A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 14 de febrero de 2007

SOLIDARIEDADE CON DIONISIO PEREIRA

A todos e a todas:
A transición á democracia, que escomenzou coa morte de quen encabezara o
golpe fascista que puxera fin a IIª República, non rematou coa entrada en
vigor da vixente Constitución nin coa sucesión de eleccións e relevos en
gobernos (central e autonómicos) e outras institucións. A ferida provocada
polo levantamento franquista segue aberta, porque aquel proceso que nos
quixeron vender como exemplar non foi máis que un intercambio forzado
nunha situación de clara desigualdade. Os resortes do poder seguían nas
mans dos franquistas: eles pretendían obter unha cláusula de impunidade
mediante o noso silencio, a cambio de poder exercer as liberdades públicas
máis ou menos recurtadas.
Pero aquel medo que durante os anos da ditadura pechaba as bocas, non
podía por sempre seguir sendo o parapeto protector dos verdugos e dos seus
fillos biolóxicos e ideolóxicos. Co paso do tempo, agromou na conciencia
colectiva a necesidade de botar luz sobre os arrepiantes acontecementos
que comezaran coa Guerra Civil e aínda hoxe rebrotan. Neste punto, a
Asociación Ecoloxista e Cultural da Terra de Montes "Verbo Xido", que
forma parte do colectivo "Sinhor Afranio", implícase na tarefa de
colaborar con quen investiga para sacar á luz todo aquilo que nos quixeron
agochar.
Para honrar a cantos cerdedenses foron asasinados ou sofriron a represión
de calquera xeito por defender os dereitos individuais e colectivos e á
República, levamos a cabo a instalación dun monumento na Ponte do Barco
(Pedre) na lembranza de dous canteiros asasinados naquel lugar; apoiamos
unha iniciativa do BNG, aprobada unanimemente pola Corporación municipal
de Cerdedo, de honrar a todas as vítimas da contenda sen distinción con
outro monumento -algo que, pasados varios anos, o Concello aínda non puxo
en práctica- ; homenaxeamos a un ilustre exilado fillo da nosa terra, Xosé
Otero Espasandín; dedicámoslle a edición das Xornadas "Terra de Tod@s" de
2006 á recuperación da memoria da represión franquista e nela percorremos
un roteiro dos lugares da memoria e participamos na edición dun libro,
titulado A IIª República e a represión franquista en Cerdedo, escrito por
Dionisio Pereira.
Tamén aplaudimos a decisión unànime da Corporación, tomada en abril de
2006, de retirar a rúa dedicada a un ex alcalde franquista, Manuel
Gutiérrez, e advertimos do perigo que supuña outro acordo tomado en nadal
do mesmo ano polo que, tan só cos votos do PP, revogaba o anterior,
provocando o sanguento paradoxo de que un sistema que se quere democrático
honre a quen participou no seu esfarelamento.
En pleno retroceso ás cavernas da historia, o atentado contra o monumento
de Pedre serviu para advertir dalgo que nós xa sabiamos: os herdeiros do
"Caudillo" non se resignan e acontecementos como o protagonizado polo
Concello de Cerdedo sérvenlles de combustible.
No entanto, quédanos a forza da palabra e a fortaleza que nos dá saber que
defendemos unha causa xusta. Todos escoitamos en voz baixa os nomes dos
represores, sabemos de propiedades que cambiaron de donos a punta de
pistola e a golpe de multas, de violacións, de testemuñas de asasinatos e
de torturas. Co paso dos anos foron morrendo case todos, pero a verdade
dos feitos é a mesma. Aos historiadores e historiadoras correspóndelles
plasmala en libros e outras publicacións, e así contribuír á tarefa de
cicatrizar unha ferida que aínda está aberta, para que a Guerra e a
represión se convertan nun capítulo da historia do que apender para que
non se repita.
Pero mentres que por escribir nun papel uns nomes, que foron mil veces
pronunciados en voz baixa polas vítimas da barbarie e que se sinalan como
presuntamente vencellados á represión, alguén poida ser procesado, como
acontece con Dionísio Pereira pola frase contida no devandito libro,
"Verbo Xido" dará un paso para expresar publicamente o seu respaldo, ó
tempo que solicita o de todos aqueles colectivos e persoas que traballan
polos mesmos obxectivos liberadores e defendan que a palabra nin mata nin
fere.
 
¡Pola liberdade de expresión!
 
 
En Cerdedo, a 11 de febreiro de 2007
 
 
Asociación Ecoloxista e Cultural de Terra de Montes "Verbo Xido"


miércoles, 7 de febrero de 2007

PERANTE O FRACASO DA REFORMA ESTATUTARIA

AS BASES DEMOCRÁTICAS GALEGAS



A Xunta do bipartido tiña como un dos seus obxectivos centrais nesta lexislatura o de conseguir a reforma do Estatuto de Autonomía, reforma negada rotundamente pola Xunta de Fraga e o PP. Ao longo deste ano puxéronse na tarefa, as negociacións e as reunións; mesmo chamaron a determinadas forzas sociais, políticas e sindicais para lle dar un aspecto “democrático” ao proceso, excluíndo a maioría das entidades soberanistas.


O seu obxectivo era o de adecuar a relación da Galiza co resto do estado, sen tocar as bases e os marcos da Constitución do 78. Esta, e non outra, é a razon do fracaso da negociación do Estatuto.


Fronte á firmeza do PP, representante “lexítimo” e administrador dos intereses do aparello do Estado –da xudicatura, do exército, etc.- na Galiza, presentáronse duas opcións, cada cal máis feble, a do PSOE que, no fondo representa o mesmo cá do PP, e ten a mesma política cara á Galiza que o PP só que co “talante”, e a do BNG, que presentou a súa oferta de Estatuto de Nación evitando calquera referencia ao dereito de autodeterminación.


O que escondía esta proposta, é que unha nación só pode considerarse como tal, se exerce o seu lexítimo dereito á decisión, o contrario é converter o termo “nación” nun saúdo á bandeira. Nos feitos, a mesma reforma do Estatuto é unha negación da autodeterminación, ao substituír o dereito do pobo a decidir por unha negociación. O máis que faria o pobo sería ratificar, ou non, o negociado en segredo polas forzas políticas institucionais.


O PP entrou na negociación coa forza de quen sabe que no outro lado da mesa non hai firmeza, mais aceptación dos mesmos criterios que lles confiren forza: a prohibición constitucional do dereito a autodeterminación, e que, por iso, non tiñan a menor intención de sacar a poboación á rúa, para esixilo.


Ademais, os defensores da reforma, como poderían apelar á poboación se negocian ás súas costas, e, ademais, non ten que ver cos problemas que teñen. Na negociación falábase de moitas cousas, dos subsidios, das obras de infraestrutura prometidas, da parte de investimentos do estado na Galiza, da parte dos impostos que ficarían na Galiza, etc., falábase de como a burguesía “galega” apañaría un pedazo dos orzamentos estatais que cuantificaron en 8%.


E este diñeiro ía a obxectivos concretos: a grande polémica do transporte non eran os servizos de proximidades ou intercomarcais, mais o AVE; as deslocalizacións e a precariedade resolvíanse con declaracións xenéricas, para logo dicir que non podian facer nada “contra as leis do mercado”; na reindustrialización só se lles ocorre privatizar o estaleiro ferrolán de ASTANO; na saúde só saben manter a mesma política de precariedade e infrautilización dos servizos, fomentando desta maneira a saúde privada; no terreo impositivo, pelexan polas cotas que van ficar na Galiza dos impostos indirectos, IVE incluído, e non se lles ocorría propor a prohibición expresa da imposición indirecta e o estabelecemento dun imposto directo e progresivo (“que pague quen máis ten”).


Nestas condicións, o debate “nación si ou non” era nominalista, e non tiña nada a ver con intereses da poboación traballadora, que a vían lonxe da súa vida privada.



O fracaso do Estatuto pode parecer un retroceso no “autogoberno” da Galiza, pero nada máis lonxe da realidade. O fracaso da negociación do Estatuto é o fracaso de quen pretende vender a negociación cos PP e o aparello do estado como a maneira de alcanzar un maior “autogoberno”. Mais, chegar a 8% dos orzamentos non resolve os problemas centrais da pobacion traballadora galega e non resolve o problema da dependencia da Galiza dun estado centralista.


Escoller a suposta vía de menor resistencia, é dicir, a negociación cos inimigos mortais dos pobos, dos mesmos que petardearon o proceso basco, dos mesmos que envían tropas a medio mundo, dos que insultaron e desprezaron a Galiza cando a crise do Prestige, os que representan o estado herdado do franquismo, é escoller a vía do fracaso.


O verdadeiro “autogoberno” da Galiza, e dicir, o dereito á autodeterminación que lle permita escoller libremente o seu destino, depende de que a poboación traballadora sinta que é parte da súa loita contra a explotación e a opresión, que a faga súa e a defenda coa mobilizacion social, única maneira de romper a “firmeza” dos inimigos da liberdade dos pobos.


As BDG pensan que todos/as aqueles/as que defenden o carácter de nación da Galiza, e polo tanto o seu irrenunciábel dereito á autodeterminación, estean debaixo das siglas que estiveren, teñen que reagruparse e traballar neste camiño.



Galiza 29 de Febreiro de 2007



miércoles, 17 de enero de 2007

A CIDADE DA CULTURA



A consellería de Cultura e Deporte, logo de cuestionar a viabilidade da Cidade da Cultura, e de moito “pensar”, decideu manter a construccion do proxecto da Cidade da Cultura, para o que vai facer uns investimentos multimillonarios nunha obra que, agora, o sr. Feijoo din que “se lles foi a man” (a boas horas o dín, alguen tería que respostar polo feito).


O PP alabou a decisión de mante-lo proxecto. A Conselleria desminte, como non podía ser menos que a decisión sexa continuista, tanto no que fai o proxecto en si mesmo, como a forma de xestion.


O que PP din é que a Xunta, e Bugallo, mudou a súa posición, non só sobre a viabilidade da Cidade da Cultura, senon sobre como xestionala, sobre a base da iniciativa privada (as fundacions), o que se engade a "privatizacion" das servizos comerciais. E ten razon.


O final do “culebron”, sexa cultura "fraguista", (é dicer, folclorismo da pior especie), ou cultura "galega", quen vai a xestionar a Cidade da Cultura vai ser a empresa privada. Moi ben... o final, o fondo da question son os beneficios dos "emprendedores" ou máis coñecidos por empresarios.


Pois ben, centos de millóns de euros en investimentos publicos para que logo se lucren os chamados “emprendedores/empresarios”. A loxica da Bugallo/Touriño é exactamente a mesma ca de Fraga /Feijoo.


A cultura ou é do pobo, das rúas, e da xuventude ou non é.


E se vai a priorizarse a xestion privada dun suposto servizo publico -neste caso a cultura, noutros o transporte ou a sanidade-, a final, o que mandará non é a investigacion e a cultura popular, senon a "cultura culta", é dicer, os grandes nomes, que son os que dan diñeiro.


Iso sí, polo menos non se confundirá a Saramago cunha cantante (Esperanza Aguirre dixit, Sara Mago), ou unha cantata baseada no medievo (Carmina Burana), cunha cantante portuguesa.


Pero iso non é cultura, é pedantería.


Pd. Pensou a conselleira como chegar a Gaias dende Compostela e o resto das cidades de Galiza, ou iso o deixa a iniciativa privada?. Porque, hoxe, a Gaias só se chega dunha maneira, o automovil privado, pois que se saiba, non hai nin camiño de ferro de proximidades (iso é un tema prohibido na Galiza) ou, polo menos, bus.
Que lles vaia ben; pero novamente a Xunta bipartita só muda a Fraguista nas formas: nos contidos teñen o mesmo codigo xenetico, a defensa do neoliberalismo



Roberto Laxe



martes, 16 de enero de 2007

DECLARACIÓN ANTE A COLOCACION DUN VEHICULO CON EXPLOSIVOS NO AEROPORTO DE BARALLAS




Ante a acción, colocación dun vehículo con explosivos no Aeroporto de Barallas, levada a cabo - segundo todos os indicios dispoñibles - pola organización vasca ETA, no día de onte, Corrente Vermelladeclara:


-Manifestar a nosa solidariedade cos familiares dos dous traballadores inmigrantes desaparecidos e o noso desexo de que aparezan ambos con vida.


- Esta acción é o reflexo, fundamentalmente, da ausencia de vontade real por unha das partes para a resolución política do conflito vasco. A responsabilidade do goberno Zapatero na falta de avances na súa resolución parécenos clara e indiscutible. Non é en absoluto creíble unha suposta "vontade negociadora" que non se traduce en pasos concretos, e que, ademais, continúa utilizando os instrumentos represivos do estado con toda a súa intensidade. Ao mesmo tempo, na nosa opinión, a acción levada a cabo onte por ETA constitúe un fraco favor para os lexítimos intereses do pobo vasco e do conxunto dos pobos do estado español. Accións como esta, ademais de inaugurar unha perigosa e rexeitable dinámica acción-reacción, poden dotar de argumentos a aqueles elementos reaccionarios do noso estado cuxo único interese é que o proceso fracase.


- A actuación do goberno do PSOE con respecto ao proceso de negociación está alcanzando uns límites que poden cualificarse de escandalosos. É lamentable contemplar a un goberno que proclama o dar menos pasos na negociación que os seus antecesores do Partido Popular. A decisión do goberno Zapatero de suspender a vías de negociación inscríbese nesa traxectoria medrosa e ligada á presión dos Rajoy e compañía, dos poderes fácticos que viñemos contemplando nos últimos meses. Estamos nun momento no que se crearon grandes expectativas, tanto no pobo vasco como no conxunto de pobos que constitúen o estado español. As forzas de esquerda e progresistas non podemos abandonar esta loita e debemos afanarnos nun traballo arduo pola defensa do dereito dos vascos a decidir, niso vainos, nada menos, a recuperación do proxecto emancipatorio para todos os pobos do estado.


- Debemos denunciar o cinismo do goberno, do PP e de todos aqueles que reclaman o abandono da violencia por parte de ETA, ao mesmo tempo que manteñen e reforzan a violencia estructural do estado. Non é posible exixir pasos ao outro interlocutor, ao mesmo tempo que o que se lle ofrece a cambio é a continuidade da persecución policial e xudicial e a criminalización de todo o movemento popular vasco.


- Corrente Vermellareivindica que para que este proceso chegue a bo porto é necesario que o seu culminación materialícese na posibilidade, mediante o exercicio do lexítimo dereito á autodeterminación, de que o pobo vasco decida soberanamente o seu destino.


- Corrente Vermella fai un chamamento a movementos sociais, sindicatos e organizacións políticas do conxunto do estado para que nestes momentos, máis que nunca, asumamos que o problema vasco é o de todos os pobos do estado español e reforcemos o noso traballo unitario en defensa da resolución política democrática do conflito vasco que inclúa ineludiblemente o exercicio do dereito ao seu libre determinación como pobo.



31 de decembro do 2006



domingo, 17 de diciembre de 2006

¿MORTO O CAN DESAPARECEU A RABIA?


Pinochet, o brazo executor do golpe de estado en Chile no ano 1973 que puso fin os inicios do intento de avanzar cara ó socialismo respetando á legalidade burguesa, finou hai uns días.


Creo que unha gran parte da cidadanía deste planeta, sentimos certo desacougo ó ver como un criminal máis, que actuou contra da legalidade democrática, que cometeu tremendos crimes, baixo cuxo réxime represivo torturouse a centenares de miles de chilenos, que obrigou a máis dun millón a exilarse, morreo sen ser xulgado nin condeado.


Dito o anterior é preciso facer algunhas consideracións que sobrepasan a figura do felón que ademáis amosou ser un “chourizo de altos voos” que se enriqueceu co narcotráfico, venda ilegal de armas e o cobro de sustanciosas sumas ás empresas polos seus servizos.


En primeiro lugar hai que destacar que moitos comentaristas do óbito do tirano, periodistas, políticos, xente da rúa, esquecen que o golpe militar é a culminación dun proceso de loita de clases e non resultado da vontade dun militar que actúa ó marxe do mesmo. Pinochet era un militar, como tantos outros de América Latina, a quen se lle otorgou o poder de “utiliza-la violencia lexítima” que exerce o estado sobre tod@s @s ciudad@ns, no caso de que o control exercido por parte dos máis poderosos do país, se poña en cuestión.


Estes grupos, que non son moi distintos da dereita de calquer outro lugar, e só son demócratas cando os votos lles son favorables, non tiveron ningún problema, nin moral, nin ético, nin de concencia, para desencadear o sanguento proceso do golpe e apoia-la dictadura, cando consideraron que a Unidade Popular liderada por Salvador Allende, que conseguiu por medio dos votos controlar, aínda que dun xeito parcial, algún dos aparellos do estado democrático burgués, tomaba medidas dacordo co seu programa e en beneficio da maioría da sociedade. Medidas que non tiñan un carácter socialista senón que tentaban modificar algunhas estructuras, de xeito que a explotación d@s traballador@s non fose tan brutal, e recuperar algunhas das riquezas do país que se atopaban en mans de empresas estranxeiras.


En Chile, no período 1970-73, non se tomaban medidas de carácter socialista e non había “perigo de caer no comunismo”, espantallo esgrimido por todos os explotadores para levar adiante intervencións militares contra dos pobos; levábanse a cabo reformas que sitúaban ós máis elementais dereitos humanos, ises que todos din defender, ata a dereita, no centro da vida política; dereitos conculcados dun xeito sistemático ata ise momento na sociedade chilena, en beneficio da oligarquía e das empresa dos EEUU, país do que tamén istes días fálase moi pouco.


Os Estados Unidos de Norteamérica, foron os inductores do golpe, inscrito dentro dun plan máis amplo que despois se coñecería como Plan Condor, que tiña como obxectivo o exterminio de toda a esquerda revolucionaria latinoamericana, aínda que, no furacán desatado, tamén levou por diante a sectores da reformista. EEUU foi quen fixo posible o golpe, quen o dotou de medios de todo tipo, quen o coordinou, quen lle deu o apoio político para que o resto dos paises aceptaran relacións diplomáticas co novo goberno, quen creou por medio das axencias informativas que domina, e outros medios ilícitos, a idea da destrucción da democracia no Chile de Allende. Pero hoxe a responsabilidade dos EEUU parece non existir, e todo o fincapé se pon na figura desaparecida do dictador. Eu doulles unha idea a algúns xuices estrela para que amosen a súa vontade de exercer xustiza; todavía segue vivo o principal indutor e creador de todo o plan Condor, Henry Kissinguer, atrévanse a lanzar unha orde de caza e captura contra este delincuente para sentalo nun banquillo. É o responsable de centos de miles de asasinatos en diferentes partes do mundo.


En segundo lugar, Pinochet desaparece pero para desgracia de tod@s @s chilen@s o pinochetismo segue vixente, xa que como proxecto, non é outra cousa que o neoliberalismo con estado de excepción permanente, pero neoliberalismo en toda a súa pureza, con liberalización da economía, privatizacións, etc. Comenzando polo cobre, nacionalizado polo presidente Allende y agora en mans das grandes empresas minerías que xogan cos precios ó seu antollo.


O que lle imprimía carácter á dictadura era a proposta neoliberal; díxose e con razón que Chile actuou de laboratorio, por iso o apoio incondicional dos economistas como Hayek, Friedman e demáis ralea, e os políticos e ideólogos como a señora Tatcher, Reagan ou Juan Pablo II, gran admirador do falecido.


Hoxe desapareceu o estado de excepción, pero non existe unha democracia homologable; a constitución pinochetista segue en gran parte vixente así como as leis laborais. ¿Qué fixeron os sucesores de Pinochet? Aceptar esta situación xa que o seu pensamento e tan neoliberal como o do dictador, e defenden os mesmos intereses oligárquicos; e seguen a falar do “miragre económico de Chile”, cando o único que existe son cifras macroeconómicas que son resultado do aumento da miseria e a explotación d@s traballador@s e doutros sectores da población.


Dacordo cun informe das Nacións Unidas de hai pouco máis dun ano, Chile e un dos paises cunha distribución do ingreso máis inxusta do mundo, o 20% máis rico lévase o 63% dos ingresos do pais, e o 20% máis pobre o 3,3 %. Para afinar máis, o 10 % dos maís ricos posee o 47 %. En ese informe situábase a Chile á mesma altura que paises como Zambia e Honduras. Eses son os resultados da brutal dictadura e do “miragre chileno”, explotación e marxinación da gran maioría da sociedade.


Ademáis, a súa economía ligada principalmente ás actividades extractivas, mineria, forestal e pesca, ten graves problemas estructurais que non foron enfrontados polas clases dominantes no seu momento, e de novo vai repercutir sobre os máis desfavorecidos.


Chile vive unha situación límite, con máis de dous tercios da súa poboación no umbral da pobreza, o que posibilita un estalido social sen precedentes. A revolta de moitas barriadas francesas é un antecedente que as clases explotadoras do mundo non deixan de analizar. Por iso as clases dominantes en Chile toman medidas respeto ó que se chama “a cuestión social”; e a pesar de que o dictador cumpliu o seu papel, e as organizacións populares e revolucionarias teñen unha forza moi cativa, o seu exterminio era o obxectivo prioritario da dictadura, hai condicións obxectivas para o seu rexurdimento.


A situación obriga a tomar medidas para neutralizar esa posibilidade; Bachelet, a nova presidenta, non representa un xiro á esquerda, só a necesidade de neutralizar e cooptar a sectores que poden representar un perigo para o futuro; e para o que non se someta, toda unha serie de ferramentas xurídicas para reprimir ós díscolos, e recortar as xa minguadas libertades d@s chilen@s. Política de “pao e cenoria”. E “os demócratas de toda a vida” na Unión Europea aplaudindo.



C. Dafonte




jueves, 14 de diciembre de 2006

A MORTE DUN DICTADOR



Pinochet, responsable das mortes de miles de traballadores e estudantes chilenos morreu na súa cama. Ainda ca súa morte é unha moi boa noticia para os pobos do mundo -da morte non se libra ninguen, por moi xenocida que poda ser-, librouse de ter que respostar dos seus crimes, de ter que respostar diante do pobo chileno das atrocidades cometidas polos secuaces da DINA, polos desaparecidos e torturados, pola traxedia acontecida no Estadio de futbol de Santiago de Chile, onde foi morto, entre outros centos, Victor Jara.


Librouse por unha transición politica que lle garantiu a imunidade a pesares das denuncias e demandas. Unha transición “pacifica”, cunha lei de punto final para os seus complices, e cunha constitucion “democrática”, coas liberdades democráticas “administradas” polos mesmos que no 73 as reventaron.


Nesa data, os traballadores chilenos loitaban polo socialismo, a súa derrota só truxo capitalismo salvaxe. Nesa misma, Chile foi unha adiantada: ou unha revolucion avanza cara o socialismo ou retrocede a barbarie capitalista.


E o rexime levantado sobre a derrota dos traballadores chilenos foi un “adiantado” no mundo: foi o primeiro que puxo na práctica os dictados de Milton Friedman e os “chicagos boys”, baseado na aplicación dos principios do capitalismo que hoxe vivemos no mundo, é dicer, na superexplotación dos traballadores, na privatizacion absoluta dos servizos publicos, etc.


Por iso, é que dende todas as potencias do mundo, dende os USA e Europa, dende o mesmo capitalismo chileno, non había moito interese en levar a xuizo ao criminal; non podían procesar ao can que eles mismos puxeron contra o pobo. Só as exixencias dos familiares, dos estudantes, dos traballadores chilenos, co apoio do resto do mundo, consiguiu, polo menos, que non pudera saír do seu país sen verse, como se viu, arrestado en Londres o longo de 500 días. So a colaboura de todos, desde Aznar ata Thatcher, lle permitiu voltar a Chile.


E, o fin, o “can” morreu. Pero desgraciadamente na súa cama. Porque non é que historia o “xulgue”, como din o ministro Moratinos (o peor pensando na Lei da “des” memoria historica que quere aprobar o seu goberno). As familias dos mortos dos desaparecidos, aos torturados e detidos, os perseguidos, e o pobo traballador en xeral non lle basta ca “historia xulgue”, é un saúdo a bandeira, para salvar a cara dos dictadores, dos seus complices.


Son os pobos quenes teñen que xulgar os opresores. No caso de Chile agora lles toca facer xustiza cos complices de Pinochet, incluidos os capitalistas que fixeron fortunas coas súas politicas economicas.


Todo isto ten facer reflexionar aos traballadores e democrátas do Estado Español, que deixaron as súas vidas na loita contra o franquismo.


O admirado de Pinochet, o dictador Franco, tamen morreu na súa cama, e os seus herdeiros tamen fixeron unha transición “atada e ben atada”, baseada na amnesia total (o pobo que esquece a súa historia, está condeado a repetila), garantíndo a amnistía para os torturadores e asasinos, administrada polo exercito e o xefe do estado posto polo dictador, que, como Pinochet, ten garantida a súa impunidade. Da mesma maneira que Pinochet admiraba a Franco, semella que a súa transición copiou palabra por palabra a feita no Estado Español.


O hipocrita da cuestion é que os mesmos que procesaron a Pinochet, o xuiz Garzon ou o goberno Zapatero, que ven ben que se procese a dictadores (Videla ou Sadam), negánse a revisar a transición española, a revisar os “procesos xudiciais” da dictadura, e nin falar, da máis grande decisión “xudicial” da dictadura, a imposición do Xefe de Estado, o monarca.




Oleiros, a 11 de decembro de 2006


Roberto Laxe












viernes, 8 de diciembre de 2006

UNHA NOVA VICTORIA DEMOCRÁTICA DE HUGO CHAVEZ, E VAN….

Chavez, dun xeito rotundo, volve gañar unhas eleccións presidenciais en Venezuela.


Tod@s @s observador@s internacionais, moit@s só presentes co obxecto de atopa-la máis cativa irregularidade para desprestixia-lo proceso, tiveron que recoñecer, como nas anteriores convocatorias, que a limpeza democrática foi a norma.


En Venezuela estáse a producir unha revolución, a xente vota e os resultados expresan o que os venezolanos queren, antes non era así e a “democrática” comunidade internacional calaba, hai campañas de alfabetización para poñer termo a esta lacra, reparto de terras entre os campesiños, progrésase na atención sanitaria da xente, a sociedade civil estructúrase, a riqueza producida pol@s traballador@s repártese con maior equidade, disminuindo o índice de pobreza, as mafias partidarias e sindicais que expoliaban ó pais e mantiñan na pobreza ó 80% dos seus habitantes, desmanteladas en gran parte, un importante sector do exército atópase comprometido co proceso en marcha, o imperialismo en retroceso na medida en que crece un sentimento en contra do mesmo nas clases populares e as súas propostas, como o ALCA está paralizada no país, ó tempo que desde o estado púlanse políticas de carácter internacionalista…son tantas as reformas e transformacións levadas adiante no país, en diferentes eidos nestes anos, que pódese falar dunha revolución en marcha.


Estamos ante un proceso moi importante, non só para Venezuela senon para todo o continente, pero que aínda non rebasou os límites do que se pode considerar unha revolución democrático-burguesa.


Un proceso que tamén é froito das contradiccións que o sistema capitalista provoca entre a burguesía nacional e a trasnacional, un proceso que seguirá avanzando, se un golpe de estado estimulado polos “demócratas occidentais” non o frea, ata que a contradicción capital-traballo só poda ser resolta expropiando á burguesía; e entón, coñeceremos as intencións de cada un dos actores actuais, os seus límites, e o papel que van xogar ás institucións do estado democrático-burgués. Entón terá chegado a hora da verdade e veremos se “socialismo para o século XXI” era algo máis que unha consigna valeira de contido



C.Dafonte