A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

domingo, 27 de marzo de 2011

O "GOBERNO NA SOMBRA" RÉUNESE COA SOMBRA DUN PRESIDENTE.


Carlos Dafonte
Sabemos desde hai moito tempo que o estado non é un instrumento alleo á loita de clases, que o é de coerción, utilizado pola clase hexemónica da sociedade para impoñer os seus criterios e os seus intereses ós demais. Pero case sempre, e non porque os máis poderosos da sociedade sexan moi pudorosos, se mantiñan unhas certas formas, sobre como estes exercen ese dominio e fan chegar as súas esixencias a quen ocupan as mais altas institucións do estado Os canles polos que “inducían” os gobernos de turno a levar a cabo unhas políticas económicas e se descartaban outras permanecía oculto para a grande maioría da poboación. Sospeitábase que habería algún tipo de contacto, da existencia de intermediarios entre o poder económico e quen ocupaba o goberno, sospeitábase que nalgúns palcos dos equipos de fútbol, dos máis punteiros, intercambiábanse opinións que servían para tomar importantes decisións que nos afectaban a todos; ou nas festas das embaixadas e toda outra serie de “saraos” que se organizan e ós que asisten as altas finanzas e polític@s vari@s
Pois ben nos últimos meses o goberno actual clarifica todas estas cuestións e periodicamente xúntase na Moncloa co máis granado das empresas que cotizan no IBEX 35 e programan, cunha certa “luz e taquígrafos” , as liñas fundamentais da política económica que máis lles benefician, que non teñen nada que ver cas políticas económicas que en tempos como os actuais, de crise, permitirían saír do pozo no que se atopa á grande maioría social que a sofre. Privilexia ós máis ricos, xúntase con eles por ter máis medios que ninguén, cando a constitución establece que non hai privilexios por razón de fortuna.
Hai que agradecerllo ó presidente Rodriguez, que se teña quitada a careta e que apareza como o que é, o “mandado” do capital, que teña esquecido o seu programa electoral de 2008, cando negaba a evidencia da crise e chamaba a votarlle para levar adiante unha política de pleno emprego, para a creación de dous millóns de novos empregos, para aumenta-las pensións, para mingua-la taxa de temporalidade ó 25 %, para reducir en 400 euros o IRPF, para dobra-lo orzamento en investigación, para pular desde a Unión Europea unha política de paz ....
Hai que seguir afondando nas reformas, lle esixen, e pasaremos de novo por Moncloa dentro de tres meses para ver si levaches a cabo os deberes. O espectáculo é patético.
Se van privatizar caixas, aeroportos, portos e todo o que sexa necesario para satisfacción destes parasitos que malgastan a riqueza creada pol@s asalariad@s. Non hai ningunha medida que esixa responsabilidades a banqueiros que hai que rescatar co diñeiro de tod@s, nin a consellos e altos cargos das caixas que as levaron á actual situación.
A actuación do estado español obríganos a todos cos nosos impostos, a tapa-los buratos que moitos dos que se xuntaron na Moncloa, pola súa mala xestión, crearon. Así, a débeda privada convértese en pública e temos que pagala entre tod@s; como dixo ese “gran emprendedor” o señor Díaz Ferrán, traballando máis e cobrando menos.
Se “os mercados” e os “gobernos na sombra” impoñen os seus criterios e á sociedade non se lle pide opinión e se cambia tan aleivosamente de programa, pódese dicir que vivimos nunha sociedade democrática?.

En Galicia no mes de Marzo de 2011.

No hay comentarios:

Publicar un comentario