A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 23 de septiembre de 2019

UNHAS NOVAS ELECCIÓNS QUE DEBEN MARCA-LO CURSO DO RÉXIME


Carlos Dafonte

Levábamos tempo en campaña electoral, agora o que se definiu é cando se van celebra-las eleccións. O réxime, é dicir as principais institucións políticas e a propia Constitución, as políticas económicas neoliberais e de austeridade fronte ás crises que se suceden, e o dominio social, político e económico da oligarquía financeira, sen estar en perigo, as forzas que o seguen a apoiar son moi numerosas, atópase incómodo despois do retroceso do bipartidismo e a aparición de novas forzas políticas; e aínda que non son “tan feros como parecían”, para enfrontar os próximos retos con que a oligarquía se atopa, continuar co proceso de acumulación e a concentración e centralización do capital nunha situación de crise de moi longa duración, atou todos os cabos e recomendou ningún pacto que poda abrir fendas, aínda que sexan cativas, no réxime.
E despois dunha potente “preparación artilleira” levada a cabo polos medios de comunicación, co obxectivo da demolición de Unidas Podemos e a denuncia de Ciudadanos como un partido de “chiquilicuatres”, oportunista, que cambia de posición constantemente, con graves problemas internos, que todo é certo, convócanse novas eleccións para tentar que os dous partidos hexemónicos na transición política, aínda que un cambiase varias veces de nome, a dereita progresista, o Psoe, e a dereita conservadora, o actual PP, consigan o pulo e os votos necesarios para iniciar de novo a senda bipartidista.

viernes, 13 de septiembre de 2019

NON SE SUPERA A SITUACIÓN DE CRISE E TODO INDICA QUE ENTRAMOS NUNHA NOVA RECESIÓN


Carlos Dafonte.

O 19 do mes de agosto, nas páxinas económicas do diario “El País”, o analista explicaba un dato que acontecía nos EEUU, ó que lle daba moita importancia como é a “inversión da curva de rendementos”. Nun artigo que publiquei neste blog, hai varios meses, en xunio, falei deste indicador; como é posible que o analista económico de “El País” tardara tanto en publicalo cando había tempo que xa era coñecido?.
Teño a impresión que se intentan ocultar uns datos á opinión pública que anuncian a entrada nunha nova crise económica, que pode chegar a consolidarse nunha nova recesión, cando non fomos na maioría dos centros do capitalismo de supera-la de 2007. Parece como si existise a consigna de “non meter medo” entre os traballadores, pois os centros financeiros, aínda que na teoría neoliberal non exista o concepto de crise dentro do sistema capitalista, son conscientes de que se producen, aínda que non a consideren consubstancial ó sistema, produto sempre dos erros dos gobernos.

jueves, 5 de septiembre de 2019

INCÉNDIOS NA AMAZONÍA. SOCIALISMO OU BARBARIE.

Roberto Laxe

O chamado pulmón do mundo, a Amazonia, ardendo para beneficiar aos capitalistas, principalmente ianquis, aínda que non esquezamos o proxecto de China de atravesa-la con vías de comunicación. O outro pulmón do mundo, Siberia, leva ardendo semanas; mentres, rexístran-se temperaturas marca en Groenlandia e Alaska, e Rusia convértese no primeiro produtor de petroleo no Ártico (botou unha central nuclear ambulante nun barco).
O lume está a ser utilizada como substitutivo da guerra para a destrución de forzas produtivas, a natureza, ao servizo de que o capitalismo salga da crise como sexa, e á conta do que sexa. Nada novo baixo o sol, o capitalismo "naceu a sangue e lume" dixo Marx, e leva camiño de morrer da mesma maneira... Só que arrastrando á humanidade tras el: pondo á fronte de estados imperialistas como EE UU ou Italia e en semicolonias como Brasil, a verdadeiros descerebrados. Porque só uns descerebrados poden dicir o que eses sres din para justificarse.


martes, 27 de agosto de 2019

A EXISTENCIA DE DÚAS CADEAS IMPERIALISTAS E A POSIBILIDADE DUN CONFLICTO ARMADO.


Carlos Dafonte.

Despois da queda da URSS como unha das potencias hexemónicas, despois do seu desmembramento en diferentes estados e da restauración do capitalismo e dos preceptos neoliberais na súa economía, os USA tentaron apropiarse de Eurasia a rexión segundo Brzezinski, un dos ideólogos norteamericanos con maior influenza, que afirmou que quen queira domina-lo planeta, ten que dominar a rexión.
Os USA, para ise obxectivo, tiñan como aliados, no borde europeo da rexión, a países sometidos pola antiga URSS dende o final da IIª guerra mundial e agora inimigos declarados e temerosos da Rusia actual, e a U.E. con Alemaña, Francia e o Reino Unido como potencias importantes, e no outro borde a Xapón, Taiwan e Corea do Sur, pezas todas elas esenciais para o dominio da rexión.

martes, 20 de agosto de 2019

HONG KONG, O ESTALIDO DO ACORDO DE "DOBRE SOBERANÍA".

Roberto Laxe

O cinismo do goberno da EE UU é dun calibre difícil de cuantificar. Di o asesor en Seguridade Nacional de Trump, J Bolton, oschineses "teñen que mirar con moito coidado os pasos que toman porque as persoas en EE.UU. lembran a praza de Tiananmén [...] lembran a imaxe do home parado fronte á liña de tanques".
Haberá que lembrarlles ao goberno do sr Trump todos os "Tiananmém" que eles provocaron desde que son a potencia hexemónica a nivel mundial nos anos 40; haberá que lembrarlles aos seus aliados, os imperialistas europeos, os seus "Tiananmén", desde o domingo sanguento de Irlanda até os masacres en Alxeria?
Non teñen ningún dereito estes imperialistas occidentais a lembrarlle a ninguén como se defenden os dereitos humanos nun país; o seu pasado descualifícalles como avais de absolutamente nada. O sr Bolton debería lavarse a boca antes de falar de defensa dos dereitos humanos.

miércoles, 7 de agosto de 2019

MÁIS ALÓ DA "INVESTIDURA E DO GOVERNO "PROGRESISTA E SOCIAL"

Eusebio López
A frustración da investidura de Pedro Sanchez, de construír un goberno "progressista”, é visto por amplísimos sectores da esquerda como un fracaso no camíño de frear a Vox e ao chamado "trifachito". E aproveitando o rio revolto, os medios de masas cargan contra UP por non permitir ese goberno.
Para saber que nos perdemos, temos que ver de que goberno falamos; que carácter tería, mesmo con UP dentro del. Ou mellor dito, o que puidese saír cun acordo PSOE-UP; posto que se o PSOE gobernase só xa se sabería dabondo de que ía ser.

viernes, 26 de julio de 2019

PROCESO DE INVESTIDURA: NIN O PSOE QUERE O APOIO DE UNIDAS PODEMOS, NIN LLE PERMITEN ACEPTALO.



Carlos Dafonte

Todo o proceso que levou ás votacións para nomear un Presidente do Goberno, na persoa de Pedro Sánchez, e como tod@s coñecemos resultou fallido en segunda volta o 25 de xullo, está marcado por dous elementos que concorren no mesmo.
En primeiro lugar o Psoe, viuse dende o primeiro momento despois das eleccións do 28 de abril, quere o goberno pero desfacéndose de Unidas Podemos (UP) e ó mesmo tempo consolidarse como o que non é, como un partido de esquerdas para volver a revitalizar, poñer de novo en pé, un dos alicerces do bipartidismo.
E en segundo, non molestar, non enfrontarse, segui-lo devezos dos grupos económicos e das institucións, que non verían con “bos ollos” un goberno con Unidas Podemos, que teña capacidade para cambiar algunha premisa do existente, aínda que fora pouco importante, no entramado socio-económico-laboral do réxime; ademais nun momento en que é probable unha nova recesión a nivel mundial, e que ise goberno ten que levar adiante o Plano de Estabilidade presentado na Unión Europea polo Psoe, despois das eleccións de abril e con toda posibilidade pactado cos poderes económicos. Curiosamente no proceso electoral non se falou nin debateu sobre o mesmo.