A realidade política
española, senón fose polos caracteres tráxicos cos que se está escribindo en
forma de desafiuzamentos, taxas de paro, suicidios e emigración, podería
visualizarse coa imaxe cómica do camarote dos Irmáns Marx.
Hai pouco tempo, nese
camarote estaban o Chico, Harpo e Groucho en forma de PP, PSOE e EU -non
necesariamente por esta orde-. Pero tras ese iceberg que foi o 15M contra a
liña de flotación do buque que leva o camarote, este encheuse de novos
personaxes. Agora camareiros e pedicuras, viaxeiros e achegados, apíñanse no
seu interior, sen que se saiba moi ben onde empeza un e termina outro.
A que vén todo isto. Pois moi sinxelo, ese iceberg, e outros máis pequenos que golpearon o casco do vello buque, abriron vías de auga e todos os presentes se aprestan a tapar esas vías, a pór parches para que a sangría non afunda o buque, todos coa filosofía marxista (de Groucho), do "aquí teñen os meus principios, se non lles gustan, temos outros". Todo para salvar o vello buque.
A sangría esta provocada
por eses caracteres tráxicos cos que se está escribindo a realidade, caracteres
aos que non lles chegan as solucións ofrecidas até agora polo capitán do buque.
Para tentar evitar males maiores, cambiaron de capitán, e ademais incorporaron
a novos actores, todos coa mesma idea, tapar a vía de auga aberta. O final é o
camarote dos irmáns Marx.
Pero a vía de auga segue
aberta, o barco xa é tan vello que nin un novo capitán nin os seus novos
axudantes poden facer outra cousa que alargar a súa agonía. Hai que levalo ao
despezamento, e comezar a construción doutro novo, moderno. Para iso hai que
evacuar ese camarote cheo de "marxistas" pensamento Groucho, e
recuperar o marxismo pensamento Carlos.
En Galiza no mes de marzo
de 2015
No hay comentarios:
Publicar un comentario