Carlos Dafonte
Á maior parte dos
noticiarios, novas, tertulianos e comentaristas que estes días
apareceron nos diferentes medios de comunicación, para falar sobre a
“obra política” do segundo presidente do goberno despois da
morte do ditador, co gallo do seu falecemento, serviu para varios
obxectivos.
En primeiro lugar,
para restarlle moito tempo a comentar o desenvolvemento das
diferentes marchas, que saíndo desde algunhas comunidades autónomas,
confluíron en Madrid o día 22 xuntando a máis dun millón de
persoas. A morte de Suárez tapou este acontecemento que amosou dun
xeito moi nidio a argamasa dun posible dobre poder, que aínda
necesita, entre outros aspectos, dotarse de programa e articularse
organicamente, pero que é a vangarda, moi grande e vigorosa, dun
movemento de descontento non só contra as políticas neoliberais que
impón a “troika” e que levan adiante os seus “homes de palla”
fundamentais no estado español, o PP e o PSOE, senón tamén contra
o xeito como estes dous partidos as concretan, marxinando e non
permitindo que as maiorías sociais afectadas, poidan dar a súa
opinión.





