Carlos Dafonte
O Partido Popular
anunciou o adianto das eleccións ó Parlamento galego para o día 21
de outubro, coincidindo coas eleccións no País Vasco. Dixeron que o
fan así, só pensando en Galicia e nos galegos e galegas, pero todos
pensamos que hai outras razóns para aprobar esta medida. En primeiro
lugar o deterioro social e económico producido polos acordos tomados
polo goberno central, que contaron co apoio incondicional da
organización de Galicia; temen que canto máis tempo pase e as
repercusións das políticas do PP, deterioren aínda máis a
situación d@s asalariad@s,
máis custoso lles vai ser obte-la maioría absoluta. Non teñen
confianza en que as medidas que aproba o seu partido desde o goberno
central, melloren a situación; teñen a certeza de que vai se-lo
contrario, e adianta-las eleccións, pensan, é un mal menor.
En segundo, para
aproveitar os problemas serios que están a pasar as dúas principais
forzas da oposición.
Un PSOE despois do
trompazo electoral nas eleccións xerais, sen proxecto e sen liderado
en Galicia, sen candidat@ á presidencia e ca maioría das
organizacións en plena controversia por acada-lo poder por parte de
diferentes sectores.
E o BNG tentando
recuperarse despois das disensións da última Asemblea Nacional, que
finalizou coa marcha de colectivos e personalidades moi importantes
para numeros@s elector@s da formación nacionalista.
Estas son entre outras,
razóns polas que o PP convoca anticipadamente as eleccións,
deixando sen resolver temas como o da banca galega, Alcoa, a redución
do número de parlamentarios, que hai pouco tempo parecíalles moi
importante, a situación do campo, as listas de espera na sanidade,
etc.
A proximidade de procesos
electorais, produce sempre unha reacción en numerosos militantes e
organizacións que Lenin cualificou de estupidez; na acepción de
confusión, que non ven nada moi claro. O dirixente bolxevique,
sabemos, era moi contundente nas súas afirmacións, eu que son
menos, direi que a proximidade a procesos electorais produce en
numerosos dirixentes e organizacións políticas reaccións curiosas,
cando non, fora de lugar.

Como nestes catro anos se
fixo un traballo moi cativo na sociedade, parece que un xeito de
esconder uns resultados presumiblemente malos, vai ser dar un
salto ó baleiro, facendo un chamamento á creación dunha nova
organización, pero no fondo o que se esta a propor é formar unha
alianza electoral, pois non vai ser máis que iso, no caso de que se
chegue a algo concreto, o que verdadeiramente propón EU-IU.
Esta organización debía
ter unha certa experiencia das alianzas cos nacionalistas; pactou hai
anos con Esquerda Galega e hai poucos coa FPG, proceso que culminou
con grande rebumbio nun teatro de Compostela, que deu como froito
algunha candidatura municipal, e despois cada organización seguiu o
seu camiño, como se nada tivera pasado.
A proposta de pacto
electoral volve a ser cos nacionalistas, "non hai dúas sen
tres", con preferencia con algúns dos que se separan do BNG
despois da última Asemblea Nacional, e marcharon facéndolle, ata o
que eu sei, unha crítica, á organización que abandonaban, no senso
de xirar cara a esquerda, cara a unhas posicións alicerzadas no
pasado e fora da realidade, cando a percepción que moitos temos é
que o BNG se xirou, o fixo cara a dereita o que se plasmou nestes
anos no apoio nas Cortes ás políticas antisociais de PSOE a cambio
de "conseguir para Galicia" cousas que nunca se
concretaron; no "goberno bipartito de Galicia", que foi
como un "electrochoc" para moita xente que confiaba no BNG,
e que veu defraudada esa confianza e confirmaba o xiro a dereita que
xa se perfilaba nas políticas municipais destes últimos anos: Pero
tamén hai xiro á dereita por parte do BNG no abandono da rúa, da
mobilización social, para pecharse nas institucións, como se desde
as mesmas se puideran solucionar todos os problemas que hoxe teñen
@s galeg@s, esquecendo unha premisa que debe diferenciar a unha
organización de esquerdas de unha que non o é, a certeza de que o
estado burgués, e os Concellos, Deputacións e institucións
autonómicas son parte do mesmo, están deseñadas en función do
interese da clase dominante e moi pouco, non digo que nada, se pode
conseguir desde o mesmo en beneficio d@s traballador@s asalariad@s.
Pois ben con tod@s @s que
saen "pola dereita" do BNG, aí se sitúan el@s, é con
quen EU-IU tenta pactar, e van ser os que terán maior peso nesa
futura alianza electoral, aspecto que non me parece pouco relevante e
que significaría, aínda que o podan negar, un paso atrás moi
importante na necesaria reconstrución da esquerda en Galicia.
Unha forza de esquerdas
nos momentos actuais, onde o capitalismo amósase realmente como o
que é, un sistema de explotación desapiadado, que malgasta a
inmensa riqueza xerada polos traballadores, que a privatiza e cando
hai perdas, as socializa, que cas reformas que esta a tomar na
maioría dos países do centro do sistema, nós sitúa nos finais do
século XIX; unha forza de esquerdas repito, non se pode agochar,
camuflar, ten que dar pasos adiante, ten que orientar tamén a
aquel@s que non lles voten, ca elaboración dun proxecto alternativo
de creba co capitalismo, cas súas políticas e cas súas estruturas
institucionais, cun programa onde xunto cos obxectivos estratéxicos
a longo prazo, aparezan elementos tácticos e cun discurso adecuado,
para así conseguir que os votos que acade EU-IU, non sexan só de
castigo, de cabreo, froito do fraude que outras forzas cometen co seu
electorado, votos que chegan e marchan con moita facilidade, son moi
volátiles, senón que sexan votos froito do convencemento, da
aceptación dun proxecto distinto. Do que se trata é ser a vangarda
das loitas, e para iso non fai falla ter moitos militantes, só ter
un proxecto, un programa e un discurso adecuados, e levar a cabo un
traballo constante na sociedade.
Sería máis rendible
para EU-IU e a esquerda, facer unha análise sobre os resultados da
organización grega; de como unha forza que naceu como unha copia de
IU, iso afirmaron no seu momento moitos dos seus dirixentes, cun
programa moi parecido e con posicións seguidistas co PASOK, o
partido que se denomina en Grecia, como o PSOE, socialista, aínda
que como aquí non o sexa. A partires dos inicios da crise soubo
evolucionar e presentar un programa de rotura en moitos aspectos, a
Unión Europea, por exemplo, co PASOK, etc, e face-lo posible para
diferencia-lo campo do neoliberalismo do campo da esquerda; o que en
tempos chamábamos en IU, "as dúas orelas". No estado
español escolleuse outro camiño, que non conduce a ningures, o de
"facer xira-lo PSOE á esquerda", o que non é unha utopía,
que sempre se teñen acadado, senón unha quimera, algo
imposible de conseguir. As posicións de IU con respecto ó PSOE,
durante estes anos e a formulación dos pactos IU-PSOE como “pactos
de esquerda”, por exemplo en Andalucía, fan moi pouco a favor da
necesaria reconstrución da esquerda no estado español; tamén a
incapacidade de IU para dirixir nas actuais circunstancias, a loita
contra as políticas neoliberais, presa das súas posicións respecto
ó PSOE e as burocracias sindicais. Con moita benevolencia, pero sen
chamarlle as cousas polo seu nome, Julio Anguita dixo que IU estaba
“desbordada” e patrocina a creación dunha “fronte cívica”.
Pero volvendo a proposta
feita en Galicia, penso que é contraditoria, pois EU-IU debíase
considerar a Siryza galega; e se non é así, explica-las razóns e
cales son os elementos a engadir, e non siglas, senón programáticos
e de acción, que lles aproximen á forza grega.
O que favorecería esta
construción sería entre outros aspectos, en primeiro lugar, abrir
un debate na sociedade galega sobre que significa hoxe a loita polo
poder, como conseguilo, como levantar un dobre poder, con quen; o
papel das institucións no mesmo. En segundo debía de estar aberto,
desde hai tempo, un debate sobre que modelo alternativo ó
capitalismo; a formulación dun programa de esquerdas, e non me veñan
co modelo socialdemócrata, de capitalismo de faciana humana e
algunhas outras cousas polo estilo, pois iso, por moita xente de
prestixio que o defenda, xa non vai ser posible, entre outras
razóns, por vivir nun mundo globalizado onde a libre circulación de
empresas e capitais é un feito, con toda a serie de privatizacións
que PSOE e PP levaron adiante, en plena derrota das forzas políticas
de esquerda, cunha construción europea imperialista, coa
desaparición dos países que servían de contrapeso ó capitalismo e
cunha crise xerada pola caída da taxa de ganancia, froito das
contradicións do capitalismo. Hai que aceptar que non hai “saída
de esquerdas” a actual situación dentro do sistema capitalista e a
partires desta premisa, aborda-las solucións.
En Galicia no mes de
Agosto de 2012
No hay comentarios:
Publicar un comentario