Carlos Dafonte
Lectores do meu anterior artigo co mesmo título que o de hoxe,
dirixíronse a min, podíano facer poñendo un comentario no blog pero non o
fixeron, no senso de que clarificase máis os conceptos de dereitas e esquerdas,
necesidade imperiosa cando unha parte da sociedade e en moitos medios de
comunicación, afirmase con moita lixeireza, que tal ou cal partido é de esquerdas
ou de dereitas. Ou tamén se fai a afirmación, segundo conveña, de que xa non
existen nin dereitas nin esquerdas nunha posición moi parecida á de Francis
Fukuyama cando nun célebre artigo “decretou” a fin da historia, pois a partir
da queda das sociedades que expropiaran á burguesía e a súa incorporación ó
espazo capitalista, xa non habería alternativa algunha ó mesmo. Si buscamos
máis atrás, esta posición podía conectar cun dos ideólogos do franquismo,
Fernández de la Mora, cando afirmou a fin das ideoloxías.
A crise actual, cas consecuencias de fame, desigualdades, perda de
dereitos de todo tipo, paro estrutural, étc, deixou clara a necesidade de
atopar unha alternativa que non se pode dar, é a miña opinión, dende dentro do
sistema; modificando algúns aspectos do mesmo; a única alternativa á situación
actual dende o propio sistema, é para seguir afondando nas desigualdades,
facelas cada vez máis evidentes, para que unha minoría acade máis poder
político e económico.