A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 26 de junio de 2017

QUE HAI DETRÁS DAS DOAZÓNS DE MILLONARIOS/AS FILANTRÓPICAS?




 Xulia Mirón
En 1863 Eulate e Moredo exclamaba nun discurso leído na Universidade Central en Madrid, titulado Filantropía, Caridade, Beneficencia, o seguinte:
Filantropía, caridade! E aquí, Ilmo. Sr., dúas verbas de ben diversa significación: a filantropía, moeda falsa da caridade, auxiliar ao que padece, por inspiración natural, independentemente doutro sentimento; socorre ao pobre porque lle repugna, e é necesario afastalo para que non turbe os goces do filántropo”.

sábado, 17 de junio de 2017

TRAS O 1º DE MAIO: A REORGANIZACIÓN SINDICAL NA FASE "ASTEROIDE"




Xulia Mirón e Lorenzo Llinares

Este 1º de maio puxo de manifesto, primeiro, a tremenda dispersión que vive o sindicalismo no Estado Español, e na Galiza no concreto; non só o alternativo, mas tamén sindicatos que tampouco asinaron pactos sociais, como CIG e LAB... ; así como que, goste ou non, CCOO e UXT manteñen influenza en sectores da clase traballadora a pesar de seren parte problema e do réxime.
Esta dispersión manifestouse en que na Galiza houbera 25 manifestacións distintas, en diferentes localidades e cada umha co seu percorrido; obrigando aos traballadores e traballadoras, que en moitas ocasións nas súas loitas de empresa ou sector están xuntos, a ter que escoller baixo que bandeiras queren se manifestar o 1º de maio.

jueves, 8 de junio de 2017

COMO FOI EXECUTADA A COMPRA DO BANCO POPULAR?. UN PROFUNDO CHEIRO A QUEIMADO.

Roberto Laxe
O Santander adquiriu o 100% do capital social do Banco Popular tras unha poxa executada polo Fondo Único de Resolución (FUR) e o FROB. A compra levouse a cabo a través dunha poxa na que o Santander presentou a súa oferta e foi aceptada.
Miúda poxa máis amañada... Seica non houbo ninguén que ofrecese 5 euros polo Banco Popular.
Estes pénsanse que somos estúpidos. Esta operación de fortalecer o núcleo duro do capital castizo, casposo, centralista ata a medula, que é o Banco de Santander (se alguén vai a unha oficina deste banco verá que só teñen un xornal, A Razón), cheira a chamusquina.

sábado, 3 de junio de 2017

AS PRIMARIAS SOCIALISTAS PARTE DA SÚA CRISE E OS INTENTOS POR RECONSTRUÍ-LO PARTIDO


Carlos Dafonte.

Fagamos un recordatorio dalgunhas das cuestión que aconteceron non hai moito tempo. A crise económica mundial como parte da crise sistémica, e no estado español do réxime, un rei tivo que marcharse, destapou as vergoñas do tinglado montado a redor da Constitución de 1978, e creou as condicións para que na conciencia de moit@s habitantes do estado quedaran marcadas a fogo dúas consignas, repetidas por enriba das demais nos “días da acción”, cando nas prazas das cidades, pobos e vilas iniciouse un debate que aínda dura, pero agora xa controlado e edulcolorado polos medios de comunicación hexemónicos, dos que son propietarios as grandes empresas transnacionais; estas consignas eran “Parece democracia e non o é” e “Non nos representan”; as dúas en versións como a que escribo ou parecidas, pero en calquera caso traslucindo unha clara creba do consenso tanto social como institucional o que facía concibir que se estaba a abrir camiño un novo xeito de facer política.

martes, 23 de mayo de 2017

ALGUNHAS CONSIDERACIÓNS SOBRE O FASCISMO E O NAZISMO



Carlos Dafonte

Ó artigo que escribín analizando as eleccións presidenciais en Francia, fíxoselle un comentario, ó que tentarei dar resposta, agradecendo a quen o formulou, porque entendo que sería moi importante que o blog servira para dialogar, intercambiar opinións, debater sobre temas como o do fascismo e o nazismo que saen moito nos medios de comunicación na actualidade, desde unha perspectiva manipuladora as veces, para trabucar e non tanto para defender á sociedade e sobre todo @s traballador@s que son @s que o sufrirían de necesita-lo capital dun réxime deste tipo para manter a súa hexemonía, e se atopen alerta para ser capaces de combater estas tendencias segundo vaian aparecendo na sociedade.

jueves, 11 de mayo de 2017

OS RESULTADOS DAS PRESIDENCIAIS DE FRANCIA 2017



Carlos Dafonte.

Celebradas as eleccións en Francia, as dúas notas destacables segundo os medios de comunicación hexemónicos á vista dos resultados, son en primeiro lugar que gañase un candidato sen partido e a caracterización do inimigo derrotado, que foi para algúns o fascismo  ou o novo fascismo, e para outros, segundo o grao de xenreira que lle teñan a Unidos Podemos, o populismo, facendo unha groseira comparación do partido que lideran Iglesias e Garzón  ca Fronte Nacional.

miércoles, 3 de mayo de 2017

ALGÚNS ELEMENTOS PARA DEBATE DA SITUACIÓN POLÍTICA NO ESTADO ESPAÑOL E GALICIA


Carlos Dafonte

A situación política no estado español.

A nivel político podemos afirmar sen medo a trabucarnos que a característica fundamental do momento ben determinada pola debilidade do réxime e os seus intentos de supera-la súa crise.

Crise polo retroceso do bipartidismo, dos dous grandes partidos que monopolizaron o control institucional desde a creación do novo réxime, cando nas diferentes consultas electorais realizadas nun curto espazo de tempo apareceron con forza novos actores no panorama político, Podemos e Ciudadanos e o debilitamento da única esquerda existente ata o momento nas institucións, a ligada ó PCE, a que monopolizou ese campo en todos estes anos, pero tamén , como se pode ver polos resultados acadados nestas décadas, moi susceptible de ser atacada e desprestixiada polos medios hexemónicos pola súa traxectoria histórica de defensa da revolución soviética e como acabaron os intentos de construír novas sociedades expropiando os medios de produción á burguesía; aínda que a realidade é que desde hai moitos anos esta esquerda se desvinculara e fora moi crítica ca “nova sociedade” que se construíu na URSS e os países do leste de Europa. Cun PCE ou unha IU con moi pouca representación no Congreso e Senado, os defensores do réxime podían facer pasar por boa a mercadoría deturpada do voto útil, e inclina-lo voto de esquerda cara ó Psoe; hoxe senón cambian moito as circunstancias políticas, é posible que esa manobra teña rematado.