A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

domingo, 13 de marzo de 2011

LIBIA: O PETRÓLEO E O GAS FAN MÁIS COMPLEXA A SAÍDA


Carlos Dafonte

Despois do trunfo, aínda que sexa só aparente polo de agora, pois hai aínda moitas cuestións que dirimir, das revoltas en Tunisia e Exipto, o proceso insurreccional non chega a “bo porto” en Libia, curiosamente onde unha parte moi importante, segundo os medios de comunicación europeos, do exército fai causa común cos sublevados. Onde parecía máis fácil avanzar e derrubar a quen monopoliza o poder desde hai corenta e dous anos, a saída parece complexa e todo indica que se entrou nun enfrontamento civil de dubidoso resultado.
Ten neste resultado dubidoso do proceso, algo que ver o gas e o petróleo dos que Libia é un importante produtor? A actitude belixerante do imperialismo desde o primeiro momento contra o poder establecido? A existencia de fortes lazos tribais? As posicións das clases sociais da sociedade libia? Ou será un golpe de estado preparado por unha parte do exército ó que se sumaron sectores populares minoritarios? Pode Kadhafi só, como se di constantemente, apoiado en mercenarios, contraatacar e vencer? Só os partidarios de Kadhafi masacran ou tamén o exército e a sociedade sublevada fan o mesmo cos partidarios de Kadhafi nas zonas que controlan?
Sexan cales sexan as respostas, e podíanse facer moitas máis preguntas, a realidade é que no espazo da esquerda anticapitalista e antiimperialista prodúcense divisións sobre que posición adoptar; non hai unanimidade como nos casos de Exipto, Iemen, Barhein ou Tunisia; en todos estes procesos coincidíase no apoio ós mesmos, aínda que non se coincidira na súa caracterización.
Agora é distinto, a entrada dos intereses imperiais en xogo desde o primeiro momento e a creación do Comité Nacional de Transición, con kadhafistas e cómplices do ditador ata o día 21 de febreiro, nesa data o ministro de xustiza Mustafá Abdel Yalil pásase o bando da sublevación e hoxe ocupa a presidencia do Comité, abre unha polémica que me parece absurda. Hai que apoiar ó pobo que se sublevou contra un réxime ditatorial, que organiza comités por todas as zonas onde ten influenza e a quen exkadhafistas de ultima hora, coma sempre, ó servizo do imperialismo, tentan reconducir cara a posicións beneficiosas á Unión Europea e os EEUU.
Kadhafi e un personaxe difícil de analizar, complexo; as súas actuacións nestes corenta e dous anos cheas de claros e escuros. Os seus inicios na vida política foron os de un militar novo, que a imitación do exipcio Nasser, derruba unha anacrónica monarquía, posta ó servizo do neocolonialismo, nacionaliza o petróleo e o gas e pasa así a controlar unha parte importante da produción mundial. Nunca foi máis que un nacionalista que tentaba repartir algo mellor os beneficios da riqueza do país, o que lle levou a enfrontamentos cos EEUU, aínda que a maior parte destas riquezas as monopolizaron sectores do réxime. Crea tamén unha estrutura estatal “sui generis” diverxente en certos aspectos, do que é un estado capitalista.
A partires do ano 2001 realiza un xiro estratéxico, “paga as súas contas” por acontecementos de carácter terrorista sen obxectivos moi claros, reconciliase co imperialismo, e o Fondo Soberano libio entra a participar en importantes empresas transnacionais; Halliburton, onde se atopa parte da cúpula do goberno Bush, petroleras como Exxon, Chevron, Shell, Brithis Petroleum; con anterioridade na Fiat e polo tanto en Chriysler, entre outras; tamén en diversos negocios na costa española; un bocado demasiado gordo como para “fincarlle o dente” sen que se resistan as finanzas internacionais; é ademais, a traveso de Fininvest, socio de Berlusconi en diversos medios de comunicación.
A creación do Comité Nacional de Transición en Libia, que na UE se quere recoñecer como goberno lexítimo por algúns, Francia, ou como interlocutor por outros, clarifica a situación no seo das forzas opositoras. As revoltas do día 17 de febreiro son populares, dirixidas contra un réxime opresor que, de acordo cas políticas do FMI e o BM, está a levar a cabo unha campaña de privatización do sector público e aplicando medidas de austeridade contra a poboación. O Comité Nacional de Transición é unha creación do imperialismo preocupado pola aparición dos comités populares, algúns deles con programas revolucionarios, nun intento de atopar a quen poida canalizar o movemento e lles permita botar a Kadhafi sen corre-lo risco de que as inmensas riquezas de Libia vaian a parar a mans de quen estean dispostos a levar acabo unha revolución popular e facer unha distribución xusta das mesmas. Ademais, de trunfa-lo Comité, permitiría meter unha cuña no medio de países convulsionados, onde os procesos de mobilizacións dos últimos meses contra as ditaduras impostas polo imperialismo, aínda non chegaron ó seu fin, e é incerto.
Polo tanto a disxuntiva non é Kadhafi ou o Comité Nacional de Transición, senón que partindo de que o pobo libio ten dereito a autodeterminarse, a escolle-lo seu camiño, é necesario apoiar a mobilización popular na seguridade que a vitoria de calquera das dúas opcións anteriores, vai ser unha derrota do pobo libio.

En Galicia no mes de marzo de 2011

No hay comentarios:

Publicar un comentario