A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 9 de enero de 2025

TRÁS A XVII ASEMBLEA. O BNG, CARA A UN PARTIDO-POBO?

Roberto Laxe

No PP, trás a defenestración en plena crise do Prestige e Nunca Mais do eterno herdeiro o “trono”, Cuiña, o que estaba na “fronteira do direito de autodeterminación”, e a morte do “caudillo” Fraga, véu o xiro ultracentralista de Feijoo e a sua banda. Isto está a romper as amarras coa súa base social da pequena burguesía, especialmente no rural, como demonstra a sua fanática aposta polo proxecto de Altri.


Pola sua banda, o PSOE renunciou desde os anos de Paco Vázquez a ter unha proposta propria para Galiza. Para eles é terreo perdido e importa tres comiños o seu futuro; chega con ter as alcaldías de A Coruña e Vigo, algumha deputación en pacto co BNG e tan contentos.


Neste cadro, o BNG, tras o seu rexurdimento despois de asomarse ao abismo da súa desaparición no 2015, cando non se presentaron ás eleccións baixo as suas siglas e non convocaron ese 25 X, aparece como a única forza política que ten unha proposta para Galiza.


O tempo da “nova política”, das Mareas e demais, foi flor dun día froito dumha crise social que XM Beiras definira como de “emerxencia social e nacional”, e morreu cando demonstaron na práctica que non eran a alternativa que a clase traballadora e o pobo precisaban; fiaron todo á desmobilizar á sociedade e no voto, e resultou que non eran moi distintos dos que no 15M foron rexeitados.


Pechada esa crise política, cando centos de miles de persoas berraron “chámanlle democracia e non o é” e “non nos representan”, as augas voltan o seu leito, ao “tripartidismo” natural da Galiza entre a direita cada vez mais extrema, o PP, o centralismo progresista do PSOE, con cada vez menos base social, e o BNG, que vai recollendo aos descontentos dun e doutro.


Un “tripartidismo” favorecido pola lei electoral aprobada nos tempos de Fraga, que impón un mínimo do 5% dos votos por circunscrición para acceder o parlamento, fomentando o voto util. Diste xeito, se impide a aparición de novas forzas políticas que podan pór en cuestión a estabilidade do “tripartidismo”. De feito, so nun momento de crise política excepcional, como foi a que atravesou Galiza e o Estado Español tras o 15M, esta norma rompeu, e entraron forzas políticas alleas ás que normalmente sentan nos escanos no Parlamento.


O contexto internacional vs a axenda galega


O actual BNG constrúe todo o seu discurso político sobre a base dun lema, se eles están, “está Galiza”, cumha lóxica que anuncia o titulo do artigo, o “partido-pobo”. O que está co BNG é galego, o que non, ... pois iso; non o é. Porque, semella, o único proxecto para Galiza é o que o BNG defende. É a “axenda galega”.


Admitamos, en principio, que esta axenda é adecuada á Galiza, a pregunta que xurde é inmediata, no cadro dumha situación política mundial determinada por unha guerra “hibrida” entre os dos grandes bloques imperialistas, o euro norteamericano ao redor da OTAN, da que o Estado Español é parte activa, e o chino-ruso ao redor dos BRICS e a OCS (Organización de Cooperación de Shangai), como pretenden desenvolver a loita pola “axenda galega”?


Porque, goste ou non, Galiza non é allea a este conflito. Dous exemplos, un, no eido militar, a existencia da Base Naval en Ferrol e o proxecto de ampliación para fondear buques de gran calado da OTAN e a presenza da BRILAT en Pontevedra, que é enviada regularmente ao que chaman o “frente ruso” (os países bálticos), dous, a subministración de armamento a aliados estratéxicos da OTAN, o reino de Marrocos, de empresas galegas como UROVESA e Rodman.


Alem da política de apoio ao sionismo polos partidos do réxime, o PP e o PSOE, está claro que o capital galego é parte activa do militarismo que desde a OTAN estase a fomentar, no nome da “seguridade” europea.


Unha hipotética Xunta co BNG suspendería todas as relacións co Estado Sionista de Israel, deixaría de armar a monarquía alauita, que usa non só para reprimir a súa poboación, senon para manter a ocupación do Sáhara?. Seguro que a contestación sería que si; que umha Xunta co BNG faría iso.


Mas, polo que aprobouse na Asemblea Nacional do 1 D, semella que as súas propostas non van por aí; o BNG, no seu esforzo de aparecer como umha forza “alternativa sólida e solvente de Goberno” “aposta pola dialogo e a paz para resolver os conflitos que se desenvolven no Oriente Medio ou no leste de Europa” (Nosdiario, 16 novembro 2024), que é xusto o contrario de enfrontar e illar o sionismo ou romper coa OTAN, os dous grandes axentes activos nas guerras mencionadas.


O interclasismo interno da “axenda galega”


Alfonso Eiré, ex director de A Nosa Terra, nun post no FB, define perfectamente este carácter interclasista deste proxecto, cando din nun balance da manifestación contra Altri: “Así as cousas, o peso social de oposición a PASTEIRA, nunca mellor dito, vai quedar en mans do nacionalismo político-social. E non lle vai chegar a súa capacidade mobilizadora e de explicación comunitaria. É necesario que chegue a acordos para que empresas galegas que se van ver perxudicadas por este proxecto”.


E conclúe, “Xa é hora de que a burguesía galega defenda os seus intereses!”.


Isto é poñer branco sobre preto o proxecto social para acadar o reto de consolidar ao BNG “como alternativa sólida e solvente de Goberno” no camiño de conquistar un “novo status político de nación para Galiza que supere o actual marco autonómico. Un status político que nos recoñeza como nación”, co obxectivo “de ter máis poder político, máis ferramentas para dar solucións e repostas aos problemas que ten o noso pobo e mellorar as condicións de vida colectivas e individuais de galegos e galegas” (Nosdiario, 1 de decembro).


De como demo pretenden conquistar esa “superación” sen rachar co rexime do 78 nin palabra; non vaia ser que a burguesía galega colla medo, e continúe apoiando ao PP, aínda que non sexa a mellor alternativa.


A frase que define o verdadeiro carácter do BNG é a de “ter máis poder político”. Significa isto loitar pola soberanía nacional e construír umha republica galega, ou simplesmente é que as competencias autonómicas ás que o PP renunciou todos istos anos, pasen á Xunta?.


A contestación a esta pregunta é a chave de todo, pois se o que se pretende é levar o marco autonómico ate o final e superalo para “ter mais poder político”, entendese que todo o eixo da súa política sexan as eleccións, primeiro as municipais, despois as autonómicas.


Se a contestación é que vaise organizar a loita pola soberania nacional, do que o direito á autodeterminación (a decidir o futuro) é o punto central, as eleccións non poden ser o eixo central da atividade dumha organización coa mobilización e autoorganización social no centro. As eleccións son só unha ferramenta para espallar ese obxectivo, pois a experiencia catalana do 2017 demonstra que o réxime do 78 non vai permitir baixo ningún concepto que ningumha das nacións que compoñen o estado español exercite ese direito pola vía electoral.


A palabra “superalo” é dunha ambigüidade calculada; semella moi radical, mas no fondo é totalmente conservadora. Superar umha cousa sen rompela é um oximorón que só conduce á confusión: se queres superar o réxime do 78 hai que romper con el, senón significa manter a súa esencia só que mudando algunhas cousas. Son dúas perspectivas opostas polo vértice, e as bases do BNG terán que responder se encadranse no réxime do 78, co obxectivo de “superalo”, ou teñen como eixo político a loita pola soberanía nacional, é dicer, a ruptura co réxime.


É evidente que o BNG con este termo ambiguo non quere asustar a ese sector da burguesia que, como dixera o ínclito Cuiña antes da súa defenestración por Aznar e o PP estatal, moviase “na fronteira do direito á auteterminación”. Cuiña, un burgués de direitas, falaba mais claro que a actual dirección do BNG, que recurre a eufemismos (“superar”) para non dicer que a alternativa na Galiza ten que basearse na loita polo direito a decidir, a constituír un estado proprio.


Esta ambigüidade calculada abre unha disxuntiva, a “axenda galega” inclúe pórse á cabeza na loita pola soberanía nacional, ou iso queda para os “días de festa” e para “consumo interno”?.


Esta contradición resolveríase facilmente se fosen claros nos seus obxectivos: se chegan á Xunta e, no mellor dos casos coa maioría suficiente para gobernar sós, iniciarían un proceso político para que o pobo galego decidira sobre a súa soberanía política? Porque esta é a esencia de calquera forza que se autodenomine “nacionalista”, construír un estado soberano e independente; senon, esa forza é todo menos nacionalista.


Digo con “maioría suficiente”, porque está claro que se teñen que pactar con PSOE iso non vai ser posible, por moito que teñan a maioría relativa. Lembremos o balance que Anxo Quintana fixo do paso pola Xunta, “tivemos o goberno mas non o poder”.


A cuadratura do círculo do interclasismo


Esta aposta por ser unha “alternativa sólida e solvente” supón disolver os conflitos de clase dentro da propria Galiza, poñendo no centro as reivindicacións nacionais identitarias, interclasistas por definición, e deixando nos marxes da loita social a loita da clase obreira como tal, non vaia ser que a patronal coa que se quere negociar a “superación” do marco autonómico se asuste.


Un exemplo, hai dous anos as traballadoras da conserva protagonizaron umha folga histórica que rematou, para sorpresa de todos, cun preacordo asinado en Madrid por UXT e CIG, dous días antes dumha xornada de loita convocada e que esperabase exitosa. De feito, así foi, pois CCOO, o sindicato que non asinou o preacordo, mantivo a manifestación nacional en Boiro xuntando a milleiros de traballadoras.


A folga tiña contra as cordas a un sector da patronal chave na Galiza, o da conserva (Jealsa, Cortizo, Calvo, etc.), e a CIG -da UXT non se pode esperar outra cousa que traizoar- asinou o preacordo e desconvocou a xornada de loita. A pregunta é, a política do BNG de se converter numha “alternativa sólida e solvente” explica a atitude da CIG, facendo algo que nunca fixera; desconvocar umha xornada de loita por preacordo e sen facer asembleas?.


O interclasismo do proxecto “partido-pobo” so ten un final, a loita da clase obreira polas suas reivindicacións frente á burguesía galega e multinacional está o servizo dese proxecto que sen a burguesía é imposible. Así, cando a clase obreira cuestione a alianza interclasista, será a burguesía a que marque os límites e as prioridades, ou as suas reivindicacións ou ás dos traballadores e traballadoras.


Rompería a dirección do BNG con istos sectores burgueses por unhas cuestións salariais ou de xornada; ou non?. É de sospeitar que non, como o demonstra a presenza do seu alcalde “estrela” Lores, de Pontevedra, na entrega dos premios Fernandez Latorre de La Voz de Galicia, con toda a burguesía imperialista galega, desde Inditex ate ABANCA pasando pola Estrella de Galicia, etc. Porque existe burguesía na Galiza, e un sector dela é ben imperialista, que saquea pobos como o banco de pesca saharauí ou arxentino ou ten fábricas por medio mundo.


Tan avanzado levan este proxecto interclasista, onde a loita de clases non é o elemento central da loita social, que nun medio do mundo nacionalista como Nosdiario, falsea-se a historia. Nun artigo do 17 de decembro deste ano, din: frente a Castela, “(…) xorde Pedro Pardo de Cela como símbolo popular da Galiza insubmisa”, que, según ese xornal, é o símbolo da revolta popular do século XV. Dos Irmandiños, da Fusquella ou a Grande Guerra Irmandiña que a seguiu, nin umha referencia en todo o artigo.


Está claro o obxectivo teórico-político do medio, a cuadratura do círculo. Porem, para eles o eixo da sociedade non é a loita de clases, a guerra civil entre os Irmandiños onde agrupabanse os campesiños e a proto burguesía contra a nobreza galega, que tiñan como representantes ao Mariscal Pardo de Cela ou Pedro Madruga. Foi a eles aos que, en principio, apoiaron os RRCC e a monarquía portuguesa asustados polo vendaval anti feudal dos Irmandiños. A coincidencia entre os RRCC e os Irmandiños foi causal, ambos querían ver derrotados aos señores feudais galegos, mas os primeiros ao servizo do seu proxecto centralizador, e os segundos como parte dumha proto revolución burguesa. Pardo de Cela fixo o traballo suxo dos RRCC, e cando xa non lles serviu, atuaron como Roma cos asasinos de Viriato; “Roma non paga a traidores”, e executaron ao Mariscal.


O verdugo dos revolucionarios irmandiños convertido en heroe do pobo galego, ao servizo dun proxecto que hoxe quere centrar toda a loita contra o colonialismo herdeiro dos RRCC, disolvendo as contradicións de clase dentro da propria Galiza. Non existen outros inimigos que os “españolistas”!. A loita da clase obreira e os seus obxectivos sociais, a transformación socialista da sociedade, só é unha rémora do pasado; o presente vén marcado pola “superación” das autonomías.


Esta é a cuadratura do circulo que a atual dirección do BNG pretende, conciliar as reivindicacións da burguesia galega cos dos seus asalariados e asalariadas, nun proxecto nacional “común”. Se polo camiño a clase obreira ten que renunciar ás suas reivindicacións, como fixeron na conserva, para manter esa “alianza”, faise; asi perda a CIG a maioría na representación sindical no sector.


Os intereses da “nazón” están por riba dos intereses das súas clases; mas sabemos pola historia e o presente que a burguesía nunca renuncia ás súas “reivindicacións”; é enganar á poboación venderlle que se pode acadar umha “alianza” con aqueles que benefician-se da imigración en acordo, por exemplo, cos empresarios da fresa de Huelva, como fan agricultores e gandeiros lucenses, traendo a traballadores imigrantes cando remata a campaña da fresa. Coas multinacionais galegas (Inditex, Maviva, auxiliar do automóbil, e todas as grandes da conserva) que instalan “altris” en Marrocos, Bangla Desh, Portugal, ...


Este é o paradoxo da defensa do “noso” por riba das clases sociais. Din Nosdiario.gal nun especial sobre o futuro da economía galega, “A nosa flota (pesqueira) é punteira para pescar polos mares do mundo e precisa acordos solventes e duradeiros”. Toda umha declaración de principios... imperialista. O que está-se a pedir son garantías xurídicas para que as multinacionais galegas do sector, co apoio do estado, continuaren saqueando os caladoiros dos “mares do mundo” como as multinacionais da conserva galega, como Jealsa ou Calvo, ou os Armadores vigueses teñen investidos 400 millóns de euros no caladoiro arxentino nas Malvinas (para eles Facklands), e as empresas da pesca que saquean o banco sahariano, ao que se lle engade o de “canario” para que poda ser considerado español, e poder saquealo protexidos.


Se isto o dixera un representante de Anfaco (a patronal da conserva) ou da Xunta, entenderíase, e o BNG poría o grito no ceo; o grave é que o din un representante dunha central sindical, a CIG, no especial de Nosdiario, falando como voceiro dos intereses da patronal “nacional”.


Alem mais, é enganar á poboación decirlle que coa “axenda galega” a patronal vai admitir a redución da xornada, cando toda a CEOE, a CPYME e as asociacións de autónomos, onde están integradas a pequena e mediana burguesía galega, rexeitan mesmo a proposta descafeinada da ministra Iolanda Diaz.


Vender todo isto como unha “alianza” para “mellorar as condicións de vida colectivas e individuais de galegos e galegas”, é mentirlles na cara.


Á clase obreira hai que decirlle claramente que calquera alianza coa burguesia no camiño da loita pola soberania ten que basearse como moito, e de xeito moi puntual, nun principio, “golpear xuntos, marchar separados”; que non é posible (a cuadratura do círculo) estar no mesmo organismo nin de lonxe, pois a burguesía, sempre e por que é a súa esencia, tentará aumentar a sua explotación a costa dos seus direitos laborais e istos serán os limites de calquera alianza con eles.


Nalgún caso moi concreto pódese coincidir nun punto; mas lembremos que a ese punto chegase por camiños moi diferentes. Mesmo no rural, onde o 36% da poboación activa xa son asalariados e asalariadas, moitos deles persoas migrantes que traballan en miserables condicións, e baixo o velo da defensa da natureza, imponse a defensa das necesidades dos agricultores e gandeiros, dos empresarios no rural, esquecendo sistematicamente a existencia e os direitos dese 36% da poboación que é asalariada.


Para o BNG os intereses que hoxe priman no rural, no mar e mesmo nas cidades, non é os da poboación asalariada, senon os dos pequenos e medianos empresarios, como moi ben explica Eiré no seu post, “xa é hora que a burguesía defenda o seu”, porque o seu proxecto é “nacional” e, por definición, interclasista.


Unha alternativa obreira e socialista


Fronte ao proxecto do “partido-pobo”, apoiado socialmente nunha alianza estratéxica cun sector do capital galego baixo o obxectivo de construír umha “alternativa sólida e solvente de Goberno”, a clase obreira galega ten que levantar o seu proprio proxecto social alternativo, contraditorio desde o vértice co defendido pola actual dirección do BNG, de subordinar todas as loitas sociais, nacionais, estatais e internacionais, o seu obxectivo interclasista.


A estrutura social galega actual é como calquera outra do mundo, cumha diferenza, é unha nazón sen estado baixo a opresión do estado o español, que é umha prisión de pobos, como demonstrou o proces catalán, cando enviaron miles de policías e militares (a Garda Civil é un corpo militar) a reprimilos porque querían decidir a súa relación co resto do mundo.


A estas alturas do desenvolvemento da sociedade capitalista en crise e decadencia, faise obvio que as burguesías das nazóns oprimidas son un freo absoluto a calquera reivindicación democrática, como é o direito a decidir. No caso concreto da Galiza, a súa burguesia fai tempo que decidiu ser “cola de león” e non “cabeza de rato”, renunciando abertamente a situarse ni tan siquer na “fronteira da autodeterminación” como reivindicaba o inefábel Cuiña nos anos 90.


Calquera alternativa no camiño do direito a decidir, que á chave política para loitar por “mellorar as condicións de vida do noso pobo” pasa por poñer as reivindicacións obreiras, que constitúe o 70% da poboación activa, o 36% no rural, e populares no centro (estes son os que constitúen o “noso pobo”).


Salvo que se considere a opresión nacional galega como algo soamente etéreo, cultural e idiomático, e non afecte ás condicións de traballo, de salarios e de vida en xeral dos traballadores e traballadoras, este ten que ser o centro de calquera política que se leve adiante.


O principal problema que atinxe á sociedade galega é a histórica emigración que valeira provincias enteiras, e fomenta o envellecemento socia. Se Galiza tivera poboación que lle correspondería sen emigración, tería mais de 5 millóns de habitantes e non 2 700 000 como agora. Habería problemas, mas non serían os que hoxe temos.


A emigración vén derivada dumha industrialización ao servizo da produción e exportación de materias primas, que establece unha relación colonial co estado e a Unión Europea; na división do traballo imposta o longo dos anos, fundamentalmente Galiza exporta man de obra e materias primas, e importa capital e produtos manufacturados.


Mas, para romper con este “castigo” histórico produto das sucesivas derrotas políticas sufridas polo pobo galego desde a da revolución de 1846, que supuxo o atranco fundamental ao desenvolvemento “natural” do capitalismo galego, non se pode chamar a confiar en ningún acordo cumha burguesía que é a “cola do león” do imperialismo español e europeo; senón levantar umha política abertamente independente de todos os seus sectores, sexan do rural como no urbano.


Son centrais problemas como o desmantelamento de todos os servizos públicos e a sua privatización, a inexistencia dun transporte colectivo digno de tal nome que integre a sociedade galega, e que supón un gravame sobre os salarios dos traballadores e traballadoras galegas que teñen que costear un coche particular se queren traballar (lembremos que diariamente 500 mil coches entran nas cidades galegas), a loita por umha industrialización ligada á diversificación da economía que rache coa dependencia da produción de materias primas, da industria agropecuaria ou do turismo: unha sociedade non se pode considerar desenvolvida, se depende do tempo ou do vento do nordés para que as rías teñen umha boa produtividade.


Calquera alternativa que busque “mellorar as condicións de vida do noso pobo” ten que poñer no centro a resolución destas necesidades sociais, e neste camiño a simple soberanía nacional no marco dun estado capitalista e umha Unión Europea imperialista é limitada. As interrelacións que hoxe teñen os poderes fácticos (as grandes multinacionais, das que algunhas son “galegas”) a nivel mundial, a tendencia a romper coas fronteiras nacionais, as xa existentes e as que podan crearse a través da semicolonización dos pobos, convirten en utópicas as “axendas” nacionais como a que o BNG defende para Galiza.


Pensar tan siquer un minuto que só coa “axenda galega” mesmo que inclúa o direito á autodeterminación (cousa que, por certo, hoxe por hoxe non fan desde o Bloque) resolverá algo, é, no mellor dos casos, un alarde de inxenuidade.


A alternativa é levantar un programa e unha organización que resposte aos intereses da maoiria social actual, a clase obreira, que incentive a mobilización social e a autoorganización, no camiño de rachar cos impedimentos institucionais e políticos (réxime do 78, UE, OTAN) para construír umha outra sociedade oposta polo vértice ao decrépito capitalismo, o socialismo. Umha sociedade que o fracaso das experiencias do seculo XX polo illamento nacional (o “socialismo nun só pais”) das revolucións rusa, china, cubana, vietnamita, etc., demonstrou que o ben é mundial ou non ten futuro. A soberanía nacional da Galiza é parte dese proxecto alternativo.


O electoralismo, o refuxio da impotencia


O proxecto de “partido-pobo” ten como eixo central a conquista da maioría parlamentar e a chegada á Xunta. Aos promotores deste proxecto gostaríalles ter maioría absoluta para desenvolver a súa “axenda”, mas a realidade social galega, como calquera outra, é mais complexa que a simpleza “bipartidista” PP vs BNG.


A Galiza actual é unha sociedade capitalista onde o peso das cidades e as areas metropolitanas é cuantitativo e cualitativo; co 2/3 da poboación vivindo ao redor do chamado “eixo do Atlántico” (2 millóns de persoas), e crecendo. A complexidade dunha sociedade capitalista como a galega expresase nas superestruturas políticas.


Fora do “bipartidismo triangular” PP – BNG, co PSOE de comparsa, existen forzas politicas e sociais que se non entran no parlamento no se debe a que non existan, senón que non o fan por mor da lexislación electoral que o impide. Son os despachos e non a realidade os que deciden o futuro electoral, e diso beneficianse os actores do “bipartidismo triangular”.


Como se din noutro lugar deste artigo, só en momentos excepcionais de crise social e política, como aconteceu tras o 15M, este “bipartidismo triangular” rachou e emerxeu a Galiza real; a que é activa nos movementos sociais.


Embora, racharon no “organizativo” mas non no político e, sobre todo, nos medios para avanzar, pois reproduciron o electoralismo conxénito das forzas do “bipartidismo triangular”. Desviaron toda a forza social manifestada nas mobilizacións tras o 15M ao pantano das eleccións, e ese é o terreo do “bipartidismo triangular”. Lembremos que despois do 15M houbo dúas folgas xerais estatais, e duas mais galegas, organizaronse as Marchas da Dignidade que xuntaron a centos de miles de persoas por fóra das cúpulas de CCOO e UXT, apareceron organizacións como as Plataformas contra os desafiuzamentos, etc.


O 15M abriu unha porta á autoorganización social que asustou non só á direita PP PSOE, mas tamén ás forzas da esquerda; o BNG, IU e outros percibiron que esa autoorganización social desbordaba o seus obxectivos electorais, e sacaballes as máscaras do que eran, as “alas de esquerda” do réxime bipartidista. Cando as Mareas, Podemos, AGE e demais centraron todos os seus esforzos en “asaltar os ceos”, votando, demonstraron que no fondo eran iguais que os que decían denunciar. De aí á decepción, só ha um paso; e hoxe estamos como estamos.


O “bipartidismo triangular” alimenta esta perspectiva electoralista con consecuencias desmobilizadoras na sociedade. Nun exercicio de inxenuidade inaudita, e demonstrando que “o ser humano é o único animal que tropeza dúas veces na mesma pedra”, un amplo sector social, incluídos moitos dos que romperan co “bipartidismo” no 15M, sitúan de novo nas eleccións a vía para a “mellora das condicións de vida” do noso pobo.


Se en xeral as eleccións na democracia burguesa están falseadas pola propriedade privada dos medios de produción e distribución, que inclúen a dos medios de comunicación de masas (as RR SS entre eles), convertindoas numha formalidade que non mudan o poder, no caso galego iste falseo incrementase pola lexislación electoral. O limite do 5% e a lei D´hont que impide que a maoiria social real, a clase obreira asalariada, poda ter un leito electoral. Poñer a confianza en que a “mellora das condicións de vida” do noso pobo pasa por un hipotético resultado electoral supón poñer toda a forza da sociedade galega no cesto das eleccións burguesas.


A historia demonstra que confiar nas eleccións a transformación social, mesmo a simple “mellora das condicións de vida” da xente, ainda que sexa da maneira mais honesta do mundo, é enganala. Non se lle pode prometer á xente nada que ista non sexa capaz de defender desde a rúa, desde a sua mobilización e organización. A partir dela, é posible avanzar.


Parafraseando a Kubrick en “Vieiros de gloria”, o “electoralismo é o refuxio da impotencia” para loitar pola transformación da sociedade, alimentada polo BNG co seu proxecto de “partido-pobo. Frente o “votame, para que eu cambie as cousas”, hai que opor o “organízate para loitar por cambiar as cousas”. A emancipación dos traballadores será obra dos proprios traballadores!


Galiza, no mes de xaneiro 2025



No hay comentarios:

Publicar un comentario