Carlos Dafonte
O réxime actual atópase en crise; son numerosos os sectores da
sociedade que rexeitan o sistema político actual, o dominio social, económico e
político da oligarquía e a aplicación de políticas neoliberais para saír da
situación económica que as leis propias do capitalismo conducen ás diferentes
sociedades.
Os casos de corrupción na maioría dos partidos e organizacións
políticas cando controlan institucións do estado e a incapacidade deste, por
estar ó servizo do beneficio fácil e a explotación da forza de traballo, de
poñer fin á mesma, axudan a agravar unha situación de descontento xeneralizado
que só en contadas ocasións, se manifesta nas rúas.
Esta “paz social” é o resultado do compromiso da maioría das forzas políticas institucionais e dos sindicatos maioritarios co propio réxime o que fai moi difícil unha superación do mesmo; ata aquelas forzas políticas que hai poucos meses aparecían, diante dunha parte da sociedade, como unha alternativa clara para levar adiante o necesario labor de cirurxián, actúan, como algúns xa adiantamos, como propagandistas do propio réxime introducindo na maioría da poboación a idea de que a situación actual e susceptible de ser superada pola vía institucional e un novo pacto ca oligarquía, que restaure todo o que nestes últimos anos nos foi arrebatado en cuestión de dereitos sociais, cas reformas laborais dos dous grandes partidos, dereitos políticos, de liberdades, permitindo a privatización e o desmantelamento de parte dos servizos públicos básicos, de roubo do patrimonio de tod@s mediante venda de empresas de carácter estratéxico e outras que non o eran pero que, en mans da sociedade, podían xogar un papel dentro do mercado capitalista, a sectores de esa oligarquía permitindo con todas estas medidas o enriquecemento de poucos e a miseria de moitos.
A consecuencia do anterior, unha parte numerosa da poboación, tamén en
Galicia, a máis dinámica política e socialmente, capaz de pular “ás mareas” nas
pasadas eleccións municipais, vai a enfrontar o período electoral de decembro,
que debía ser un chanzo moi importante para seguir enfraquecendo aínda máis ó
réxime, cun sentimento de derrota polo afastamento da perspectiva electoral, da
posible unidade de sectores sociais e diferentes forzas políticas que se
autodenominan rupturistas, capaces de configurar candidaturas que axuden desde
dentro de determinadas institucións, xunto ca mobilización da sociedade á
ruptura co réxime.
E neste senso, o sectarismo de determinados liderados converteuse nun
atranco para esa unidade. As razóns poden ser, en primeiro lugar que cando se
fala de ruptura co réxime por parte de determinadas organizacións políticas, na
asemblea do 12 de setembro en Compostela foi un bo exemplo, se están a dicir
cousas distintas, cada unha enche esa consigna como mellor lle parece, e en
segundo, que o obxectivo fundamental, a aparición dun programa alternativo ó
que PP e PSOE teñen aplicado nesta época de crise, non aparecera pulado por
unha confluencia dende a base, homoxeneizada, poderosa, capaz de impor ás
forzas políticas máis dubitativas un proceso de discusión, onde se verían as
diferenzas entre as forzas políticas e a existencia de posicións moi
encontradas fronte a crise e a saída da mesma, que non son outra cousa que as
posicións das diferentes clases sociais e fraccións das mesmas na Galicia
actual, o que vai manifestar con toda seguridade, as grandes dificultades para
a unidade programática elemento fundamental para unha ruptura democrática.
O longo destes meses puiden albiscar diferentes posicións sobre o
proceso de unidade e polo tanto de obxectivos a acadar con este proceso.
Simplificando, cecais demasiado, podemos establecer os obxectivos seguintes: En
primeiro lugar a quen denuncia a
política de austeridade imposta por Bruxelas, que consideran que a crise non é
algo propio do capitalismo, senón resultado de “malas políticas” e sen poñer en
cuestión o sistema capitalista, nunha postura moi neokeynesiana, prometen
suaviza-la explotación da forza de traballo, recupera-lo pacto social e co
mesmo o fortalecemento dos servizos públicos, iniciar políticas salariais que
xeren maior consumo, etc. Do que non se decatan e que o pacto social foi froito
dunha conxuntura histórica moi determinada, que xa expliquei en diferentes
artigos neste blog, e que a outra parte non esta polo mesmo e si por infrinxir
ós asalariad@s unha derrota que permita un maior grao de explotación sen
contestación social.
Outro sector consideran, deixando nun segundo plano a cuestión social, que o
proceso de unidade debe traer consigo un avance na sociedade galega da
conciencia sobre a necesidade de concretar unha “folla de ruta” que, baseada na
constitución dun grupo parlamentar propio e a loita polo “dereito a decidir”,
conduza cara o dereito de autodeterminación e a constitución dun estado propio.
E un terceiro sector, que
non conta con grandes organización políticas como os anteriores, que ten certa
presencia nas máis importantes do país, aínda que cun carácter moi minoritario,
considera que o proceso unitario debe ter un carácter rupturista co réxime, o
que significa entre outras cuestións a apertura dun proceso constituínte que desemboque
nunha nova constitución, sitúe @s asalariad@s como a forza hexemónica na
sociedade xunto cos seus aliados de conxuntura, e dicir sexan os axentes
transformadores da sociedade e colocados os poderes económicos no seu lugar,
controlados pola sociedade organizada, se inicie un camiño de transformacións,
cheo de atrancos, de avances e retrocesos, que culmine con la consolidación dun
novo modelo de produción como hexemónico.
O que debe quedar claro tamén é que cada grupo no é homoxéneo e pode
haber, dentro de cada un, sectores que pensen, aínda que sendo minoría, no que
nos outros grupos é maioría.
Considero que co que todos se atopan de acordo é que o PP non debe
seguir gobernando a partires do 20 de decembro próximo polas razóns de que
nestes últimos catro anos, por moitas mentiras que diga o goberno e os seus
“palmeiros” e que resalten os medios de comunicación partidarios da aplicación
de políticas de austeridade contra os traballadores, nestes catro anos,
aumentou en máis de 200.000 o número de parados; o 80 % dos empregos creados
son temporais; hai 500.000 ocupados menos; só un 28 % dos parados reciben
prestación; entre os moz@s máis do 50 % atópase en paro e máis de 750.000
marcharon fora na busca de traballo; as sucesivas reformas laborais puxeron fin a moitos dereitos e o estado español,
segundo a Organización Sindical Internacional, caeu no nivel 3 xunto a países como Albania, Marrocos, Hungria, Rusia, etc
en cuestión de dereitos laborais; hai máis de 1.500.000 fogares onde todos os
seus membros atópanse en paro e 770.000 onde non entran ingresos; máis de
11.000.000 de persoas en exclusión social.
Con este panorama, o que pagou o goberno para rescata-la banca era suficiente para mantela sanidade e educación
públicas, as prestacións por desemprego, a axuda a dependentes, investigación,
préstamos ás pymes e apoio a familias para non ser botadas a rúa pola perda dos
seus domicilios.
A débeda pública acadou o
99,3 % do PIB, no goberno de PP acrecentouse en 291.000 millóns de euros e son
verbas de Rajoy referíndose a outro país, nesa situación un “país non é
viable”. E ó sumar a pública máis a privada, ó final do ano 2011 debíamos o 320
% do PIB e no 2015 seguimos debendo o mesmo, o que cambiou é que a privada
baixou, pouco pero algo, e a pública subiu, por exemplo por asumi-las débedas
da banca
Para facer fronte ó deficit
público, o PP reduciu salarios, pensións, prestacións ó paro, sacou fondos
de reserva da Seguridade Social por un montante de 34.000 millóns de euros,
privatiza empresas públicas e servizos.
Ademais o PP, que se presentaba como o campión da mingua do déficit
público, no ano 2012 deixouno no 6,7 % do PIB, no 6,6 % no seguinte e no 5,9 no
2014. Non cumpriu o pactado con Bruxelas que por estes catro anos de déficit
por enriba do establecido, estalle a reclamar ó goberno español o pago de
15.000 millóns de euros.
Tampouco somos a economía que
máis medra como lles gusta dicir ós do PP; no 2014,
Bulgaria, Hungría, Malta, Eslovenia, Chequia, Romanía, Polonia, Suecia e
Luxemburgo medraron máis que o estado español.
Como constatamos, e son cifras oficiais as ditas máis arriba, e
podíamos seguir poñendo exemplos das mentiras que o PP e Rajoy din todos os
días e que unha importante parte dos medios de comunicación privados e a
unanimidade dos públicos controlados polo PP, transmiten á cidadanía como si
fosen éxitos do goberno, esta situación prodúcese cando a nivel internacional a
conxuntura e moi favorable, pola baixada do prezo do barril do petróleo, de 110
euros a 45; a baixada dos tipos de interese levada a cabo polo Banco Central
Europeo e a depreciación do euro fronte o dólar, que permite un relanzamento do
sector da exportación. Algúns analistas económicos, que non fan propaganda,
afirman que o 75% do crecemento actual, débese a estes tres factores e non ás
políticas do PP.
Cando pasen as eleccións, o axuste sobre a economía vai ser grande e,
cando se fan axustes, xa coñecemos que
sempre se traduce en recortes para as economías d@s asalariad@s.
A outros niveis, como o das liberdades e dereitos, non debemos
esquecela “Lei mordaza” ou a reforma do Tribunal Constitucional, que significan
unha quebra do sistema democrático moi importante
En Galicia a paralización da Xunta é total, cun presidente que non di
se marcha ou queda e todo canto presentan como éxito, por exemplo, a creación
de emprego grazas as medidas de austeridade foi o que dixo Feijoo, grazas as
que o noso país abandonou antes a situación de crise, a UE as desminte e pon a
Galicia como exemplo de destrución de emprego no continente. Superamos o 20% en taxa de paro, o número de
ocupados medrou menos que no resto do estado; a poboación activa descende e
aumenta a temporalidade.
Nesta situación ¿Que facer?, en primeiro lugar, debíamos facer un
esforzo para que os devezos que hai na sociedade de conseguir unha lista única
das forzas que se consideran rupturistas, chegasen a bo fin ; a impresión é que
os liderados dos partidos non son capaces de entender o que acontece nas súas
bases; só debatendo abertamente nas organizacións políticas, sindicais e
movementos, que interveñan os militantes, se pode solucionar esta situación de
negociación nos cumios, que leva ó sectarismo; en segundo lugar non pensar que
vamos a solucionar os problemas presentes cos resultado de procesos electorais;
que dende as institucións se vai atopar saída a esta situación. Só a
mobilización popular, a loita de masas permitirá facer retroceder as políticas
que comunmente chamamos neoliberais, o servizo da oligarquía, xunto a que as
“candidaturas populares”, se hai posibilidade de facelas, acaden bos
resultados. Neste senso a unidade de cara as eleccións de decembro é un
elemento moi importante, sobre todo para a principal batalla que son a
organización política, a mobilización neste período arredor dun programa claro
de ruptura e preparala conquista do Parlamento de Galicia no ano próximo.
Pero o esencial é o programa, discutido na sociedade galega debe ser a
argamasa de todas as diferencias que hoxe atopamos. Concreto toda unha serie de
elementos que debían formar parte do mesmo e deben ser aceptados por toda
organización política que se considere rupturista, para levar ás Cortes:
Deixar sen efecto as reformas laborais do PSOE e PP.
Seguro de paro para todo traballador que se atope nesa situación
Salario Mínimo de 1000 euros
Ningunha pensión menor que o Salario Mínimo
A igual traballo igual salario
Auditoría e reestruturación da débeda publica
Socialización da banca hoxe en mans do estado
Medidas de defensa dos sectores lácteo, pesqueiro e naval
Apoio a apertura proceso constituínte, por un estado republicano e toda
outra serie de cuestións.
Dereito a decidir –Dereito autodeterminación
Reforma fiscal con progresividade, persecución fraude e economía
mergullada
Revisión das SICAV
Loita contra os paraísos fiscais
Nacionalización sectores estratéxicos da nosa economía
Democratización e control dos canles de distribución
Separación efectiva Igrexa –Estado
Reforma sistema electoral
Debate-la saída da OTAN
Abrir un amplo debate sobre a saída do euro e da UE
Oposición ó tratado de Libre Comercio cos EEUU
Reparto do traballo; traballar menos para traballar tod@s, sen mingualo
salario.
En Galicia no mes de outubro 2015
No hay comentarios:
Publicar un comentario