Carlos
Dafonte
Día 2.
1867.
Comeza en Lausana o II º Congreso da Asociación Internacional de
Traballadores. Contou ca presencia de 72 delegados, maioritariamente
seguidores de Proudhom, 37 suízos e 20 franceses. Entre outros
acordos aprobouse abroga-lo exército para liberarse do poder e da
influenza do capital; que a emancipación dos traballadores é
inseparable da súa emancipación política e que o establecemento de
liberdades políticas era unha medida parcial de absoluta necesidade.
Tamén se falou de establecer un idioma universal.
1872.
Comeza en La Haya o V º
Congreso da AIT, que ten como aspecto máis salientable a expulsión
do anarquismo, seguidores de Bakunin, por parte dos socialistas
científicos, de influenza marxista. Despois da súa expulsión os
anarquistas, ou socialistas libertarios, xúntanse no Congreso de
Saint Imier, Suíza, a partires do 15 de setembro de 1872 e unha vez
disolta a AIT no Congreso de Filadelfia, continuaron cos seus
congresos considerándose lexitimados para continuar cas siglas.
1945.
Proclámase a República
Democrática de Vietnam. Unha vez que os xaponeses, que expulsaran os
antigos colonizadores franceses, son derrotados polo Viet Minh, o
pobo vietnamita proclama a súa independencia na praza Ba Dinh de
Hanoi. Ho chi Minh, fundador do Partido Comunista de Indochina en
1930, é proclamado presidente e le a declaración de independencia
que non é aceptada polos franceses. Estes ca axuda doutros países
imperialistas, instauran de novo o réxime colonial en todo o
territorio ata que son derrotados na famosa batalla de Diem Bien Phu
en 1954. Os acordos de Xenebra dividen o territorio vietnamita en
dous estados, o norte socialista e o sur capitalista e acordase facer
un referendo de unificación, que as potencias imperialistas
impediron. No territorio do sur constitúese a Fronte de Liberación
Nacional, Vietcong, que agrupa a diferentes forzas políticas e
sociais que loitan pola unificación de todo o territorio baixo un
único estado. Os EEUU se involucrarán con centenares de miles de
soldados e a utilización de todo tipo de armamento agás o atómico,
nunha guerra da que sairán derrotados en 1975, véndose obrigados a
abandona-lo territorio vietnamita, unificándose o pais.
1960.
Primeira declaración da
Habana. A política dos EEUU respecto á revolución vitoriosa en
Cuba, foi de tentar seguir intervindo activamente na política, a
economía, etc, como acontecera desde a independencia en 1898.
Despois da Lei de Reforma Agraria, que expropiou propiedades de máis
de 400 has, unha das primeiras a da familia de Fidel Castro, as
tensións con EEUU se fan máis patentes e a finais de outubro o
presidente Eisenhower aproba diversas medidas propostas polo
Departamento de Estado e a CIA, operacións encubertas, ataques
aéreos e navais, apoio a grupos contrarrevolucionarios do interior e
a eliminación física de Fidel.
A
asinatura dun tratado ca URSS, que compra azucre e vende petróleo e
a explosión dun barco francés que transportaba armas para o
exército cubano, tensan as relacións cos EEUU que se negan a
refina-lo petróleo soviético o que leva ó goberno cubano o 29 de
xuño de 1960 a requisa-las refinerías da Texas Oil Company, Shell e
Esson, que ten resposta no goberno dos EEUU ca rebaixa da cota de
azucre que mercaba ós cubanos e facultase ó presidente para
suspender todo tipo de axuda a países que confisquen propiedades de
empresas norteamericanas. A resposta cubana foi confiscar gran número
de empresas norteamericanas, desde refinerías a eléctricas, gas e
telefonía e varias decenas de centrais azucreiras. A volta as
relación diplomáticas ca URSS e condenada pola asemblea da
Organización de Estados Americanos, dirixida con “man de ferro”
polos EEUU, que illan diplomaticamente a Cuba ca excepción de
México.
A
resposta a esa condena é a I ª Declaración da Habana aprobada pola
Asemblea Xeral Nacional do Pobo de Cuba e ratificada nun acto
multitudinario celebrado o 2 de setembro na Praza da Revolución. Na
declaración condenábase o documento aprobado pola OEA así como a
“intervención aberta e criminal que por máis dun século exerceu
o imperialismo norteamericano sobre os pobos de América Latina”.
Rexeitaba o intento de continuar ca doutrina do presidente Monroe;
consideraba que non era unha intromisión a axuda ofrecida pola URSS;
afirmaba que a axuda de China e a URSS nunca se debía entender como
un intento de rachar ca unidade continental e ratificaba a política
exterior de Cuba de amizade con todos os pobos do mundo e o propósito
de manter relacións diplomáticas con todos os países socialistas;
declaraba que a democracia era incompatible ca oligarquía financeira
e que non consistía só na emisión dun voto e afirmaba “que a
democracia só existirá en América cando os pobos sexan ceibes para
escoller, cando os de abaixo non estean reducidos pola fame, a
desigualdade social, o analfabetismo e os sistemas xurídicos, á
existencia máis ominosa”; denunciaba os latifundios, os salarios
de fame, a explotación do traballo humano, condenaba o
analfabetismo, a ausencia de mestres, de escolas, de médicos e de
hospitais; a falla de protección á vellez; condenaba a
discriminación do negro e do indio e a desigualdade e a explotación
da muller; condenaba así mesmo ás oligarquías, a súa venda ás
políticas imperialistas e o roubo e saqueo dos recursos naturais e
acababa facendo un chamado ó deber de loitar contra esta situación.
Día 3.
1866.
Celébrase en Xenebra o I º
Congreso da A.I.T. Neste Congreso como noutros da Internacional,
tratábanse temas moi diversos, aínda que os centrais foron a
definición do socialismo e a caracterización do propio movemento
como obreirista e sindical. A necesidade de socializa-los medios de
produción foi unha conquista moi importante fronte a primeira
concepción socialista de só crítica-los excesos do liberalismo de
raíz burguesa. A partires deste congreso, definirse como socialista
era querer que os medios de produción fosen sociais, vencendo as
presións dos proudhonianos moi apegados ó mutualismo.
Recomendouse
ós internacionalistas a procura de asociacións xerais de ameto
estatal, a partires das sociedades de resistencia existentes.
1969.
Morre Ho Chi Minh, alcume que
significa “o que ilumina” de Nguyen Ai Quoc, lider revolucionario
vietnamita e presidente do seu país. Fundador do Partido Comunista e
do Viet Minh “Liga para a independencia de Vietnam” que consegue
derrotar a xaponeses e franceses e acada-la independencia. A hora da
súa morte o pobo vietnamita enfrontábase a agresión xenocida do
imperialismo dos EEUU, que causou, ata a súa derrota, máis de dous
millóns e medio de mortos vietnamitas.
Día 4.
1889. Se
constitúe na Habana a Liga Central de Traballadores, posiblemente a
primeira organización da clase obreira fundada en Cuba
1970.
Trunfo nas eleccións chilenas
á presidencia, do candidato da Unidade Popular o doutor Salvador
Allende. A UP formárase en decembro de 1969 e representou un avance
respecto a existente Fronte de Acción Popular. Estaba formado polas
seguintes organizacións: Partido Radical, Partido Socialista,
Partido Comunista, Movemento de Acción Popular Unitario, partido de
Esquerda Radical e a Acción Popular Independente; xa no goberno
incorpóranse a Esquerda Cristiá e o MAPU Obreiro e Campesiño.
Contaba co apoio da Central Única de Traballadores.
A
UP postulaba o tránsito dun país capitalista subdesenvolvido ó
socialismo dun xeito democrático e pacífico.
Día 5.
1915.
Comeza en Zimmerwald, Suíza, a I ª Conferencia Socialista
Internacional. Segundo pasaban os meses do conflicto armado, dentro
da socialdemocracia, que votara os cretos de guerra non cumplindo os
acordos da II ª Internacional, comezan a levantarse voces pola paz.
A principios de 1915 celébranse dúas conferencias de
socialdemócratas, a de mulleres e da mocidade; en ámbalas dúas os
bolxeviques quedaron en minoría pero apareceron ademais deles,
outras voces moi críticas o que leva os dirixentes, Kautski,
Berstein e Haas, dun xeito oportunista, sentindo que o voto cambiaba
de orientación, a publicar un manifesto a favor da paz e contra as
anexións territoriais.
En
Italia, o deputado socialdemócrata Morgari inicia os contactos para
celebrar unha conferencia de socialistas de todos os países para
discutir como poñer fin á guerra. Entrevístase en París con
Trotski e con deputados socialistas franceses; en Suíza con Robert
Grimm, que se fai cargo da organización da conferencia. De falar cos
alemás encargase o periodista alemán Karl Radek, que vivía en
Suíza e militaba na á esquerda da socialdemocracia. O 11 de xullo
celebrouse unha xuntanza preparatoria en Berna; polos bolxeviques
participou Zinoviev.
Ata
a celebración da conferencia, Lenin adicouse a agrupar militantes da
esquerda ata conseguir un grupo cos alemás Radek e Bouchardt, o
suízo Platten o letón Berzin, Hogleind, sueco e Nerman, noruego,
que xunto con el e Zinoviev formaron a partir dese momento a coñecida
como “esquerda zimmerwaldiana”.

Por
19 votos contra 12 despois dunha violenta discusión non se tomou en
consideración.
A
discusión continuou sobre o Manifesto que se ía dirixi-lo
proletariado. Houbo tres proxectos e creouse unha comisión formada
por sete membros para redacta-lo definitivo; tres eran da dereita,
Ledebour, Merrheim e Modigliani, Trotoski e dous dos seus
seguidores, Grimm e Rakovski e Lenin que se bateu contra todos, pero
ó final asinaron os seus partidarios o manifesto a pesares de estar
cheo de “timidez e de inconsecuencias”, pero a pesares de todo “é
un paso adiante no camiño da loita contra o oportunismo e da rotura
con este”. No periódico bolxevique publicáronse as posicións
defendidas na conferencia.
O
finalizar creouse a chamada Unión Zimmerwaldiana e os seguidores de
Lenin dentro da mesma, a “Esquerda zimmerwaldiana” que pronto
comezou a medrar sobre todo en Francia grazas o traballo de Inés
Armand.
Día 7.
1871.
Conferencia en Londres da AIT. Non se celebrou o Congreso
correspondente a causa da guerra franco-prusiana e a Comuna de París.
Aprobouse a idea dunha organización centralizada e dunha acción
política revolucionaria. Pero polo que será máis recordada é polo
enfrontamento teórico e persoal entre Marx e Bakunin, representantes
do socialismo e do anarquismo.
Día 8.
1943. Os
nazis asasinan ó comunista e periodista checoeslovaco Julius Fucick.
Nacera en 1903 e en 1921 afiliouse ó Partido Comunista. Participou
na resistencia guerrilleira contra as tropas alemás e foi detido en
1942, circunstancias que relata nun libro, “Reportaxe ó pe da
forca”, cuxo orixinal conseguiu sacar, folla a folla, grazas a un
carcereiro membro da resistencia; publicouse despois da súa morte.
Na súa memoria, desde 1968, celébrase o Día Internacional do
Periodista
Día
9.


1976.
Morre
Mao Zedong. Nacera na provincia china de Hunan en 1893 no seo dunha
familia de campesiños, onde non se valoraba o estudo polo que a
partires dos 13 anos adicouse o traballo na granxa familiar.
Abandonou a casa familiar e comezou maxisterio na Escola de Gangsha.
Pasou un tempo no exército e máis tarde foi nomeado mestre nunha
escola. Despois bibliotecario en Pekin, na universidade, onde entrou
en contacto con textos revolucionarios e cos homes clave da
revolución chinesa, os fundadores do Partido Comunista de China. En
1919 participou na revolta estudantil contra dos xaponeses e en 1921
na creación do Partido Comunista.

Día
11.
1973.
Golpe
de estado dos militares chilenos contra o goberno da Unidade Popular,
presidido por Salvador Allende, co patrocinio e o apoio incondicional
dos EEUU. Este ataque contra a democracia e a instauración de
ditaduras xenocidas, hai que inscribilo dentro da chamada “Operación
Condor”, deseñada nos EEUU. Henry Kissinguer Secretario de Estado
norteamericano foi o seu mentor, e tiña como obxectivo o exterminio
da esquerda en América Latina. Participaron sectores da intelixencia
de Chile, Arxentina, Paraguai, Brasil, Bolivia, Uruguai, Francia, a
contrarrevolución cubana e os EEUU.
O
golpe fascista deste día, foi a culminación da estratexia de
provocación, boicot e violencia desatada desde o primeiro día
contra do goberno da UP, por parte da clase dominante chilena que se
viu desprazada das institucións, despois do trunfo da UP. Contra o
goberno democrático de Allende serviu todo, asasinatos, terrorismo,
folgas salvaxes pagadas e dirixidas pola patronal e a participación
da xerarquía da Igrexa Católica.
O Presidente Allende, que se atopaba no palacio
presidencial da Moeda cando é asaltada e bombardeada, suicídase
despois de lanzar toda unha serie de proclamas, por radio Magallanes,
dirixidas a todos os chilenos. A última, iniciada ás 9'10 A.M.
Finaliza: “Traballadores da miña patria, teño fe en Chile e no
seu destino. Superarán outros homes este momento gris e amargo no
que a traizón tenta impoñerse. Sigan vostedes sabendo que, moito
máis cedo que tarde, de novo se abrirán as grandes alamedas por
onde pase o home ceibo, para facer unha sociedade mellor. ¡Viva
Chile! ¡Viva o pobo! ¡Vivan os traballadores!. Estas son as miñas
derradeiras verbas e teño a certeza de que o meu sacrificio non será
en vano, teño a certeza de que, polo menos será unha lección moral
que castigará a felonía, a covardía e a traizón.
Día
16.
1969.
Importante mobilización
de masas na cidade de Rosario, Arxentina, coñecida como o “rosariazo
proletario” ou “segundo rosariazo”. É a época da ditadura do
xeral Onganía; desde o mes de maio se van producir tanto en Rosario
como en Córdoba importantes mobilizacións de estudantes e obreiros,
contra a ditadura militar, que van desembocar na “xornada dos
mártires” convocada polos estudantes en Rosario o día 7 de
setembro, en lembranza dos estudantes mortos uns meses antes, e a
folga ferroviaria do día seguinte a causa da intervención da
ditadura na “A Unión Ferroviaria”, anulando convenios e
conquistas, rebaixando soldos e categorías, á que se suman outros
colectivos. Esta folga se convirte en indefinida e se estende por
todo o país. A “CGT unificada de Rosario” convoca folga xeral
para o día 16; ás marchas iniciadas desde os arrabaldes, os centros
de traballo e os sindicatos, para ocupa-lo centro responde a policía
cun forte dispositivo represivo producíndose enfrontamentos por toda
a cidade obrigando á policía a repregarse. En numerosos arrabaldes
as forzas proletarias se farán fortes. O 17 intervén o exército,
comezando a actuar tribunais militares. Durante varios días máis,
en numerosas zonas da periferia, os traballadores terán o control
ata que o exército se fai ca situación. Un coronel, Galtieri, que
xogará un papel moi importante, co grado de xeral, como torturador e
xenocida na futura Xunta Militar, participará no operativo
represivo. Cerca de 250.000 habitantes da cidade participaron nas
manifestacións e as protestas e Rosario deixaron clara a vontade de
loita e organización do proletariado e a cidadanía arxentina, a
pesares da férrea ditadura existente.
1972.
Comezo
da folga xeral no sector industrial de Vigo e a súa bisbarra. Os
resultados das eleccións de enlaces sindicais do ano 1971,
reforzaron ás Comisións Obreiras, o que permitiu iniciar un proceso
de reivindicacións e mobilizacións en Vigo e a súa bisbarra que
culminou ca folga xeral iniciada o dia 16 de setembro.
Os estaleiros, Barreras e Vulcano iniciaron as
mobilizacións por unha mellora nas condicións de traballo e contra
a paralización da discusión do convenio colectivo; as direccións
sancionaron esta actitude desprazando traballadores e tomando medidas
contra cargos sindicais. En Censa tamén houbo problemas que
produciron paros, que coincidiron cas mobilizacións obreiras de
Ferrol e a tremenda represión de marzo; despedíronse a 75
traballadores e pechouse a empresa. As Comisións Obreiras
conseguiron levar a cabo un paro xeral que obrigou á dirección de
Censa a abri-la fábrica e readmiti-los traballadores despedidos e a
dar u aumento de soldo. O conflito de Censa coincidiu co da empresa
Citroen onde non había acordo sobre o convenio. Os traballadores por
maioría aprobaron unha plataforma reivindicativa elaborada por
Comisións Obreiras. En apoio da mesma houbo un paro parcial na
quenda da tarde, do día 9. A resposta da empresa, como sempre, foi a
represión, 9 traballadores expulsados entre eles tres enlaces
sindicais. Os piquetes solicitándo a solidariedade con Citroen
estendéronse por toda a cidade e bisbarra e o día 11 para setores
de Barreras, Vulcano e Santo Domingo e con posterioridade Reymar,
Artiscar, Forjas do Miñor, Yarza, Censa, Álvarez e moitas empresas
do sector da construción. Péchanse Barreras, Vulcano, Santo
Domingo, Freire e Refrey. O 16 a folga xeral e total no sector
industrial de Vigo e a súa bisbarra así como en algunhas empresas
da construción. A pesares da represión, dos despedimentos, das
brutais cargas policiais, mentres se puideron facer asembleas, a
folga mantívose activa e cunha actitude moi combativa
Día
17.
1960.
O
goberno revolucionario cubano nacionaliza unha serie de bancos
norteamericanos que controlaban importantes recursos financeiros do
pais. Este feito levouse a cabo ó amparo da Lei 851 de xullo,
coñecida tamén como “lei escudo”, que decretaba a
nacionalización de todas as empresas e intereses norteamericanos na
illa. A lei fíxose efectiva entre agosto e novembro. Entre outros
foron nacionalizados o The First National City Bank of New York, The
First National City Bank of Boston e o Cheasse Manhattan Bank. No mes
de outubro nacionalizouse a banca da burguesía cubana.
Día
18.
1911.
Folga
xeral no estado español convocada pola Confederación Nacional do
Traballo (CNT) contra da guerra de Marrocos e en solidariedade cos
mineiros de Biscaia e os do téxtil de Terrassa e Sabadell. A CNT
fundouse nun congreso de Solidariedade Obreira en 1910. No seu
primeiro congreso, celebrado en 1911, acordouse convocar a folga
xeral polos motivos expostos, que se levou a cabo entre o 18 e o 23
do mes de setembro, causando numerosos incidentes por todo o estado,
sobre todo en Valencia, Xátiva e Cullera. A folga fracasou pola
pequena organización do sindicato anarquista e a falta de apoio por
parte da UXT e o PSOE. Despois da folga o goberno de José Canalejas
decretou a súa ilegalización.
Día
23.
1923.
Sublevación
antifascista en Bulgaria. Despois do golpe fascista do mes de xuño,
que permite a Alexandre Tsankov facerse co poder, desátase unha
forte represión contra o Partido Comunista e as forzas populares. A
pesares da mesma, se prepara unha sublevación popular, a primeira
contra un poder fascista, que se leva a cabo a partires do día 23,
sendo esmagada violentamente polo exército e Dimitrov, máximo
dirixente comunista, é condenado a morte. Estas xornadas de
setembro foron cantadas polo poeta Gueo Mílev no seu poema
“Setembro”, que lle custou o fusilamento en 1925 cando contaba 30
anos de idade. Pablo Neruda fixo unha tradución do poema.
1973.
Morre
o poeta comunista chileno Pablo Neruda, de enfermidade e da tristura
polo golpe dos militares que puxeron fin a experiencia democrática
da Unidade Popular. A súa casa de Illa Negra, foi asaltada polas
hordas fascistas. O seu enterro a pesares da represión converteuse
nunha importante manifestación popular e contra a ditadura recen
instaurada.
Día
25.
1963.
O
Presidente da República Dominicana Juan Bosch, é derrocado por un
golpe militar. Despois de decenas de anos de exilio, unha vez
desaparecido o ditador Leónidas Trujillo, venceu nas eleccións e
acadou a presidencia do país en febreiro de 1963. Conseguiu aprobar
unha constitución que concedía todo tipo de dereitos e liberdades
@s dominican@s; establecía dereitos
laborais, apoiaba a creación de sindicatos, dereitos das mulleres
embarazadas, das persoas sen fogar, os dereitos dos nenos e mozos,
dos agricultores, dos fillos ilexítimos, etc. Bosch enfrentouse a
poderosos opositores, os terratenentes, que temían que os campesiños
se beneficiaran da lei de reforma agraria, os militares, amos e
señores do país durante a sanguenta ditadura de Trjillo, apoiada
polos EEUU, a Igrexa, que acusou a Bosch de facer desaparecer a deus
da vida pública e política, os empresarios e sobre todo os EEUU
que, tiñan bastante con Cuba para aceptar outro goberno que tendía
cara a esquerda no Caribe. Foi derrocado polo coronel Elías Wessin e
formouse unha xunta militar de tres membros.
Día
27.
1927.
O
Presidium do Comité Executivo da Internacional Comunista, expulsa da
mesma a Trotski.
Día
28.
1864.
Constitúese
no St. Martin's Hall de Londres a Asociación Internacional de
Traballadores, tamén coñecida como Primeira Internacional.
Participan un grupo de traballadores franceses, moitos exiliados do
ano 1848 residentes en Londres e sindicalistas británicos.
Os antecedentes hai que buscalos na xuntanza entre
sindicalistas ingleses e franceses celebrada en Londres con motivo da
exposición de 1862 e o mitin internacional pola independencia de
Polonia, tamén celebrado na capital británica o 22 de xullo de
1863.
No St. Martin's Hall elixiuse un comité internacional
no que figuraban 21 ingleses, 10 alemás, 9 franceses, 6 italianos, 2
polacos e 2 suízos. Karl Marx encargouse da redacción do Manifesto
Inaugural e do Proxecto de Estatutos da nova organización, aprobados
o 1 de novembro de 1864.
Día
29.
1933.
Nace
en Xilembena, provincia de Gaza, Mozambique, Samora Machel, o
primeiro presidente do país despois da independencia de Portugal, a
potencia colonizadora. Fixo os estudos primarios nunha escola de
misioneiros e foi enfermeiro mentres cursaba a secundaria nocturna.
Desde moi novo participou en actividades clandestina a favor da
independencia de Portugal.
En 1962 exiliouse, afiliándose ó FRELIMO (Fronte de
Liberación de Mozambique), movemento de maioría marxista. Recibiu
entrenamento militar en Arxelia e máis tarde foi comandante das
frontes guerrilleiras de Niassa e Cabo Delgado.
En 1968, no II º Congreso da Fronte foi elixido membro
do seu comité central e despois do asasinato de Eduardo Mondlane,
polos servizos secretos surafricanos, que era o presidente do
movemento, Samora Machel foi elixido para este cargo en maio de 1970.

1906. Segunda intervención dos EEUU en Cuba en
aplicación da chamada “enmenda Platt”, que no seu artigo 3º
establecía: “O Goberno de Cuba acepta en que o dos EEUU poda
exercer o dereito de intervir para a preservación da independencia
cubana, o mantemento dun goberno adecuado para a protección da vida,
a propiedade e a liberdade individual...”
O 14 de novembro de 1905, os máis de 300
norteamericanos propietarios de terras e plantacións na illa dos
Pinos, se declararon “separados de Cuba” e proclamaron a súa
adhesión á Unión Norteamericana. O ministro norteamericano na
Habana, Squiers, pediulles ás autoridades cubanas que abandonaran a
illa e solicitou o seu goberno o envío de barcos de guerra.
A sublevación liberal de agosto de 1906 contra o
goberno corrupto de Estrada Palma, que anulou dun xeito fraudulento a
súa candidatura á presidencia, foi aproveitada polo goberno dos
EEUU para nomear a William Taft gobernador xeral da República de
Cuba, baixo a autoridade do presidente dos EEUU. Posteriormente sería
nomeado gobernador Charles Magoon que malgastaría os fondos da
facenda cubana. Esta segunda ocupación finalizou en 1909.
No hay comentarios:
Publicar un comentario