Carlos Dafonte
Día 2.
1925.
Nace
Patríce Lumumba en Onulera, no territorio de Katako-Kombe, dirixente
do proceso de independencia do Congo da Bélxica colonizadora. Non
debemos esquecer que na Conferencia de Berlín celebrada en 1885, na
que as potencias imperialistas se reparten África, o que hoxe
coñecemos como República do Congo, se lle entrega como “finca
persoal” ó rei belga Leopoldo II; unha superficie na conca do río
Congo, superior a xuntar os territorios de Francia, Alemaña, Gran
Bretaña, España e Italia, onde implanta unha política xenocida a
base de postos militares e campos de traballos forzados, para a
explotación dos numerosos recursos, que fai minguar en máis de dez
millóns a súa poboación. Eufemisticamente chámalle “Congo
Libre” O Congo era o principal subministrador mundial de caucho e
numerosos minerais. Anos máis tarde, diante das denuncias
internacionais, convértese en colonia belga.
Lumumba tivo unha educación autodidacta tras ser
expulsado de varias escolas de misioneiros, onde destacou pola súa
intelixencia.
Ata 1945 traballou nas oficinas dunha sociedade mineira
en Kivu
En 1947 trasládase a antiga capital, Leopoldville, hoxe
Kinshasa e máis tarde en Stanleyville, hoxe Kisangani, onde
traballa como periodista. En 1955 traballa na central de correos,
sendo detido por organizar un sindicato de traballadores. A súa
actividade político-social a orienta en principio á creación de
movementos sociais con ideais igualitarios, unha especie de comunismo
africano, e o antiimperialismo.
En 1957, unha vez liberado da cárcere, entra en
contacto con grupos independentistas e crea en 1958 o Movemento
Nacional Congoleño, primeiro partido que abrangue todo o territorio,
ca idea de supera-las diferencias tribais e crear un estado nacional.
A finais de 1959 é detido por encabezar protestas contra a situación
de colonización, sendo xulgado e condenado en xaneiro de 1960. A
enorme presión popular obriga ós belgas a liberalo para presentarse
ás eleccións que se celebraban no mes de maio, que gaña a súa
organización.
A partires dese momento iníciase o proceso para
desprazalo do poder e facelo desaparecer, onde xogan importantes
papeis os EEUU e Bélxica; o primeiro a traveso dun axente sinistro e
sanguinario da CIA, Frank Carlucci, que en tempos de Bush pai, sería
nomeado secretario de defensa e director adxunto da CIA; naquel entón
era segundo oficial na embaixada americana en Leopolville.
Non debemos esquecer que as condicións para a
independencia foron leoninas; os belgas impuxeron unha constitución
e obrigaron o novo país independente, a facerse cargo da débeda de
Bélxica. Ademais as riquezas do pais estaban en mans estranxeiras,
servizos, finanzas, empresas mineiras e da madeira, o exército.
A campaña na prensa internacional contra Lumumba e o
seu goberno foi enorme, acúsano de comunista, de sementa-lo caos en
África e tentar entregar á URSS todas as riquezas do Congo ata ese
momento en mans belgas e estadounidenses. A secesión de Katanga, o
proceso de africanización do estado e a intervención da ONU, que
traizoa a Lumumba que solicitara a súa axuda, e o último recurso de
pedir axuda a URSS, desencadean o golpe de Mobuto, a detención e
tortura de Lumumba e algúns dos seus compañeiros de goberno e o
fusilamento nun lugar secreto de Katanga, o 17 de xaneiro de 1961 en
presenza de tropas belgas. Pero o pobo do Congo non o esqueceu e a
presión popular obrigou ó ditador a nomealo, algúns anos máis
tarde, “heroe nacional”.
1949.
Morre en Moscova Jorge
Dimitrov, Secretario Xeral da Komitern ata a súa disolución en 1943 e primeiro presidente de
Bulgaria tra-la súa constitución como república popular.
Día
3.
1921.
Iº Congreso Internacional dos
Sindicatos Revolucionarios. Asisten en Moscova 380 delegados en
representación de 41 países e cerca de 17 millóns de
traballadores. Acordan crea-la Internacional Sindical Vermella. A
iniciativa xorde dentro do IIIº Congreso da Internacional Comunista.
En principio existe un pacto entre comunistas e anarcosindicalistas
para configura-la nova organización, pero pouco a pouco os segundos
se van desvinculando. Celebrou un total de cinco congresos. A súa
disolución en 1937 ten moito que ver ca política de frontes
populares que se pula desde a Internacional Comunista. O maior
sindicato do estado español, a CNT envía unha delegación a este
primeiro congreso formada por, Hilari Arlandís, Jesús Ibañez,
Joaquim Maurin, Andreu Nin e Gastón Leval. O seu secretariado
formouse con Andreu Nin e os rusos Mijail Tomski e Alexei Losowsky
que foi o seu secretario xeral desde a súa fundación, ata a súa
disolución e 1937.
Día
5.
1857.
Nace Clara Eissner, máis
coñecida como Clara Zetkin.(Ver efemérides de xuño).
1962.
Independencia de Arxelia
despois de 8 anos de loita de liberación contra os colonialistas
franceses, que conquistaran o territorio en 1830. A dirección da
loita correspondeulle á Fronte de Liberación Nacional constituída
por diferentes tendencias do panorama político arxelino, fundado en
1944.
Un paso previo foron os acordos de Evian asinados pola
FLN e o goberno francés o 18 de marzo de 1962, que establecía o
alto o fogo e un referendo de autodeterminación. A sublevación do
pobo arxelino iníciase en novembro de 1954 e custoulle máis de un
millón e medio de mortos, polos métodos salvaxes empregados polo
exército colonial e os franceses establecidos no territorio. Pola
súa violencia, e como antecedente da loita de liberación nacional,
destaca a xornada do 8 de maio de 1945, cando unha serie de
manifestacións en toda Arxelia, se salda con máis de 45.000
asasinados polo Exército, a Lexión Francesa e as milicias dos
colonos.
Día
14.
1896.
Nace en León, Buenaventura
Durrutti Domange, loitador obreiro anarquista, nunha familia
numerosa, eran oito irmáns, e de pai ferroviario sindicado na UXT e
represariado despois da folga de curtidores de 1903, a favor da
xornada laboral de dez horas. Buenaventura desde moi novo amosou a
súa rebeldía, negándose, ós 12 anos a participar na catequese e
en calquera outra celebración católica. Ós 14 anos abandona os
estudos e traballa de mecánico cun socialista Melchor Martinez, que
lle ensina o oficio e os principios do socialismo; máis tarde
especialízase na mecánica de lavadoras de mineral.
Afiliouse a UXT e foi expulsado do sindicato pola súa
actitude violenta na folga xeral revolucionaria de 1917, queimando
locomotoras e levantando o tendido ferroviario e tivo que exiliarse
en Francia onde permanece ata 1919. Cruza clandestinamente a
fronteira o 1 de xaneiro e dirixiuse a Asturias, onde afilíase o
sindicato anarcosindicalista CNT, mentres traballaba na minería .
Coñece a Manuel Buenacasa, teórico do anarquismo en San Sebastián,
onde é xulgado por activista e desertor; evádese da prisión en
xullo. En Euskadi xunto cos anarquistas Suberviola, Del Campo,
Albaldetrechu e Ruiz, forman un grupo de acción directa, chamado “Os
xusticeiros” que actúa en Guipuzkoa e Aragón, coa finalidade de
castigar a todos quen atentasen contra os intereses dos
traballadores; unha das súas primeiras vítimas e o arcebispo de
Zaragoza Juan Soldevilla e Romero; logrou escapar a Francia cando
planeaba o axustizamento do rei Afonso XIII nunha visita a San
Sebastián. É nesta época cando teoriza a revolución social
baseada no golpe de estado insurreccional a cargo de pequenos grupos
de activistas que atentan contra as institucións do estado. De volta
a Cataluña, organiza xunto con outros compañeiros, o camareiro
Francisco Ascaso, García Oliver, Ricardo Sanz e Manuel Torres, un
grupo de acción directa que se identifica con distintos nomes,
primeiro “Crisol”, e máis tarde “Os solidarios”, grupo que
se enfronta as bandas de pistoleiros organizados pola patronal catalá
para facer fronte o pulo organizativo e mobilizatorio do movemento
obreiro, apoiados pola violencia desatada polo gobernador o xeral
Martinez Anido.
Grupo ó que tamén se lle atribúe a morte do
gobernador de Biscaia ou a complicidade no do
presidente do Consello de
Ministros, Eduardo Dato, así como o do verdugo da Territorial de
Barcelona.
Nun atraco realizado nun banco de Xixón foi detido
Francisco Ascaso, liberado poucos días máis tarde por Durrutti e
outros compoñentes do grupo, Teodoro Arrete e Gregorio Suberviola.
Despois do fracaso do levantamento anarquista de 1924 contra a
ditadura de Primo de Rivera, marcha para América, primeiro Cuba,
onde formará un grupo coñecido como “Os errantes” que asasinan
o propietario dunha facenda de caña de azucre que mantiña na
escravitude ós traballadores e un capataz, distinguido pola súa
crueldade; máis tarde México, Arxentina, Chile, Uruguai, Perú,
acompañado de Gregorio Jover e Francisco Ascaso, onde asaltarán
bancos poñendo en práctica o “anarquismo expropiador”para
axudar a agrupacións anarquistas. De volta pasan por Inglaterra e
máis tarde aséntase en París onde coñeceu a Sebastián Faure,
anarquista francés fundador de “L'Axitación” e “Le
Libertaire”. Cos cartos que traia de América e o apoio de Faure,
fundou a “Enciclopedia Anarquista” e con Voline, Pedro Archinof e
Néstor Mackno puxo en funcionamento “A Libraria Internacional”.
Acusado de preparar a secuestro do rei Afonso XIII é detido en
Francia; despois dunha campaña internacional son liberados e marcha
a Alemaña; en 1929 atópase en Bélxica.
Ca proclamación da IIª República, se instala en
Barcelona adicado a pula-la Federación Anarquista Ibérica (FAI),
creada en 1927. Oposto á consolidación da república burguesa
parlamentar, participou moi activamente nas revoltas anarquistas de
1932 e 1933 e na fracasada revolución de outubro de 1934. As
autoridades o deportan a Guinea e Canarias. En 1936 apoiou a
participación do anarquismo nas elección do 12 de febreiro de 1936,
contribuíndo ó trunfo da Fronte Popular, alianza do republicanismo
progresista, socialistas e comunistas. Xogou un papel moi importante
na resistencia e a derrota da asonada militar fascista en Barcelona o
19 de xullo, e cunha columna de milician@s
anarquistas, avanza por Aragón para reconquistar Zaragoza, o tempo
que inicia a experiencia do colectivismo nos territorios que vai
ocupando. Despois de fracasar no intento de tomar Zaragoza, marcha
cara a Madrid para reforza-la defensa da capital, ameazada por
diferentes columnas de fascistas que converxen sobre ela. Morre o 20
de novembro alcanzado, o día anterior, por un disparo na cidade
universitaria.
Día
10.
1921.
Fundación do Partido Comunista
de China.
Desde mediados do século XIX, nos tempos da chamada
guerra do opio e da intervención imperialista, na sociedade china
máis avanzada social e politicamente, foron aparecendo as que
podemos subliñar como tres estratexias que podemos resumir, con
todas as dificultades por tratarse dunha sociedade moi complexa e
bastante hermética para os europeos, sobre como enfrontarse a esta
intervención das potencias europeas: Nunha primeira, que podemos
denominar como de nacionalismo tradicionalista, os intelectuais e
políticos chinos, aínda recoñecéndolle a occidente certa
superioridade técnica, en descubrimentos con fines utilitarios,
considerábase os principios morais e políticos da sociedade china,
como moi superiores dos accidentais; unha segunda consideraba a
imposibilidade de utiliza-la tecnoloxía occidental por parte da
sociedade tradicional china, e de resisti-la presión militar e
económica de occidente, polo que afirmaban a necesidade de
substituír todo o chino polo occidental; unha terceira, que vai
cabalgando moitas veces xunto as outras, pódese denominar de
“nacionalismo revolucionario” que tenta apropiarse dalgunhas
cuestións de occidente para loitar contra occidente.
Os dous pais fundadores do Partido Comunista Chino, Chen
Du-Xiu e Li Ta -Chau, encarnan dúas destas tendencias, e van
polemizar en diversos medios, nos anos 1914-15, antes de achegarse
ambos ó leninismo, aínda que por diferentes razóns; Chen
partidario da occidentalización e Li, do nacionalismo
revolucionario. A todo isto debemos engadir, que a chegada dun
europeo ó marxismo o fai a traveso de todo un proceso de
“culturización”, ata para os analfabetos, que percorre a
filosofía occidental desde Grecia ata Hegel, caso distinto o dos
chinos que a súas bases filosóficas están no confucionismo, o
taoismo ou budismo.
Pero estes dous homes van ter desde os anos da polémica,
unha evolución acelerada, fundamentalmente pola posición dos
xaponeses e as súas reclamacións sobre China; as dos vencedores da
guerra mundial que non lle devolven a China as posesións alemás no
territorio e llas entregan a Xapón, e a revolución bolxevique de
outubro en Rusia.
Chen, decano da universidade de Pekin e director da
revista reformista “Nova mocidade” e Li bibliotecario da mesma
Universidade, forma un grupo de estudos de marxismo no que se
incorpora Mao Zedong, que traballaba na biblioteca. En 1919 Chen e Li
editan unha revista adicada ó marxismo e se van formando grupos de
mozos o redor do estudo do mesmo, cos que contactan en 1921 os dous
enviados por Lenin, Grigori Votinski e Yang Ming Zhai, chino nacido
en Siberia.
Sobre a fundación do PC, se dan dúas datas como
fundacionais, na primeira, o día 10, un grupo de delegados elixen a
Chen Du Xiu secretario xeral en Sanghai e a segunda o 23 do mesmo
mes, na mesma cidade, onde doce delegados, entre os que se encontraba
Mao, celebran o Iº Congreso e elaboran os estatutos do partido.
Día
12.
1921.
Finaliza o IIIº Congreso da
Internacional Comunista (Ver efemérides de xuño)
Día
17.
1917.
Primeira manifestación de
masas dos obreiros de Turín, desde o comezo da participación de
Italia na primeira guerra mundial. A noticia da caída do tsar fora
acollida na cidade con enorme alegría, pero os traballadores
turineses non se deixaron enganar pola fraseoloxía demagóxica do
goberno provisorio ruso, nin pola prensa italiana que atacaba a Lenin
e ós bolxeviques, despois dos acontecementos dos primeiros días de
xullo. Os dous representantes do soviet de Petrogrado, dominado polos
menxeviques e socialistas revolucionarios, Smirnov e Goldenberg,
foron recibidos por máis de 50.000 traballadores ó berro de ¡Viva
Lenin!, ¡Vivan os bolxeviques!. Esta mobilización marcou o inicio
dunha nova fase do proletariado turinés.
1928.
Inicio do VI Congreso da
Internacional Comunista, en Moscova. Participan 523 delegados de 58
organizacións das 66 que estaban adscritas, con máis de catro
millóns de afiliados.
Pasaran catro anos desde o anterior Congreso o que
provocou críticas diante desta situación que furtaba a discusión,
así como tamén pola derrota dos comunistas chinos en Sanghai en
1927, a mans dos nacionalistas do Kuomitang; derrota atribuída a
unha estratexia e táctica equivocadas impulsadas desde o Comité
Executivo da Internacional, cada vez máis dominado por Stalin. O ano
anterior fora expulsada do PCUS e da Internacional a Oposición
Unitaria. O Congreso foi presidido por Bujarin que foi quen
caracterizou o período que se abría, como o “terceiro período”,
caracterizado pola radicalización das masas, o ascenso da loita
revolucionaria e polo tanto, “o rexeite de toda alianza cos
reformistas”.
Neste Congreso destacan as propostas de “clase contra
clase”, para poñer fin o proceso de traballo dos comunistas nos
sindicatos dominados pola socialdemocracia, creando “sindicatos
vermellos” e a loita contra o que se cualificou como
“social-fascismo”, a equiparación da socialdemocracia a un
“fascismo brando”, o que rachou cas Frontes Únicas, puladas por
Lenin, como xeito de opoñerse o avance do fascismo e do nazismo. En
verbas de Stalin, “ a socialdemocracia é obxectivamente a á
moderada do fascismo(...) Eles non son antípodas, son xemelgos”.
Houbo algunhas voces disidentes como as de Togliatti ou Tasca, pero
que van calar a partires do X Pleno do Executivo que se inicia en
xullo de 1929, onde se vai concretar máis polo miúdo, todo o
aprobado no Congreso do ano anterior.
Día
18.
1918.
Nace Nelson Rolihlahla Mandela
en Umtata, entonces capital do chamado territorio do Transkei, fillo
dun xefe tribal lider dos Tembu. O seu nome Rolihlahla tradúcese na
lingua xosha, como “o que tira das ramas” ou “alborotador”.
Foi a escola de misioneiros británicos e estudou dereito na
Universidade de Fort Hare. Cando tiña 23 anos conseguiu un traballo
nun estudo xurídico de Johannesburgo e en 1944 ingresou no Congreso
Nacional Africano (ANC) un movemento de loita contra a segregación
racial. Mandela foi un dos dirixentes da Liga da Mocidade, dentro do
ANC, que se converteu no grupo dominante dentro do mesmo. Organizaron
numerosas campañas, unha vez que en 1948 chegou ó poder o Partido
Nacional e institucionalizou o réxime do “apartheid”, sobre todo
nos anos 1951-52 nos que presidiu a Liga. En 1952, pasou a presidi-lo
ANC do Transvaal e foi confinado en Johannesburgo, onde creou o
primeiro despacho de avogados negros de Suráfrica. En 1955 promoveu
a “Carta da Liberdade”, onde se plasmaba o seu pensamento de
carácter socialista, a creación dun estado multirracial,
igualitario, reparto da riqueza, reforma agraria e un sistema
democrático burgués.
En 1956 o réxime racista chegou a culminación do seu
proxecto, ca creación de sete “bantustanes”, especie de
“reservas”, onde confina-la maioría negra. O ANC comezou unha
campaña contra estas medidas e as leis racistas e a maioría dos
seus dirixentes foron detidos, entre eles Mandela que foi liberado
por falla de probas en 1961; perante o xuízo produciuse a “matanza
de Shapherville”, en 1960, o que leva o ANC a replantearse os
métodos de loita e inclinarse pola creación dun corpo armado,
Umkhonto we Sizwe (Lanza da Nación), que dirixe Mandela; a súa
estratexia orientouse a atacar instalacións de importancia económica
ou simbólica, excluíndo os atentados contra vidas humanas.
En 1962 é capturado, sometido a xuízo e condenado a
cinco anos de cárcere; nun xuízo posterior contra os líderes da
Lanza da Nación, en 1964, o condenan a cadea perpetua; tiña 46 anos
cando foi levado a illa Robben onde pasou 27 anos e se converteu no
símbolo mundial da loita contra o réxime do “apartheid”. Nese
mesmo ano é nomeado presidente do ANC.
O longo dos 27 anos, rexeitou todo tipo de amaño co
réxime, liberado en 1990, grazas a presión internacional e as
mobilizacións no país, foi unha figura clave nas negociacións para
establecer un réxime democrático-burgués en Suráfrica. Recibiu o
premio Nóbel da paz e en 1994 foi elixido presidente do seu país
nas primeiras eleccións onde votou a maioría negra. 18 anos despois
deste acontecemento, a maioría negra de Suráfrica seguen a vivir
marxinados economicamente, unha grande parte na miseria e as fontes
de riqueza, que son moitas, nas mans da minoría branca e de
empresas multinacionais.
1936.
Sublevación militar, de
carácter fascista, contra a IIª República española. A sublevación
do exército en Marrocos do día 17 esténdese o 18 a numerosas
gornicións da península, diante da pasividade do goberno que se
negou a entregar armas os/as traballadores e traballadoras e a
dimisión do presidente do Consello de Ministros, Santiago Casares
Quiroga. A firme determinación da maioría do pobo conseguiu, a
pesares de todo, derrota-lo golpe militar en numerosos zonas da
península converténdose, o que os militares pensaban que ía a ser
unha fácil tarefa, nunha guerra civil que durou ata 1939 e que
gañaron grazas á axuda prestada polo Alemaña nazi, coa lexión
Cóndor e a Italia fascista, cos máis de 60.000 combatentes do CTV,
un corpo de élite, e a postura mesquiña das “democracias”
europeas, que se arrexuntaron no “comité de non intervención”,
para non molestar a Hitler. As zonas agrarias máis atrasadas
política e socialmente, algunhas cidades como Zaragoza e Pamplona e
da Andalucía do Guadalquivir, Sevilla, foi onde o golpe fascista
tivo éxito; nas zonas industriais e nas grandes aglomeracións
urbanas, onde a legalidade republicana, derrotou a intentona.
A oligarquía financeiro -terratenente e a Igrexa
Católica foron dous elementos básicos de apoio ós militares
golpistas, aportándolles cartos e cobertura ideolóxica. Desde o
primeiros momentos da proclamación da república en 1931, a clase
dominante iniciou os preparativos do golpe, que tivo un primeiro
intento co xeral Sanjurjo en 1932. Despois do trunfo da Fronte
Popular o 12 de febreiro de 1936, reinícianse os preparativos, cando
a burguesía e as súas diferentes fraccións, decátanse que por
medios democráticos teñen moi difícil controla-las institucións
do estado e o perigo real de que se produciran cambios que
beneficiaran á maioría da poboación.
Día
19.
1920.
Comeza en Petrogrado, o IIº
Congreso da Internacional Comunista; máis tarde trasládase a
Moscova, onde finaliza o 7 de agosto.
Funcionaron seis comisións para realiza-los traballos:
Sindicalismo, Parlamentaria, Agraria, Problemas da Internacional,
Cuestiones nacionais e coloniais e Condicións de admisión á
Internacional. Destaca por tres aspectos salientables, en primeiro
lugar establécense as condición para pertencer á IIIª
Internacional e evitar así a entrada de numerosos reformistas e
oportunistas, que estaban dispostos a facelo; en segundo a loita
contra o esquerdismo e en terceiro establecer un réxime interno,
distinto do da IIª Internacional que permitía a autonomía de cada
partido e polo tanto que tiveran actuacións opostas, fronte
acontecementos da loita de clases.
As condicións para integrarse na Internacional
Comunista, primeiro foron 8, despois 18 e ó final quedaron en 21,
das que fago un resume:
1.A propaganda e a axitación deben ter perfil
comunista; 2. Substitución de cargos no movemento obreiro, no que os
reformistas, incluso se son cadros experimentados, deben ser
subtituídos por militantes comunistas aínda que sexan militantes de
base; 3. A acción legal debe combinarse por todas partes, coa acción
ilegal; 4. Propaganda das ideas comunistas no exército; 5.
Propaganda e axitación no campo polos obreiros comunistas; 6.
Denuncia do socialpatriotismo e do socialpacifismo; 7. Creba completa
cos reformistas; 8. Apoio con feitos a todo movemento emancipador nas
colonias; 9. Formación de núcleos comunistas, subordinados ó
partido, nos sindicatos; 10. Combater á Internacional Sindical de
Amsterdam; 11. Depurala fracción parlamentar; 12. Establece-la
organización dos partidos comunistas sobre a base dunha
“centralización democrática”, mediante unha “disciplina
férrea”; 13. Depuración periódica dos elementos pequenoburgueses
nos partidos comunistas legais; 14. Apoio incondicional ás
repúblicas soviéticas na súa loita contra a contrarrevolución;
15. Establecer un programa comunista adaptado ás condicións de cada
país; 16. Recoñece-lo carácter obrigatorio das decisións da
Internacional Comunista; 17. Denominar como partidos comunistas ás
organizacións; 18. Publicar en todos os órganos de prensa de cada
partido, todas as decisións do Comité Executivo da Internacional
Comunista; 19. Convocar un congreso, dentro dos catro meses da
finalización do IIº Congreso da Internacional, para debate-las
condicións de admisión; 20. Elixir en cada partido un novo Comité
Central no que polo menos as dúas terceiras partes dos seus membros
deben ser, con anterioridade comunistas; 21. Desbotar do partido a
tod@s cant@s
rexeiten as condicións de admisión.
Respecto á loita contra o esquerdismo, era unha
realidade que moitos partidos comunistas que naceran eses anos, o
italiano, o inglés, etc, tiñan tendencias sectarias e
ultraesquerdistas, se viron afectados por esa enfermidade “infantil”
como a denominou Lenin. Un caso destacado foi o do partido alemá,
afectado pola derrota do ano 1919, os asasinatos de Rosa Luxembrurgo
e Karl Liebknecht e a traizón da vella socialdemocracia. Os puntos
fundamentais que defendían os “esquerdistas” eran o rexeite a
todo traballo paciente nas organizacións de masas e coller todo tipo
de atallos organizativos, lanzando “ultimatums” ós traballadores
desde a periferia do movemento. Declarábanse contrarios a participar
nas contendas electorais, fosen cales fosen as circunstancias e
afirmaban a necesidade de abandoa-los sindicatos de masas e organizar
“sindicatos vermellos”. As súas posicións reflectían a
impaciencia e a inexperiencia e estaban cheas de posicións
anarquistas.
Houbo un grande debate sobre as súas posicións e Lenin
e Trotski, como un grande número de dirixentes bolxeviques
esforzáronse por clarifica-los problemas. Como resposta a estas
posicións Lenin redactou a súa obra “A enfermidade do esquerdismo
no comunismo”. Trotski redactou o Manifesto do Congreso, onde se
subliñaban os principios da estratexia marxista, contra a política
“ultraesquerdista” e sectaria.
1979.
Trunfo da Fronte Sandinista de
Liberación Nacional en Nicaragua. O ditador Somoza, monicreque dos
EEUU, abandona o pais. A partires dese momento os imperialistas
inician unha campaña para afogar o proceso revolucionario,
bloqueando os portos e o comercio, financiando con armas e cartos os
compoñentes da Garda Nacional, principal corpo armado no que se
apoiou a ditadura, que escaparan cara a Honduras, e
contrarrevolucionarios de diversos países, para organizar grupos que
penetraban no territorio nicaragüense para cometer asasinatos,
destruir colleitas e instalacións de todo tipo; coñecíaselles como
“a contra”. A súa existencia obrigou ó poder revolucionario a
gastar enormes cantidades en armamento, e manter un exército moi
numeroso, non permitindo aumenta-los gastos sociais. Dentro da
dinámica das “guerras de baixa intensidade”, que os EEUU levan a
cabo contra poderes de carácter revolucionario, a operación “Irán
-Contra”, para subministrar armas iranís á “contra
nicaraguense” mediante avións da mafia, que en pago polos
servizos, introducían despois droga en EEUU, foi un feito
escandaloso que ocupou as primeiras planas dos periódicos do mundo.
Pois ben, ó creador deste “programa” Oliver North, foi
considerado polo presidente Regan, “loitador polas liberdades”.
Día
21.
1921.
Sucesos de Sarzana, na Toscana
italiana; despois de moitos meses de violencia fascista por toda
Italia, levada a cabo ca complicidade de autoridades locais e
estatais, concéntranse na estación desta vila, máis de cincocentos
fascistas armados, chegados de Florencia, Pisa, Lucca e Viareggio,
baixo o mando de Amerigo Dumini, que anos máis tarde asasinará o
deputado socialista Matteoti. O seu obxectivo era realizar unha
“operación de castigo” contra a vila, onde era moi forte o
“arditi do popolo”, grupos de autodefensa contra o fascismo, e
liberar a un xefe fascista, Renato Ticci que se atopaba custodiado
polas autoridades pois temían pola súa seguridade; se van a
enfrontar a oito milicianos e tres soldados, nun incidente que amosa
a febleza do fascismo se non contaba ca complicidade das autoridades;
diante da firmeza da forza pública non deixando que actuasen,
prodúcense disparos e os fascistas, acostumados a enfrontarse a
xente desarmada e apoiados polas institucións do estado, o
enfrontarse a este, foxen en desbandada, o que é aproveitado polos
veciños e campesiños dos arredores para perseguilos, colgar a
algúns das árbores e afogar a outros nas marismas. Grazas a
intervención da forza pública, que os defendeu da ira do pobo, non
se converteu nunha masacre maior. Pero os sucesos de Sarzana son
importantes pois levan á dirección do Fascio a comprender, que sen
axuda do estado, como era o habitual, as accións dos “grupos de
combatimento” contra o pobo, tiñan serias limitacións, polo que
van a acelerar as accións para a toma do poder. Asinarán cos
socialistas un “pacto de non agresión” en Roma o día 2 de
agosto, ca intención tamén, por parte dos socialistas de illa-lo
Partido Comunista que nacera como tal a principios de ano e era,
xunto ós anarquistas, os máis activos na loita contra a violencia
fascista.
Día
25.
1867.
Aparece a primeira edición do
primeiro tomo de “O Capital” de Carlos Marx. En Hamburgo,
posiblemente unha das obras que máis ten influído e que máis
debate ten producido ata a actualidade. A obsesión científica de
Marx levouno a corrixila constantemente; así na edición de 1873, o
capítulo I estaba corrixido.
Ata despois da súa morte non se editan os outros dous
tomos, grazas a un importante traballo de Federico Engels, en 1885 e
1894, respectivamente.
Neste primeiro tomo explícanse polo miúdo dúas
cuestións moi importantes no sistema capitalista, a explotación do
obreiro polo patrón e as tendencias do sistema ás crises e a
miseria dos explotados. O tomo I, divídese en sete seccións: 1.
Mercadoría e diñeiro, 2. A transformación do diñeiro en capital,
3. Produción de “plusvalor” absoluto, 4. Produción de
“plusvalor” relativo, 5. Produción de “plusvalor absoluto e
relativo”, 6. O salario, 7. O proceso de acumulación de capital.
Día
26.
1953.
Asalto ó Cuartel Moncada da cidade de Santiago, por parte dun grupo
de revolucionarios cubanos, opositores á ditadura de Fulgencio
Batista, autor dun golpe de estado o 10 de marzo de 1952, co apoio da
CIA norteamericana. Escolleron ese día por cumprirse o centenario do
nacemento de José Martí.
Eran días de Carnaval na cidade de Santiago, cando o
grupo da xuventude do Partido Ortodoxo, fundado por Eduardo Chibás
en 1947, comandado por Fidel Castro atacou a fortaleza. Aínda que
fracasou, o asalto marcou un fito o desligarse da política
tradicional e proclamando a necesidade de cambios estruturais fondos.
De trunfar, faríase un chamado a paraliza-lo país.
Na pequena granxa Siboney, se concentraron os homes e as
armas que participaron no asalto. Foron aproximadamente 135, os mozos
e mozas que participaron neste intento, mentres outro grupo de 28,
tentaba en Bayamo facerse co control do cuartel Carlos Manuel
Céspedes. No operativo do Moncada, Raúl Castro e Abel Santamaría
tomaron os edificios anexos ó cuartel, pero o grupo comandado por
Fidel fracasou por circunstancias imprevistas. Despois de dúas horas
de combate, tentaron levar adiante o plan previsto en caso de
fracasar, internarse na Serra Mestra para continua-lo combate, pero
unha grande parte foron detidos e asasinados impunemente despois de
ser torturados, un grupo conseguiu fuxi-lo estranxeiro e días máis
tarde, o 1 de agosto, foi detido Fidel e algúns compañeiros, que
salvaron a vida grazas a actitude do tenente Sarría, que negouse a
entregalos ós seus superiores e levounos ós tribunais. A defensa de
Fidel Castro, no xuízo posterior, é a famosa alegación “A
historia me absolverá”. Aínda que non saíran vitoriosos, foi
unha vitoria política, xa que foi sementeira dun movemento moi
poderoso, capaz de levar adiante unha loita no campo e nas cidades,
que acadou o poder o 1 de xaneiro de 1959.
Día
27.
1934. Pacto antifascista entre o Partido
Comunista Francés e a SFIO (Sección Francesa da Internacional
Obreira, socialista). Desde principios de ano, Francia vive
convulsionada polas consecuencias da crise económica, enorme taxa de
paro, o avance e accións violentas das forzas fascistas, Acción
Francesa, Cruz de Lume, Liga dos Patriotas, que se amotinan o 6 de
febreiro co resultado de dezasete mortos e 1500 feridos; todo nun
clima de división entre socialistas e comunistas. Como resposta á
provocación fascista, o PCF leva a cabo unha manifestación o día 9
e acorda apoiar a mobilización de folga e manifestacións convocada
pola CGT e a SFIO do día 12. Nun momento da xornada as dúas
manifestacións, a comunista e a socialista, fusiónanse ós berros
de ¡unidade!, o que da pé ó compromiso político que se pecha o
día 27 de xullo, que lles permite, entre outras aspectos, participar
xuntos nas eleccións cantonais do mes de outubro. Pódese considerar
o antecedente da Fronte Popular, do ano 1936 asinado polo PCF, a SFIO
e o Partido Radical.
Día
31.
1922.
Inicio da folga xeral en Italia para poñer freo a violencia
fascista, que ca complicidade de determinadas institucións,
monarquía, goberno, xudicatura, exército, carabinieri, garda real,
etc, lanzáranse a unha campaña de asalto ás cidades dominadas pola
esquerda. Cunha concentración previa de centos ou miles de
fascistas, entraban nas cidades, queimaban as sedes dos partidos, dos
sindicatos e asaltaban as casas dos concellos, golpeando e as veces
matando a quen foran elixidos democraticamente, e formaban un novo
concello cos seus seguidores; cando os barrios obreiros repelían as
agresións, e veíanse incapaces de dobrega-la resistencia popular,
interviñan as forzas de “orden público” a favor dos agresores e
en contra dos que denominaban “subversivos”. A folga convocouse
tarde, mal e o fascismo xa tiña gañadas importantes posicións,
polo que fracasou.
1963.
Uruguay. Asalto ó “Tiro
Suizo” en Nueva Helvecia, departamento de Colonia, para requisar
armamento, na que se considera a primeira acción do núcleo, do que
máis tarde se constituiría como o Movemento de Liberación Nacional
Tupamaros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario