A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 2 de marzo de 2011

MULLER E PENSIONAZO. PENSIÓNS: UN PASO MÁIS CARA Á PRIVATIZACIÓN E MENOS PARA A IGUALDADE

 Xulia Mirón

A firma do Pacto Social por parte dos dirixentes de CC.OO e UXT co goberno e a patronal ten un claro obxectivo: que sexa o conxunto da clase traballadora a que pague a débeda do Estado e que bancos e aseguradoras fáganse con miles de millóns de euros a través dos plans de pensións privados. Ademais, os asinantes do pacto aseguráronse de que o seu contido tamén se estenda á reforma laboral e á negociación colectiva. O Pacto supón un retroceso no conxunto dos dereitos da clase traballadora que tanto custou conquistar.
Pensións actuais
A reforma das pensións públicas, xunto outras medidas tomadas polo goberno (reforma laboral, privatización da sanidade, educación e servizos sociais), supón un ataque directo contra o mal chamado “Estado do Benestar”. Todas elas con consecuencias específicas sobre as mulleres.
O 93% das pensións de viuvez son destinadas a mulleres e o 35% delas apenas cobran a contía mínima, nalgúns casos de 500 euros. As mulleres cobran de media até un 39% menos de xubilación que os homes, o que en moitos casos sitúlas no limiar da pobreza. Por outra banda, as desigualdades salariais entre homes e mulleres son dun 41% en moitos casos, o que se traduce en pensións máis baixas que se verán aínda máis reducidas co “pensionazo”.
Ademais, o 8,5% das mulleres ocupadas -moitas inmigrantes sen papeis- traballan como empregadas de fogar, máis da metade delas sen estar dadas de alta na Seguridade Social, porcentaxe que tende a aumentar coa crise.
Un paso menos para a igualdade
O atraso da idade de xubilación até os 67 anos, o aumento de número de anos cotizados para cobrar o 100% e a ampliación do período de cómputo a 25 anos para o seu cálculo, supoñen directamente dificultar o acceso ás pensións, reducir a súa contía e incrementar a pensión “non contributiva”. Esta situación golpeará especialmente ás mulleres que traballan en sectores con baixos salarios, contratos a tempo parcial, con interrupcións de cotización por maternidade, coidados de fillos, familiares ou enfermos e longos períodos de paro.
Xubilarse aos 65 anos (homes e mulleres) suporá haber cotizado, sen ningunha interrupción da súa vida laboral, desde os 26 anos, cantas mulleres actuais cumpren iso? E as futuras? A receita do goberno para tentar facer digerible este brutal recorte é implantar un sistema como en Alemaña que contempla que “as mulleres que interrompesen a súa vida laboral por nacemento ou adopción poderán adiantar a idade de xubilación en 9 meses por cada fillo, cun máximo de 2 anos, sempre que con ese período adicional dispoñan de cotización suficiente para a xubilación plena entre os 65 anos e os 67”, así como a ampliación en 3 anos do período cotizado por excedencia para coidado de fillos.
O pacto establece un catálogo de profesións penosas, tóxicas e perigosas. Actualmente existe para a xubilación anticipada en profesións como, mineiros, mariñeiros, etc., pero ningunha en sectores feminizados como residencia de maiores, limpeza, hospitais etc., que supoñen traballos con carga físicas moi fortes que danan a saúde das traballadoras.
O goberno fala de igualdade de xénero como obxectivo, pero as medidas tomadas van nun sentido moi distinto, o de empobrecer aínda máis aos sectores máis oprimidos da sociedade como as mulleres traballadoras.
Plan de emprego ou máis desemprego?
Para o goberno e os dirixentes de CCOO e UXT reducir o paro as/os mozos, que hoxe alcanza o 40%, é reducir até o 100% as cotas empresariais á Seguridade Social. Pero esta medida non é nova, levan anos con ela e só serve para fomentar a man de obra barata, a precariedade laboral, a non creación de emprego estable nin de calidade, e un novo desvío de fondos públicos cara á patronal, detraídos da Seguridade Social á conta de recortar dereitos da clase traballadora.
A maneira efectiva de combater o desemprego é con medidas como a repartición do traballo entre todas/os, reducindo a xornada laboral sen redución salarial e reducindo tamén a idade de xubilación para que poida producirse o revelo xeracional. Todo o contrario do que expón o pacto que, co alongamento da vida laboral, dificulta o acceso ao emprego ás máis novas.
Un paso máis cara á privatización
Coa reforma das pensións o goberno dá un paso máis na privatización dos servizos públicos, para entregarlle á banca e ás aseguradoras o botín das pensións co argumento do envellecemento da poboación. Para iso necesitan rebaixar aínda máis as pensións públicas para obrigar a que sexan completadas coas privadas.
En realidade, o diñeiro para garantir as pensións públicas dignas de todas e todos existe, só hai que sacalo de onde está, aumentando os impostos sobre as grandes fortunas, as SICAV, os bancos e grandes empresas, deixando de subvencionar institucións machistas como a Igrexa e innecesarias como a Casa Real. Se o sistema público de pensións estivese en perigo (o que non é certo, segundo demostran reputados economistas críticos) que se financie con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado.
As mulleres traballadoras, as novas e inmigrantes, participamos na folga do 29S e nas mobilizacións do 27E contra os plans do goberno e temos que ser parte activa da loita pola súa continuidade. Para iso é preciso organizarse nos centros de traballo, de estudo, barrios, etc., nas organizacións da clase obreira, nos colectivos de mulleres pola súa liberación, para enfrontar e botar abaixo os plans de axuste e austeridade do goberno e da UE.

En Galicia no mes de marzo de 2011

No hay comentarios:

Publicar un comentario