Carlos Dafonte
Escribía Michael Roberts no ano 2019 na revista Sin Permiso: “No momento xusto, cando tiña lugar o cume dos líderes das principais economías capitalistas (G7) en Biarritz, China anunciou unha nova rolda de aranceis por valor de 75.000 millóns de dólares para as mercadorías importadas de Estados Unidos. Unha represalia ante a nova rolda de aranceis aos produtos chineses que os EE.UU. teñen prevista para decembro. O presidente de EE.UU. Trump reaccionou con anoxo e inmediatamente anunciou que ía aumentar os aranceis xa existentes en 250.000 millóns de dólares para os produtos chineses e impoñer máis aranceis por valor de 350.000 millóns de dólares ás importacións de China. O presidente de Estados Unidos tamén dixo que ordenaba ás compañías de Estados Unidos buscar a maneira de abandonar as súas operacións en China. «Non necesitamos a China e, francamente, sería moito mellor sen ela», escribiu Trump. «Ordeno, por tanto, ás nosas grandes empresas estadounidenses comezar inmediatamente a buscar unha alternativa a China, incluíndo como traer de volta a casa as súas empresas e fabricar os seus produtos nos EE.UU.»”.
Esto dos aranceis é un tema vello, a ninguén debía tomarnos por sorpresa e como sinalaba nun artigo recente no xornal El País Mark Blyth, os dous partidos que se turnan no poder e representan á oligarquía dos USA, levan tempo que actúan contra a liberdade de comercio. Moitos aranceis que Trump impuxo no seu primeiro mandato, foron ratificados ou aumentados por Biden. Como podemos aprezar o tema da volta das empresas a territorio norteamericano temén estaba nun primeiro plano. Pouco ten cambiado a situación, só que pasaron 26 anos e a economía dos USA cada vez vai a peor.
Vendo de novo a realidade de hoxe, con estas medidas arancelarias o equipo de asesores económicos de Trump consideran que van poder seguir sendo hexémónicos en momentos na que está cuestionada esa hexemonía que nace despois da derrota do nazifascismo en 1945 e consolídase coa desaparición da URSS.
Tamén é preciso sinalar que o candidato a presidente nunca escondeu o tema dos aranceis; no seu primeiro mandato foi un elemento importante na súa política económica e na pre campaña e na campaña que o levou na actualidade á presidencia dos USA, nesa longa campaña electoral da que “disfroitan” os USA, Trump sempre situounos como o elemento clave do seu programa, xunto coa necesidade de que os membros da OTAN aumentansen os seus gastos de defensa. Polo tanto os contrarios aos mesmos, tiveron tempo e tempo para desmontarlle os seus argumentos con outros e deixarse de simplificacións de última hora como que “Trump está tolo”. Tiveron tempo para estudar a fondo como respostar ás políticas agresivas dos USA.
Coñecendo a tendencia á simplificación que teñen a maioría dos medios de comunicación, así pensan que nos enganan mellor, as medidas das que Trump fai de voceiro, parecen sair dunha mala noite do presidente cando a realidade é que son medidas que saen do equipo económico presidido ou coordinado, por un home formado na Universidade de Yale, Stephen Miran.
Tamén quero amosar a miña sorpresa polo feito de que persoas de relevancia no campo da economía, como pode ser Paul Krugman premio Nobel nesa materia, colgue no seu muro un análise simplista destas medidas, sumándose á campaña de que Trump é un tolo. Considero que a súa obriga era analizar os elementos polos que se toman as medidas que tanto estupor están producindo non só nunha parte da poboación, senón na maioría dos dirixentes, é explicar as razóns polas que as mesmas non van a solucionar os problemas que hoxe teñen planteados os USA a nivel económico.
E, como non podía ser doutro xeito, e dado de que do que se trata é de que o imperialismo dos USA sega a ser hexémónico, son un firme partidario de que todo o que plantean cara a conseguir este obxectivo sexa un fracaso e podamos avanzar cara a un planeta multipolar rachando coa unipolaridade, como paso previo á posibilidade doutro tipo de transformacións estruturais.
A situación económica dos USA que as medidas arancelarias tentan solucionar.
Simplificando moito, para Stephen Miran a consecuencia de ser o dólar a moeda de reserva mundial, os USA benefícianse tanto como sofren esta situación. Ademais o dólar é tamén a principal moeda de pago, o que produce unha demanda cuasi infinita de dólares, que non permite que se beneficie dos mecanismos de depreciación en caso de déficit como é a realidade dos USA, que levaría á conta corrente cara ao equilibrio. As consecuencias desta situación, afirman, é a desindustrialización e o aumento da débeda externa. Cuestión que xa hai anos plantearon outros economistas norteamericanos.
Desindustrialización que segundo o equipo económico que asesora ao presidente, ten un impacto importante non só a nivel económico, senón que afecta tamén á seguridade nacional, pois defenden que a capacidade física para producir bens é clave no poder militar. A producción industrial na potencia dun Estado é moi superior a actividade dos servizos.
Partindo destas premisas o obxectivo debe ser “desestabilizar e poñer en orde á economía mundial”, segundo os seus intereses engado, e para elo van utilizar os aranceis e obrigar a unha negociación similar ao “Plaza Accord” de 1985 por medio do cal devaluouse o dólar.
Fagamos un paréntese e expliquemos que foron os Plaza Accord e Louvre Accord. O primeiro un acordo asinado o 27 setembro de 1985 na que participaron os países máis “industrializados do planeta” Xapón, Reino Unido, Francia, República Federal de Alemaña e os USA, no hotel Plaza de Nova Iorque, onde acordaron un programa conxunto para devaluar o dólar con relación ao yen xaponés e o marco alemán; por primeira vez despois da segunda Guerra Mundial, intervíase planificadamente no mercado de divisas, algo ao que sempre negáranse os USA; reduciuse así o problema do déficit comercial, pero baixou tanto o dólar con respecto ao yen que no ano 1987, o 22 de febreiro, o grupo dos 7, formado por Francia, República Federal de Alemaña, Xapón, Canadá, Reino Unido e os USA, Italia non participou, tivo que intervir no chamado Louvre Accord que estableceron unha suba máxima e mínima para o dólar. Por esa época o presidente Reagan ameazou a Xapón con aranceis do 100% as súas importación. O que desfai o acordo en outubro de 1987 é a suba dos tipos do Bundesbank por medo a inflación, que obriga á FED tamén a subir, o que leva á suba dos bonos USA a 30 anos e a queda da bolsa norteamericana, co resultado de que o dólar cae por debaixo do acordado.
Coa ameaza dos aranceis actuais é posible que Trump achegue ao seu campo a algúns países, pero non teño nada claro que para iniciar o proceso de reindustrialización, outro dos obxectivos do plano de introducción de aranceis, sexa o axeitado.
O que debe de estar claro e que os problemas económicos non teñen hoxe solución xuntandose 5 ou 7 paises, algúns que xa non gozan do status que tiñan nos anos oitenta. Hoxe está China e os BRICS e solucionar o problema devaluando o dólar, necesita da intervención de numerosos países que estarían afectados e hoxe, non como nos anos oitenta, teñen moitos intereses que defender e non estarían dispostos a calquera tipo de solución.
Que o equipo económico de Tump considere que por medio da imposición de aranceis a numerosos países pode chegar a solucionar os seus problemas e manter a hexemonía económica no planeta?. Verémolo. Está por demostrar. Tamén pode ser real entrar nunha importante crise económica planetaria, un colapso, que vai repercutir na propia economía dos USA. Sectores da oligarquía e burguesias planetarias presentan unha solución. A situación é complexa e a clase traballadora mundial non ten unha alternativa.
Galicia mes de abril 2025.
No hay comentarios:
Publicar un comentario