Roberto
Laxe
Como se fose un escaldazo
na fronte, nestes días cuantificase a perda de poboación moza da
Galiza: en 6 anos saíron 120 mil persoas novas cara a emigración.
Xa non se ven as imaxes dos anos duros do século XX, cando centos de
miles de galegos e galegas colleron o camiño da emigración, mas iso
non quer dicir que non exista. O drama é moi profundo, pois expresa
a renuncia da xuventude a cambiar a sociedade que lle tocou vivir, e
adopta a solución individual, mas masiva, de abandonar.
Lenin, cando o exercito
tsarista no 17 desertaba masivamente, dixo que os campesiños
vestidos de soldados “votaban cos pés”, desertaban. Hoxe é o
que podemos dicir da xuventude galega coa súa masiva emigración,
vota “cos pés”: ningunha das grandes opcións políticas que se
presentan, o xeito de facelo, levantan a menor perspectiva de cambio.
Porque, de fundo, a emigración non é tanto consecuencia da crise económica, que o é, pois limita as posibilidades que ten unha sociedade de se desenvolver con normalidade baixo o sistema que todos e todas coñecemos, o capitalismo; a crise económica empurra porque no dia a dia demostra a inexistencia de alternativas cun mínimo de independencia persoal que da o ter un traballo digno, e iso fai que a xuventude “vote cos pés”.
Tampouco é consecuencia
exclusiva das políticas da Xunta do PP; senón non se explicaría
porque de Andalucía, de Asturias e do conxunto do Estado Español
saíron cara a emigración nos últimos anos 500 mil mozas e mozos. A
política da Xunta explica que Galiza sufra dun xeito especial
a lacra da emigración forzada, pois fai parte da división do
traballo dentro dun estado centralista, no que a Galiza ten reservado
pola forza, desde ha séculos, o papel de aporta man de obra e
materias primas para o resto do Estado e de Europa (como Irlanda, o
sul de Italia, Andalucía, etc.).
A política da Xunta
fronte a crise inscríbese nesta división do traballo feita a
golpes, como todo o que fai á burguesía. Á Galiza, o seu pobo
traballador, desde a derrota dos Irmandiños xa fai mais de 500 anos,
impuxeron-lle ese papel, e así ven sendo con sucesivas ondas de
emigración no século XIX e no século XX, ate o extremo de que
mentres a poboación española multiplicase por 4, na Galiza foi por
dous. Zonas do estado como Cataluña ou Madrid, que a comezos do
século XX tiñan menos poboación que Galiza, hoxe teñen mais do
dobre ou case o triplo.
Isto é indubidable. Mas
ha un terceiro elemento decisivo para ese voto “cos pés”: a
inexistencia dunha alternativa social crible, que ilusione á
xuventude galega para, a pesar dos inconvenientes, decida-se a quedar
e loitar por ela. Volvendo ao exemplo do exercito tsarista, que
“votaba cos pés”, desertando masivamente. Pois ben, moitos deses
desertores, cando en Outubro do 17 os bolxeviques toman o poder, e
decretan a reforma agraria, volven ao fronte, á guerra civil,
enfrontan e derrotan a agresión militar de 21 potencias mundiais e
os “brancos”, as forzas militares tsaristas. O “voto cos pés”
tivo un efecto boomerang, cando se trataba de defender o tsarismo
fronte os alemáns, o campesiñado non acreditaba nelo, e
desertaba.... Mas cando o que defendían era a reforma agraria que
lles dera a terra dos terratenentes, foron á guerra a defendelo.
A cuestión esta no eido
subxectivo, nas perspectivas de cambio. Mentres a sociedade non ten
na súa perspectiva vital un cambio de fondo, “vota cos pés”,
desertando ou emigrando; como vulgarmente se din, “procurándose a
vida”. Mas cando a sociedade da un xiro, e comeza a ter unha
perspectiva de cambio, de resolución das necesidades, o “voto cos
pés” ten o sentido contrario.

No segundo caso, os
problemas nos países de orixe (Galiza, ou o que sexa), están
ligados á existencia do capitalismo imperialista. A crise económica
empurra á emigración porque bate con dureza nesas poboacións, e
sitúa-a como alternativa individual á loita pola transformación da
sociedade. Por iso a emigración en realidade é un fenómeno
subxectivo: se a sociedade tivera como perspectiva esa transformación
da sociedade, vexa como posible o facelo; a xente non emigraría,
ficaría no país e loitaría: o “voto cos pés” toma o sentido
contrario.
Hoxe, na Galiza, despois
do fracaso do Bipartido que truncou moitas ilusións da xuventude dun
verdadeiro cambio social (este é o verdadeiro balance negativo do
BNG/PSOE, o de empurrar o escepticismo a moita xente), e a
perspectiva institucionalizada das forzas da esquerda, non animan a
“votar cos pés” no sentido de ficar no país, senón non no da
procura de saídas individuais, que é a quintaesencia da emigración.
E aquí entra a
responsabilidade das forzas da esquerda institucional, que coas súas
políticas institucionais, acartonadas, que non poñen no centro da
súa actividade a confianza na autoorgaización da poboación
traballadora, que non poñen no centro a loita por unha nova
sociedade, senón na reforma desta sociedade en crise, que é a que
empurra á emigración, fan que 120 mil mozas e mozos galegos, teñan
votado “cos pés”, camiño da diáspora.
Esta claro que a
emigración é un problema obxectivo, a crise económica capitalistas
e as políticas dos gobernos burgueses, que ten un combustible
subxectivo, a falta de alternativa social global a estas políticas.
As organizacións e os activistas que procuran a transformación da
sociedade o que poden facer fronte a ese tsunami social é comezar a
construción dun programa de transformación socialista da sociedade,
que de unha perspectiva revolucionaria, de conxunto, a un problema
que ameaza con destruír unha sociedade. Non son alternativas como o
“vótame para cambiar" as que mudaran a tendencia á diáspora,
senón o “loitemos xuntos” para cambiar a sociedade, que “si é
posible”.
E isto, por último, ten
dúas consecuencias terribles; unha, socialmente prodúcese unha
queda da natalidade porque quen emigra é quen ten a posibilidade
biolóxica de reproducirse, os mozos e mozas; dous, a falta de
mocidade seca do zume vital as organizacións transformadoras,
deixándoas como clubs de xubilados. Nos dous casos, o capital galego
e español contento, pois consegue o seu obxectivo de manter Galiza
como unha reserva de man de obra e as organizacións transformadoras
perden a forza, a prepotencia e o necesario aventureirismo que é
conxénito á xuventude, e imprescindible para facer unha revolución.
A revolución pode-se pensar, mas só a forza da xuventude pode
facela.
Galiza, no mes de abril
do 2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario