A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 27 de junio de 2019

A OLIGARQUÍA EUROPEA PRECISA RECONSTRUÍ-LO BIPARTIDISMO


Carlos Dafonte.

A U.E. atópase nun labirinto; as últimas eleccións para o Parlamento aumentaron o seu fraccionamento, expresión da perda de consenso dos partidos e grupos que durante unha longa época, “socialistas” e “populares”, dominaron a escena política europea. Pero sobre todo complícase pola queda dos socialistas en Francia, Italia e o importante retroceso en Alemaña, así como a aparición de novas forzas políticas, que sen chegar a poñer en cuestión a actual construción, lle formulan reformas de difícil encaixe para o proxecto oligárquico.
Por iso entendo que a burocracia europea necesita agrupa-lo voto da clase traballadora, hoxe moi disperso, arredor dos partidos que despois da II ª Guerra Mundial, levaron adiante políticas de tipo keynesiano, para salva-lo capitalismo do difícil transo no que se atopaba.

Entendo, é a explicación ó fervor con que se ten acollido no Estado Español, por parte de numerosos medios, a vitoria do Psoe, cuxo antecedente foron os resultados de PS en Portugal e os avances que se podían homologar ideoloxicamente como os ibéricos, en Dinamarca, Suecia e Finlandia.
¡¡Volve a socialdemocracia!!. Non nos deixemos enganar por toda esta perorata de determinados medios de comunicación, contertulios e “analistas”; os socialdemócratas non existen, hoxe son dende o asalto do neoliberalismo ó “estado de benestar” construído despois da IIª Guerra Mundial, nunhas condicións moi específicas, despois da derrota do nazi-fascismo, que era o capitalismo sen caretas, en estado puro, os antigos socialdemócratas xa non son nin neokeynesianos, son neoliberais con certos matices de progresismo, pero neoliberais, inimigos dos que teñen que vender a súa forza de traballo.
O capital aínda que tivo que transixir cas políticas keynesianas de despois da II ªG.M., sempre estivo buscando a ocasión para crear unha alternativa económica e política e unha explicación ideolóxica ó cambio. E a súa oportunidade xurde ca crise do final dos anos 60 aguzada pola do petróleo dos primeiros 70.
Ata eses anos cruciais, no período que comeza no ano 45, os Partidos Socialistas se converten en coxestores do capitalismo, non tentaban introducir reformas radicais dentro do sistema, só darlle @s traballador@s as migallas do botín que acadaba a burguesía. E nesta tarefa os PS contaron ca alianza dos sindicatos que se converteron nos defensores do chamado “estado de benestar”.
A longa crise aguzada nos anos 70 enfebleceu ós sindicatos e a queda do muro de Berlín e a desaparición da URSS, deulle pulo á ofensiva ideolóxica do neoliberalismo, cuxa práctica levouse a ensaio dun xeito alevoso durante a ditadura de Pinochet en Chile.
Os partidos socialistas fixeron algúns amagos de oporse a esta nova perspectiva do capital, pero acabaron capitulando e aceptando o que se chamou a doutrina TINA, siglas en inglés da tantas veces repetida por Filipe González nos seus anos de goberno, “non hai alternativa ó neoliberalismo”.
E o neoliberalismo significou, desregularizar, privatizacións de servizos fundamentais para a poboación, impostos reducidos ó capital, liberalización financeira, ataque ó poder adquisitivo d@s traballador@s, deterioro das condicións laborais, recortes en Seguridade Social, sanidade e educación.
En Grande Bretaña o laborista Tony Blair, se sacou da manga, unha “terceira vía” ou “novo laborismo”que era un xeito de chamarlle ó neoliberalismo rampante. A propia Margaret Tatcher chegou a dicir que “a súa maior obra” era a capitulación e o desarme ideolóxico dos laboristas, que se encarnaba na figura de Tony Blair.
Os partidos socialistas, afastados da loita social, carentes de ideoloxía dende o abandono do marxismo e sen a presión dos partidos comunistas, moi danados polos acontecementos de Europa do Leste, o PCI con preto de dous millóns de afiliados disolveuse, integráronse no neoliberalismo e se converteron nos xestores do mesmo, e a nivel da UE, xunto cos “Verdes”, aceptaron todas as propostas neoliberais, levándoa ó estancamento económico, ó caos financeiro e a crise e a unha parte moi importante da súa poboación á pobreza; ten aumentado dun xeito moi importante, a diferencia entre ricos e pobres e preto dunha cuarta parte da poboación da UE atópase en risco de pobreza.
Isa é a razón da desaparición na maioría dos países dos PS e a debilidade noutros moitos, a xestión da política neoliberal, e a busca de novas forzas políticas en quen depositar-la confianza, por parte dunha grande parte de traballador@s asalariad@s.
A celebración por parte de moitos medios defensores do neoliberalismo, como dicíamos ó principio, destes xermolos que aparecen en determinados países, ós que saúdan como a “volta dos socialdemócratas”, significa, e non se debe ninguén deixar enganar, que se tenta a reconstrución do bipartidismo europeo, non para pular políticas distintas ás neoliberais, senón para manter mellor o control sobre as mesmas.
Neste panorama as xentes que se consideren de esquerdas teñen, sen esperar moito tempo, inicia-la reconstrución do espazo que agrupe ás mesmas. Tarefa difícil, chea de atrancos, o primeiro o sectarismo, o segundo a necesidade da clarificación ideolóxica e programática e o terceiro, pero son intercambiables, a cuestión da organización.
Un caso clarificador é o portugués; que se pon como exemplo deste xiro socialdemócrata, cando a realidade foi que o partido socialista, presentou nas eleccións o programa máis neoliberal e contrario ós traballadores da súa historia, é obrigado polas circunstancias de querer gobernar, a contar co Partido Comunista e o Bloco de Esquerdas, que modifican parte dese programa, fixéronlle perder varias votacións no Parlamento retirándolle a confianza, ata que aceptou un programa máis axeitado ás necesidades d@s traballador@s. Pero os seus apoios non entraron a formar parte do goberno. Que pode acontecer nas próximas eleccións portuguesas? Pois que o PS, acade maioría absoluta e comece a obra de desfacer o pouco que agora se construíu. Ise é o perigo de pactar con neoliberais.
E no Estado español ca presentación por parte do Goberno do Psoe, en Bruxelas, do seu Plano de Estabiliade do que xa falei no meu anterior artigo, poucas políticas de corte social se van poder levar adiante. Non entendo neste senso a postura que mantén nas negociacións para formar goberno por parte de Unidas Podemos, pois non lle garante ó Psoe a maioría absoluta e polo tanto un programa neolibaral do Psoe, de acordo co seu Plano de Estabilidade, sería aprobado polas forzas de dereita, cunha certa presión dos grupos económicos. Todo o que se está a discutir sobre si goberno de coalición, de cooperación, e todo o que se nos pase pola mente, sen programa, isa é a realidade, non son máis que “brindis ó sol”, preparando unha investidura da dereita progresista, o Psoe, co apoio da dereita conservadora.

En Galicia no mes de xuño de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario