro lugar a firmeza contra o bipartidismo
como fundamental alicerce do réxime.
En Galicia no mes de agosto de 2015
No hay comentarios:
Publicar un comentario