Carlos Dafonte.

A mobilización popular
fixo que se dese un envorco a unha situación bloqueada
institucionalmente; con decenas de miles de pensionistas nas rúas e
millóns de mulleres ameazando co que se convertiu nun feito o 8 de
marzo, o Goberno que leva alardeando máis dun ano que a situación
económica grazas as súas determinacións, superou a crise e entra
de novo polo roteiro do crecemento, tivo que mover ficha e lanzouse a
unha populista campaña de subas salariais, de funcionarios, policias
e guardas civís para situalos ó nivel das polícias das autonomías,
o tempo que fai promesas, a todos os colectivos que se atopan nas
rúas amosando o deterioro da súa situación social e económica e
desmentindo que a crise teña pasado.
Os pensionistas en
primeiro lugar, o celeiro máis importante de votos do PP, ameazan
con axudar a que o PP perda as próximas eleccións, acosado tamén
pola suba en todas as enquisas, do número de votos de Ciudadanos,
cuxo dirixente Albert Rivera, o “novo Lerroux” da política
española, despois de controlar como o seu antecesor que unha parte
do voto da clase traballadora non se instale no nacionalismo en
Cataluña, está a dar con forza os pasos na política estatal, para
sen ofrecer nada e tentar contentar a todos os sectores sociais en
litixio, situarse nos primeiros postos nas preferencias do
electorado. Só din ofrecer estabilidade, pero tanto ó PP como no
momento de asina-lo pacto, ó Psoe, e estou convencido que de gañar
Unidos Podemos, tamén lle ofrecerían estabilidade; tanto lles vale
“un roto como un descosido”; o caso é estar en primeiro plano da
política. A incapacidade deste partido, despois de gaña-las
eleccións en Cataluña, para presentar unha alternativa ó
nacionalismo aínda que non houbera votos para gañar no Parlamént,
dí ben claro o que é; unha estrutura ben financiada pero sen
programa, que actúa segundo o que digan as enquisas.