Carlos Dafonte
DÍA 5.
1922.
Finaliza o IV º Congreso da Internacional Comunista. (Ver efemérides
mes novembro)
Día 6.
1928. Colombia.
Masacre de centos de traballadores da compañía norteamericana
United Fruit Company, polo exército, en Ciénaga, no departamento de
Magdalena, na zona caribeña. O antecedente é a folga de máis de
25.000 traballadores iniciada o 12 de novembro, que esixían as
melloras laborais establecidas na lexislación colombiana desde 1915,
pero a multinacional negabase a atendelas, pois nunca contrataba
directamente, senón que o facía por medio dun “contratista”,
polo tanto aducía que os traballadores non lle pertencían. Nunha
asemblea celebrada o 6 de outubro aprobouse a tabla reivindicativa
por parte da Unión Sindical de Traballadores do Magdalena: Seguro
colectivo obrigatorio, reparacións por accidentes de traballo,
habitacións hixiénicas e descanso dominical remunerado, aumento dun
50% dos xornais máis baixos, supresión dos economatos, poñer fin
ós pagos por medio de vales, pago semanal, abolición do sistema de
contratistas, melloras no servizo médico.
Pero
tamén participaban na folga pequenos produtores que non podían
vende-lo banano directamente e o tiñan que facer por medio da
multinacional, que deste xeito lles impuña “prezos de fame”.
Tamén participaron os comerciantes que consideraban que a United
Fruit, cos seus economatos onde se obrigaba a mercar ós
traballadores, facíalles competencia desleal, o mesmo que ós
importadores de Barranquilla, pois os barcos da multinacional
carretaban grande cantidade de produtos de volta a Colombia despois
de leva-lo banano. Polo tanto a folga afectaba a moitos sectores do
Magdalena.
O 30
de novembro produciuse por parte dos folguistas un intento de
negociar ca empresa, pero o xerente da compañía, negouse a
recibilos; formaban parte da comisión representantes dos sindicatos
obreiros, dos comerciantes pero tamén algúns políticos liberais e
do Partido Socialista Revolucionario, creado o ano anterior.
A
situación agravouse co paro de todos os servizos, transporte
incluído, e a chegada de unidades do exército que se adicaron a
levar adiante detencións. Os EEUU enviaron barcos de guerra á zona
para “protexe-los traballadores” de esa nacionalidade; moitos
eran solidarios ca loita dos colombianos.
Como
os traballadores se concentraran en distintos puntos facendo
asembleas, o gobernador do departamento emitiu un decreto declarando
o estado de sitio e transmitíndolle todos os poderes ó xeral Cortés
Vargas, que decretou a esixencia de disolver todas as asembleas
maiores de tres indivíduos; na praza de Ciénaga, na madrugada do
día 6 atopábanse reunidos milleiros de traballadores sobre os que
disparou o exército, producindo máis de 1000 mortos e un número
indeterminado de feridos, como quedou patente no Coloquio
Internacional sobre o Conflito das Bananeras celebrado en 2009. As
cifras oficiais falaban de 8 mortos e 20 feridos, pero a realidade é
que trens cargados con centos de cadáveres partiron do lugar cara a
foxas comúns e o mar, onde os fixeron desaparecer. O propio
embaixador norteamericano Jefferson Caffery, nun informe ó
Departamento de Estado, indica unha cifra superior ós 1000 mortos.
Como consecuencia da masacre, numerosas propiedades da United foron
asaltadas e queimadas e miles de traballadores escaparon cara a
outros departamentos, para salva-la vida. En “Cien años de
soledad”, Gabriel García Marquez fai referencias a esta matanza.
Día 8.
1933. Folga
xeral convocada pola CNT no estado español; é a terceira das
insurreccións levadas a cabo por la CNT durante a II ª República.
A vitoria da dereita republicana e monárquica, nas eleccións de
1933, creou un grande desacougo nas masas obreiras que presentían
toda unha serie de reformas que deixaran sen efecto os logros do
período anterior. Neste día xuntábanse as Cortes para decidi-lo
goberno do Partido Radical encabezado por Alejandro Lerroux.
A
insurrección comeza en Zaragoza e esténdese por outras cidades de
Aragón, A Rioxa, Extremadura, Andalucía, Cataluña e na conca
mineira de León. No comité de folga estaban Durrutti, Ascaso e
Cipriano Mera entre outros, moitos membros da Federación Anarquista
Ibérica (FAI). O movemento tiña como obxectivo a implantación do
“comunismo libertario”. O día 15 o levantamento fora derrotado.
O balanzo de vítimas, 75 mortos e101 feridos entre os sublevados e
un numeroso grupo de detidos, entre eles os dirixentes. Os locais da
CNT e os seus periódicos foron pechados.
1956.
Iníciase en Roma o VIII º Congreso do Partido Comunista de Italia
onde se aproba a proposta de Palmiro Togliatti, coñecida como “vía
italiana ó socialismo”. Consistirá nun xiro moi importante
respecto á política anterior, sobre todo baseada na independencia
do Partido da política da URSS, o que lle levou á crítica da
invasión de Checoslovaquia polo Pacto de Varsovia e a senta-las
bases do que despois Enrico Berlinguer, Secretario Xeral do PCI á
morte de Luigi Longo, denominaría “eurocomunismo”, posicións ás
que se uniron o PCE e o PCF e que abriu un grande debate no seo da
esquerda mundial.
Día 9.
1895. Nace
en Gallarta na zona mineira de Biskaia, Dolores Ibárruri. Era a
oitava de once irmáns no seo dunha familia católica, filla de
Antonio Ibarruri “o artilleiro”, así alcumado por ter esa
condición no exército carlista. Toda a súa familia tanto por parte
de nai, Juliana Gómez, procedente da provincia de Soria, como de
pai, traballaron sacando carbón. O seu avó materno morrera esmagado
por unha rocha e a súa nai, tamén traballou na mina ata que casou,
o mesmo que os seus irmáns así como o seu marido. A comarca, onde a
vida era dunha dureza especial e onde os traballadores organizados no
Centro Obreiro e maioritariamente de tendencia socialista, mantiñan
constantes mobilizacións polas melloras da súas condicións de vida
e da traballo, vai marcar moi fondamente a Dolores. A vitoriosa folga
mineira de 1890 establece un fito importante na conciencia e na
organización dos traballadores da zona. Daquela época son numerosas
as cantigas contra a clase dominante que cantaban os nenos polas rúas
e que Dolores nunca esquecerá:
“Emperadores
e Papa, o rei e os bispos
e
todos os ministros da reacción
que
din ser moi pobres, nadando nas riquezas,
siegue
as súas cabezas a revolución”
Ou
aquela outra de :
“Abandonemos,
obreiros fábricas e minas
campos
e obradoiros e a navegación
deixemo-lo
traballo que enriquece ós vagos
e
fagamos os escravos a revolución”
Asistiu
ó parvulario e a escola primaria de Somorrostro entre os anos 1894 e
1910, destacando pola súa intelixencia e boas notas o que lle
permite adicarse dous anos máis a prepara-lo seu ingreso na Escola
Normal para cursar a carreira de mestra, pero a situación económica
da familia non lle permitiu cumpri-lo seu devezo e ingresou nun
obradoiro de costura e moi pronto casou, en febreiro de 1916, cun
mineiro, Julián Ruiz de tendencia socialista.
Son
interesantes as consideracións que fixo na súa autobiografía sobre
a condición de casada; “Na mina a muller era unha obreira. Podía
protestar contra a explotación ó lado doutros obreiros, defende-la
súa personalidade como traballadora. No fogar a muller se
despersonalizaba; entregábase, pola forza da necesidade ó
sacrificio” e lembra un dito popular da época “Nai, que cousa e
casar?. Filla, fiar, parir e chorar”.
É
nesta época, cando contaba 21 anos, cando se desmoronan as súas
ideas relixiosas e comeza a darse respostas sobre a vida de miseria
na que viven e de que era resultado dun sistema feito por outros
homes. Empeza a ler literatura marxista que atopa na Casa do Pobo de
Somorrostro, o “Manifesto Comunista” e unha escolma de “O
Capital”, onde comprende dun xeito rudimentario a causa da miseria
e “a orixe da fortuna dos nosos explotadores”.
Na
chamada “crise de 1917” participa activamente no que se
consideraba podía ser o inicio dunha revolución social, axudando
entre outras actividades á preparación de artefactos explosivos no
Centro Obreiro. Despois da folga xeral de agosto o seu marido foi
detido e quedou sen o xornal e cunha filla sobrevivindo grazas a un
leiro de patacas que plantaran na primavera, a adicarse á costura a
cambio de leite e a solidariedade de compañeiros do marido que
traballaban nas minas de León, que lle enviaron 50 pesetas, polo que
puido abandona-la casa sen auga, lus e chan de terra, por outra un
pouco mellor.
A
revolución soviética en Rusia, foi para Dolores un acontecemento
extraordinario, e motivo de alegría que o socialista Indalecio
Prieto acadara acta de deputado por Biskaia. Asistirá ó acto de
celebración na “fonte da Cazola” en San Salvador do Val.
A
partires de 1918 comeza a colaborar co periódico “El minero
vizcaino”, asinando artigos co alcume de “Pasionaria”, que lle
acompañará toda a vida.
A
fundación en marzo de 1919 da Internacional Comunista fixo
cristalizar no seo do PSOE, as tendencias existentes, creándose
fondas diferencias entre os partidarios da revolución e do ingreso
na IC e o resto que pensaban chega-lo socialismo pola vía
parlamentar. Dolores e a agrupación socialista de Somorrostro, son
fundadores en 1920 do Partido Comunista Español. Dolores será
elixida membro do comité provincial de Biskaia e participara no I º
Congreso de fundación do PCE ( ver efemérides de novembro).
Pero
a división trouxo enfrontamentos, sobre todo polo intenso traballo
que os comunistas tiñan nos sindicatos, que contaba ca oposición,
moitas veces violenta dos socialistas, como o acontecido no mitin de
Gallarta, no que falou José Bullejos, secretario do sindicato
mineiro e máis tarde secretario xeral do PCE, que foi tiroteado e
ferido por un grupo de socialistas que así amosaban tamén o seu
descontento ca combatividade dos comunistas nas folgas como as das
empresas Mac Lean e “O Burato” dos marqueses de Urquijo, onde os
traballadores dirixidos polos comunistas amosaban unha actitude moi
combativa fronte a patronal, moi diferente a amosada polos
socialistas.
A
década dos anos vinte foi moi dura para Dolores; á imposición da
ditadura do xeral Primo de Rivera e á constante persecución dos
comunistas, o que facía que o seu marido estivera permanentemente
preso por orde gobernativa, hai que unir o nacemento de cinco fillos,
tivo trillizas no ano 1923, e a morte de catro dos mesmos, e ter que
conxugar o mantemento da familia cos labores políticos, polo que non
era raro vela chegar ás xuntanzas acompañada dos máis pequenos.
Durante
a década foi adquirindo sona como unha loitadora incansable,
articulista moi aguda, tamén colaboraba no periódico “La lucha de
clases”, e boa oradora, o que a leva en 1930, na chamada
Conferencia de Pamplona, que se celebra en Bilbao, a ser nomeada
membro do Comité Central do Partido Comunista de España. Participa,
por primeira vez como oradora nunha campaña electoral, nas eleccións
municipais do 12 de abril que porían fin á monarquía e é
candidata nas eleccións ás Cortes Constituíntes de xuño do mesmo
ano, pero non é elixida. Trasládase a Madrid, acompañada do seu
fillo Rubén, para traballar na redacción do periódico do Partido,
“Mundo Obreiro” a finais de setembro do mesmo ano. A filla Amaia
queda ó coidado do pai.
No
primeiro de maio fora atacada a multitude que en Bilbao presenciara
un acto comunista e unha vez rexeitadas as forzas represoras polos
obreiros, Dolores, cunha bandeira vermella encabezou unha
manifestación espontánea que percorreu as rúas da capital. Este
pequeno incidente lle fixo presaxiar que o goberno
republicano-socialista, quizais non estivera a altura do que as masas
obreiras e campesiñas esperaban do mesmo.
Ó
pouco tempo da súa chegada a Madrid é detida á saída da redacción
do periódico, pasa tres días na dirección xeral da policía e
despois trasladada á cárcere de mulleres; era reclamada por un
xulgado de Bilbao por motivo dun tiroteo entre socialistas e
comunistas que producira vítimas mortais. Algúns feridos
escondéranse na súa casa. O seu fillo Ruben aparece na porta da
cárcere pois o expulsaran da casa onde vivían. Trasladada a Bilbao
é xulgada a principios de xaneiro e declarada inocente; con
anterioridade, á aprobación da Constitución, declarouse en folga
de fame por non ser liberada, pero os membros do comité do Partido
en Biskaia a convenceron para que non seguira ca súa actitude.
En
marzo de 1932 participa no IV º Congreso do PCE, en Sevilla onde
existía un importante grupo comunista a redor de José Díaz,
Antonio Mije, Manuel Delicado, Saturnino Barneto y outros. Prodúcese
un cambio estratéxico moi importante, rachando co sectarismo e foi
elixido secretario xeral José Diaz. A volta de Sevilla é detida de
novo en Madrid na praza da Magdalena e en novembro conducida a Bilbao
e posta en liberdade en xaneiro de 1933, sen cargo algún. O resto do
ano adicase á propaganda intervindo en numerosos actos en Madrid,
Toledo, Extremadura e Andalucía atopándose a maioría das veces ca
dobre cara, que como Jano, tiña o goberno republicano-socialista,
brando ca dereita e duro e moitas veces brutal ca esquerda e as masas
populares. Os comunistas propuñan a creación dunha Fronte Única,
para atalla-lo perigo fascista e os socialistas fan a contraproposta
de Alianzas Obreiras. No barrio de Tetuán é detida de novo cando
participaba nunha manifestación antifascista, perigo que denuncia
desde o primeiro momento da súa aparición, na escena política
española. No acto celebrado en Madrid o 2 de xuño de 1934, o PC,
por boca de José Díaz, fai a proposta de unidade das forzas
antifascistas. En setembro de 1934, no plenario do Comité Central, o
PCE acorda integrarse nas Alianzas, tentando que tamén se ampliasen
ós sectores campesiños.
En
novembro de 1933 asiste en Moscova ó XIII Plenario da Internacional
Comunista; visitou Leningrado, a fábrica Putilov e o pazo Smolny
desde onde Lenin dirixiu algunha das accións do proceso
revolucionario e dirixiuse ós delegados do XVII Congreso do Partido
Comunista da URSS, en nome do PCE.
Desde
o ano 33 participa activamente na creación e extensión da
organización de “Mulleres contra da guerra e o fascismo” e
asiste en París o I º Congreso como presidenta efectiva da
organización do estado español; a presidencia de honra a ostentaba
Catalina Salmerón filla do republicano que fora presidente da Iª
República. Despois da revolución de outubro de 1934, a organización
adicouse a tarefas de solidariedade cos represariados. Nestes labores
é detida en Asturias cando recolleran decenas de nenos de pais
represariados para levalos a Madrid. Na primavera do ano 35 asiste en
París á Conferencia de Axuda e ten que pasar a pe os Perineos tanto
para a ida como para a volta, pois o Partido era ilegal, e o mesmo
aconteceulle, acompañada por José Díaz, para asisti-lo VII º
Congreso da Internacional Comunista celebrado en xullo de 1935. Nese
ano os seus fillos trasládanse á URSS.
O 1
de xaneiro de 1936 pronuncia un mitin no teatro Rosalía de A Coruña,
que os fascistas tentan boicotear e onde fala da necesaria unidade
fronte o fascismo e da solidariedade cos represariados do 34. Nas
eleccións da Fronte Popular é elixida deputada por Asturias e o seu
primeiro acto foi libera-los presos políticos da cárcere de Oviedo.
Tra-lo inicio da guerra pola sublevación militar, Pasionaria se
converte, pola súa grande actividade nas trincheiras, nas frontes de
combate, na retagarda, na busca de solidariedade ca república fora
do estado, nun símbolo da resistencia antifascista, non só no
estado español senón no mundo. Ela recibe e despide ós brigadistas
internacionais, ela lanza o celebre ¡¡Non pasarán!! na defensa de
Madrid; ela recorda de novo a frase de “Máis vale morrer de pe que
vivir axeonllado”. En 1937 é nomeada vicepresidenta das Cortes.
Despois da derrota se exilia na URSS, onde morre o seu fillo Rubén,
que era tenente do Exército Vermello, na defensa de Stalingrado; é
elixida membro da Executiva da Internacional Comunista e Secretaria
Xeral do PCE á morte de José Díaz en 1942, cargo que ocupa ata
1960 en que é nomeada Presidenta do partido.
Nas
primeiras eleccións democráticas despois da desaparición da
ditadura franquista, foi elixida de novo deputada por Asturias, e por
idade, en Presidenta das Cortes na sesión de constitución das
mesmas. Morre en Madrid no ano 1989. A súa figura foi cantada por
numerosos poetas, AntonioMachado, Miguel Hernandez, Rafael Alberti,
Nicolás Guillén e outr@s. Escribiu
diversas obras, “O único camiño”, “Memorias”, “España
estado plurinacional”, “Na loita” e xunto con outros autores a
“H ª do Partido Comunista de España”.
1933. Créase
en Cataluña a Alianza Obreira, pulada por Joaquim Maurin, dirixente
do Bloc Obrer e Camperol e Andreu Nin, da Izquierda Comunista, como
organizacións fundamentais. Tamén participan os Sindicatos de
Oposición (trentistas), antigos cenetistas, a Unió Socialista de
Catalunya, a Federación Sindicalista Libertaria, a Unió de
Rabassaires, o PSOE e a UGT. Non o fai a CNT. A idea era xuntar a
esquerda catalá diante da vitoria da dereita, nas eleccións
celebradas o 19 de novembro, para conxura-lo perigo do fascismo.
Día 10.
1919. Comeza
o II º Congreso da CNT no que se acorda a adhesión provisoria á
Internacional Comunista. Despois dun informe de Anxel Pestaña, que
visitara a URSS, deixará de participar na IC en 1922. Tamén neste
congreso se discutiu a posibilidade de crear unha organización única
ca UGT.
Día 11.
1927. Delegados
de oito países de América Latina, realizan a Iª Xuntanza Sindical
do subcontinente.
Día
18.
1916. Folga
xeral no estado español convocada pola CNT e a UGT, contra a
“carestía da vida”. O estalido da I ª guerra mundial e a
neutralidade do estado español, permitiu que este se convertera en
subministrador de produtos industriais e alimentos ós países
belixerantes. Os industriais e grandes propietarios agrícolas se van
enriquecer, pero a demanda exterior fai subi-los prezos dos alimentos
mentres os salarios mantense estables. Esta situación provoca
constantes mobilizacións e protestas, o ano comeza ca folga da
construción en Barcelona que se converte en folga xeral; en febreiro
é paralizada a cidade de Valencia; hai folgas de mineiros en Rio
Tinto, Cartaxena e A Carolina; en Logroño hai un morto e numerosos
feridos. Toda esta situación leva o acordo entre a CNT e a UGT en
Zaragoza o 20 de novembro, no que deciden a folga xeral para o 18 de
decembro; é seguida dun xeito moi importante en todas as zonas do
estado, pero non variou moito a situación pois o goberno Romanones
estaba firmemente comprometido co caciquismo e non tiña interese
algún en perder apoios electorais.
Día 20.
1960. Fundación
da Fronte de Liberación Nacional de Vietnam do Sur, Vietcong.
Despois da derrota dos franceses e a división do territorio do
Vietnam, rompendo os acordos de Xenebra, unha parte do Vietminh vai
creala Fronte Nacional de Liberación para loitar contra a ditadura
de Ngo Dinh Diem que contaba co apoio dos norteamericanos. Nesta
fronte tiñan un peso importante os comunistas e o termo “Vietcong”
e froito da contracción da frase en vietnamita “Viet Nam Cong
San” que quere dicir “comunista vietnamita”. A organización
armada da Fronte de Liberación eran as Forzas Armada de Liberación,
que practicaron a loita guerrilleira.
Diante
da ofensiva das forzas populares, os EEUU comezan enviando “asesores”
e máis tarde chegaron a ter sobre o terreo máis de 600.000 soldados
e empregaron todo tipo de armas agás a nuclear. Tiraronse sobre
Vietnam do Norte, que apoiaba á Fronte máis bombas que en Europa en
toda a segunda guerra mundial. A guerra se foi estendendo tamén por
Camboia e Laos, convertendo Indochina nun problema para o
imperialismo, do que saíu derrotado.
Día 21.
1869. Constitúese
a sección española da A.I.T., I ª Internacional. O anarquista
Bakunin, que creara en Xenebra a “Alianza Internacional pola
Democracia Socialista”, que non fora admitida na Internacional,
enviou a España un emisario, o deputado napolitano Giuseppe Fanelli.
Este, primeiro foi a Barcelona onde se xuntou co republicano Elie
Reclus e o médico Aristides Rei; con Fernando Garrido e o tamén
republicano radical José Mª Orense percorreron Tarragona, Tortosa e
Valencia e despois, só Fanelli, marchou a Madrid onde se xuntou, na
casa do lítógrafo Julián Robau Donadeu cun grupo que frecuentaba o
“Fomento das Artes”. Así constituíuse o núcleo da
Internacional en Madrid, formado por cinco pintores da construción,
catro tipógrafos, dous xastres, dous gravadores, dous zapateiros, un
carpinteiro, un dourador, un litógrafo, un cordeleiro, un equitador
e un periodista. Fanelli repartiu estatutos da Internacional e da
Alianza e moitos dos compoñentes da Internacional o eran da Alianza
o que marcou, sobre todo na zona de Levante e Andalucía, ó
movemento obreiro e campesiño cun carácter anarquista.
Día 23.
1959. Aprobase
a Lei de Bases da Ensinanza en Cuba
Día 24.
1900. Aparece
o primeiro número da revista “Iskra” (Faísca). Lenin rematado
o seu desterro en Siberia o 29 de xaneiro de 1900, comeza a
concreta-lo proxecto aprobado no Congreso fundacional do POSDR, de
crear un órgano de prensa central capaz de polemizar cos chamados
“marxistas legais” e os “economistas”, que estendían o seu
pensamento entre a poboación, grazas a existencia de periódicos que
espallaban a súas ideas.. Deuse conta que o proxecto tería grandes
dificultades en Rusia e chega a conclusión que debe ver a luz fora,
na emigración. Pero antes de marchar adícase xunto con Martov e
Potresov á tarefa de garantir que chegue á maioría das cidades do
imperio, buscar correspondentes, enlaces, quen reparta o periódico e
sobre todo fondos para financialo. Conseguidos os obxectivos en
Rusia, marcha para o exterior e chega a Zurich en agosto, onde visita
a Plejanov, con quen non se entende moi ben, pois decátase que o
único que lle interesaba era controlar todo o traballo. Para eludir
este control, se editarán en Alemaña, en Sttugart a revista, o
periódico en Leipzig e Lenin vive en Munich; Plejanov e parte da
dirección xúntanse en Xenebra
Día 25.
1920. Creación
do Partido Comunista Francés. A á esquerda da Sección Francesa da
Internacional Obreira (SFIO), abandona o partido no congreso
celebrado en Tours e funda a Sección Francesa da Internacional
Comunista, ó trunfa-la proposta “Cachin-Frossard”; máis tarde
se converterá no Partido Comunista Francés.
Día 26.
1893. Nace
Mao Zedong, dirixente comunista chinés, no pobo de Shao Shan, na
provincia de Hunan. O seu pai era un campesiño pobre, moi severo
pero que co tempo foi mellorando a economía familiar ata converterse
nun campesiño acomodado. Cando Mao era neno, a familia compartía
casa con outra, polo que toda a vida familiar reducíase a estar
nunha única habitación e a traballar de sol a sol no campo. É
educado no budismo, doutrina que practicaba a nai pero na escola, á
que asiste a partires dos oito anos, se lles educaba nas costumes e
cerimonias da China clásica confuciana; aprendeu o “li”, que é
un compendio das regras morais, dos canons da boa conduta, a guía
para o adecuado comportamento en todos os detalles da vida cotiá;
segundo Confucio “todas as virtudes teñen a súa orixe no li”.
Na escola aprende os caracteres chinos e extensos anacos dos
clásicos. Axiña fai gala dun carácter rebelde que lle leva a
enfrontarse co seu pai, a súa violenta tiranía sobre todo ca nai,
empresa que contou ca axuda dos seus tres irmáns, todos de menor
idade. Parte do enfrontamento se producía polo gusto pola lectura.
O
sistema político que imperaba na época da súa nenez, era o de
sempre. O emperador gobernaba cos burócratas-eruditos, os
mandarines, que pasaban un severo exame e pertencían á burguesía
terratenente. Todo poder, toda virtude, toda norma emanaba do
emperador, quen gobernaba por mandato do ceo. En 1904 Mao queda
impresionado pola represión da revolta campesiña de Changsha e anos
máis tarde pola que se produce na súa propia aldea, sobre unha
sociedade secreta existente. Ós catorce anos o seu pai tenta casalo
cunha muller maior. Por esta época é cando abandona as lecturas
sobre a historia de China e comeza a preocuparse pola situación real
do país e sobre todo a humillación que sufría pola presencia das
tropas dos países imperialistas. Os enfrontamento co seu pai era
constante, a vida de campesiño non lle gustaba, polo que o convenceu
para que o enviara a unha escola próxima, onde se explicaban,
ademais dos clásicos, algo do “saber occidental”. Marchará e
nunca máis volvera a súa casa. Na escola destacará pola súa
elevada estatura e mal xenio, o que lle levaba a enfrontarse
violentamente ós seus compañeiros en numerosos debates, sobre todo
cando lle recriminaban o seu apego a ideas conservadoras. Nela,
instruíanlles en ideas de carácter nacionalista e acusábase ás
potencias imperialistas de ser as culpables de todo canto mal feito
acontecía en China; pero tamén sobre algúns conceptos políticos
occidentais que non tiñan equivalente no idioma chinés, como
liberdade, soberanía nacional ou igualdade entre os estado; as súas
ideas sobre o imperio e o papel do emperador, o xeito de goberno,
fóronse desmoronando. Co seu compañeiro Emi Sao abandona a escola e
marchan, a pé, á capital da provincia, Changsha onde o admitiron
na de segunda ensinanza. Cando chegaron, a capital fervía, como todo
o imperio da axitación revolucionaria. Por primeira vez vai ler un
periódico, “A Forza do Pobo”, órgano da “Liga da Unidade”
do profesor Sun Yat-sen, cuxo obxectivo era derruba-la dinastía
manchú e instaurar unha república. Esta situacións “inspira” a
Mao a súa primeira actividade periodística; escribiu un artigo onde
defendía a volta de Sun Yat-sen a China, e pegouno na parede da
escola, tiña 16 anos. O pasado chinés empezoulle a parecer sinistro
e compadecía ós campesiños que vivían na pobreza, o
descoñecemento e a superstición e acusaba desta situación á
explotación á que o sometían os administradores corruptos do
imperio e os terratenentes. Esta crítica a estendía ós custodios
do dogma confuciano, para quen as ideas de cambio e progreso eran
inconcibibles.
O
símbolo da dinastía manchú era a coleta, Mao tomou parte na
rebelión contra a mesma, cortou a súa e cortoulla a condiscípulos
renuentes a facelo. Confiaba que os cambios chegarían por dous
condutos, as ideas de Sun e o novo exército nacional, no que
convivían toda unha serie de intelectuais partidarios do cambio; e
estas dúas forzas van proclama-la república en decembro de 1911
sendo Sun o presidente provisorio, quedando o país dividido en dous,
o territorio republicano e o controlado polas forzas imperiais e por
conseguinte dando pé o inicio dunha guerra civil; Mao rexeitará
formar parte dun “exército de estudantes” e se alistará no
exercito regular, onde dará clase a soldados analfabetos. A Liga de
Sun convértese no partido Kuomitang, pero deixa a presidencia da
república en mans do xeral Yuan, a cambio da desaparición do
imperio, pero unha vez no poder restrinxe as liberdades e proclámase
emperador en 1915, e morre en 1916.
Unha
vez terminada a guerra, Mao volve a Changsha e inscríbese en varias
escolas, de policía, de fabricación de xabrón, de leis, de
comercio, de estudos mercantís e de Segunda Ensinanza; en ningunha
permaneceu moito tempo. Estes fracasos o levan a considerar que debía
converterse en autodidacta, polo que pasou preto dun ano visitando a
cotío a biblioteca provincial desde a hora de apertura á de peche e
lendo unha enorme cantidade de libros que consideraba importantes. É
neste lugar onde ve por primeira vez un mapamundi, e decátase de que
China non era “o centro do mundo”.
Como
o seu odiado padre retiráralle a subvención, negocia con el por
medio de cartas, o pago dos cinco anos que ten que pasar na Escola
Normal Superior para facerse mestre. Cando inicia esta nova etapa ten
vinte anos.
Nela
prodúcense as viaxes estivais, a pe, percorrendo a enorme provincia
de Hunan, durmindo a ceo descuberto, bañándose nas augas xeadas dos
ríos, sen cartos para a mantenza, vivindo da esmola. Mao naquela
época non é materialista, o seu ideal e o do filósofo-atleta. O
seu pensamento tiña por base os principios morais absolutos e o
poder da mente. Así o plasma no seu traballo para o profesor de
Filosofía, Yang Chang-shi, “A enerxía da mente”.
En
1915 aparece en Sanghai unha nova revista “Xuventude” dirixida
por Chen Tu-shiu, que máis tarde sería secretario xeral do Partido
Comunista, en cuxo primeiro número aparece un “Chamamento solemne
á xuventude”; nel sentábanse o programa e os principios básicos
que debían levar a mocidade a loitar pola rexeneración do país. O
seu impacto foi tremendo e Mao comezouna a ler a cotío e o 1º de
abril de 1917 apareceu un artigo seu que asina como “o home dos
vinte e oito trazos”, que leva por título “Un estudo sobre o
atletismo”. No mesmo ano funda, xunto con outros mozos a “Sociedade
de estudos do novo pobo”, unha máis de entre outras moitas
fundadas polos mozos intelectuais, que apoiados polos campesiños
expulsaban, mediante revolucións violentas, ós déspotas locais do
poder; case sempre este acababa nas mans dun militar que era tan
déspota como o anterior; desta época son as súas reflexións sobre
que non chega con saber moito, senón se sabe conserva-lo poder e non
se poden poñer en práctica as ideas.
Graduouse
en 1918 e ante a posibilidade de facer unha viaxe a Francia, marcha a
Pekin para prende-los rudimentos do francés. A este Mao de
vintecinco anos describiuno na súa autobiografía como un ser
“confuso, desorientado e aínda dubidoso respecto o camiño a
seguir”. Pero a viaxe frustrase por falta de cartos e pola súa
incapacidade para aprender idiomas. O seu antigo profesor de
filosofía, Yang, que agora da clases na universidade, conséguelle
un posto de auxiliar na biblioteca do centro de estudos e aínda que
o traballo era humillante, barre-las sas e mante-la orde dos libros,
o acepta ca idea de adicarse a organizar estudantes na súa
Asociación. Ë unha época na que vive na miseria, sen roupa
adecuada para o frío e compartindo unha casucha cos compañeiros de
Hunan que estudan francés. Nese período le a Bakunin e síntese
atraido polas ideas anarquistas e os “doce mandamentos” do
anarquismo chinés. Finalizada a I ª guerra mundial, fúndase por
parte de intelectuais revolucionarios a “Sociedade da nova
corrente” que admite á sociedade de Mao como colaboradora. A
partires dese momento Mao xogará un importante papel como
organizador de estudantes e membro da “Nova Corrente”.
Pero
a fin da guerra non soluciona os problemas de China, Gran Bretaña,
Francia e Italia, mediante tratado secreto, concedéranlle a Xapón
continuar ocupando os territorios chineses e descúbrese que Xapón
concedera un creto o goberno de Pekin, para que este non os
reivindicara; o 4 de maio de 1919 unha manifestación de estudantes
ó primeiro, que se vai nutrindo de outros sectores sociais, esixen a
devolución do territorio e asaltan ministerios, casas de
funcionarios, golpean a moitos e tentan entrar na zona das embaixadas
onde son reprimidos. O catro de maio é considerado como o punto de
partida da segunda etapa da revolución pero ó mesmo tempo tamén da
desconfianza na democracia que trata a China como a un país
colonizado. Mao no se atopaba en Pekin, marchara cara a Hunan catro
meses antes a organizar a nova sociedade á que pertencía, nunha
penosa viaxe que dura varias semanas pola falta de cartos. Cando
chegan a Changsha as noticias do acontecido o 4 de maio, ponse á
fronte do movemento e funda a revista “Revista do rio Hsiang”,
como órgano dos estudantes revolucionarios. No primeiro número
escribe a editorial titulada “A grande alianza do pobo”, onde
defendía a unidade das organizacións radicais de estudantes,
obreiros, comerciantes e intelectuais. Tamén foi cofundador da
“Libraria cultural”, onde se comezaron a ler, periódicos, libros
e folletos a favor da revolución democrática. Nesta época viaxará
a Pekin e Sanghai para entrevistarse con outros líderes da
organización e volveuse a atopar con Ch'en Tu-shiu, editor da
revista “Nova Xuventude”. As revolucións pola democratización
das diferentes provincias, a maioría das veces, para rematar cos
restos da antiga China, pactaban con xerais que co tempo convertíanse
en ditadores, o mesmo pasoulle á de Hunan, e Mao aprendeu que o
movemento que dirixía, non podía depender dos xerais.
Nesta
época, anos 19 e 20, xorden entre os estudantes e intelectuais a
corrente do estudo dos diferentes “ismos”, que se plasma na
creación de sociedades para o estudo do socialismo, o anarquismo, o
sindicalismo; ningunha sobre o comunismo e o bolxevismo que aparecían
ligados ó anarquismo. Con todo, segundo se van coñecendo noticias
chegadas de Rusia, unha grande parte da intelectualidade, Sun
incluído, acollen con alborozo os inicios da revolución.
A
primeira “Sociedade china para o estudo do marxismo” fundase con
toda probabilidade en marzo de 1920; en calquera caso, a maioría dos
que van a funda-lo Partido Comunista non sabían ler idiomas de fora
e o publicado de marxismo en China era moi cativo. Mao dixo que os
tres libros que máis influíron no seu pensamento para facerse
marxista foron, o “Manifesto Comunista”, “A loita de clases”
de Kautski e a “Historia do socialismo” de Kirkupp. Polo tanto
non foi polas lecturas como se creou o núcleo comunista en China,
senón a traveso da discusión cos dous enviados pola Internacional
Comunista a China, Grigori Voitinski e e Yang Cing-chai, nacido chino
e educado en Moscova. Despois chegarían bastantes máis, que
influíron dun xeito decisivo nun numeroso grupo de intelectuais,
pero tamén en Sun e o seu partido o Kuomitang, que se organizou como
o Partido Bolxevique. Mao participou en algunha destas xuntanzas e de
volta a Changsha, convencido de que a revolución só podía trunfar
cos método bolxeviques, comezou a converter os seus seguidores en
comunistas; fundou a “Sociedade de Changsha para o estudo do
Marxismo”, a “Biblioteca da xuventude” e a rama en Hunan do
“Corpo das Xuventudes socialistas”; tamén grupos de acción para
organiza-las masas. No terceiro aniversario da revolución soviética,
organizouse en Changsha unha manifestación onde por primeira vez se
enarborou a bandeira vermella.
Cando
en maio de 1921 dirixiuse a Sanghai para participar no congreso de
fundación do Partido Comunista, contaba 28 anos, era secretario de
oito sindicatos e levara a bo termo a tarefa de converter a maioría
dos compoñentes da “Sociedade de Estudos” en comunistas. Nos
doce meses seguintes ó Congreso, despregou unha enorme actividade,
para organiza-lo PC en Hunan e crear sindicatos, contando sempre co
apoio da compañeira ca que casara o ano anterior, que se adicaba ás
frontes estudantil, muller e cultura. Cando en 1922 redacta un
informe sobre a situación, figura no mesmo a creación de máis de
vinte sindicatos e o funcionamento do partido a nivel provincial;
todo elo, levado a cabo nunha situación de clandestinidade e
represión, onde ser sindicalista podíache acarrea-la morte dun
xeito inmediato.
No
tempo libre, lía obras marxistas traducidas ó chinés, a súa
incapacidade para os idiomas era patolóxica, o que limitaba os seus
coñecementos, pois a I.C. (Comitern) limitaba estas traducións.
A
Internacional desenvolvía, nos países como China, unha política de
apoia-los capitalistas locais fronte ós de fora, a todo movemento
democrático burgués, pactar cos partidos nacionalistas, ensinarlles
algunhas tácticas revolucionarias e formar fraccións comunistas nos
mesmos. En xaneiro de 1923 formalizouse unha fronte unida entre o PC
e o Kuomitang de Sun. Mentres os imperialistas apoiaban o goberno de
Pekin e os diferentes “señores da guerra” provinciais, a
Comitern enviou a Cantón, onde radicaba o goberno do Kuomitang, a
Miguel Borodin, cuxo verdadeiro nome era M. Gruzemberg, que organizou
o exército como o Exército Vermello, o goberno, como o dos soviets
e o partido ca estrutura leninista e baseado no centralismo
democrático.
En
1924 Mao asiste ó I º Congreso do Kuomitang e a partires dese
momento, tivo que reparti-lo seu traballo entre o seu partido e o
nacionalista, atopábase na dirección de ámbalas dúas
organizacións, polo que se traslada a Sanghai; pero neste período
que vai ata 1926, terá os primeiros desencontros co secretario xeral
do PC, e o seu antigo mentor, Chen Tu-shiu, Borodin, a quen lle terá
unha xenreira especial e indirectamente con Stalin. Un foi pola
cuestión campesiña que fronte o establecido pola IC de sometelos,
Mao considera que este movemento é unha enorme onda que hai que
saber “cabalgar”. Por iso no período, que a causa da enfermidade
ten que pasar en Hunan, ano 1925, tenta levantar un movemento
campesiño para rematar co poder do “señor da guerra”
provincial, pero debendo fuxir a Cantón, o Kuomitang o nomea editor
do “Semanario Político”, xefe dos instrutores dos campesiños e
xefe do departamento de Axitación e Propaganda.
Unha
vez derrotados algúns dos “señores da guerra”, o enfrontamento
dos nacionalistas cos comunistas non se fixo esperar; na primavera de
1926, en Cantón, limítase a actividade comunista no Kuomitang,
clausúranse sindicatos, detéñense comisarios do exército e
rodéanse as casas dos comisarios soviéticos. Stalin acepta as
restricións impostas, pero Mao non acepta paraliza-las revoltas
campesiñas que estalaban nos territorios dominados polos “señores
da guerra” e especifica a súa posición nun artigo aparecido en
marzo de 1926, “Análise das clases na sociedade chinesa”.
Sinalaba a importancia do campesiñado para o trunfo da revolución e
propuña unha política radical no campo e a organización do
campesiñado; o artigo foi prohibido nos órganos do PC.
En
marzo as tropas do Kuomitang inician as operacións contra os
“señores” de Nankin e Sanghai; a táctica era sempre a mesma, os
comunistas iniciaban folgas de obreiros e sublevacións campesiñas o
que facilitaba o labor do exército; neste caso o exército avanzou
moi lentamente para que os seus aliados sufriran fortes perdas, e
unha vez tomado o poder, desencadeou unha forte represión, “o
terror branco” contra os seus aliados comunistas nestas cidades e
en todas cantas puido levar a matanza adiante; decenas de miles de
militantes, sindicalistas, intelectuais, dirixentes, foron
asasinados; o pacto Comitern- Kuomitang estaba roto e o PC moi
quebrantado, pola confianza de Stalin no aliado burgués. Mao
marchará a Hunan onde a revolta campesiña trunfara, aplicando
métodos extraordinariamente violentos, que derrubaron ó antigo
orde. Cando envía un informe ó PC, a parte adicada á revolta
campesiña a vai titular “A vangarda da revolución”, pero as
súas propostas non van ser aprobadas no V Congreso do PC celebrado
en abril de 1927, non se lle permitirá falar e excluírono da
dirección. Stalin defendía agora, contra a opinión de Trotski,
unha alianza ca á esquerda do Kuomitang, e non provocalos con novas
revoltas campesiñas, pero a metade de ano, os novos aliados de
Stalin, fan executar a máis de 25.000 comunistas o que obriga á
dimisión do secretario xeral e a un xiro na política da Comitern.
Mao dirixe o que se coñece como “Levantamento da sega de outono”,
en Hunan, que lle permite a creación dun exército obreiro-campesiño
e comeza a creación de “soviets” locais, contra a opinión do PC
e da Comitern. Diante da presión do exército e a incomprensión do
Partido, Mao marcha co seu exército á fronteira de Hunan con
Kiangsi, e establece o primeiro goberno soviético, e Mao, que
despois da dimisión do secretario xeral, recuperara un posto na
dirección foi deposto da mesma. O Kuomitang incia de novo unha
brutal represión sobre os comunistas e a maioría dos dirixentes
teñen que ocultarse, Mao queda illado co seu exército e algúns
membros do partido, e vai exerce-lo poder sen ninguén que lle
discuta as decisións; é xefe militar e gobernador, contaba 35 anos.
Nestas circunstancias vai contactar e pactar con Chu The, antigo
“señor da guerra” convertido ó comunismo en Europa, e o seu
exército, converténdose este no xefe militar e Mao no xefe político
Mentres
o PC, seguindo as consignas de Moscova seguía tentando sublevacións
nas cidades; o fracaso en Sanghai e Nankin lles obriga a variar e
deciden, no verán de 1928, iniciar toda unha serie de revoltas no
campo co obxectivo de toma-las cidades; esta nova visión permitiu a
Mao e a outros “exércitos vermellos” e soviets existentes ,
normaliza-la relación ca dirección do PC .
En
novembro de 1928 Mao redacta un informa para o Comité Central do
Partido titulado “A loita nas montañas de Chingkang” que permite
entender como ó longo de máis de vinte anos, a pesares das
dificultades, conseguiron a vitoria en 1949. Vitoria fronte o
poderoso exército do Kuomitang, dos “señores da guerra”, dos
terratenentes, da oposición da Comitern e en moitos momentos, por
influxo de Stalin, do propio Partido Comunista de China, que seguía
a pensar que a revolución a tiñan que levar a cabo os obreiros
industriais e debíase producir nas cidades.
Despois
de consolidar as súas posicións e de conseguir coordinar a outros
“exércitos vermellos” e zonas baixo control de soviets, Mao
emprende en outubro 1934 a “Longa Marcha”, suceso que tratamos
noutra efemérides anterior, e despois dun paréntese, para
derrota-los invasores xaponeses, a partires de 1945, co reinicio da
guerra civil, a vitoria das forzas comunistas consúmase en 1949,
refuxiándose as forzas do Kuomitang na illa de Taiwan. Ata o ano
1976 no que falece, Mao vai levar adiante dous grandes procesos
políticos, económicos e sociais no país, coñecidos como “O gran
salto adiante” e a “Revolución Cultural”, ámbolos dous
aplicados con grande dureza, e posiblemente no que se produciron
inxustizas, paro tamén moi falseados pola propaganda imperialista.
Mao
foi autor dunha voluminosa obra entre as que destacan os seguintes
títulos, “Problemas da estratexia da guerra revolucionaria”,
“Estudo acerca de tácticas”, “Estudo acerca das accións
contraditorias”, “A revolución china e o PC chino”,
“Disertación no foro de Yenan sobre arte e literatura”, “Acerca
do manexo das contradicións entre o pobo”, “Sobre a guerra
prolongada”, “Sobre a nova democracia”. Tamén foi autor de
numerosos poemas.
Día 29
1922. Nunha
Conferencia na que interveñen as Repúblicas Socialistas Soviéticas
de Rusia, Transcaucasia, Ucrania e Bielorrusia, aprobase o tratado de
creación da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (URSS),
que será confirmado ó día seguinte. Transcaucasia comprendía
Xeorxia, Armenia e Azerbaidzhán. Con posterioridade, a Constitución
de 1924 organizaba os territorios de acordo ó novo estado. A
creación das repúblicas de Kazajstán e Asia Central foi o
resultado da súa separación de Rusia. Máis tarde a de Asia central
dividiuse nas Repúblicas Socialistas Soviéticas de Turkmenistán,
Uzbekistán, Tayikistán e Kirguizistán.
Día 30.
1918. Iníciase
o congreso fundacional do Partido Comunista de Alemaña (KPD) nun
contexto de importantes mobilizacións en todo o país e a derrota en
novembro da contrarrevolución en Berlín, cando as 10 divisións de
tropas trasladadas desde a fronte de guerra, contáxianse da
situación e nun Congreso de Consellos de Soldados, apróbase a
desaparicións do uniforme, das insignias do grado, da disciplina
fora do servizo e das sinais exteriores de respecto. En decembro as
batallas entre as tropas do gobernador socialdemócrata Wels e os
mariños revolucionarios, sáldase ca vitoria dos últimos, o que
desperta a conciencia revolucionaria a milleiros de traballadores,
producíndose un equilibrio inestable entre o poder burgués e o
poder obreiro. O problema fundamental a finais do mes de decembro era
a falla dunha dirección firme por parte da revolución, o contrario
do que acontece no campo contrarrevolucionario onde existe dirección:
o goberno do socialdemócrata Ebert e o Estado Maior do Exército.
Diante
desta situación a Liga Espartaquista, dirixida por Rosa Luxemburgo e
Karl Liebknecht, integrada no Partido Socialdemócrata Independente
de Alemaña (USPD), como corrente autónoma, e o grupo Internacional
Comunista de Alemaña (IKD), deciden inicia-lo proceso de creación
do Partido Comunista. Nace así o novo partido (KPD). Rosa Luxemburgo
e Leo Jogiches, insistían en que a súa fundación era prematura,
que debían seguir no USPD pero a presión dos comunistas de esquerda
e de Karl Radek, delegado dos bolxeviques, decantou o proceso. O
Congreso se constituíu con 83 delegados espartaquistas e 29 da IKD.
O debate fundamental foi sobre a participación ou non na Asemblea
Constituinte. Segundo Rosa Luxemburgo, as masas non estaban “maduras”
en Alemaña, para derruba-la Asemblea. Otto Ruhle representante da á
esquerdista defendía a insurrección a curto prazo e a saída dos
sindicatos maioritarios.
O
Congreso aproba a política de boicote á Asemblea e no terreo
organizativo non se aproba, como no caso dos bolxeviques, un proceso
de centralización. Pero o máis grave do acontecido no Congreso, foi
a súa incapacidade para atraer os “delegados revolucionarios”, a
vangarda do proletariado berlinés, que non estaban de acordo co
boicote á Asemblea e poñen condicións para adherirse a nova
organización, que son rexeitadas polo Congreso.
No hay comentarios:
Publicar un comentario