Carlos Dafonte
Pouco se falaba de Grecia
denantes de aparecer Syriza no panorama político e o afundimento
electoral dos dous grandes partidos, Nova Democracia e o PSOK, por
medio dos que o verdadeiro poder mantiña a ficción dunha dereita e
unha esquerda, para manter ó pobo grego nunha realidade inexistente.
Ata o intre en que Syriza controlou o goberno, todo parecía ir ben
aínda que todo fose mal para @s traballador@s
e o trunfo de Syriza foi a expresión de que ese pobo, despois de
moitos anos de sometemento ós intereses do imperialismo, dos seus
instrumentos actuais, U.E., OTAN, FMI, BCE, tentaba iniciar outro
camiño que puxo en evidencia que os novos dirixentes políticos non
estaban a altura das exixencias populares.
O que tento amosar neste
artigo é que a débeda actual grega, que a dereita, os neoliberais
tanto progresistas como conservadores do estado español e da UE
presentaron, cunha malévola intención, como resultado dos salarios
elevados do funcionariado e pensionistas e non terse apertado o cinto
durante anos, non son máis que argumentos que esconden a realidade,
que non é outra que Grecia nos últimos 200 anos, non foi un país
soberano con intervencións constante das potencias imperialistas que
se beneficiaron da súa débeda que se pode cualificar, sen medo a
trabucarse, de inadmisible e odiosa, desde os primeiros anos da loita
pola independencia; e dende a creación da OTAN despois da II G.M.,
é o país, con respecto ó seu PIB, que máis gasta en armamento sen
que a organización militar imperialista lle garanta a súa
seguridade.
Grecia acadou a independencia en 1824 loitando contra o Imperio Turco que ocupaba e administraba o territorio, pero nunca foi un país soberano; tivo que financiar o armamento e todos os pertrechos militares con cretos e unha vez finalizada a loita caeu baixo o control dunha “troika” formada por Inglaterra, Francia e o Imperio Ruso, a partires de 1830, que como hoxe garantiron que a débeda ós bancos se ía pagar posto que os propios gobernos eran avalistas e para ela impuxeron toda una serie de medidas contra o pobo grego. Con anterioridade pedira dous cretos o primeiro en 1824 e outro o ano seguinte do que os banqueiros se aproveitaron parasacar enormes beneficios.
En conxunto os dous
préstamos tiñan un monto de 2,8 millóns de de libras, que era o
120% do PIB do país pero só recibiu 1,3 millóns de libras e os
títulos que tiñan un valos de 100 libras vendíanse no mercado a
60, pero quen os compraba recibía intereses como se houbera
desembolsado 100; tiña que paga-lo pobo grego como si recibise o
monto total.
Situación como relata
ÉricToussaint, de cuxos libros e numerosos artigos saquei os datos,
levou a Grecia a unha situación insostible, a partires de 1825, polo
que o Goberno Provisorio tivo que suspende-lo pago da débeda en 1826
e non pola razón de que quixera suspende-lo pago, senón porque a a
partir de 1825 estalou a primeira grande crise capitalista mundial e
os banqueiros pecharon o grifo para novos préstamos, e Grecia un
país en guerra, ca produción paralizada, pagaba a débeda vella con
novos préstamos que permitían paga-los intreses e amortizacións
dos anteriores. Pero este feito non foi singular de Grecia, o mesmo
aconteceu cos novos países de América Latina, que unha grande parte
dos mesmos tamén tiveron que suspende-lo pago.
A troika para garanti-lo
pago da débeda, impuxo en Grecia unha monarquía á cabeza da cal
situaron a un príncipe bávaro, Otón I. Ademais de imporlles unha
monarquía fidel ós intereses imperialistas, negociaron ca banca
Rothschild un novo préstamo de 60 millóns de francos franceses, dos
que os gregos recibiron 9 millóns, o resto, a troika os distribuíu
como lle pareceu, entre outras cousas pagoulle 12,5 millóns ó
Imperio Turco como indemnización, e 7,4 a Otón I para os “seus
gastos”.
Pero a pesares de todos
os esforzos da troika a monarquía grega tivo que suspende-lo pago da
débeda polas condicións leoninas impostas; a primeira en 1838 e a
segunda en 1843 cando o pobo grego se rebelou diante dos sacrificios
brutais que padecía para pagar unha débeda imposta e o malgastoo da
monarquía imposta. Como no caso hoxe do estado español mediante a
modificación do artigo 135, levado a cabo polo Psoe e o Pp, da
constitución, o pago da débeda era o prioritario. Franceses e
británicos ocuparon o porto do Pireo e así controla-la principal
fonte de ingresos. Unha serie de sublevacións populares derrocaron á
monarquía bávara, e a troika elixiu a un príncipe danés, para
seguir mantendo a Grecia explotada polo pago dunha débeda inxusta e
ó pobo grego na miseria agás unha pequena clase dirixente que
vivía, e moi ben, unida ós intereses bancarios internacionais que o
explotaban.
Moi diferente foi a
actitude do Goberno Revolucionario Soviético. Unha vez se tomou o
poder, nos primeiros anos do mesmo, repudiou a débeda que tiña o
Imperio tsarista, como fixera en 1905 o Soviet de Petrogrado
presidido por Trotski, actitude que significou un terremoto nas
finanzas internacionais e a pesares das dificultades polas que
pasaba, perdoou a débeda a todos cantos países a tiñan co antigo
poder, un xeito de recoñecer que quen sufría o pago desa débeda
ilexítima, era o pobo; así se condonaron as débedas a Estonia,
Lituania e Letonia e o mesmo aconteceu con Polonia, Ucraína,
Bielorrusia, Persia e a propia Turquía.
A nova crise capitalista
iniciada en 1890, levou ós países do centro do sistema a tomar
medidas de carácter proteccionista contra produtos que Grecia
exportaba e pechouse de novo a billa dos préstamos, o que obrigou ó
país a suspende-lo pago da débeda. Situación que resolve o
imperialismo en 1898 cando se creou a Comisión Financeira
Internacional que lle concedeu un novo préstamo que situou a Grecia
baixo a tutela desta comisión formada por seis grandes potencias,
que acapararon non só a maior parte do recadado polo estado, senón
que lle quitaron toda a pouca soberanía da que gozaba, o que leva a
producirse importantes movementos políticos e sociais que permiten ó
recen creado Partido Liberal controla-lo goberno e a Vanicelos á
presidencia do mesmo, que inicia un camiño de reformas.
A Iª Guerra Mundial
quebrou o proceso, obrigou a Grecia a novos gastos e aínda que polo
Tratado de Sévres acadou un importante pedazo de Turquía, con
capital en Esmirna, as clases dirixentes iniciaron en 1922 un
conflito para ampliar este territorio que levou á perda do
concedido, novos gastos e preto de 2 millóns de repatriados de
territorio turco. Esta situación obrigou a pedir un novo préstamo á
Sociedade de Nacións dominada por Gran Bretaña e Francia, a cambio
de condicións para o seu pago que representaban un monto superior ó
30 % dos seus ingresos, e o 10 % do seu PIB; para cumprir estas
condicións se someteu @s traballador@s
a condicións de vida moi extremas que se aguzan cando chegou a nova
crise capitalista mundial no ano 1929, onde Grecia viu como as súas
exportacións baixaban, unha parte dos seus bancos foron á quebra e
a súa moeda devalada nun 50%, o que significou, ter en moeda local,
o dobre da débeda contraída; de novo pechouse a billa do creto a
nivel mundial e todas as consecuencias que coñecemos relacionada con
esta crise; o resultado foi unha nova suspensión de pagos parcial en
1932, e digo parcial pois seguiu pagando parte da mesma baixo o
establecido pola CFI.
Como en outros momentos,
non foi só Grecia quen suspendeu pagos, Gran Bretaña, Bélxica,
Francia e Italia tamén os suspenderon entre eles, e cos EEUU; o
mesmo que Alemaña en 1933 e Letonia, Romanía, Hungría ou
Iugoslavia.
Máis tarde Grecia foi
ocupada polos exércitos nazis e hai que dicir que xunto con
Iugoslavia non necesitou de exércitos estranxeiros para liberarse
dos invasores a cambio de moitos mortos e a destrución parcial do
país e da súa economía, danos polos que Alemaña nunca pagou
indemnización algunha; e cando unha vez derrotado o nazismo o pobo
grego ca esquerda comunista á fronte, libra a batalla por
modifica-las condicións extremas nas que vivira dende a súa
independencia, a intervención imperialista, os exércitos de Gran
Bretaña e EEUU impoñen a “paz dos cemiterios” e Grecia sigue
vinculada e atada as políticas imperialistas ata os nosos días que
como podemos recordar, hai poucos anos, para satisfacción no noso
país de socialistas, populares e outros partidos burgueses, agora a
Unión Europea impúsolle leoninas condicións para salvar ós banco
alemás e franceses que fixeran investimentos non recomendables e que
a crise iniciada no ano 2007 puxo en evidencia.
Polo tanto, a crise grega
non é de hoxe, ten as súas raíces ben asentadas na estratexia
imperialista de utiliza-la débeda para exprimir ó máximo @s
traballador@s dos países coloniais, semicoloniais ou dependentes; a
débeda grega non é resultado, como no estado español se subliñou,
das condicións de vivir por enriba das súas posibilidades do pobo
grego.
As inadmisibles
condicións impostas @s greg@s pola UE, é
o escarmento e o exemplo de como a imperialista UE, vai tratar a
todos os pobos que ousen liberarse das débedas ilexítimas, odiosas,
ilegais e insostibles, como a do estado español, do 100 % do PIB, e
pola que ningunha forza política pregunta nas institucións, e
explica na sociedade que é o importante, como se chegou á mesma,
quen son os culpables e como vamos a solucionar o feito que é
imposible de pagar.
Pero tamén o que se saca
en conclusión deste repaso sobre Grecia e a súa débeda, no que me
inspirei nos traballos de Eric Toussaint, a quen recomendo ler por
se alguén dos que se acheguen a este análise non o fixo, é que a
oligarquía grega nunca tivo un proxecto de pais digamos “burgués
capitalista”, impulsor da industrialización e o que iso leva,
preferiu ser un parasito, unindo os seus intereses ós intereses das
potencias imperialistas e as súas estratexias de dominación e
saqueo.
En Galicia no mes de
agosto de 2018.
No hay comentarios:
Publicar un comentario