Roberto Laxe
“Acabáronse
os debates. Fixadas as posicións, o próximo minuto de ouro será o de cada
votante”. Esta é a última frase da crónica do diario dixital “elplural” é do
debate de onte entre varias candidatas.
Con ela define
meridianamente o que é a democracia baixo este sistema; unha sucesión de
mitenes, de frases e ideas forza transmitidas polos medios, nos que a
participación real da poboación redúcese ao “un minuto de ouro”; o tempo de
botar a papeleta na urna. Ao día seguinte da chamada “festa da democracia”, que
en realidade é un minuto, a poboación deixa de ter a menor importancia, e a
“política” volve onde gústalles que estea, nos despachos, nos corredores ou na
baratísima cafetaría do Congreso dos Deputados.
Vaiamos por partes,
porque a frase ten calado
“
Son os “líderes” os que
falan, os que fixan posicións, e os que debaten, convertendo a democracia nunha
“república de sábios” (estirando o concepto de “sábio” até o infinito) que para
si quixese Platón. Isto non é unha democracia, é un concilio daqueles que os
medios encumbran. Democracia é xusto o oposto, é que a poboación non só teña un
“minuto de ouro”; senón que participe no día a día dos asuntos públicos,
debatendo e sobre todo podendo revogar aos / as representantes que elixan e non
cumpran co pactado no programa político.
Alem máis; o debate
político nunca pode acabarse, porque ao día seguinte, o 11N neste caso, os
“políticos” tomarán decisións, farán leis, etc..., e a poboación non pode
asistir pasivamente ante iso, salvo que o “minuto de ouro” sexa estenderlle un
cheque en branco ao que votou. E iso, novamente, é o oposto á democracia.
A mellor garantía fronte
ao ascenso da extrema dereita herdeira do franquismo é a profunda politización
da poboación traballadora; a súa organización diaria para enfrontar as medidas
que desde os gobernos veñen aplicando. Foi Franco o que dixo, “fai como eu, non
te metas en política”, e desde os medios de comunicación españois, incluídos os
progresistas, séguese o consello: “acabáronse os debates”. Non! Abramos os
debates de que facer tras o 10N.
Isto lévanos á segunda
cuestión, xa de contido; fixáronse “as posicións”. Vexamos. Uns, Vox, sobre
todo, teno claro; e se teñen éxito é precisamente porque falan claro, non
esconden a súa cara tras o “politicamente correcto”, que non é outra cousa que
a institucionalización e desactivación de moitas esixencias sociais que quedan
desatendidas, pero ante as que todo o mundo pon cara de interese. Vox arrastra
porque di o que pensan sectores sociais, e non se corta.
A esquerda e o
progresismo están ante eles desarmados, porque atados como están ás formas do
“politicamente correcto”, non din o único que se pode dicir: esas esixencias
sociais desatendidas son imposibles de resolver baixo este sistema e este
réxime. Ao contrario, din que se lles votas, poderían ser atendidas, co que dan
aval ao réxime que deu acubillo aos de Vox. Xa vale-lles! Por exemplo, fronte á
claridade política fílo fascista de Vox, a resposta é porse de perfil e falar
das cuestións sociais. Chegamos a unha situación de crise social e política, e
non só no Estado Español, senón a nivel mundial (desde Chile até Hong Kong,
pasando pola EE UU ou Francia), que porse de perfil só desarma aos que din
representar, os “de abaixo”.
Clinton gañou unhas
eleccións baixo a lema de “é a economía, estúpidos”. Hoxe hai que darlle a
volta á frase, e dicir claramente: “é a política, estúpidos”. Axir, como fai
Unidos Podemos, BNG e outras forzas, as “cuestións sociais” ou “galegas” fronte
a situación como a actual é actuar como o necio ante o sabio, mira ao dedo,
mentres leste sinala a lúa.
É a política, estúpidos!
porque todas as cuestións sociais, desde as reformas laborais, de pensións,
privatizacións, feminicidios, nacionais, etc..., están nun embude: o Réxime do
78 e os retrocesos na súa estrutura política e
xudicial. Mentres axitan as “cuestións sociais”, o goberno da monarquía aprobou
un decreto para pechar webs sen orde xudicial (viva a democracia!). As
cuestións sociais, como as nacionais, non teñen cabida dentro deste réxime. Vox
teno claro, o PP tamén, a Cs dálle igual, está en caída libre; o PSOE é
evidente, quere gobernar para aplicar as medidas que xa tem “fixado” como a
mochila austriaca, à represión en Catalunya e demais. É obvio, que nestas
condicións, calquera voto é inútil.
Volvendo ao comezo,
agora desde outra perspectiva. Se a poboación traballadora quere enfrontar a
que vén, goberne quen goberne, pois a crise capitalista non perdoa, non debe
dar por acabados os debates; antes ao contrario, ten que comezalos. Ten que
comezar a debater desde os centros de estudo, de traballo, desde os barrios
como organizarse mellor para loitar contra esas medidas e o réxime que as impón
a golpes xudiciais e policiais.
A actitude ante o
estado, divisoria de augas
Os chamados ao voto útil
que realizan-se desde as forzas progresistas (que non de esquerdas; o programa
do PSOE do 78 era máis de esquerdas que o actual de UP), para frear á extrema
dereita e forzar un xiro do PSOE non son máis que a expresión dunha concepción
reaccionaria do Estado. Parte da confianza en que o estado é unha organización
para defender á cidadanía, que como moito, o que hai son políticos corruptos.
Como nos filmes e thrillers políticos ianquis (“O Informe Pelícano” e as súas
secuelas), o problema non é o sistema, senón elementos do sistema que se desvían.
Uns xornalistas honestos -difíciles de atopar no Estado Español- e uns xuíces
independentes -o máis difícil aínda- pararán a corrupción.
Esta é a lóxica que lles
move, e que move a amplísimos sectores da poboación traballadora: esperemos a
que políticos, xuíces e xornalistas honestos freen aos desalmados de Vox e
compañía, que se desviaron dos pactos da transición, que deron orixe ao réxime
actual.
Pero o estado, calquera
estado, sexan a EE UU, os europeos, e, menos que menos, un que conserva o
código xenético da ditadura, non é neutral; non está por cima dos diferentes
sectores e clases sociais. Ao revés, por mil fíos familiares, persoais e de
clase, o estado, os seus altos e medianos funcionarios, son membros ou ben da
pequena burguesía ou a aristocracia obreira; sectores sociais que defenderán
con uñas e dentes a estabilidade dos negocios da burguesía que lles dá para
comer.
Todos os días, desde as
series de TV, encárganse de propagandizar este carácter neutral do estado, que
no fondo está para “protexer e servir” aos pobres e oprimidos. Pero Chile, que
agora está no candeeiro, encargou-se de demostrar que, de últimas, e cando o
capital ve en perigo o seu poder, ao estado capitalista sóbranlle todos os
adornos de “servir e protexer”. Se se concebe o estado así, neutral, é natural
que se considere “voto útil” a aqueles políticos honestos, que como os
xornalistas e os xuíces dos filmes ianquis, ao final encarceran ao corrupto, e
fan boa a frase de que “ben está o que ben acaba”.
Ao chamar a confiar
neses “políticos honestos”, as forzas políticas que o fan desarman á poboación
traballadora, á que consciente ou inconscientemente están a enganar. Como
demostrou Chile nos 70, o Estado é un “destacamento de homes armados” ao
servizo das clases dominantes, e confiar nel é confiar no inimigo. Esta
concepción é a que diferencia unha forza politica que fai parte da á esquerda
do Réxime e do sistema, e a que se expón a transformación social como obxectivo
central.
Chile na memoria
O Estado do Benestar
construído ao longo da postguerra mundial, os “30 gloriosos”, crearon unha imaxe
do Estado que, parecía, venia a destruír as teses marxistas de que só era
“destacamentos de homes armados” ao servizo das clases dominantes. As
conquistas sociais que deron forma a este Estado, así como as políticas
keynesianas por ele desenvolvidas facíanlle aparecer ante a poboación como un
aparello destinado a resolver as necesidades sociais básicas como a educación,
a sanidade e mesmo o traballo, co que as contradicións sociais quedaban amortecidas.
A función esencial que o
marxismo lle outorgou, de aparello coercitivo dunha clase contra outra,
desaparecería, ou como pouco se amorteceu. E nisto chegou a revolución chilena,
e o golpe de Pinochet. Un exército que, a diferenza dos seus “companheiros” lationamericanos,
respectara á súa maneira a legalidade democrática (non exentos de matanzas como
a escola de Santa Maria de Iquique), dá un golpe militar brutal e impón unha
ditadura.
O exército chileno
demostrou ao mundo que esa función esencial, que moitos descartaran xa, seguía
sendo fundamental para o poder da clase; non só porque foi a forza militar a
que se impuxo, senón que esta forza militar ao derrotar á clase obreira chilena
destruíu o incipiente Estado do Benestar que estaba a cristalizar. Privatizaron
todos os servizos, menos as pensións dos propios militares que seguen cobrando
do Estado, reduciu os salarios aos actuais, e converteu a Chile nun Estado que
segue o guión marxista ao pé da letra: o Estado son “destacamentos de homes
armados” ao servizo das clases dominantes.
Non pensemos que o
exemplo de Chile é do pasado, como diría calquera adanista pos moderno de medio
pelo. A semiinsurrección actual chilena enraíza directamente con aquel golpe,
posto que Chile foi o primeiro experimento mundial de neoliberalismo, é dicir,
do capitalismo desmantelando absolutamente todo; as consecuencias políticas e
sociais estamos a velas agora nas rúas chilenas.
Un voto útil que é
inútil para o fundamental
A participación ou non
nunhas eleccións non está escrita en ningunha biblia. Marx, polemizando cos
anarquistas, dicía que os revolucionarios podían utilizar até “os cortellos do
parlamentarismo” para avanzar no camiño da revolución. Pero, neste momento, o
debate non está cos que rexeitan rotundamente calquera participación electoral,
senón con aqueles que dacabalo da conciencia democrática das masas, froito do
retroceso na conciencia de clase dos últimos 20 /30 anos, crense a fantasía do
“voto útil” para evitar os males do sistema.
O perigo para a loita
contra o sistema capitalista e os seus Estados son os que confian e chaman a
confiar no “estado neutral”, ao que lle quitan todo compoñente de clase; os que
de maneira oportunista falan do que “interesa á xente”, das “cuestións
sociais”, pondo-se de perfil no mellor dos casos, ante os gravisimos ataques
políticos á poboación traballadora. Ataques que só buscan establecer os marcos
legais, xurídicos e políticos para poder impor todas as medidas que o capital
precisa para saír da crise en que se meteu.
Vexamos dous exemplos
recentes. Esta semana os Tribunais Constitucionais considerou legal o
despedimento por sucesivas baixas por enfermidade aínda que fosen justificadas.
Ao mesmo tempo, o goberno decretou a posibilidade do peche de webs, por motivos
de “orde pública”. Vexamos, se algunha organización sindical rompera a paz
social imposta polas organizacións maioritarias e convocara accións
xeneralizadas contra esa sentenza, o goberno, invocando o seu decreto, podería
pechar as webs desde as que se fixese a convocatoria. O outro exemplo é a
sentenza do “procés” que converte en delito de sedición a actuación dun
piquete, a loita por impedir un desafiuzamento, ou calquera loita que impida a
aplicación dunha resolución xudicial.
Pero falar de política é
também, falar de “economía concentrada”. Son os gobernos que establecen as leis
mordaza ou os peches de webs sen orde xudicial os que, xogando no terreo legal
que eles elaboraron, decretan reformas laborais, de pensións ou as
privatizacións. Isto é o que significa a máxima leninista de “a política como
economía concentrada”: o que o capital necesita para saír da crise, para
recuperar os beneficios, concéntranse en leis e sentenzas dos tribunais.
Se as organizacións
políticas progresistas e os medios de comunicación machucan día si e día tamén
sobre que a “política” é cousa dos “políticos”; que as “cuestións sociais” son
as que che interesan, etc., que non se queixen despois de que os de Vox crezan
como fungos. A xente só fai o que lles aconsellan desde a esquerda, “non se
metan en política”, utilicen o “minuto de ouro” da democracia para votarme que
eu lles arranxarei os problemas.
O chamamento ao “voto
útil” nestas condicións de crise social, política e económica, non só española
senón internacional, é o máis inútil do mundo; é máis, só serve para desativar
a resposta social forzando a máquina da confianza nas saídas individuais á
situación; xa sexa “o empreendedor” xa sexa na confianza nun “líder honesto”
que vainos salvará da queima.
O único voto “útil”, nas
condicións actuais, é xusto o contrario do que fan os que axitan como eixo “as
condicións sociais”. O único útil que hoxe se pode facer é utilizar as
eleccións para denunciar “os cortellos do parlamentarismo” e situar como única
saída á crise a loita pola transformación socialista da sociedade, a ruptura co
réxime do 78 e a UE, e o chamamento, non ao voto, senón á autoorganización e a
mobilización sostida no tempo. Porque a tendencia en todos os réximes
democráticos do mundo é reducir a democracia a “ese minuto de ouro” que é o
momento do voto.
Do resto, xa se encargan
eles.
En Galiza
no mes de novembro de 2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario