Carlos Dafonte.
A oligarquía española,
ese pequeno grupo de malgastadores da riqueza producida pol@s
traballador@s do estado, de especuladores, estafadores e
defraudadores, como quedou demostrado no análise da crise actual,
que desde hai séculos usurpa o poder do estado, desde o 9 de xuño,
diante da bancarrota na que se atopa algún dos seus sectores como é
o financeiro, vai recibir unha “liña de creto” de ata 100.000
millóns de euros, a cifra marea se a traducimos a pesetas, por parte
de organismos internacionais, para recapitaliza-la banca.
Nos están rescatando
como a Grecia, Portugal e Irlanda, que a cambio de diñeiro tiveron
que tomar determinadas medidas?. Escolleuse, penso, aínda que no
fondo sexa o mesmo, unha rota distinta; primeiro nos esixiron toda
unha serie de reformas: as que tomou o goberno do PSOE a partires do
ano 2010 e as que está a tomar o PP desde que o substituíu a
finais de 2011. E unha vez tomadas as máis importantes para garantir
que os cartos se devolven, fan o préstamo; pero no fondo, a pesares
dos eufemismos que se queiran empregar, están a rescatarmos. O
sector financeiro da economía atópase nunha grave situación, o
conxunto da economía do estado non é capaz de facerlle fronte e ten
que pedir axuda fora. Pero o rescate non vai afectar só ó sistema
financeiro, como deixou claro a declaración do Eurogrupo, toda a
estrutura económica se vai ver afectada, “falando en prata”, que
virán novas medidas, contra as pensións, salarios, servizos
públicos, funcionarios, suba de impostos, etc. e que estas medidas
serán revisadas pola “troika”, UE, BCE, FMI
No tratado de Maastricht,
un dos piares da creación da UE actual, aprobaron elementos
substanciais para que os estados carguen cas débedas da oligarquía,
da clase dominante, limitando por exemplo, entre outros elementos, a
actuación do Banco Central Europeo ou permitindo a libre circulación
de capitais. Por iso, os sectores da esquerda española levamos
moitos anos opoñéndonos á U.E., por ser unha construción
oligárquica e imperialista, ó servizo de determinadas minorías.
O “caso Bankia” é un
máis dos desaguisados deste grupo, pero tamén a burbulla
inmobiliaria, os enormes buratos que reflectirían os balances
bancarios, si se lles obrigara a poñe-lo “ladrillo” do que son
propietarios ó prezo real do mercado; as chamadas “preferentes”;
o fraude das empresas, tanto á seguridade social como a facenda, que
xera un déficit enorme; os paraísos fiscais repartidos por todo o
mundo e permitidos polas institucións por eles hexemonizadas; o
saqueo do estado e polo tanto dos contribuíntes, no seu beneficio;
todas estas actuacións, entre outras, da oligarquía deben facernos
reflexionar sobre que de proseguir na dinámica actual, de control do
estado e da economía, da estrutura económica e da superestrutura
política, por parte deste pequeno grupo e dalgúns aliados, a grande
maioría dos cidadáns deste estado, por moitos anos van vivir nun
pesadelo.
Bankia é un exemplo
clarificador da actuación desta oligarquía, pero podemos poñer
outros, hai numerosos casos de actuacións de bancos e caixas de
aforros que tamén serven; Bankia non é un caso único. Utilizaron
as Caixas de Aforros no seu beneficio, foron modificando as leis
polas que se rexían para evitar controis, situaron o PP e o PSOE
desde os gobernos autonómicos, ós xestores culpables das políticas
que levaron ás Caixas á situación actual. Sempre actuaron ó
servizo deste grupo hexemónico, se están quebradas non foi por
facer políticas a favor da grande maioría da poboación
Repartiron diñeiro en
enormes cantidades, sen valorar riscos, entre os seus, moitas veces
para obras inxustificables, e no colmo da desvergoña, tentan marchar
con pensións multimillonarias, sen asumir responsabilidade algunha.
Tamén hai responsabilidade nas institucións que debían controlar
todas estas actuacións, nomeadas polos dous grandes partidos.
Ámbolos dous son responsables, pois monopolizan o poder, durante os
últimos trinta anos, desde a desaparición da ditadura. Algunha
responsabilidade terán.
E cando se quere
investigar como é posible que o que hai “dous días” eran
beneficios, hoxe sexan enormes perdas, e que responsabilidade teñen
os que en tempos eran saudados, polos medios de comunicación e as
institucións, como “gurús da economía” e a ser nomeados
“doutores hornoris causa” por facultades de económicas, e existe
un clamor popular para que esa investigación se realice, os
“representantes da cidadanía”, tenta tapalo todo, alegando que
non se pode “asusta-los mercados, que medra a “prima de risco”.
Que xa se fará. Como se os especuladores a quen se lles chama
“mercados”, non coñeceran todos os miolos das economías contra
as que actúan e sacan enormes beneficios.
Lembrade a estulticia do
PP cando nos dicía unha e outra vez, que só polo feito de
votarlles, xa se recuperaría a confianza e todo marcharía doutro
xeito; agora o mesmo, co rescate todo irá ben, ¡pois non!, todo
esta a seguir igual de mal, os “mercados” desconfían, a “prima
de risco” segue a medrar, cada vez pagaremos máis para financia-la
nosa débeda, un 80% do PIB, aceptable, se tiveramos un sistema
produtivo distinto; os 100.000 millóns de euros non van solucionar
nada, e van producir máis déficit, e para pagalo xa sabemos a
receita, medidas contra os traballador@s, tod@s
a pagar as consecuencias das políticas e o latrocinio duns poucos. E
tentar tapar canto antes as responsabilidades individuais e
colectivas, desta minoría de explotadores. Ata que chegue o segundo
rescate, que virá.
Hai moitos anos, en plena
guerra de Vietnam, diante da imposibilidade de que os tribunais
existentes foran capaces de emitir unha condena contra as
bestialidades cometidas polos imperialistas contra o pobo vietnamita,
constituíuse o chamado “tribunal Bertrand Rusell”, onde os
crimes do imperialista foron condenados; pois ben se os tribunais non
queren ou se inhiben de actuar contra os responsables de todo tipo,
da situación económica, os que pensen que non deben marchar sen
pagar polas súas responsabilidades, teñen a obriga de estuda-la
creación dun tribunal, formado por personalidades de todo tipo, que
emita sentencia.
Necesítase medidas
distintas das que a oligarquía aproba desde as institucións que
domina; necesítase debater sobre todo, porque todas as certezas cas
que viviamos se están a desmoronar; o cal é moi importante por que
moitas desas certezas estaban construídas sobre a forma de pensar da
clase dominante, da clase explotadora; pero sobre todo actuar; en
Grecia hai servizos en determinados barrios e cidades que comezan a
ser autoxestionados; necesitamos outros campos de xogo, discutir
sobre eles, por exemplo que pasaría se nos saímos do euro, pero non
da Unión; e si abandonamos esta?, sobre a entraña clasista desta
U.E.; pero discutir a fondo numerosas cuestións, que en tempos de
expansión parecían irrelevantes; ter información, coñecer, non
actuar cas “verdades” dos nosos inimigos. Sen transparencia e
información non hai democracia; e neste país nin a unha nin a
outra; a información pasa pola peneira das grandes empresas; a
democracia e algo máis que votar cada certo tempo.
En Galicia no mes de xuño
de 2012
No hay comentarios:
Publicar un comentario