Carlos Dafonte
Os políticos das principais potencias do mundo, ó servizo das súas
oligarquías, din despois dos brutais atentados de París, declararlle a guerra ó
Estado Islámico.
Ou é un caso de estupidez, de confusión, de ofuscación ou son uns
cínicos; eles, os de agora, os seus antecesores nos cargos que ocupan, e os
antecesores dos seus antecesores, o imperialismo para dicilo con claridade, hai
moito tempo que teñen declarada a guerra ós pobos do mundo. O que cambiou é que
hoxe hai organizacións capaces de leva-lo terror as cidades dos centros
imperialistas, como resposta ás agresións a países que eles consideran irmáns
por ser musulmáns.
O acontecido en París, e antes en Londres, Madrid ou en calquera lugar que se teña producido ou cando se produza, ten que ser obxecto de condena, sen ningún tipo de dúbidas, pero a miña condena nunca vai ser igual, nin nos mesmos termos que a que fai un imperialista; eles tentan desvincular o que fan en determinadas áreas do planeta co que acontece despois nos seus países, neste caso Francia, e non nos debemos deixar enganar pola campaña dos medios e as mentiras de determinados políticos cando nos din que os yihadistas o que queren cas súas accións é “poñer fin ó noso modo de vida”; non creo que pensen nelo cando cometen os seus atentados, o que queren é converter as nosas cidades no seu campo de acción como resposta ás brutalidades que o imperialismo comete a cotio en Palestina, Iraq, Siria, Iemen, Malí ou Libia, só por citar determinados países que atópanse hoxe nas primeiras páxinas dos medios informativos. As accións do imperialismo traen consigo a reacción destas organizacións, aínda que os gobernos dos países da UE nunca o recoñecerán, pois non están dispostos a ser considerados os culpables do sufrimento popular que os atentados e a violencia producen. Caso que pode ser un exemplo foi o atentado contra dos trens en Madrid, que o PP nunca asumiu que fora a resposta brutal, salvaxe, á fotografía das Azores e a intervención na invasión e a destrución de Iraq.
Pola mesma razón chaman a unidade, nun intento de afoga-las voces
discordantes e ás que denuncian a realidade dos feitos. É un xeito de somete-la
poboación a aceptar un “discurso único” do que
sacan sempre conclusións da necesidade de seguir intervindo en
determinadas áreas do planeta e de recortar dereitos e liberdades no interior
do país para combater a violencia, cando a realidade é que para os que están
dispostos a morrer, ningunha lei ten un carácter disuasorio e seguir cas
agresións só consigue que máis yihadistas se sumen á campaña de terror.
Estanse a enfrontar dous fanatismos, o que tenta implantar un estado
rexido pola súa particular idea do islam e que utiliza a fanáticos para levar o
terror, xa que pensan que matando infieis e morrendo no acto de facelo teñen
gañada a felicidade eterna, e os que tamén están dispostos a matar dun xeito
horrible, empregando napalm, bombas de fragmentación e munición enriquecida con
uranio e todo tipo de armamento sofisticado sen importarlle se vai afectar á
poboación civil, para levar adiante o seu devezo fanático de someter a todos os
pobos as súas directrices e facerse cos recursos do planeta.
O curioso é que os países imperialistas e os seus aliados armaron, e o
seguen a facer, ós extremistas relixiosos cando serven ós seus obxectivos, en
Afganistán por exemplo, contra o exército soviético que entrou reclamado polo
goberno lexítimo do país, ou en outro momento ós talibáns; como non lembrar a
imaxe do presidente Reagan rodeado dos xefes talibán na Casa Branca ós que
chamaba “os loitadores pola liberdade”. E máis recentemente, as fotografías da
xira do senador MacCain, como representante dos EEUU e o seu presidente, e as
xuntanzas que levou a cabo ca “oposición moderada”, iso dicían os medios de
comunicación, en Siria, entre os que se atopaba o personaxe que meses máis
tarde converteuse no “califa” do Estado Islámico. Que pactaron? Quen lles subministrou
o armamento e os medios necesarios para facerse co dominio de extensos
territorios en Siria? Tamén se programou poñer fin á rebelión popular contra ó
réxime sirio, utilizando medios extraordinariamente violentos, por parte de
sectores máis radicais do islamismo?.
Hai que recoñecer que o taboleiro político, relixioso e social desa
zona é particularmente complexo, resultado do reparto que dous países
imperialistas Francia e Grande Bretaña, fixeron dos territorios do Imperio
Otomano poucos anos antes da súa derrota e desmembramento despois da I Guerra
Mundial. Polo tratado de Sykes-Picot entre eles repartíronse os territorios e
as súas zonas de influenza sen importarlles que se constituían países sen
ningún tipo de homoxeneidade e as veces xuntando baixo un mesmo estado inimigos
irreconciliables, como é o caso dos chiitas e sunnitas e para complicar máis as
cousas, establecendo no mesmo territorio a kurdos que viron frustradas as súas
aspiracións de constituír un estado e quedaron divididos entre Turquía, Irán,
Iraq e Siria, algo fora de toda lóxica como non fora a dos imperialistas da
época.
O IMPERIALISMO ELEMENTO
FUNDAMENTAL DO PULO DO ISLAMISMO.
Este pulo do islamismo xorde, sen entrar nun antecedente moi importante
como é a creacións dos Irmáns Musulmáns na década dos anos vinte do século
pasado ca aspiración de constituírse en partido supranacional, do apoio dos
EEUU, Grande Bretaña e Pakistán ó
movemento islamita radical encabezado por Osama ben Laden para expulsar
ós soviéticos de Afganistán. A base “teórica” desa intervención era a de que un
país de ateos, atacaba a un país musulmán. Ca retirada dos soviéticos e a volta
a casa de milleiros de combatentes, muhaidines, de máis de sesenta países,
constituíronse as primeiras estruturas de Al Qaeda, que axiña se enfrontan ós
imperialistas, despois da Declaración do 23 de febreiro de 1986 onde se formula
que occidente é inimigo do islám.
Outro erro importante do imperialismo foi a segunda intervención en
Iraq, despois da destrución das torres xemelgas en Nova Iorque e a “guerra ó
terrorismo” declarada por Bush fillo, que pon fin ó réxime do Baaz encabezado
por Sadam Houssein, algo que non se fixo en tempos de Bush padre, na chamada
“primeira guerra do Golfo”, cuxo gabinete tiña bastante maior capacidade de
análise que o do fillo, posiblemente, e espero que se albisque a ironía, pola
influenza do “estratego Aznar”.
Esta situación tivo como resultado que a clase hexemónica de Iraq,
constituída fundamentalmente por sunnitas e o estado que actuaba ó seu servizo
fose destruído, os sunnitas desprazados de todos os postos que ocupaban no
exército, funcionariado, universidades, etc, e substituídos polos chiitas que
son maioría. Pois ben, o espiñazo do Estado Islámico esta formado polos
sunnitas iraquís, os do antigo Baaz, un partido laico que debe aproveitar dun
xeito moi eficaz a realidade de como golpea a crise económica nos arrabaldes
das grandes cidades de occidente, onde viven maioritariamente antigos
emigrantes, cuxos fillos ou netos non teñen horizonte algún, discriminados a
pesares de haber nacido no país polo seu cor de pel, nome e relixión, que se
senten atraídos pola construción dun novo estado e dunha nova sociedade baseada
no igualitarismo.
A presenza dos sunnitas iraquís no EI explica a rendición sen combate
de numerosas unidades do exército iraquí con todo o armamento e o xeito tan
fácil de facerse cos territorios de maioría sunnita en Iraq e tamén as
dificultades para derrotalos, pois contan co apoio do 40% da poboación.
Por outra banda o Estado Islámico recolle tamén a frustración de
numerosos sectores sociais de países maioritariamente musulmáns, que perciben
que moitos anos de dominación do que se pode considerar “occidente” leva á
miseria, á explotación dos seus recursos en beneficio de multinacionais
foráneas e á la corrupción máis absoluta dunha “clase dirixente” posta no poder
polas potencias neocolonizadoras.
Dáse pois nesa zona un cóctel explosivo formado polo enfrontamento
secular entre chiitas e sunnitas, os primeiros apoiados por Irán e os segundo
polas monarquías do Golfo e Arabia, pero
non sempre foi así, pois Sadam, sunnita, era inimigo das monarquías e de Irán e
agora as monarquías apoian ó Estado Islámico e Turquía, país que pertence á
OTAN, lle compra o petróleo a baixo prezo e permite ós seus combatentes pasar
polo seu territorio, para enfrontarse ós kurdos sirios. Sobrevoando por enriba
de todo isto unha rebelión popular contra o réxime sirio e o tema sempre
presente do petróleo e o seu control.
Por outra banda o imperialismo xoga a varias cartas en Siria, apoia ós
kurdos contra o réxime e contra o EI e tamén ás monarquías do golfo que apoian
ó EI, posiblemente pola razón de que Obama segue a senda da creación do “Novo
Oriente Próximo”, proxecto da época do segundo dos Bush, que explicou varias
veces en público Condoleza Rice.
Nesas circunstancias tamén aparecen con máis forza procesos de liberación nacional como o dos
kurdos e enfrontamentos entre diferentes etnias e relixións, drusos, maronitas,
iaziríes e a intervención última de Rusia, xogando o papel de “grande potencia”
e tentando preservar a súa base estratéxica en Siria, a única con saída ó
Mediterráneo. Teño tamén a impresión, que na situación de derrota dos EEUU
despois das súas aventuras en Afganistán e Iraq, Francia tenta facerse co papel
da “grande potencia” no Mediterráneo en momentos en que China e EEUU están
penetrando en África dun xeito moi decidido.
A “guerra ó terrorismo” xa a declararon nas Azores Bush, Aznar, Blair e
Durao Barroso e hai que recoñecer que a situación empeorou; só con bombas e
intervencións militares non se vai solucionar nada como tamén se amosou despois
da intervención en Libia aventura militar pulada polo presidente francés
Sarkozy cuxo resultado é unha fronteira sur da UE máis insegura, inseguridade
que tamén se estendeu os países veciños e o Sahel; o problema é político e hai
que resolvelo con medios políticos, preferentemente.
A SITUACIÓN PARTICULAR DE
FRANCIA
Francia viviu hai uns anos verdadeiras insurreccións en barriadas onde
se asentaban franceses de “segunda clase”, fillos ou netos de emigrantes, pero
franceses. Aqueles acontecementos deberon ser entendidos como un síntoma de que
algo non andaba moi ben; pero o único que fixeron os gobernos do momento e os
posteriores, foi utiliza-la policía e esquece-los temas da igualdade, liberdade
e fraternidade; os gobernos, tanto dun cor como doutro, que actúan sempre
igual, prefiren seguir a manter unha política intervencionista moi activa en
Oriente Próximo e Medio e o Sahel, moi custosa e que vai ter unha resposta
violenta dentro do país por parte de sectores marxinados, á alternativa de
reforza-la educación, a integración de amplas capas da sociedade que sendo
franceses non se senten como tales, que tampouco son islamitas radicais, como
indica o perfil dos detidos e inmolados, pero que son presa fácil para unha
propaganda ben construída que os conduce ó seu sacrificio e cara a barbarie.
Francia ten un grave problema interno cunha parte importante da poboación que
contribuíu ó desenvolvemento do capitalismo francés, unhas veces traballando
nas colonias e a partires do fin da II Guerra Mundial na metrópole, cuxos
fillos e netos non teñen perspectiva algunha dunha vida integrada no país e
buscan a súa identidade na relixión maioritaria dos países de procedencia dos
seus devanceiros e asumen como propios os enfrontamentos que Francia mantén cos
países de maioría musulmá. Antes de pensar en destruír ó EI e meterse nun novo
conflito de difícil saída, Francia debía decatarse de ter unha “fronte interna”
moi perigosa que non vai solucionar só con medidas de forza dentro e fora; os
que cometeron os atentados eran franceses, segundo os servizos secretos o autor
intelectual tamén o era, o mesmo que os que atentaron contra a revista satírica
hai uns meses; non son terroristas vidos de fora, nin que reciban ordes do
exterior, os fabrica a propia sociedade francesa.
E se o imperialismo quere poñer fin a expansión do islam máis
extremista que se lle enfronta, non debe xerar máis morte e afán de vinganza,
debe destruír a súas fontes de financiación, a venda de armas, acosar os países
que lle axudan, aínda que sexan os seus aliados e acabar cos paraísos fiscais,
que branquean e converten o “diñeiro sucio” en diñeiro legal. Pero isto último
é moi difícil, pois como xa se estudiou e documentou, unha parte importante
deste diñeiro do crime, unha vez branqueado, entra nas economías dos estados
imperialistas, sobre todo nos EEUU, e as axuda a manterse a flote.
En Galicia no mes de novembro de 2015
No hay comentarios:
Publicar un comentario