Carlos Dafonte
Hai moitos anos, o 24 de
febreiro de 1965, no Seminario Afroasiático celebrado en Alxeria,
unha parte da esquerda mundial recibiu un “electrochoc” cando
Ernesto Guevara leu o que foi considerado un dos máis célebres
discursos por el pronunciado, onde con poucas veladuras acusaba ós
considerados países socialistas de practicar un imperialismo
encuberto, sobre os países subdesenvolvidos:
“(:::) el desarrollo de
los países que empiezan ahora el camino de la liberación, debe
costar a los países socialistas(...) No puede existir socialismo si
en las conciencias no se opera un cambio que provoque una nueva
actitud fraternal frente a la humanidad, tanto de índole individual,
en la sociedad en la que se construye o está construyendo el
socialismo, como de índole mundial en relación a todos los pueblos
que sufren la opresión imperialista..
Creemos que con este
espíritu debe afrontarse la responsabilidad de ayudar a los países
dependientes y que no debe hablarse más de desarrolllar un comercio
de beneficio mútuo basado en los precios que la ley del valor y las
relaciones internacionales del intercambio desigual, producto de la
ley del valor, oponen a los países atrasados.
¿Cómo puede significar “beneficio mútuo” vender a precios de mercado mundial las materias primas que cuestan sudor y sufrimientos sin límites a los países atrasados y comprar a precio de mercado mundial las máquinas producidas en las grandes fábricas automatizadas del presente?.
Si establecemos ese tipo
de relación entre los dos grupos de naciones, debemos convenir en
que los países socialistas son, en cierta manera, cómplices de la
explotación imperial. Se puede argüir que el monto del intercambio
con los países subdesarrollados, constituye una parte insignificante
del comercio exterior de estos países. Es una gran verdad, pero no
elimina el carácter inmoral del cambio.
Los países socialistas
tienen el deber moral de liquidar su complicidad tácita con los
países explotadores del Occidente.(...)”
Polo tanto para un sector
amplo da esquerda mundial, onde o Che Guevara e a revolución cubana
tiñan un enorme prestixio, posicións como as que contiña o
discurso de Alxeria, foron motivo de discusión non só sobre a
relación dos chamados países socialistas cos subdesenvolvidos,
tamén sobre as existentes entre a URSS e o resto de países do pacto
de Varsovia e sobre todo ca outra grande potencia que iniciara o
camiño do socialismo, China; se entre eles podíanse estar a dar
relacións de carácter imperialista.
A partires dos análises
sobre os devanditos feitos, os apoios que a URSS prestaba a países
subdesenvolvidos que non se liberaran do xugo do neocolonialismo,
foron analizados desde outra perspectiva distinta. Con anterioridade
era moi común razoar que este apoio era, en exclusiva, para axudar a
edificar unha sociedade máis xusta e igualitaria, ó marxe da
explotación e submisión a intereses foráneos que a presencia
imperialista encabezada polos EEUUU, significaba. A partires desa
intervención, moitos perdemos unha certa inocencia.
Poucos anos despois, a
posición do Partido Comunista de Checoeslovaquia no proceso que se
coñece como “primavera de Praga”, iniciado no ano 1967, volveu a
abrir o debate no seo da esquerda sobre estas relacións, sobre todo
despois da entrada dos tanques do Pacto de Varsovia para poñer fin a
experiencia, en agosto de 1968. Algúns consideraban que a posición
do PCCh era cómplice, facíalle o xogo a escalada do imperialismo
contra a URSS, a nai do socialismo. Enfronte atopábanse os que
consideraban que o pobo checoeslovaco tiña dereito, co seu PC á
fronte, a buscar alternativas distintas de carácter económico, de
organización política e tamén social, sempre dentro da edificación
do socialismo, ás impostas desde Moscova, que no fondo tiñan fortes
ligazóns ca idea de “socialismo nun só país”, de sometemento
non xa dos partidos comunistas ás políticas de Moscova, senón de
todo canto país rachase co capitalismo e iniciara o proceso de
edificar unha sociedade alternativa ó mesmo. Afirmouse que do que se
trataba era de poñer orde nos espazos imperialistas que cada “grande
potencia”, serva o eufemismo, administraba.
Polo tanto sectores,
digamos xenericamente, comunistas do estado español, sempre tiveron
moi presente que no propio campo onde se tentaba edifica-lo
socialismo, podíanse a estar a producir relacións entre estes
países que eran unha copia das que se producían na cadea
imperialista, con elos fortes e febles e resultados desastrosos para
os máis febles.
Agora, que se ten
restaurado o capitalismo na que se coñecía como Europa do leste e
China, sería inxenuo pensar que as dúas grandes potencias que en
tempos tentaron edifica-lo socialismo, non tentasen impoñer
relacións de carácter imperialista cando se restaurou o
capitalismo; non facelo sería tanto como acepta-la supremacía dos
EEUU e xogar un papel subordinado.
O problema de comprender
como funciona o imperialismo hoxe, desde o meu punto de vista,
atópase en dar resposta as seguintes cuestións: en primeiro
lugar, como debemos interpretar hoxe o elaborado por Lenin sobre
o imperialismo, que non foi demasiado;en segundo se nun mundo
no que agás dous ou tres países o resto é capitalista, hai unha
soa cadea imperialista e estase a loitar por ser dentro de ela os
elos máis fortes; terceiro, se o imperialismo dos USA e os
seus asociados ten o mesmo carácter que o que practican as potencias
que fracasaron na construción do socialismo e cuarto se da
crise actual o imperialismo vai saír reforzado.
Lenin analiza no seu
folleto, así lle chama, “O Imperialismo, fase superior do
Capitalismo” que este é resultado, como xa demostrara Marx, de
que a libre competencia enxendra a concentración da produción e que
dita concentración nun certo grao do seu desenvolvemento, conduce ó
monopolio, fillo tamén das sucesivas crises que se dan no planeta.
En primeiro lugar da grande depresión internacional da industria na
década dos anos 70 de século XIX, orixinada no crac de 1873. Nesta
etapa aparecen e se desenvolven os cartels, asociacións monopolistas
de patróns. A crise que se inicia en 1900, os consolida e afirma
Lenin, “os cartels convértense nunha das bases de toda a vida
económica. O capitalismo se ten transformado en imperialismo”.
É interesante como
recolle algún aspecto do escrito polo economista burgués Kestner,
no relativo a como os cartels tentan subordinar a aqueles empresarios
que non forman parte dos mesmos, que pode dar as claves do que ocorre
hoxe en día, entre a grande empresa transnacional e aquelas que non
o son, os medios para que a grande someta á pequena: Privación de
materias primas, de man de obra mediante alianzas cos sindicatos
obreiros, de medios de transporte, de posibilidades de venta,
acordos cos compradores para soster relacións só cos cartels,
mingua sistemática dos prezos, privación de cretos, declaración do
boicot.
Os puntos que definen
o imperialismo.
O Imperialismo, como
afirmou Vidal Villa, é polo tanto un fenómeno que aparece como
resultado da evolución dialéctica das contradicións do modo de
produción capitalista. A solución das contradicións propias do
capitalismo de libre concorrencia é a súa negación, a aparición
do seu contrario. Non é o resultado dunha política dunha clase
determinada como sostiveron algúns dos máis importantes dirixentes
da II Internacional, senón como a evolución necesaria do propio
sistema capitalista. O Imperialismo é unha necesidade histórica do
sistema capitalista.
É moi coñecida a
definición que Lenin da do Imperialismo, definición abreviada, di
el, “é a etapa monopolista do capitalismo” e no desenvolvemento
da mesma e cando formula os cinco puntos que sempre se utilizan para
falar do tema, aínda que reducen os contidos do que Lenin formulou
só o aspecto económico, eliminando os políticos- revolucionarios,
terxiversando en certa medida o seu pensamento.
Aínda que moi coñecidos,
vámolos lembrar: a concentración da produción e o capital
desenvólvese nun grao que crea a aparición dos monopolios, que van
desempeñar un papel moi importante na vida económica; a fusión do
capital bancario co industrial e sobre a base deste capital
financeiro a aparición da oligarquía financeira; adquire enorme
importancia a exportación de capitais, relegando a un segundo termo
a exportación de mercadorías; a formación de agrupacións de
capitalistas monopolistas que se reparten o mundo; finalizado o
reparto do planeta entre as grande potencias, só cabe que unhas
rouben a outras territorios de influenza.
Como se pode apreciar
estes cinco puntos refírense estritamente a aspectos económicos,
pero Lenin falou tamén doutros elementos propios do imperialismo,
intimamente conectados con estes cinco, que é necesario salientar.
En primeiro lugar, o que denomina “aburguesamento” dun sector da
clase obreira dos países imperialistas máis poderosos, proceso que
considera propio do imperialismo: “O imperialismo tende a crear
sectores privilexiados tamén entre os obreiros e a separalos das
amplas masas do proletariado” e no limiar á edición francesa
afirma: “Esta capa de obreiros aburguesados ou de “aristocracia
obreira”, enteiramente pequeno burguesa polo seu modo de vida,
polos seus salarios, por toda a súa concepción do mundo, é o
principal sostén da II ª Internacional e, nos nosos días, o
principal apoio social da burguesía”. Polo tanto o imperialismo
actúa sobre a estrutura de clase dos países poderosos, isto no
significa que anule as contradicións de clase, pero explica o apoio
naqueles tempos, ás políticas revisionistas da Internacional
Socialista e ás keynesianas de despois da II ª Guerra Mundial, así
como as dificultades para levar a cabo nos países centrais do
sistema políticas revolucionarias, posto que a súa dirección
política non o é, a clase obreira intégrase no sistema e como di
Lenin, “Na guerra civil entre a burguesía e o proletariado, un
número apreciable deles se aliñan xunto a burguesía”.
Polo tanto se
traducíramos a actualidade o que reflectíase nos tempos nos que
Lenin escribiu a súa obra, a un espazo como poden ser na Unión
Europea, afirmaríamos que os que se seguen a chamar socialistas,
fillos e herdeiros, dun cadáver que é a II ª Internacional, como
nos seus tempos, fan políticas ó servizo do capitalismo e seguen a
contar cunha importante base obreira, incapaz de liberarse da falsa
afirmación de que seguen a representar a esquerda.
Outro punto a salientar
por Lenin no seu análise do imperialismo, e que se esquece moitas
veces, é sobre o papel revolucionario que van xoga-los movementos de
liberación pola independencia e contra o colonialismo e o
imperialismo, e a necesidade de alianzas entre o proletariado
revolucionario e estes movementos.
A existencia de dúas
cadeas imperialistas.
Desde
o meo punto de vista, na actualidade existen dúas cadeas
imperialistas formadas por elos fortes e febles, que se atopan
relacionadas a todos os niveis, como é o normal nun mundo dominado
polo modo de produción capitalista, cuxos elos máis fortes de cada
unha delas someten ós máis febles os seus intereses, é dicir
téntanse facer ca maior parte de plusvalía posible dos países da
súa influenza. Dentro de cada cadea, como non podía ser doutro
xeito tratándose do sistema capitalista, existen contradicións
entre os máis fortes; e non debía facer falta repetilo estas
contradicións son formidables entre os elos fortes de cada unha
delas. Polo tanto que ninguén espere que diga que hai un
imperialismo malo e outro bo, ningún dos dous e bo para quen o
sofre. Pero iso non quere dicir que os xeitos de exercelo sexan os
mesmos entre os que poden se-la parte forte dunha cadea, os chamados
BRICS (Brasil, Rusia, India, China e Suráfrica) na que non todos
xogan o mesmo papel e os da outra, cos EEUU, a UE e Xapón como
principais representantes, onde a OTAN é a primeira potencia mundial
militar, e os EEUU teñen bases en case todos os países do planeta;
en tempos dicían, para defende-lo mundo do comunismo, agora debían
desmantelalas pois senón haberá que dar a razón ós que sempre
pensamos que o que se quere é domina-lo mundo e non salvalo de
ameazas inexistentes.
Ademais
os EEUU teñen frotas moi poderosas en todos os mares, comandos
militares cos seus mandos específicos en todos os continentes,
ultimamente trasladaron o mando relativo a África, AFRICOM, de
Europa a Nixeria, o que seguramente vai significar desestabilización
para determinados países dese continente.
Ó
imperialismo encabezado polos EEUU non lles chega co dólar para
domina-lo planeta, necesitan a forza, a violencia, o amedrentamento,
as ditaduras, a desestabilización dos seus inimigos por calquera
método para acada-los seus fins. E as empresas multinacionais, tamén
seguen a necesitar como no caso do Congo, exércitos de mercenarios,
aeródromos e frotas de avións de carga para saca-lo mineral
estratéxico chamado coltán e almacenalo en lugares máis seguros.
Saquean o país con total impunidade.
E no
caso da OTAN, hai que recoñecer que a política agresiva contra
Rusia, unha vez desaparecida a URSS, serve como exemplo da súa
agresividade; entraron na organización militar, Hungria, Polonia,
Estonia, Letonia, Lituania, República Checa, Bulgaria, Eslovaquia,
Eslovenia, Croacia, Rumanía, Bulgaria e Albania; na maior parte con
bases de mísiles que apuntan a Rusia; Ucraína estaba fora, pero o
golpe dado polos neonazis, o partido Sbovoda, seguidores do coñecido
dirixente, xa falecido Bandera, posiblemente lles leve a pedir tamén
a entrada na organización.
China
e Rusia levan políticas similares no planeta?. Hai que recoñecer
que son imperialistas pero exercen esta función dun xeito moi
diferente. Eu cualifiqueino de imperialismo de “baixa intensidade”.
Nos
últimos anos os tratados preferenciais asinado por EEUU e China con
terceiros países, teñen cambiado diametralmente; hai vinte anos,
EEUU superaba en moito os tratados subscritos, hoxe China xa ten máis
tratados comerciais, con países ou áreas económicas, que a
primeira potencia mundial e polo de agora ninguén lles pode atribuír
ós chineses ameazas militares, golpes de estado para que asinen con
eles estes tratados, etc, cousa que é o habitual na actitude dos USA
a traveso da súa historia. Non hai máis que observar con vagar a
cantidade de intervencións que realizaron en América durante todo o
século XIX e principios do XX; en México a quen lle roubou máis da
metade do seu territorio, en Nicaragua en numerosas ocasións, en
Cuba e Portorrico, en Colombia segregándolle o territorio de Panamá,
na República Dominicana en varias ocasións, en Haití, ou en
Honduras, intervencións todas anteriores a 1925. Cando o
imperialismo, como maduración do capitalismo, atopábase nos seus
inicios.
Os
países capitalistas imperialistas sempre buscan o mesmo, apropiarse
da maior cantidade de plusvalía en beneficio dun sector minoritario
da sociedade planetaria en constante loita entre os diferentes grupos
nos que este sector divídese; pero o xeito no que se exercen as
relacións con terceiros países, a súa actividade para acada-los
seus obxectivos, pode non ser sempre a mesma.
A
crise actual non debe afectar do mesmo xeito ás dúas cadeas
imperialistas e polo tanto as súas respostas as súas necesidades de
acaparar plusvalor tamén son diferentes. Se observamos con atención
as intervencións agresivas dos EEUU e os seus aliados neste período
desde principios do novo século, céntranse preferentemente nos
países onde a plusvalía obtida dos traballadores e as materias
primas, eran “administradas” por gobernos que non permitían o
libre acceso ás empresas multinacionais, onde existen controis
estatais, atrancos importantes o acceso ó plusvalor producido pol@s
traballador@s. O que non quere
dicir que a riqueza producida pola forza de traballo fora distribuída
equitativamente.
O
que esta claro é que esta crise, como ocorreu noutras ocasións, vai
afonda-lo proceso de concentración do capital; o acontecido cas
Caixas e Bancos no estado español pode servir de exemplo, o que vai
a reforza-lo proceso de fortalecemento dos monopolios e polo tanto do
imperialismo.
Pero
ó mesmo tempo a crise pon en cuestión, pola dureza da mesma en
todos os elos, das cadeas imperialistas, tanto entre os fortes como
entre os febles, a posibilidade de que unha grande parte dos
traballadores dos países centrais, continúen a xoga-lo papel de
esquirois da súa propia clase, o que significa a perda de
credibilidade das cúpulas burocratizadas dos sindicatos e tamén a
perda de apoio ó que representan hoxe, e que Lenin analizaba no seu
tempo, os herdeiros da Internacional Socialista, os partidos
chamados socialistas cuxa misión, “grosso modo”, non é outra
que recolle-los votos de importantes sectores do movemento obreiro e
popular e poñelos ó servizo dos intereses da oligarquía.
Non
todos os países capitalistas son imperialistas, aínda non se chegou
ó grao de desenvolvemento do capitalismo no planeta, para que así
sexa; e hai países que loitan, ca clase obreira á cabeza, contra a
dependencia que os converte nun elo dunha cadea imperialista
determinada; a solidariedade dos traballadores do centro do sistema
segue a ser, como nos tempos de Lenin, fundamental para axudar á súa
liberación e a loita contra o imperialismo. Coñecemos as
dificultades para edificar unha nova sociedade, se este proceso non
se leva adiante en diferentes lugares e dun xeito coordinado. Polo
tanto segue a ter o internacionalismo, unha importancia fundamental.
En
Galicia, no mes de marzo de 2014.
No hay comentarios:
Publicar un comentario