A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 23 de agosto de 2007

UN NOVO PULO NEOLIBERAL PARA SEGUIR CONSTRUINDO UNHA EUROPA CONTRA D@S TRABALLADOR@S



Como derradeiro acto da presidencia alemá da U.E., celebrouse a finais de xuño a Conferencia de Xefes de Estado e de Goberno, co único obxectivo de salvar o que se puidese do naufraxio do Tratado Constitucional, despois do NON holandés e francés. A estas negativas hai que engadir, “sen data de caducidade”, a conxelación das consultas ou aprobación parlamentaria, en outros nove países membros.


A estas circunstancias de dificultade para aprobar o Tratado Constitucional, engádese que a devandita xuntanza celébrase nun momento de “sálvese o que poida” como resultado dun panorama económico difícil, coas grandes locomotoras económicas europeas, Alemaña, Francia, Italia e Reino Unido, sen remonta-la recesión de comezos de século, e no horizonte os negros nubarróns da situación económica nos EEUU de Norteamérica.


O asunto a tratar era importante, pero a información como sempre cativa e moitas veces distorsionada. Teñen medo a que os pobos coñezan o que aproban. ¡É vergoñento que os políticos que representan a varios centos de millóns de europeos e atrévense acotío a dar leccións de democracia no mundo, actúen dun xeito tan escurantista! Sen información non hai democracia, e unha vez máis hai que denunciar o xeito en que as grandes multinacionais e os grandes emporios económicos tentan construír Europa valéndose da axuda cómplice de a quen os cidadáns votan. Ponse cada día máis en evidencia a imposibilidade de harmonizar democracia con neoliberalismo e que a política exterior reflicte a que se practica no interior de cada estado. A unha política exterior autoritaria, antidemocrática, violenta e agresiva co resto dos pobos, corresponde unha política interior do mesmo carácter, aínda que a interior sempre vaia nos seus contidos uns pasos por detrás.


Diante das críticas recibidas pola presidencia por esta actuación, a señora Merkel saíu publicamente a defenderse e comparou o sucedido, coa falla de transparencia e información de 1957 cando se firmou o Tratado de Roma; como se esa constatación fora un argumento de peso; hai que saca-la conclusión que o sistema democrático burgués en cinco ducias de anos non avanzou nada.¡¡ Pensamos que foi tempo suficiente para que a saúde da democracia tivera mellorado!!.


Sábese que se reduciu o número de artigos de máis de catrocentos a poucos máis de setenta e que os debates centráronse en cuestións que podemos chamar “técnicas”, que non digo que non teñan importancia, pero que para a grande maioría d@s traballador@s, o núcleo fundamental d@s cidad@s da U.E. a 27, non as podemos considerar prioritarias: se vamos ter ou non un himno e unha bandeira, se vai haber un persoeiro que se chame ministro de exteriores, se nas votacións a maioría de bloqueo das decisións, vai ter en conta o número de habitantes de cada estado, etc..


Estes son os temas que transcenderon da xuntanza de finais de xuño e das realizadas con anterioridade preparatorias da mesma, as que ocuparon algúns espazos nos medios de comunicación; pero do substancial do Tratado Constitucional, daquelas partes que se poden considerar decisivas para inclinarte por un si ou un non, volveu suceder como na campaña do referendum, que PSOE e PP e polo tanto as empresas mediáticas que os apoian, non teñen intención de informar, de debater e polo tanto, de dar unha explicación ó chaman “pobo soberano” de como vai quedar definitivamente o antigo Tratado Constitucional.


Debo facer unha lembranza dos elementos máis salientables do mesmo. Todo el, e por iso o PP e PSOE chamaron a votalo afirmativamente, respondía como xa dixemos ós intereses dos grandes emporios capitalistas europeos e recollía, polo tanto, os elementos definitorios, os máis salientables, das políticas chamadas neoliberais que estes dous partidos aplican desde o goberno e apoian dende a oposición. Políticas que no estado español tiveron como resposta varias folgas xerais.


Un dos seus obxectivos era garanti-lo mercado, situación que chegaba a límites traxicómicos cando establecía que tamén debía respectarse en tempos de guerra, situación, non debemos esquecer, na que os capitalistas fan importantes negocios. Establecía a circulación ceibe de capitais, a supresión das axudas públicas o que levaría a desaparición dos servizos públicos; fálase de “servizos económicos de interese xeral” que deben cumpli-las normas da competencia e os “principios económicos xerais”. A bo entendedor sobran as verbas.


Outros dous elementos eran, a obsesión por poñer fin o déficit público e a estabilidade dos prezos, o que traducido á linguaxe vulgar significa redución dos gastos sociais e moderación salarial.


O Banco Central Europeo fica ó marxe de calquera control político o que ten como consecuencia a imposibilidade da loita contra do fraude fiscal das grandes empresas e por unha fiscalidade progresista sobre a circulación de capitais.


Había toda unha serie de aspectos no Tratado Constitucional que eran unha agresión @s traballador@s. Non garantindo o dereito o traballo como se expresa, por exemplo, na constitución española; nin prestacións por desemprego, nin xornada laboral máxima, nin a idade mínima para traballar. Establecía pola contra que non habería “harmonización algunha nas disposicións legais e regulamentarias dos estados membros”, é dicir, o mercado laboral da UE rexeríase por unha especie de “lei da selva” que entre outras consecuencias fomenta a deslocalización de empresas, pois buscarán e se lles permitirá, trasladarse a aqueles países que garantan menores salarios e dereitos sindicais e unha máis feble lexislación en defensa do medio ambiente.


Non establecía nin o dereito á folga nin á negociación colectiva a nivel da UE, furtándolles @s traballador@s a súa mellor arma de presión, mentres favorecese a desestruturación do mercado de traballo e a precarización. Pero si aceptaba o peche patronal.


E por enriba deste panorama planeaba daquela e o segue a facer, a chamada directiva Bolkestein, que establece como principio para aplicación das leis laborais “o país de orixe”; e dicir unha empresa polaca ou letona que traballe no estado español aplica a súa lexislación laboral. Do mesmo xeito que unha empresa do estado español que se asente en Polonia ou Letonia, que cambia o seu domicilio, tamén pode aplica-las leis laborais deses países no estado español.


Nas cuestións de política exterior, avanzábase cara a construción dunha Unión Europea imperialista, militarista e agresiva, subordinada á OTAN e polo tanto ós EEUU de Norteamérica, con independencia das contradicións interimperialistas que poidan xurdir.


Un Tratado que establece a utilización de medios militares para “previr conflitos” e dicir, a teoría da “guerra preventiva” que aplica o presidente Bush e que xa aplicaron os nazis nos anos 30 do século pasado e que foi condenada expresamente no xuízo de Núremberg; o respecto ás obrigas derivadas a pertenza a OTAN e o obxectivo para todos os estados membros de “mellorar progresivamente as súas capacidades militares”; circunstancia esta última que en caso de non cumprir algún estado, establécese a posibilidade de sanción.


Estaba tamén a chamada carta de dereitos sociais, que agora suprímese, e aínda que non tiña efecto algún, pois o propio Tratado Constitucional deixaba claro que non era vinculante, serviulles as direccións burocratizadas e neoliberais de numerosos sindicatos europeos, entre eles os dous maioritarios do estado español, pera pedir o si nos referendum, facendo bloque coas patronais. Diante da desaparición desta carta de dereitos, ¿modificarán os sindicatos as súas posicións?. Creo que é un deber de todos @s afiliad@s sindicais levar a discusión ó interior da organización e esixirlles unha modificación da súa posición.


Por último algunhas consideracións tamén moi importantes sobre o Tratado Constitucional; non garante a igualdade entre muller e home, fala de fomentar esta igualdade, pero o papel dunha constitución é garantir; non dicía nin verba sobre o dereito ó divorcio e ó aborto, o cal é moi grave tratándose dun texto que debe, como xa dixemos, garantir dereitos e liberdades. Tampouco se recoñece o dereito de autodeterminación dos pobos sen estado.


Como vemos, e só destaquei algúns aspectos, o chamado Tratado Constitucional Europeo é un documento de moito calado respecto ós dereitos políticos, sociais, liberdades, economía, papel das institucións etc., do que se vai configurando como a U.E.; por iso é inaceptable que as modificacións, seguro que para peor, introducidas no mes de xuño pasado, non reciban unha resposta, cando menos solicitando información a fondo por parte de organizacións políticas, sindicais e os sectores cidadás que pediron o non o 20 de febreiro de 2005.


Na axenda da modificación do Tratado aínda hai prazos e xuntanzas, ata o mes de decembro, para concretar o aprobado en xuño; espero que a esquerda do estado leve adiante as accións necesarias para tentar corrixir o déficit informativo e gañar apoio para a construción dunha Europa ó servizo dos pobos e d@s traballador@s.






Galicia no mes de agosto de 2007




Carlos Dafonte