A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 26 de septiembre de 2016

ALGUNHAS CONSIDERACIÓNS DE URXENCIA SOBRE OS RESULTADOS ELECTORAIS EN GALICIA E EUSKADI O 25-S DE 2016



Carlos Dafonte

Dúas cuestións son ó meu entender salientables analizando os resultados da xornada electoral no seu conxunto; en primeiro lugar que en Euskadi o primeiro partido de presenza estatal é Podemos, e conseguiu o terceiro posto; os partidos do “bipartidismo” imperante no estado, ocupan os últimos lugares; en segundo que quen sae derrotado verdadeiramente da xornada é o Psoe que perde 7 deputados en Euskadi e 4 en Galicia. A relevancia dos nacionalistas en Euskadi é moi importante e aínda maior a dos partidarios do dereito a decidir, cuestión que non debe ser esquecida.

viernes, 23 de septiembre de 2016

TROTSKI E ESPAÑA, LECCIÓNS EN DIFERIDO.




Roberto Laxe
A revolución española xa leva cinco anos de ascensos e refluxos. Neste período, os obreiros e os campesiños pobres de España despregaron instintos políticos tan magníficos, demostraron tanta enerxía, abnegación e heroísmo, que o poder estatal houbese caído nas súas mans hai moito tempo, se a dirección estivese sequera minimamente á altura da situación política e da capacidade de combate do proletariado. Os verdadeiros salvadores do capitalismo español non eran nin son Zamora, Azaña, nin Gil Robles, eran e seguen sendo os dirixentes socialistas, comunistas e anarquistas das súas organizacións.” Isto dicía Trotski en xullo de 1936 en “O novo ascenso revolucionario e as tarefas da Cuarta Internacional”.
Este manifesto tiña unha posdata que dicía: “O goberno da Fronte Popular revela toda a súa insolvencia precisamente no momento máis crítico; prodúcese unha crise de gabinete tras outra porque os radicais burgueses temen máis aos obreiros armados que ao fascismo. A guerra civil arrástrase.” E analizaba: “Ao adormentar aos obreiros e campesiños con ilusións parlamentarias, ao paralizar a súa vontade de loita, a Fronte Popular xera as condicións favorables para o triunfo do fascismo. O proletariado pagará a política de coalición coa burguesía con anos de tormentos e sacrificios, se non con décadas de terror fascista.”

jueves, 15 de septiembre de 2016

BREXIT: OUTRA EUROPA É POSIBLE



Roberto Laxe

O pasado 23 de xuño, mentres en Francia a clase obreira enfrontaba a reforma laboral do goberno Hollande e a UE, en Gran Bretaña celebrábase un referendo para decidir se seguían na Unión. A pesar de toda a campaña do gran capital británico, europeo e mesmo norteamericano, unha parte maioritaria da clase traballadora británica votou por saírse da UE.
Está claro que a política timorata do actual dirixente laborista Corbyn, de “nadar e garda-la roupa” ante unha opción que enfrontaba á súa base social, inclinada cara á saída, co aparello do partido, disciplinado ao gran capital, facilitou a tarefa da dereita conservadora e do UKIP, para pór no centro do debate a xenofobia e o racismo, ocultando o verdadeiro motivo.

domingo, 4 de septiembre de 2016

GAÑARLLE Ó PP, DE ACORDO, E DESPOIS QUÉ?




 Carlos Dafonte

Celebráronse as primarias de A Marea con resultados que non axudan á unidade, por moito que se nos queira convencer do contrario. Onde teñen máis forza determinadas organizacións e actuaron con maior unidade de criterios, sacaron os cabezas de lista e os postos de saída das próximas eleccións e na provincia onde algunha organización ten pouca forza, pois non sacou nada que lle permita ter representante no futuro Parlamento Galego. Polo tanto as primarias concibidas como se levaron a cabo, como unha carreira entre as diferentes organizacións, non axudan a confecciona-las mellores listas, non serven para integrar, nin creo que se escolleran @s máis cualificad@s; as listas que só están formadas por persoas que pertencen a determinadas organizacións políticas ou sociais, que non defenden un programa claro e coñecido con anterioridade, na miña opinión, serven para moi pouco; non van ser o feito determinante para que produza unha morea de votos que derrote ó bipartidismo e supoño que de iso se trata. Se ó final o resultado da Marea é bo, o será a pesares do paso atrás na unidade que representaron as primarias.

miércoles, 24 de agosto de 2016

O PASO NECESARIO DO SOCIAL AO POLÍTICO



 Roberto Laxe 


Existe unha tendencia na esquerda a separar dunha maneira artificial as cuestións sociais das políticas, establecendo unha contraposición entre elas, entre as reivindicacións particulares dos sectores sociais e as diferentes saídas políticas. A contradición entre ambas a resolven utilizando unha vella frase xa criticada por Lenin no “Que facer?”: a xente non está preocupada polos aspectos políticos (réxime, soberanía, goberno, liberdades), dinnos, senón polo que preme no pé, as chamadas "cuestións sociais". As cuestións políticas son cousas das vangardas, dos partidos, e a xente traballadora só mobilizase polas sociais.
Desde un punto de vista histórico esta é, dalgunha maneira, a diferenza que facían na II Internacional entre o Programa Mínimo, das reivindicacións sociais, e o Programa Máximo, é dicir, o socialismo.

martes, 16 de agosto de 2016

NO CAMIÑO, CARA Ó 25 DE SETEMBRO



Carlos Dafonte.

Feijoo adianta as eleccións para evitar que “as mareas” se poidan organizar adecuadamente; no fondo é un acto de febleza, lles teme, pensa que poden ter un avance considerable e sobre todo, aínda que non lle gañen as eleccións, lle poden facer perder a maioría absoluta e levar a cabo o tan comentado “sorpasso” sobre o PSOE, o que complicaría bastante a situación nunha etapa de especial debilidade do réxime.
Representan “as mareas” unificadas, despois da asemblea de Vigo, unha forza socialista, unha alternativa ó capitalismo e polo tanto é de esperar un enfrontamento ca maquinaria do euro, da troika, da débeda, da OTAN, co réxime? Estará disposta esta “marea” a enfrontarse á explotación da forza de traballo, é dicir, ós salarios de miseria, ás políticas de austeridade, ós contratos lixo, e o que significan as reformas laborais do PSOE e do PP?

lunes, 8 de agosto de 2016

CARA A UN DESGOBERNO MUNDIAL?



Roberto Laxe

Hai uns anos, cando en calquera parte do mundo producía-se un golpe, ou un intento de golpe, todo o mundo miraba inmediatamente cara a Washington, buscando ao responsable; foi en Chile, foi en Arxentina, foi en Nicaragua, foi máis recentemente en Honduras ou en Venezuela no 2002... O mundo tiña un goberno claro, e este residía na Casa Branca.
A pasada semana produciuse un intento de golpe de estado en Turquía, aliado estratéxico da EE UU (non esquezamos que Turquía é membro da OTAN e Erdogan, que se saiba, nunca expuxo saírse da Alianza), e medio mundo quedou no aire buscando o responsable... Desde a Casa Branca saíron, cando o golpe xa estaba medio derrotado, condenándoo, nun alarde de oportunismo, esperaron a ver cal das dúas fraccións da burguesía turca gañaba, para se situar; porque ningunha das dúas fraccións cuestionaba esa alianza estratéxica co imperialismo euronorteamericano que é a OTAN.