Carlos Dafonte
(Rematei estas reflexións
onte a noite; hoxe ás dúas da tarde Psoe e U.P, presentan o que
pode ser un futuro goberno de coalición; aínda que poda parecer que
non debía publicalas en Alternativa, coido que para @s que están a
seguir os nosos razoamentos, pódenlles servir.)
Os resultados electorais
producidos onte, é necesario explicalos desde a perspectiva da
derrota histórica da esquerda acontecida hai 30 anos, estes
días o capital a celebra e a lembra; derrota que significou a
restauración do capitalismo en numerosos países onde a burguesía
fora expropiada. Derrota nos países onde dicían avanzar cara ó
socialismo, pero tamén derrota non só ideolóxica, moi importante
nos países capitalistas, que permitiu situar ás forzas de esquerda
fora de xogo, tamén no campo electoral. E cando na perspectiva do
pensamento transformador, desde a teoría da praxe que dicía
Gramsci, se fala de derrota histórica, se quere dicir que é o tipo
de derrota a causa da cal toda unha xeración deixa de considerar que
poda cambia-la súa vida a traveso da mobilización social. O que
pode explicar que as campañas electorais se produzan nun clima de
tranquilidade social e so onde a mobilización se leva a cabo, caso
de Cataluña, onde a loita pola República e a independencia
considérase un obxectivo posible, ou no País Vasco onde estes
obxectivos atópanse latentes, os resultados se poden considerar fora
do establecido para o resto do Estado.
Son varios os elementos
que habería que considerar despois dos resultados electorais:
Primeiro. Amosan a grande equivocación do Psoe convocando novas eleccións, despois de negarse a acordo algún para chegar a un goberno ca presencia de Unidas Podemos. Como expresei nun anterior artigo, pensou cun sentido oportunista que ca sentencia do Supremo podería gañar algúns milleiros de votos e subir o número de representantes nas Cortes; as cifras din que fracasou estrepitosamente. Conseguiu outro obxectivo, desgastar ó que consideraba o seu “socio preferente”, potenciando a Más País, pero sen decatarse do que verdadeiramente podía acontecer, que non so perdeu o Psoe votos e deputados e senadores, senón que conseguiu que o Congreso apareza máis fraccionado que nunca e perder a maioría absoluta no Senado. Verdadeiramente un desastre electoral, aínda que sexa o partido máis votado e o que máis escanos acade.
Segundo, atopándose
a economía en franca desaceleración e ca posibilidade real de
entrar nunha nova crise, e importante calibrar aquelas forzas que
estarían dispostas a aceptar as medidas emanadas do cartel da troika
e hai que subliñar que unha enorme maioría dos escanos tanto do
Congreso como do Senado, estarían dispostas a dar outra “volta de
parafusa”, para de cumprirse o agoiro, tomar medidas moi radicais
contra os dereitos d@s traballador@s, xubilad@s ou non, e
funcionari@s, e dicir a aplica-la
receita neoliberal; e si hai que rescatar de novo os bancos, aínda
que non teñan pagado a débeda anterior ca sociedade, se lles
rescata.
Terceiro.
O avance do nacionalismo e do
rexionalismo; senón me trabuco 36 votos soberanistas e 4
rexionalistas. Datos que poden, no caso de Cataluña, cun panorama
electoral posiblemente moi próximo, dificultar os posibles apoios á
investidura do candidato do Psoe. En calquera caso o nacionalismo non
deixa de contar na vida política estatal, ó contrario, ten maior
peso na mesma a non ser que se vaia o que se denomina “grande
coalición”, e dicir o pacto entre o Psoe e o Pp.
Cuarto.
A consolidación do
neofranquismo que avanza dun xeito moi importante, presumiblemente
restándolle votos a Ciudadanos. Que causas permiten este avance?
Destacaría o avance do pensamento reaccionario a todos os niveis, a
irresponsabilidade do Pp e Ciudadanos buscando o apoio de Vox para
constituír gobernos nas Comunidades Autónomas e Axuntamentos e o
tema de Cataluña, que desde Psoe e Pp non fixeron nada en absoluto,
cando o podían facer, para abrir un diálogo cos partidos e
institucións autonómicas do país; todo o fiaron a facer “pasar
polo aro” a unha parte importante do pobo de Cataluña, a
inexistencia dun referendo non permite coñecer cal é a proporción,
pero os votos do día 10 indican que moi alta, o que permitiu que Vox
fixera un discurso máis “tremendista” que a dereita, sobre a
unidade da patria, que callou nunha parte importante do electorado.
E
salientable o grande avance de Vox en Murcia, Andalucía, Madrid e
Castela e León, lugares onde sosteñen ós gobernos do Pp e
Ciudadanos. Nestas comunidades os segundo sofren importantes
retrocesos. Os resultados nestas catro indican a grave
responsabilidade de Pp e C's por darlle a Vox, para conseguir réditos
políticos, a capacidade de transformarse de ser un partido
neofranquista co que iso implica, nun partido máis do espectro
político. Supoño que agora algunha xente comprenderá o chamado
“cordón sanitario” que se utiliza en Europa para evitar, co
consenso do resto dos partidos, que os que predican a mesmo discurso
de Vox, que aparezan como “un máis” do arco parlamentar.
Hai
un elemento que gostaríame destacar dentro do discurso dos
neofranquistas, que é o de recupera-la soberanía; neste aspecto se
comportaron na campaña como a “derechita cobarde” que eles
denuncian; non se atreveron como fan os seus correligionarios por
Europa a formular con claridade a saída da UE e o euro; cecais por
medo a que os acusaran de coincidir ca extrema esquerda, ou a perder
apoios económicos e mediáticos, pero é un elemento perigoso e que
nutre o celeiro de votos de moitos partidos como o de Le Pen. @s
traballador@s sobre todo en tempos
de crise, da U.E só reciben políticas de austeridade e a
construción da actual UE faise ó servizo dunha oligarquía e do
imperialismo, de costas ós intereses dos pobos e d@s
traballador@s. Que os grupos de
esquerda non formulen este tema desde a súa perspectiva, que nada
ten que ver ca perspectiva da extrema dereita, deixa un flanco aberto
para que moitos traballadores se sintan representados por
organizacións como Vox.
Que facer? Cal debe
se-lo camiño nas circunstancias actuais para unha forza de
esquerdas.
Desde
o primeiro momento debo dicir que podo estar trabucado en todo o que
a continuación vou expor. Creo que hai que rachar cos argumentos que
establecen a priori que “o país” necesita un goberno estable e
baseándose neste argumento, queren que se leven a cabo pactos que en
certo sentido son de moi difícil concreción.
Pero
antes quero deixar claro que a eso que se chama “país”, está
constituído por intereses múltiples e polo tanto non hai unha
política, no caso da economía, que satisfaga e beneficie a todos os
intereses que se atopan en xogo. Son antagónicos os intereses das
empresas multinacionais que os de simples traballadores que reciben
un salario pouco maior do salario mínimo, e xa non digamos cos que
se atopan parados, que son de longa duración e onde a maioría dos
membros da familia non traballa; no caso dos empresarios un exército
de reserva moi importante é beneficioso, no de quen forma parte do
mesmo moi perxudicial.
Polo
tanto hai que ser moi críticos con esa postura moi demagóxica de
que a “clase política” non pode seguir defraudando ós electores
e debe chegar a acordos. En primeiro lugar os políticos non
configuran unha clase e si cumpren co seu papel, deben defende-los
intereses de quen lles vota de acordo co programa e si unha
organización di que hai que loitar contra o fraude fiscal, subir os
impostos ós máis ricos, que son os que non sufriron a crise, loitar
contra os paraísos fiscais e esixi--la devolución dos cartos
prestados ós bancos, para con eses cartos levar adiante políticas
sociais que beneficien á maioría e si dí que hai que abarata-los
alugueres, etc, non pode pactar cun partido que vai face-lo
contrario.
Polo
tanto a saída deste bloqueo político, si o que se quere é
estabilidade por catro anos, debe levarse a cabo entre os que pensan
igual, e pensan a favor do que establece o “cartel da troika”; é
dicir no caso que nos ocupa un pacto entre Psoe, Pp e C's, que
coinciden na súa maioría nas receita económicas para tempos de
crise e como amosaron nestes corenta anos de “democracia limitada”,
si limitada pola razón de non terse producido ruptura plena co
réxime franquista, as políticas económicas que levaron adiante e
as outras tamén, cando se produciu a quenda no goberno e con
maiorías nas Cortes, nunca deixaron sen efecto o aprobado polo
anterior partido.
E
un partido ou organización política de esquerdas, si hai algún no
estado español despois da derrota histórica da que falaba ó
principio, non debe entrar en pactos que, en tempos moi difíciles a
nivel económico, non lle van a permitir levar a diante, non xa unha
política revolucionaria, senón nin unha política minimamente
reformista, e o seu labor debe ser a de preparar o programa da
alternativa ó sistema político e ó réxime, iniciando unha
presenza activa na rúa, explicando a complexidade da situación,
agrupando forzas a redor do programa alternativo, recuperando
militantes e espazos de compromiso, sendo conscientes que se vai a
enfrontar a toda a maquinaria da oligarquía financeira e combater
tamén a moit@s que sen pertencer, nin ter
intereses comúns con ela, se deixan gañar polos instrumentos
ideolóxicos da mesma.
En
Galicia no mes de novembro de 2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario