Carlos Dafonte.
Celebradas as eleccións en Francia, as dúas notas destacables segundo
os medios de comunicación hexemónicos á vista dos resultados, son en primeiro
lugar que gañase un candidato sen partido e a caracterización do inimigo
derrotado, que foi para algúns o fascismo ou o novo fascismo, e para outros, segundo o
grao de xenreira que lle teñan a Unidos Podemos, o populismo, facendo unha groseira comparación do partido que lideran
Iglesias e Garzón ca Fronte Nacional.
O que acubillan é que Macron pertence a un grande partido, que é invisible pero que exerce o poder dun xeito despótico sobre todo nos tempos de crise, que é o poder económico, o capital financeiro, que é propietario da maioría dos medios de comunicación e coñecen perfectamente como facer que un candidato a quen a maioría da poboación ten xenreira polas medidas que tomou cando dirixiu por exemplo, o Ministerio de Economía, apareza como un home impoluto que se mantivo ó marxe da política; e tamén necesítanse cartos e a banca nese aspecto non ten problemas, aínda que en realidade foran @s traballador@s quen financiaron a vitoria do candidato-banqueiro e a creación da súa nova imaxe, por medio dos recortes sufridos, para trasvasar cartos e así reflotar a quen verdadeiramente se vai beneficiar ca presidencia de Macron: o capital financeiro que foi un dos principais causantes da crise que con periodicidade sofre o sistema capitalista.
Xa teñen ó “seu home” no Elíseo e agora a continuar o iniciado desde os
gobernos que presidía Hollande: recortes salariais e perda de dereitos dos
traballadores, é dicir unha nova “reforma laboral” que permita maiores
posibilidades de acción ó capital, a súa concentración e centralización e
indefensión para o proletariado, nun modelo de acumulación do capital cada vez
máis violento e antidemocrático. Trátase tamén de limpa-lo mercado para que os
máis grandes fagan desaparece-los máis pequenos e aumenta-la súa cota de
ganancia, continuar co proceso de privatizacións de servizos e empresas
públicas e sobre todo como remarcou unha e outra vez o novo presidente, a
defensa da actual construción da Unión Europea, do euro e a OTAN. Macron
é un destacado imperialista que considera que en momentos como os actuais se
debe seguir avanzando nun novo reparto do mundo onde se lle poñan os maiores
atrancos posibles a China, Rusia e o resto dos chamados BRICS e tamén a aqueles
outros países que non seguen o “camiño marcado” polos países centrais
capitalistas.
Si a primeira condición para gañar era ter importantes apoios e os
tivo, a segunda era ter un adversario moi vulnerable e a Fronte Nacional de Le
Pen o é. A pesares da súa fortaleza orgánica, de ser hoxe o maior partido de
Francia pero condenado grazas á lei electoral, a non ser ninguén nas
institucións, cuestión que posiblemente cambie nas próximas lexislativas do mes
de xuño, aínda que eu non o queira.
Hai que recoñecer que a xénese da F.N. non permite terlle moita
confianza; ten as súas raíces asentadas en numerosos colaboracionistas do
goberno establecido en Vichy e presidido polo mariscal Pétain despois da
ocupación nazi do país, sectores ultracatólicos moi conservadores e
nacionalistas xenófobos moi radicais que configuran unha especie de “Francia
firts” ó estilo trumpiano.
Pero tamén Mitterand, a figura do socialismo durante dúas décadas,
sendo moi novo, foi colaboracionista e ninguén lle sacou o seu pasado; e a
Alianza Nacional en Italia dirixida por Gianfranco Fini, que tivo moito poder
institucional con Berlusconi era herdeira directa do Movemento Social Italiano,
liderado en tempos por Giorgio
Almirante, fascista declarado, admirador de Mussolini e cuxo partido participaba
en cantos actos violentos contra a esquerda comunista se produciron en Italia
durante décadas, pero estes que se definen contra a FN con virulencia, nunca
criticaron a Berlusconi como xefe de goberno e os seus apoios parlamentarios,
nin á AN polo seu pasado e algúns aspectos do seu programa.
Pero a Le Pen e o seu FN se lle acusa de fascista, aínda que non inclúe
no seu programa contidos característicos do fascismo, do nazismo ou da variante
española, o franquismo, como son a fe cega no liderado, a ilegalización dos
partidos de esquerda e a transformación dos sindicatos de clase en
corporativos, é dicir, organizacións que inclúan traballadores e patróns nun
mesmo sindicato; nin a entrada no partido único de todas as formacións da
dereita, nin o papel secundario da muller; por que do que se trata cando o
capitalismo adopta a forma de ditadura permanente que iso é o fascismo, é co
obxectivo de defende-lo capital do intento por parte do movemento obreiro de
disputarlle a hexemonía, e ou estou moi cego ou iso non acontece en Francia; ó
revés, nunca as organizacións obreiras tiveron menos votos e afiliados e máis
afastadas que hoxe, atópanse do poder.
Que a Fronte Nacional é xenófobo e incluso racista, pois si, pero non
moito máis que algúns sectores que se atopan encadrados nas fileiras do partido
da dereita conservadora española, o Pp, que non acepta os cupos de refuxiados
establecidos pola UE, ou responsable das mortes de inmigrantes en Melilla e de
manter campos de concentración na península onde telos recluídos ou que ten
responsables políticos do máis alto nivel que fixeron en tempos campaña para
ser alcalde defendendo que ía limpa-lo seu municipio dos emigrantes chegados do
norte de África. A Fronte Nacional parécese máis ó PP que ten ademais fondas raíces
no franquismo, que a un partido
fascista.
E quero dicir, para que ninguén se trabuque, que nunca votaría a FN,
aínda que teña incluído no seu programa, como sinalou un sindicalista francés,
elementos copiados do programa do Partido Comunista; eu defendo poñer fin ó
sistema capitalista e avanzar cara ó socialismo e o comunismo e a formación que
lidera Le Pen é un partido que defende o capitalismo, é anticomunista ten
xenreira ós traballadores asalariados, defende a sectores da pequena e a media
burguesía que sempre son aliados do capital, e é imperialista.
Do que se trata é de utilizar verbas moi determinadas, como fascismo,
novo fascismo ou populismo, para cualificar todo intento de opoñerse ós planos
imperialistas de dominación do planeta.
Para os ideólogos do capital, e os seus medios de comunicación
encargados de transmiti-las súas elaboracións, a grande maioría dos existentes
en Francia, condenan a quen se non podes ser o elo forte da cadea imperialista
e polo tanto te refuxias nun certo nacionalismo, como fixo o xeral De Gaulle en
tempos, se non estas de acordo ca construción europea actual que relega ó teu
país a un segundo nivel, rompeuse o eixo franco-alemá en beneficio da segunda;
se polas anteriores razóns non te atopas cómodo na OTAN que a traveso da cal se
manifesta a hexemonía dos EEUU, te podes converter para os medios hexemónicos
en “fascista” ou “populista”, tanto ten, nun inimigo en calquera caso. O perigo
para os poderes económicos en Francia é que a F.N recolle os votos dunha parte
importante dos sacrificados pola crise, que un partido socialista non é capaz
de recoller por se ter convertido nun partido de corte neoliberal, e a
incapacidade do Partido Comunista sepultado baixo os refugallos da queda da
URSS. Pero a pesares da dureza dos ataques da FN á UE, non se lles debe crer, é
unha organización demagóxica que busca votos en calquera lugar e presenta un
programa que non vai cumprir. Os seus intereses son os do capital.
Do caso francés debemos aprender o que nos espera se a crise do réxime
e o seu sistema político se seguen debilitando.
A todos os que pensamos que hai que poñer fin á construción europea
actual, pero somos europeístas non
partidarios da hexemonía da oligarquía no proceso, e queremos unha Europa para
os pobos, non construída en beneficio das empresas multinacionais, democrática
non burocrática; pensamos que o euro son unhas tenaces sobre @s traballador@s e
polo tanto debemos saír do mesmo; que estamos contra a OTAN pola razón de que é
un instrumento fundamental do imperialismo e somos antiimperialistas; que
pensamos que o capitalismo debe ser superado e avanzar cara outro proxecto no
que o fundamental non sexa o beneficio, a explotación da forza de traballo e o
consumismo a destrución da natureza e a marxinación da muller... axiña nos
converteremos para os inimigos de clase, aínda que manteñamos en alto a
bandeira do comunismo, do marxismo, do leninismo,...e teñamos loitado
denodadamente contra o fascismo, en populistas e no peor dos casos en
fascistas.
Ver moitos titulares da prensa no estado español despois da segunda
volta das eleccións en Francia, causan desacougo, pero tamén me leva á
necesidade de analizar o miserable papel que xogan os medios hexemónicos, a súa
influenza sobre os que non o son e como utilizan a seu poder, que o conseguen
por ter detrás ó capital, para construír na maioría da xente, unha visión, a
visión que necesitan para prevalecer, distorsionada da realidade pois non
transmiten información senón que fan propaganda.
Unha nova época en Francia e na UE pasa pola reconstrución da esquerda,
tanto no eido político como no sindical; parecía impensable hai uns anos que @s
traballador@s franceses tiveran que optar na eleccións presidenciais entre dous
especímenes como son Macron ou LePen. O antecedente foi entre o corrupto Chirac
e Le Pen pai. Pensei que entón se
aprendería da experiencia, o que aconteceu nesta nova campaña indícanos que hai
moito camiño por recorrer e pouco se ten reflexionado.
En Galicia no mes de Maio de 2017.
Me parece un artigo moi bo, sobre todo pola "definción" que fas do FN, que non o tachas de fascista, estou dacordo contigo que o PP aquí no estado español ven sendo como FN. En Europa esta o medo que porque os partidos como FN avanzan e ante ese temo de que o fascismo vova a estar nos parlamentos fai que a xente ao final diga meior votar a un representante da burguesía como é Macrom que a Lepen.....sendo que como ti vien dis aquí no estado español temos gobernando a extrema dereita.
ResponderEliminarGostaríame saber e coñecer mais a túa opnión sobre ese "fascismo" que esta aumentar en europa si de verdad temos que temer ese avanza e penso que para iso é necesario aclarar conceptos como fascismo, nacismo, franquismo porque eu penso que agora mesmo, non sei se mais adiante estos partidos non son fascistas..........outra cousa é Amanecer Dorado en Grecia, ou grupos no estado español moi "ocultos" que están armados e que moi pouco sabemos deles....o eses grupos que estan en Alemania que queman albergues de inmigrantes.....sigo tu blog considero que é moi bo.
un saúdo.