Carlos Dafonte
A loita ideolóxica é un
dos compoñentes fundamentais da loita de clases; por medio da mesma
explotadores e explotados disputan a hexemonía cultural no seo da
sociedade; no enfrontamento entre as clases, quen impón as súas
ideas, se consegue que os seus argumentos sexan aceptados por outras
clases, se os utilizan como se fosen propios, ten menores
dificultades para ser hexemónico. Cando se da esta circunstancia, a
clase dominante ten moitas posibilidades de manterse no poder. Se a
burguesía consegue que os explotados asuman os seus argumentos, a
revolución social, os cambios nas estruturas estarán máis lonxe;
se outras clases, a pequena burguesía por exemplo, a burguesía
nunca o fará, asume a forma de pensar, as solucións que propón a
clase obreira e esta actúa maioritariamente con conciencia de clase,
os cambios estruturais a posibilidade de revolución social, son
maiores, está máis próxima.
Este mes de xuño
produciuse un novo intento, desde a maioría dos medios de
comunicación, de manipula-la realidade baixo o franquismo e de
engadir un novo “ladrillo”, a esa construción ficticia da
“transición política” cara a democracia actualmente existente,
que a burguesía pretende. Tenta que consideremos este proceso
froito, no mellor dos casos, do papel desempeñado por toda unha
serie de persoeiros burgueses e no peor, como unha operación de
laboratorio, cuxos autores fundamentais foron dous franquistas, o
príncipe e despois rei Juan Carlos I e Torcuato Fernández Miranda.
O resto meros comparsas.
Neste mes de xuño,
lembrouse, desde os medios de comunicación que a burguesía ten, a
xuntanza celebrada hai 50 anos en Munich, á que o franquismo
denominou o “contubernio de Munich”, cando co gallo dunha
asemblea europeísta, diversos individuos que vivían en España e
outros que o facían fora, algúns partidarios da sublevación
militar, son presentados como opositores ó franquismo; sería en
sonos, pois ninguén coñecía no estado as súas tarefas opositoras,
e téntaselle dar a esta participación, nuns casos, a categoría de
“inicio da transición política”, noutros a sentenza de morte
do franquismo, o miolo da transición. En calquera caso, veñen a
dicirnos, que son as forzas burguesas alí reunidas, persoeiros sen
partido, ou cando o tiñan, dun que continuou de vacacións ata a
morte do ditador, os protagonistas da loita pola democracia.
Curioso o rebumbio que se
lle da a esta xuntanza que significou moi pouco para a loita
antifranquista, e o cativo a outro acontecemento do mesmo ano, pero
do mes de abril, a importante folga da minería asturiana, que
paralizou as concas mineiras, que incorporou á loita antifranquista
a centos de miles, contou ca solidariedade dos traballadores en
numerosos lugares do estado, moi distantes a onde ocorrían os
feitos, e a pesares das detencións masivas, as torturas os
secuestros, os peches das minas e todos os métodos que podamos
imaxinar de represión, nun estado ditatorial, finalizou co trunfo
dos traballadores.
As primeiras páxinas dos
diarios do mes de abril e a apertura dos telediarios, pola
importancia desta mobilización antifranquista, debían ser ocupados
por estes acontecementos, pero, salvo contadas excepcións, o
silencio máis absoluto reinou nos medios que debían informar.
Vivimos momentos moi
difíciles, de reformas que levan á perda de dereitos gañados con
grandes sacrificios, a causa dun sistema que ten a tendencia á
crises constantes, que a clase dominante, a burguesía mentres sexa
hexemónica, sempre fará pagar ós traballadores e traballadoras. Do
que se trata nestes momentos é de borrar da memoria da clase
traballadora, as súas loitas, os seus sacrificios por un mundo
mellor para todos, para que non se poida aprender do pasado, para que
non recorde que sempre que conseguiu algún dereito, algunha mellora,
foi loitando, a costa de moita represión, de moito esforzo.
Sobre todo hoxe a
oligarquía, necesita exercicios de desmemoria, en momentos en que a
grande maioría da poboación sofre a situación económica á que
nos levou o sistema capitalista, a quebra do mesmo, do proxecto da
burguesía e da oligarquía e a posibilidade, aínda que os
sindicatos maioritarios fagan todo o posible para controla-las
mobilizacións e mantelas dentro dos límites dunha alternativa á
actual realidade, enganosa, falsa, de “capitalismo de faciana
humana”, sobre todo hoxe, repito, é máis necesario que nunca para
a burguesía, borrar da memoria dos explotados a lembranza das súas
loitas, para que non se actúe hoxe, como se facía hai 50 anos,
utilizando a arma máis importante dos traballadores; por iso non
falaron no seu momento da folga da minería e das comarcas mineiras
do ano 1962, da solidariedade recibida, e do trunfo da mobilización.
A pesares de todo a
realidade se impón, é testana, e 50 anos despois a minería e as
comarcas mineiras volven a estar en loita, erixíndose, se hai 50
anos como a vangarda da loita antifranquista, como foran con
anterioridade a folga dos tranvías de Barcelona do 51, a de
Euskalduna do 53, a xeral de Biscaia do 56, máis tarde a dos
traballadores de Bandas, Ferrol e Vigo no 1972, por só citar
algunhas das mobilizacións, que foron abrindo os camiños da
liberdade, ata evitar unha saída franquista, sen Franco, hoxe son a
vangarda da loita contra as políticas neoliberais, impostas pola UE,
o BCE e o FMI e executadas polo PP, e con anterioridade polo PSOE.
A mobilización mineira
de hoxe, merece a solidariedade de todos cantos apostamos por unha
saída desta crise, distinta da que a oligarquía ten prevista. Son
necesarias a creacións de comités de axuda, de recollida de
sinaturas e cartos para a caixa de resistencia; é preciso que a súa
loita sexa apoiada, que as loitas dos diferentes sectores de
traballador@s que se
están a producir, non sexan illadas, tod@s
somos unha mesma clase, se queremos comezar a rachar dunha vez por
todas, co control burocrático das mobilizacións e que a resposta
obreira sexa a vangarda da loita por unha sociedade socialista,
única saída a actual crise.
En Galicia no mes de xuño
de 2012.
No hay comentarios:
Publicar un comentario