A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 13 de enero de 2010

SÓ A CRISE NON VAI DERRUBA-LO SISTEMA CAPITALISTA

Carlos Dafonte

Coa entrada en recesión dunha grande parte das economías do mundo, son numerosas as cuestións que se teñen posto a discusión.
Referireime a dúas sobre as que me gustaría discutir neste blog. A primeira sobre a duración desta fase aguda da crise, pois como os lectores deste blog coñecen, a miña opinión é que saír nunca imos saír, baixo este sistema, a non ser que se produza unha nova guerra mundial que permita a destrución masiva de forzas produtivas. E a segunda como xa anunciei, no meu anterior artigo, para opinar sobre algunhas interpretacións que se realizan hoxe da chamada teoría do derrube do sistema capitalista, supostamente exposta por Marx.
Sobre a primeira; hoxe son numerosos os “expertos” e todo tipo de axencias, oficinas de inversión, gobernos, institucións, que xogan a ser adiviños, e teñen enorme repercusión mediática, sobre a finalización da crise, no 2010, o comezo do crecemento económico e polo tanto, en pouco tempo, unha volta á senda da creación de emprego e a expansión económica.
E curioso que os mesmos que foron incapaces de detectala hai tres anos, hoxe nos queiran facer “comungar con rodas de muíño”, anunciándonos a súa finalización, como se crises estruturais, fondas como a actual, se puideran superar en dous ou tres anos.
Posiblemente en moitos países afectados non será o V a letra que indique que chegamos ó final e iníciase a saída na lóxica capitalista, senón o U, e dicir que tocamos fondo e nos mantemos nese fondo durante varios anos, nun proceso claro de estancamento, ata que de novo iniciemos a senda “salvadora do crecemento”. Concepto este do crecemento sobre o que debíamos debater a fondo.
Se fixéramos unha comparanza ca de 1929, podemos afirmar con rotundidade que non se saíu da mesma cando apareceron as primeiras cifras de crecemento nas economías máis poderosas daqueles tempos, que é a idea que nos queren dar toda esta serie de “expertos” que tanto vociferan hoxe. Posiblemente porque a idea que teñen da crise é de ser un momento, un proceso que transcorre nun espazo de tempo curto, no que se produce unha alteración, e non como un período completo onde se vai fraguando, consolídase, emerxe, se mantén...ata que se inicia un novo período.
Para os que agora falan de “brotes verdes” e os que se opoñen a esa idea simplemente polo motivo de estar na oposición, pero que no fondo teñen o mesmo concepto, a crise, ata as máis fondas como a actual, son de pouco percorrido, xa que o crecemento empézase a detectar en algunhas economías, se vai consolidar no primeiro trimestre do 2010, e polo tanto pódese falar do seu fin.
Pero en realidade unha crise deixa de ser tal cando as condicións que a xeraron desaparecen e, ¿verdadeiramente coñecen a causa da crise? Multitude deses “expertos”, en numerosos medios explican, “a touro pasado”, as causas da mesma, pero curiosamente ningún deles, como xa dixen, foi capaz de predicila un ou dous anos antes; posiblemente polo que argumenta o profesor da Universidade do Estado de California en Fresno, Sasan Fayamanesh, cando responde á pregunta ¿Por qué se trabucaron tanto os expertos? dicindo: “En xeral, equivocáronse porque a teoría económica é unha disciplina cientificamente subdesenvolvida, desvergoñadamente dominada pola pura ideoloxía. A escola imperante de pensamento económico durante a Grande Depresión (1929) era, e segue a ser a día de hoxe, a escola neoclásica ou marxinalista. Pero no mundo “neoclásico” non existen cousas parecidas ás crises. Non habita no mundo real no que vivimos, senón nun mundo sen clases sociais, composto de consumidores e produtores; un mundo harmonioso, modelado polo xeral con instrumentos procedentes da física matemática. Nese mundo non hai historia; non hai pasado, non hai presente, non hai futuro. Nese mundo nunca sucede nada importante, e dende logo ningún acontecemento catastrófico. Ese mundo marxinalista irreal, insípido e a-histórico debería ter sido abandona hai moito tempo, particularmente despois da Gran Depresión. Non obstante, a súa aparencia de elegancia matemática, ligada ao seu integrista e descarada defensa do capitalismo, ou do libre mercado, segundo prefiren os seus partidarios, mantívoo con vida. Sobra dicir que dende os días da Gran Depresión a teoría “neoclásica” foi emendada aquí e alí con algunhas ideas tomadas do aristócrata británico J.M. Keynes, ideas que trataban de enriquecer con certas doses de realidade a unha teoría de todo punto irreal. Pero o resultado da chamada síntese neoclásica ou neokeynesianismo non é máis que unha amálgama de ideas dispersas, confusas e incoherentes que serven como pasto ós estudantes de teoría económica baixo a rúbrica de micro e macroeconomía”.
Xa que cos seus instrumentos teóricos non foron capaces de ver a realidade que se viña enriba, poden canto menos estudar a crise de 1929 e constatar que nos tres anos anteriores, o crecemento promedio era de o 3'96%, para os 16 países seleccionados por Agnus Maddison no seu coñecido estudo. Pero deste crecemento importante, pasase a caer un 5'4% en 1930, un 5'7% en 1931, e o 7'1 en 1932. O que non impide que en 1933 se produza de novo un crecemento do 1'2; outros celebres “brotes verdes”, seguido polo 6'2 en 1934, 5'8 en 1935 e o 7'7 en 1936; e a pesares dese importante crecemento a crise persistiu, e tres anos máis tarde o capital enfrontase nunha nova guerra que produce cen millóns de mortos e a destrución dunha parte do centro do capitalismo mundial; polo tanto falar en termos de “saída da crise”, por haberse iniciado un cativo crecemento é unha falacia só explicable porque se fai desde unha perspectiva de clase, a que teñen as diferentes partes da oligarquía española, que se aproveita da crise para levar a cabo toda unha serie de fusións, de eliminación de competidores, en resumo a concentración de capital, propia destas situacións, onde os “peixes grandes cómense ós máis cativos” e para crear un importante “exército de reserva”.. Desde esa perspectiva, dicía con razón o ministro Solves que a crise “serve para limpar”.
Podemos afirmar que só mirar para o sacrosanto dato do crecemento, non serve nin para predici-la crise, nin para afirmar que se sae dela. Un exemplo desta afirmación témolo no estado español, no que poucos trimestres antes de que entraramos na recesión actual, creciamos máis que o resto do “núcleo duro” dos países do euro; isto lévame a sentenciar, que non debemos confundir, como se fai moitas veces, o momento do estalido co proceso real da crise. Pódese crecer e ter elevadas taxas de paro, producíndose a desaparición de milleiros de pequenas empresas, destruíndose forzas produtivas e dándose a realidade da existencia de milleiros de familias onde ningún membro da mesma cobra cantidade algunha.
¿Atopámonos cunha crise de ciclo curto ou diante dunha crise xeral das relacións capitalistas?. Afirmo que estamos diante dunha crise orgánica do sistema capitalista; da mesma, dicía Gramsci, é na que o vello non acaba de morrer, e o novo non acaba de nacer. Estamos pois nun momento de grande dinamismo onde a tendencia á descomposición, ó derrube, loita coa tendencia á recomposición.
Os grandes capitalistas e os gobernos, aínda que moitas veces nos expoñan razóns da crise que parecen peregrinas, saben que o fundamental é recupera-la taxa de ganancia, frear a súa queda, para o que utilizan varios instrumentos entre os que destacan a rebaixa de impostos para a burguesía e sectores da pequena burguesía e pagar a forza do traballo aínda mais por debaixo do seu valor. Con ese obxectivo lévase a cabo a tripla reforma de 2006 no estado español: a laboral, a fiscal e a do sistema de pensións. Por medio da primeira reducíase o costo da contratación e o do despido; mediante a segunda o imposto de sociedades pasou de ser, dos máis altos da U.E. a ser un dos máis reducidos. Mediante a terceira endurécense as condicións para recibir unha pensión, redúcese a recadación fiscal procedente dos beneficios, obrigando @s traballador@s a cotizar máis tempo.
E si esta recuperación non se produce, a tendencia cara o derrube pódese ir afianzando, pero non debemos levarnos a engano. Como dí Valério Arcary, comunista e profesor universitario brasileiro, ”No entanto, por máis severas que tenham sido as turbulencias económicas do capitalismo, sen a disposiçáo da luita dos sujeitos sociais náo se abriram situaçoes revolucionárias. Náo há xeque-mate económico na luta de classes”.
Marx no ano de 1859 fai un análise da súa obra e salva catro, da “queima” da súa crítica: “A miseria da filosofía” de 1847, “O Manifesto comunista” de 1848, o coñecido como “Discurso sobre o librecambio” do mesmo ano e “Traballo asalariado e capital”, unha serie de artigos periodísticos. Mostrouse especialmente cruel coa “A ideoloxía alemá”, obra á que tanto Engels como el, “abandonaban a acción dos ratos”. Amosaba a súa satisfacción pola chamada “Crítica da economía política”, así o manifesta no seu prefacio, celebre por outra banda, aínda que da obra, inacabada, só coñezamos dous capítulos. Nel indica que a actual organización da sociedade debe derrubarse, por efecto das contradicións internas e ser substituída por outra sociedade alicerzada en bases diferentes, á que considera unha orde máis elevado de civilización: “ O resultado xeral a que cheguei e que, unha vez obtido, serviu de fío condutor aos meus estudos, pode resumirse así: na produción social da súa vida, os homes contraen determinadas relacións necesarias e independentes da súa vontade, relacións de produción, que corresponden a unha determinada fase de desenvolvemento das súas forzas produtivas materiais. O conxunto destas relacións de produción forma a estrutura económica da sociedade, a base real sobre a que se levanta a superestrutura xurídica e política e á que corresponden determinadas formas de conciencia social. O modo de produción da vida material condiciona o proceso da vida social, política e espiritual en xeral. Non é a conciencia do home a que determina o seu ser, senón, pola contra, o ser social é o que determina a súa conciencia. Ao chegar a unha determinada fase de desenvolvemento, as forzas produtivas materiais da sociedade entran en contradición coas relacións de produción existentes, ou, o que non é máis que a expresión xurídica disto, coas relacións de propiedade dentro das cales se desenvolveron ata alí. De formas de desenvolvemento das forzas produtivas, estas relacións convértense en trabas súas E ábrese así unha época de revolución social. Ao cambiar a base económica, revoluciónase, máis ou menos rapidamente, toda a inmensa superestrutura erixida sobre ela. Cando se estudan esas revolucións, hai que distinguir sempre entre os cambios materiais acontecidos nas condicións económicas de produción e que poden apreciarse coa exactitude propia das ciencias naturais, e as formas xurídicas, políticas, relixiosas, artísticas ou filosóficas, nunha palabra, as formas ideolóxicas en que os homes adquiren conciencia deste conflito e loitan por resolvelo. E do mesmo modo que non podemos xulgar un individuo polo que el pensa de si, non podemos xulgar tampouco a estas épocas de revolución pola súa conciencia, senón que, pola contra, hai que explicarse esta conciencia polas contradicións da vida material, polo conflito existente entre as forzas produtivas sociais e as relacións de produción. Ningunha formación social desaparece antes de que se desenvolvan todas as forzas produtivas que caben dentro dela, e xamais aparecen novas e máis altas relacións de produción antes de que as condicións materiais para a súa existencia madurasen no seo da propia sociedade antiga. Por iso, a humanidade proponse sempre unicamente os obxectivos que pode alcanzar, pois, ben miradas as cousas, vemos sempre que estes obxectivos só xermolan cando xa se dan ou, polo menos, estanse a xerar, as condicións materiais para a súa realización. A grandes trazos, podemos designar como outras tantas épocas de progreso, na formación económica da sociedade, o modo de produción asiático, o antigo, o feudal e o moderno burgués. As relacións burguesas de produción son a última forma antagónica do proceso social de produción; antagónica, non no sentido dun antagonismo individual, senón dun antagonismo que provén das condicións sociais de vida dos individuos. Pero as forzas produtivas que se desenvolven no seo da sociedade burguesa brindan, ao mesmo tempo, as condicións materiais para a solución deste antagonismo. Con esta formación social péchase, polo tanto, a prehistoria da sociedade humana”.
Pero os capítulos coñecidos da obra non resolven nada do anunciado.
Nin con posterioridade no “O Capital”, obra tamén inconclusa, desvelou como se levaría a cabo o derrube; de feito en 1912, Rosa Luxemburgo, redactou “A Acumulación de Capital” para encher esta lagoa deixada por Marx nos seus escritos inconclusos. Pero a obra de Luxemburgo foi a orixe dunha polémica, aínda inacabada entre quen quere poñer fin ó sistema capitalista.
Hai varias décadas preguntábase un autor marxista ¿De que falaba Marx no seu “famoso” Prefacio? ¿De teorías aínda non elaboradas ou de ideas asentadas pero non escritas?
Houbo que esperar ata o comezo da Segunda Guerra Mundial, en 1939, para que se publicara o manuscrito no que se baseou Marx para escribir o devandito Prefacio; refírome a obra titulada na edición, “Grundrisse der Kritik der Polistischen Oekonomie (Rohentwurf)”; (Fundamentos da crítica da economía política (borrador). Escritos entre 1857 e 1858. A partires da súa publicación e segundo se foron traducindo e coñecendo máis, considéranse imprescindibles para reconstrui-la xénese do “O Capital”. Marx consideraba que este borrador non só destruía todas as ideas centrais de toda a economía política anterior, senón que ó mesmo tempo era a primeira exposición científica da causa revolucionaria. Os Grundrisse é a única das súas obras na que se fai un esbozo da teoría do capitalismo desde as súas orixes ata o seu suposto derrubamento formulado este como resultado da contradición xa sinalada no Prefacio, aínda que enunciada en termos distintos: “Por unha parte a produción consiste nun acto de cambio, e pola outra consiste nun acto que é o contrario do cambio. Por unha parte, a produción é un cambio ordinario de equivalentes, pola outra é unha apropiación violenta da capacidade creadora universal do obreiro. É un sistema social no cal o obreiro, como vendedor, e o capitalista, como comprador, son xuridicamente partes iguais que contratan libremente; e ao mesmo tempo é un sistema social de escravitude e explotación. Ó principio e ó final do proceso produtivo áchase o imperativo social dos valores de cambio, pero de principio a final o proceso de produción debe render plusvalías. O cambio de equivalentes é a relación social fundamental de produción, pero a extracción de non equivalentes é a forza fundamental de produción. Esta contradición inherente no proceso de produción capitalista, é a fonte dos conflitos que Marx esperaba desembocaran no período de revolución social”. Dito cas verbas de Martín Nicolaus
Formúlanse nos Grundrisse cuestións fundamentais, desenvolvidas con posterioridade no “O Capital”, polas que deben ser tidos en conta, máis que polas achegas “á teoría do colapso”, cuestión por outra banda moi debatida no “campo revolucionario”; por exemplo, Lenin nega a existencia dunha “teoría do colapso” en Marx.
Ata a aparición dos Grundrisse, para Marx, o mecanismo do mercado era “o factor motivador, causal ou fundamental” do desenvolvemento capitalista; nesta obra atópanse os alicerces do que desenvolverá máis tarde no O Capital, partindo de que no mundo da concorrencia “todo aparece invertido”, afirmando categoricamente que os procesos fundamentais, ocultos pero esenciais, son a produción e a acumulación capitalista.
É tamén nos Grundrisse onde se establece, coa maior claridade, a teoría da plusvalía, concepto crucial no pensamento de Marx, sobre a que baseou a súa teoría da acumulación capitalista.
Por último, destaca-lo cambio que representou pasar da idea de que @ obreir@ vende o seu traballo como unha mercadoría, a establecer que o que venden é a súa forza de traballo, que non é unha mercadoría como calquera outra, senón unha mercadoría excepcional.
Centrándonos para finalizar, no tema do colapso do sistema capitalista. Cando Marx fala do mesmo, aínda que non chegara a desenvolvelo, hai que entendelo como unha lei que se formula como tendencia, e establece toda unha serie de procesos que contrarrestan esa tendencia como poden ser a creación dos monopolios, a conquista do mercado mundial e outros; da mesma idea é Lenin que presenta o documento sobre a situación internacional, no II Congreso da Internacional Comunista, en 1920, cando di, referíndose á burguesía: “...para ela as situacións sen saída non existen. A burguesía comportase como unha besta enfurecida que perdeu a cabeza, fai unha parvada tras outra, empeorando a situación e acelerando a súa morte. Todo iso é así. Pero non se pode “amosar” que non haxa posibilidade algunha de que adormeza a certa minoría de explotados con concesións, de que esmague certo movemento ou sublevación dunha parte determinada de oprimidos e explotados. Tentar demostrar con antelación a falla absoluta de saída, sería vana pedantería e xogo de conceptos e verbas...O réxime burgués atravesa en todo o mundo por unha grave crise revolucionaria. Agora hai que “amosar” coa práctica dos partidos revolucionarios que teñen suficiente grao de conciencia, organización, unión coas masas explotadas, decisión e habilidade a fin de aproveitar esta crise para levar a cabo a revolución vitoriosa”.
Creo que Lenin o formula dun xeito correcto; só a acción dos partidos revolucionarios vai poñer fin ó sistema capitalista, que mediante as súas crises pon cada vez máis en evidencia unha necesidade enunciada por Engels e recollida por Rosa Luxemburgo, “ou socialismo ou barbarie”, capitalista, claro.
A fonda crise actual, pode levar a algúns a trabucarse pensando que o capitalismo esta próximo ó seu colapso, que lle é imposible reinicia-lo proceso de valoración e acumulación, que se vai desfacer como consecuencia das súas contradicións internas e adoptan posturas “quietistas”, ou en calquera caso, “descoidan” o que segue a ser o elemento fundamental da loita revolucionaria tamén no século XXI, a construción do suxeito revolucionario que non é outro que a clase obreira e o resto de capas de traballador@s asalariad@s, e o partido de clase, que facilite que a teoría revolucionaria, o marxismo, se converta no pensamento condutor da loita. E sen estas premisas non haberá revolución e se non hai revolución, non haberá socialismo, o que quere dicir que todo o máis serán intentos de lavarlle a cara o capitalismo.
E fronte ós discursos derrotistas que argumentan que xa non existe clase obreira, hai que destaca-la perspectiva de que hoxe, a comezos do século XXI, o proceso de proletarización mundial foi enorme a consecuencia do grao de concentración do capital. O que significa que a burguesía hoxe contaría con menos aliados para enfrontarse a unha clase traballadora ben organizada O problema hoxe é o de dotar @s traballador@s asalaria@s, en medio da crise, de teoría, unidade e estratexia común.
Para finalizar unha cita do economista polaco Grossman, autor de “A Lei da Acumulación e do Derrube do Sistema Capitalista”, obra publicada poucos meses antes do crac de 1929 e que ten acadado nos últimos tempos, un certo protagonismo como consecuencia da crise: “O capitalismo pode ser abatido só a través da loita da clase obreira. Pero o que eu quería demostrar é que a loita de clase non é suficiente por se mesma. Non é suficiente a vontade de abatilo(...) Como marxista dialéctico é obvio que as dúas caras do proceso, os elementos subxectivos e obxectivos teñen un influxo recíproco entre se. Non se pode 'esperar' a que se dean primeiro as condicións 'obxectivas' para despois e só entón, deixar actuar ás condicións 'subxectivas'. Sería unha concepción mecánica, insuficiente coa que non estou de acordo (...) A miña teoría da derruba non trata de excluír esta intervención activa, senón que proponse máis ben demostrar en que condicións pode xurdir e xorde de feito unha situación revolucionaria deste tipo, en forma obxectiva,"

Galicia xaneiro 2010