Carlos Dafonte

Unha primeira cuestión que sorprende é como poden eloxia-la súa figura personaxes tan dispares como Bush e Fidel Castro, cando a casta gobernante do país do primeiro axudou á Suráfrica do apartheid e o segundo, en verbas do propio Mandela a Clinton, presidente dos EEUU, con motivo da visita á cela da prisión onde Mandela pasou tantos anos, díxolle que xunto con Gadafi foran os dous dirixentes que máis os axudaran na súa loita contra a segregación racial xenocida. Non esquezamos tampouco o apoio dos cubanos á derrota das tropas surafricanas no sur de Angola e a queda de Namibia, por non afirmar tan rotundamente que foi o exército cubano quen as derrotou, o que significou unha importante axuda á queda do réxime racista de Pretoria. Despois da retirada entrou en crise a doutrina de “estratexia total” de P.W.Botha e os círculos reformistas afrikaners fóronse impoñendo o que trouxo consigo o trunfo do reformismo con F. W. De Klerk a liberación de Mandela e a apertura de negociacións.
Tampouco debemos esquecer o apoio do sionismo
israelí ós gobernos xenocidas do apartheid, con Simón Péres á
cabeza, que facían “campañas de imaxe” a nivel mundial, do
réxime surafricano, ademais do subministrarlle apoio loxístico e en
armamento. Agora Simón Péres eloxia a Mandela e ata é posible que
participe nos actos na súa memoria.
Cando observo como os imperialistas o eloxian e o
poñen de exemplo, penso que algo tivo que facer mal Mandela, en algo
os beneficiou para que se comporten así.
En segundo lugar hai un intento, supoño que
relacionado ca crise e o comportamento das masas traballadoras na
resposta á mesma, de poñer como exemplo a un Mandela “pacifista”,
que rexeita a violencia das masas, que logra con esa postura
consegui-los seus obxectivos. E nesa conversión ó pacifismo de
Mandela, non se elude ningún argumento, ata chegar, supoño que por
falla de coñecemento dos que así actúan, a comparar ó dirixente
surafricano con Gandhi.
Este loitou en Suráfrica contra a segregación dos
hindús, pero non contra a dos negros ós que, hai numerosos escritos
que o confirman, trataba dun xeito vexatorio, pois no fondo Gandhi
era un racista que pensaba que a súa raza era superior, o que
explica o seu apoio á colonización británica no continente
africano e as barbaridades por eles cometidas.
Gandhi era ademais, un pacifista un pouco raro, que
fixo campaña para que os hindús participaran nos exércitos
británicos na primeira guerra mundial.
E por último, para non seguir con este tema, Gandhi
era un machista confeso que pensaba, e o expresou en numerosas
ocasións, que a muller non debía xogar papel algún na sociedade
hindú, como non fora o de estar sometida ó home.

En segundo lugar, consideramos que sen a sabotaxe
non existiría xeito de que o pobo africano tivera éxito na loita
contra o principio de supremacía branca. Todos os xeitos legais de
expresar oposición a este principio quedaran anulados pola
lexislación e atopámonos nunha situación na que tiñamos que
aceptar un estado permanente de inferioridade ou desafía-lo goberno.
(…) cando o goberno recorreu á demostración de forza para
aplasta-la oposición a súa política, só entón, decidimos
responder á violencia ca violencia”.
E sábese que grupos como Umkhonto, non foron
disoltos ata que se celebraron as primeiras eleccións democráticas
que deron o trunfo ó Congreso.
Comparar a Mandela, un home situado claramente na
esquerda ideolóxica, con Gandhi, un home que polo seu xeito de
pensar pódese considerar da extrema dereita, paréceme un insulto
para o primeiro.

Toda negociación que abre paso a unha transición
política, e no estado español coñecemos bastante ben esa cuestión,
é difícil, e as veces cédese demasiado ás forzas que controlan o
poder. A visión que teño é a de que Suráfrica era unha polvoreira
e para evitar unha explosión, que podía levar a unha guerra civil
de incalculable final, o CNA, e Mandela fixo valer o seu “capital
moral”, cederon en demasía nas cuestións económicas para avanzar
nas políticas, un home unha muller un voto, o que permitiu á
maioría negra facerse cargo das institucións do estado, pero non do
verdadeiro poder. A economía seguiu en mans da minoría branca e das
multinacionais. A democracia non entrou na mesma.
Os negros en Suráfrica seguen a estar
discriminados, a súa media salarial anual non supera os 6.000 $
mentres a dos brancos está por enriba dos 36.000 $; hai rexións en
que esta diferenza é maior; o paro dos primeiros está por enriba do
31 %, o dos brancos un 8 %; os arrabaldes negros, onde vive a maioría
da poboación, atópanse nunha grande parte sen asfaltar, con
servizos moi precarios e a escola e sanidade públicas, da que se
serven os negros, sofre constantes recortes. Estes días cúmprese o
primeiro ano da matanza de 38 mineiros negros cando se manifestaban
pola mellora de salarios e condicións no traballo. Aplicóuselles
unha lei do apartheid que os facía responsables das súas propias
mortes.
Mandela faleceu, a loita dos explotados de Suráfrica
pola súa liberación continúa.
En Galicia no mes de decembro de 2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario