Carlos Dafonte
OS ELEMENTOS
CONSTITUTIVOS DA HEXEMONÍA
Gramsci foi
abrindo perspectivas diversas, algunhas poden parecer contraditorias
ó longo da súa reflexión, difícil reflexión na cárcere, sobre
aspectos fundamentais do seu concepto de hexemonía e das
relacións entre estado e sociedade civil.
Reflexións
moi valiosas para axudarnos a comprender hoxe o xeito en que se
produce o dominio dunhas clases sobre outras e que Anderson estudiou no seu libro “As antinomias de Gamsci”, destacando as
contradicións que algunhas veces parecen existir no seu pensamento.
Por
exemplo, noutro pasaxe dos “Cadernos” formula o problema da
hexemonía non como unicamente unha cuestión de
consenso e centrada na sociedade civil, senón como unha suma de
consenso máis coerción compartida entre a sociedade civil e o
estado: O estado exerce a coerción e a sociedade civil o consenso.
Formulación que pode inducir a equívocos e non permite comprende-la
realidade.
Tamén, e posiblemente resultado da
análise sobre o que acontecía na súa patria, do poder exercido
polo totalitarismo fascista, da identificación estado- partido, da
existencia de bandas de paramilitares, que acosaban e destruían as
organizacións obreiras e partidarias, formula en determinado
momento, a identificación total entre sociedade civil e estado,
chegando case a negar a existencia da primeira, o que pode levar a
interpretacións de carácter ultraesquerdistas, como aquelas
que consideran que toda democracia burguesa é fascismo. Di Gramsci:
“ Por estado debe entenderse non só o aparello gobernamental,
senón tamén o aparello privado da hexemonía ou sociedade civil”
e sentencia “en realidade, sociedade civil e estado son unha e a
mesma cousa”. “A sociedade civil é tamén parte do estado, en
realidade é o estado mesmo”. Quen non distinga un réxime
democrático-burgués do fascismo, aínda que ambas las dúas son
formas da ditadura do capital, esta a caer nunha política sectaria
como a do “terceiro período”, onde identificábase, mediante a
teoría do social-fascismo, á socialdemocracia cos nazis e
fascistas, de onde xurdiu a negativa da fronte obreiro para combater
cos primeiros ós segundos. Na actualidade esta posición dificulta a
comprensión das especificidades da democracia nas sociedades do noso
entorno.



