Carlos Dafonte
A situación política
de estabilidade da que gozaba o réxime, quebrou e os trazos máis
importantes que a indican, as causas desta quebra, son a crise
económica, e sobre todo a resposta á mesma que se deu dende as
institucións, que fixo apreciar a moit@s
que os Estados non son neutrais; o problema sen solución polo de
agora, da configuración territorial do propio Estado, o tema de
Cataluña, cuxo proceso de independencia comenzou como unha
mobilización contra os recortes sociais levados a cabo polos
partidos que hoxe encabezan o “procés”; as mobilizacións de
sectores de traballadores contra a súa perda de dereitos de todo
tipo e a defensa dos servizos públicos, que se poden exemplificar
nas chamadas “marchas da dignidade”, mobilizacións que neste
período foron moi numerosas; a consciencia por parte de millóns de
traballadores da corrupción institucional e o enriquecemento ilícito
dunha parte de polític@s dos dous grandes partidos; o movemento
coñecido como 15 M ca ocupación de prazas públicas e a crítica
aceda ó propio réxime e o sistema de partidos. Todos estes
elementos e algúns máis, levaron á quebra do bipartidismo, a
dimisión do anterior Xefe do Estado e conseguiu, que o réxime
entrase nunha fonda crise cuxa resposta á mesma foi no transcurso
destes anos, non hai que esquecer que ocupou o Goberno o Pp por un
período de catro anos con maioría absoluta, de carácter
eminentemente reaccionario, apoiado en determinadas circunstancias,
polo Psoe.
A resposta a esta situación foi como dixen, de carácter reaccionario, represión, a chamada “lei mordaza”, o cambio no discurso dos principais partidos políticos, etc, o que permitiu a aparición no Parlamento de Andalucía e nas Cortes da forza política que agrupa ó neofranquismo, cuxa chegada ás institucións con certa forza, é froito desta nova situación reaccionaria, que se palpa, á que nos levaron as políticas tanto do PP como do PSOE que son os que tiñan capacidade, dende as institucións de dar unha resposta distinta á crise económica e social e do réxime. Si a resposta fronte os problemas fose diálogo e ”máis democracia”, a situación política hoxe sería moi distinta á que estamos a vivir, pero elixiuse, o levan nos seus xenes, e ademais son políticas que se pulan dende a U.Europea, cernar dereitos, liberdades, creando o “caldo de cultivo”, tamén dende os medios de comunicación, para que na sociedade avanzasen posicións ideolóxicas que configuran esta nova situación política.
As novas eleccións do
día 10 de novembro verificarán o cambio de ciclo electoral.
Que vai acontecer o día
dez de novembro?, non me gusta lanzar agoiros, pero penso que vai ser
un chanzo máis neste proceso que denuncio. E hai moitos máis
responsables que Psoe e Pp; tamén os que recolleron unha parte moi
importante do voto progresista e de esquerdas, Podemos nun principio,
que en pouco tempo dilapidaron ese capital, entrando no xogo do Psoe
e dos medios de comunicación, abandonando a rúa único lugar onde
combate-la marea reaccionaria, e abrindo unha estratexia de goberno
co Psoe, que os levou nas seguintes eleccións como Unidas Podemos a
perder parte do seu electorado e, non teño medo a trabucarme, a
seguir a perder votos e deputados nas próximas eleccións do día
10.
Non se pode ilusionar a
un electorado falando de derrotar definitivamente ó bipartidismo e
despois establecer toda unha estratexia política baseada en gobernar
cunha das patas do mesmo e afianzar un dos argumentos que se teñen
usado con máis descaro nestes anos de transición, que o Psoe é un
partido da esquerda, cando neste período de máis de corenta anos, o
que fixo foi tentar de destruír todo o que pode aparecer na esquerda
e si non pode destruílo, facer, grazas a unha cantidade enorme de
medios, que fique reducida a unha expresión que non altere o
bipartidismo; tendo o Psoe a idea clara de que aínda que a
necesitase para gobernar, nunca o fará con ese sector e escollerá a
sectores da dereita nacionalista ou na fractura actual do sistema do
sistema partidista, a calquera outro partido.
Esta estratexia
trabucada de Podemos, que non foi capaz de decatarse que se estaba a
dar un cambio importante a nivel electoral e seguiu ca mesma
estratexia de pacto co Psoe, despois da novas eleccións xerais,
europeas, autonómicas e municipais, levou neste caso, a Unidas
Podemos a unha calexa sen saída e a necesidade para superar esta
situación, de levar a cabo unha autocrítica e unha reflexión fonda
de cal debe ser a nova estratexia para a nova situación.
A crise de Unidas
Podemos, que se afondará cos resultados das eleccións do día 10,
fíxolle perde-lo rumbo tanto a nivel programático como orgánico,
pois hoxe é complicado coñecer cal é o seu programa e tamén levou
a unha parte dos militantes, non son capaz de valorar en tanto por
cento, a abandona-la organización; caso aparte é o de Errejón e
compañía, que utilizaron as vacilacións de Unidas Podemos, diante
das trampas tendidas polo Psoe na negociación que nunca se ía
culminar, para crea-lo seu propio partido e engadir de acordo co Psoe
un tema máis, a desunión e a fragmentación da suposta esquerda,
para que Unidas Podemos saia o día 10 ca sensación de seguir a
afondar na súa derrota. Tampouco hai que esquecer que hoxe Unidas
Podemos xa non é o aglutinante de forzas rexionalistas, o caso de
“Compromís” é o exemplo máis nidio, que escolle o partido de
Errejón, Máis País, como o seu referente.
Co Psoe no goberno,
nunca se poderá levar adiante un enfrontamento cas políticas
neoliberais, as que pula o “cartel da troika”, e agora en plena
campaña vai ser difícil, para Unidas Podemos, un cambio de
discurso, do que se facía para que o aceptara o Psoe, ó que hai que
facer para recuperar a unha parte importante do electorado, un
discurso e un programa que amose que hai un proxecto alternativo
ás políticas neoliberais e a estrutura actual do propio Estado.
O Psoe se pode decatar
que a convocatoria electoral non lle favoreceu.
Actuou
con oportunismo, e en política moitas veces se paga; consciente de
que o ciclo electoral lle favorecía, rexeitou todas as propostas de
Unidas Podemos e coñecendo a data da sentencia do Tribunal Supremo
sobre o acontecido en Cataluña nestes tempos, referendo masivo e
enfrontamentos das forzas represivas contra quen quería votar,
declaración de independencia e da República Catala, etc, pensou que
era o momento, e pulado polas enquisas que dicían que a súa subida
era factible, convocou eleccións. Pero non contaba en primeiro lugar
que a sentencia fora tan desproporcionada e brutal, inmersa neste
proceso reaccionario, nin que a resposta fose tan contundente por
parte do pobo catalá, aínda que a mesma se mesturara cun proceso de
explosión social resposta ás condicións materiais na que vive unha
parte da sociedade, sobre todo mozas e mozos, que dende a miña
opinión, pouco ten que ver co proceso independentista e bastante co
movemento coñecido en toda Europa e EEUU como “Black Bloc”,
aínda que os medios de comunicación o vinculen a Qim Torra e os
CDR; segundo as noticias que teño, estes comités atópanse en
“horas baixas” e polo tanto sen moita capacidade de
mobilización.
A
realidade, a coñeceremos o día 10 e é posible que o Psoe pode non
saca-lo rédito que pensaba ca convocatoria electoral.
Sexan
cales sexan os resultados do día 10 hai varias evidencias que teño
claras van perdurar:
En
primeiro lugar, que
o réxime vai seguir mergullado nunha fonda crise; o descrédito da
política como xeito de solucionar problemas e da maioría dos
políticos, das institucións e dos medios de comunicación é moi
importante e iso non
se soluciona cuns resultados electorais, aínda que estes reforcen o
modelo bipartidista; os casos pendentes de ser sancionados por
corrupción nos que se atopan inmersos os dous partidos aínda está
por chegar. Tampouco vai beneficia-lo réxime a nova crise e posible
recesión económica, cas súas consecuencias sociais a causa das
medidas que con toda seguridade se van tomar, cando non foron
solucionadas as feridas moi graves producidas pola iniciada en 2007.
Esta perspectiva económica vai con toda seguridade a afondar no
enfrontamento traballadores asalariados e institucións.
En
segundo lugar, a
situación reaccionaria que vivimos non vai retroceder, posiblemente
siga a avanzar si o neofranquismo se consolida nas Cortes; e tamén
debemos ser conscientes que a devandita Sentencia do Supremo, nos di
dúas cousas, que todo o acontecido non foi rebelión, o que
clarifica algúns aspectos, pero no preámbulo hai algo moi
preocupante e que non sei o alcance que pode ter, cando tentando
clarificar o tema da desobediencia civil, a equipara ó
delito de sedición, polo que
foron condenados os dirixentes políticos e sociais catalás. O que se
pode traducir, que me corrixan se me trabuco, que toda mobilización
social pode ser considerada sedición e condenados os seus
convocantes, a 13 anos de privación de liberdade.
En
terceiro lugar, vai ser
necesario a nivel de Estado e tamén de Galicia, un reagrupamento de
todo o que “anda disperso” nun movemento político e social que
rache con esa idea da posibilidade dun goberno co Psoe. E nesa
perspectiva Unidas Podemos ten que ser un elemento nuclear, en
Galicia xunto con sectores do nacionalismo non sectario, sempre que
se produzan cambios no seu proxecto, programa e discurso; que dun
programa de goberno asimilable polo réxime, despois dunha ampla
discusión se articule un programa que formule unha alternativa ó
mesmo, e loite pola recuperación da organización e mobilización da
clase traballadora e a maioría social, abrindo unha perspectiva
estratéxica de superación do sistema capitalista.
En
cuarto lugar, que @s
traballador@s asalariad@s e o
resto das clases populares, non deben esperar nada do Goberno que se
constitúa; nunha situación con predominio ideolóxico da extrema
dereita e entrando a maioría dos países do entorno nunha situación
de crise económica e recesión, participando na U.E. e pertencendo o
espazo euro, se van aplicar medidas de austeridade, que van facer
máis difícil a vida cotiá da maioría da poboación.
En
Galicia no mes de novembro de 2019.
No hay comentarios:
Publicar un comentario