A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

sábado, 27 de febrero de 2010

A DEREITA UNHA VEZ MÁIS, GAÑA A BATALLA

<!-- @page { margin: 2cm } P { margin-bottom: 0.21cm } A:link { so-language: zxx } -->

Carlos Dafonte



A ausencia dunha forte organización da esquerda revolucionaria, permite que o sistema capitalista capee no estado e en Galicia, a crise económica que xerou, con poucas feridas, case indemne.


Os grandes medios e a acción política das institución, partidos e sindicatos maioritarios, conseguiron en ano e medio trastornar un debate que situaba na picota ó sistema capitalista e converter o centro do mesmo, aínda que non o digan dun xeito expreso, na culpabilidade d@s traballador@s asalariad@s e como saír da crise cargando sobre as súas costas, a totalidade das medidas que permitan recupera-la taxa de ganancia a unha parte do empresariado. Outra parte os máis febles, algúns xa desapareceron e outros desaparecerán do mapa económico.



masas-17


Aínda para unha persoa que non teña cavilado sobre a cuestión, recoñecerá que estes son os eixos do debate actual: Si hai que aprobar unha nova reforma laboral, como sempre contra os traballadores asalariados e para favorecer a explotación que exercen os empresarios; se alongar de 15 a 20 anos o período para o cómputo das pensións ou a toda a vida laboral o que representa unha rebaixa drástica das mesmas; se a idade para ter dereito a xubilarse débese prolongar ata os 67 anos; a necesidade de reformar o sistema público de pensións diante da ameaza de que en poucos anos quebre, para que se fagan planos de pensións privados, cando o lóxico era que a Seguridade Social non se financie por cotas e se faga a traveso dos presupostos xerais do estado; a suba do IVE para o verán, imposto inxusto que carga o mesmo a pobres e ricos; se hai que rebaixarlle o soldo ós funcionarios, amosando descoñece-la situación dunha parte importante dos mesmos; e así podíamos continuar case “ad infinitum”.


É curioso, atopámonos nunha fonda crise do sistema capitalista e da sociedade burguesa e non se fala de tomar medidas contra os instrumentos capitalistas como a banca, cuxa responsabilidade na crise é evidente; contra os empresarios enriquecidos nos pasados anos e agora morosos, que pechan empresas e conservan o capital persoal, saído da explotación do traballo, indemne; nin de como castiga-los especuladores, nin do enorme fraude fiscal; nin dos paraísos onde se branquean cartos e se evaden capitais. Ata sería admisible discutir, nas circunstancias actuais, que medidas se deben introducir neste sistema, en ausencia dunha revolución, que o faga, aínda que isto sexa, segundo a miña opinión unha quimera, funcionar mellor.


Pero non, de nada de iso discútese, do que se fala é só de como rebaixar os dereitos da grande maioría da poboación, dos que vendemos a nosa forza de traballo a cambio dun salario. Que non tivemos culpa algunha na situación na que nos atopamos. É máis, cando as cifras económicas eran para os analistas, políticos e medios de comunicación moi boas, esixíase contención salarial e responsabilidade @s traballador@s asalariad@s, para manter ese período de forte expansión.


Esta situación e unha proba evidente da derrota cultural-ideolóxica do pensamento de esquerdas. A saída da crise só discútese nos parámetros que a dereita e a clase burguesa, cuxo pensamento é o hexemónico no estado español, impoñen. O goberno do estado é neste senso “a punta de lanza” do debate, o que marca o ritmo e propón os temas.


Desde poucos recunchos denunciase esta situación e cando se fai, moitas veces dun xeito timorato, denunciase o sistema pero deixase fora da denuncia a todos cantos fan desde as institucións posible, que este se manteña no estado español, que son os culpables da situación na que nos atopamos @s asalariad@s; son, sen dúbida algunha @s xestor@s do capital e os que van facer cargar sobre as nosas costas as consecuencias da crise.


E canto máis próximas están as eleccións e as enquisas parecen máis desfavorecedoras para o goberno, comezan a aparecer ata en moitos que “hai catro días” eran moi críticos coa xestión do PSOE, e que din defender posturas de esquerda, as primeiras dúbidas sobre como actuar de cara ós procesos electorais e a remarcar as supostas diferencias entre os dous grandes partidos maioritarios.


Para non caer neste erro, teñen que asumir que o PSOE é un partido que traizoa á clase da que naceu, e xoga, xa o analizamos hai tempo, un papel primordial no proceso de cooptación de sectores populares para as políticas capitalistas e neoliberais. Converteuse, desde a desaparición do franquismo, nun partido burgués, que defende intereses oligárquicos. O PP non engana a súa clase. Defende os intereses da burguesía. E todas as medidas que propón para a saída da crise, teñen como obxectivo a derrota d@s traballador@s. Se algunha vez fai algún xesto é por motivos electorais; a burguesía e un sector cativo en relación cos asalariados e hai que conseguir votos en todas partes. PSOE e PP debían defender intereses antagónicos nestes momentos, e defenden os mesmos. ¿Debémoslle reprocha-lo PP que non defenda os intereses dos asalariados? Sería estúpido. Tanto como que un asalariado vote ó PP. O grave é que hoxe, un asalariado con conciencia de clase, non ten a quen votar. Porque xa coñecemos o que “da de si” o PSOE cando esta no goberno. A experiencia iniciada en 1982 non debe ser esquecida: reconversión industrial, privatización de empresas e banca públicas, recorte de pensións, reformas e desestruturación do mercado laboral, entrada da igrexa no ensino cos centros concertados, mantemento na OTAN, unha entrada “trapalleira” na Comunidade Europea, paro, corrupción, ...Contra esas políticas fixéronse catro folgas xerais e dúas máis en Galicia, en defensa do sector naval. A primeira en 1985 contra a reforma das pensións; 1988 contra os chamados “contrato lixo”; 1992 contra o recorte das prestacións por desemprego e a precarización laboral; 1994 contra a revisión do “decretazo” de 1992. A pesares de todas estas importantes mobilizacións nas que participaron en cada unha millóns de tranballador@s, o partido socialista, non tivo “compaixón” algunha dos seus propios votantes que eran unha parte importante dos que se manifestaba naquelas xornadas de loita.


masas-22


E neses catorce anos máis os oito do PP, consolídase o modelo de acumulación e de explotación característico do estado español, que entra en crise, como non podía ser doutro xeito, coincidindo ca crise internacional. Modelo do que os que nos gobernan hoxe, parece se atopaban satisfeitos, cando hai poucos anos, retaban a outras economías europeas poñéndose como exemplo, nunha actitude difícil de cualificar. Como mínimo de infantil e impropia de dirixentes políticos coñecedores de onde se moven.


Desde a desaparición de Franco, o PSOE gobernou 20 anos; a maior parte das leis que permiten as decisións empresariais e os ataques ós intereses da clase, foron aprobadas nese período. Tamén o apoio entusiasta a construción da UE actual. O PSOE ten tribunas de todo tipo desde onde defenden estas políticas contrarias os nosos intereses, TV's, periódicos, radios, etc. Polo tanto non debe ninguén que se considere un revolucionario plantearse o máis mínimo apoio a un partido socialista que unha vez tras outra, defrauda as espectativas do pobo traballador galego.


O noso papel é poñer en cuestión dun xeito permanente ó sistema e os seus defensores. Gañe quen gañe, no capitalismo, sempre perdemos os asalariados.


Non é certo, como se di as veces, que nos atopemos hoxe cun PSOE presionado pola dereita máis recalcitrante, feble, que cede diante deste acoso; en 2006, cando considerábase no “cumio da vaga”, xa levou adiante unha tripla reforma, rebaixando entre outras lindezas, os impostos ós ricos. E se analizáramos os presupostos para 2010, constataríamos que son antisociais, cheos de recortes a partidas de servizos básicos.


Rodriguez tentou xogar a todas as cartas; de defensor dos asalariados, e cómplice dos empresarios...e ese xogo ten límites, pero cando ten que tomar medidas xa vemos por onde van os socialistas, polo mesmo camiños polo que van en Grecia; coñecemos as propostas para este país aprobadas pola U.E., que o partido socialista grego acepta, cando hai catro meses gañou as elección cun programa completamente oposto ó que agora tenta levar adiante. E iso é o que nos interesa de Grecia, non discutir se a nosa economía esta mellor ou peor que a grega, senón estudar a fondo as medidas que toma a U.E, e que apoian o goberno do estado, o PSOE, e o PP como oposición, pois son case as mesmas que se van a tomar no estado español. Pois Grecia como Chile nos anos 70, convértese hoxe nun laboratorio neoliberal.


Polo tanto creo que non debemos perde-lo tempo en falsas disquisicións de se son “galgos ou podengos”; PSOE e PP e unha parte dos nacionalistas, son os representantes do capital e digo máis, o PSOE no goberno é un atranco á recomposición da esquerda a nivel de estado. Pois a recomposición hai que facela na mobilización e a loita, e a “pátina” que ten de esquerdas, frea a loita, pois o argumento de moit@s traballador@s asalariad@s é que si estes toman medidas contra nós e “son de esquerdas”, os que deben defendernos, ¿como imos a estar se gaña o PP?, e polo tanto funciona o “voto útil” que é o máis inútil de todos os votos.


Sobre este aspecto da mobilización, os últimos anos da presidencia de Aznar foron quizais o período con maior número de mobilizacións, pois á folga xeral contra o “decretazo” sumáronse as levadas a cabo contra a presidencia da U.E., e as moi importantes contra da guerra de Iraq e a participación de tropas do estado español na mesma. A vitoria do PSOE nas eleccións xerais, marcou o final do proceso, aínda que o goberno nos meta en outras guerras, vaia da man do PP no referendo pola constitución europea, ou presida unha U.E., máis autoritaria, antisocial e imperialista.


Hoxe o programa do PSOE e un plan de austeridade co obxectivo, entre outros, de soster a débeda pública nos mercados internacionais; axuste fiscal ca suba do IVE, redución de pensións e gasto público e reforma do mercado laboral, son os seus eixos. E cando dicimos redución gasto público que ninguén pense que se van trae-las tropas dos numerosos lugares onde se atopan, en misións que ninguén coñece e xerando un gasto enorme, quérese dicir, que se vai gastar menos en servizos básicos, se van privatizar outros e tomar toda outra serie de medidas que o propio goberno afirma que son “impopulares”, pero que non queda máis remedio que facelo. Diante da evidencia do que se vai facer, todo o discurso anterior sobre cohesión social, acenos ós sindicatos, etc., non tiñan outro obxectivo que perder o menor apoio posible, cando toma as medidas que interesan á clase que verdadeiramente defende, a burguesía. E para esconder a súa posición tenta acadar un novo Pacto da Moncloa, que terá a segunda parte na remodelación do goberno cando finalice a presidencia da U.E., unha nova alianza en Cataluña, despois das eleccións nesa comunidade, e o abandono dos pactos co “sector progresista” das Cortes e unha nova dinámica cun acordo, que se pode materializar de diferentes xeitos, coas burguesías nacionalistas.


Só a mobilización obreira e popular, de cara a unha folga xeral, pode parar este golpe que de novo tenta recortar os xa minguados dereitos sociais que conservamos, e facer avanza-lo proceso de reconstrución da esquerda.



En Galicia a 26 de Febreiro de 2010