A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 30 de noviembre de 2012

TRÁS O 14-N: PARA DERROTAR Á U.E. E OS GOBERNOS, É O MOMENTO DA ALTERNATIVA POLÍTICA




Xulia Mirón e Roberto Laxe 
En primeiro lugar ha que suliñar algo que sistematicamente se esquece interesadamente, o carácter europeu da convocatória, que atingiu o conxunto da UE, onde, côas desigualdades lóxicas, houbo manifestacións, folgas e xornadas de loita. A resposta unida da clase traballadora europea a uns plans que partillan todos os gobernos no camiño da refundación da UE, é um fito histórico que marca a liña de superación das fronteiras nacionais na loita de clases que temos que defender.
Mas para todos/as é claro que o único balance posible do 14N é o de seguir loitando. O capital sempre quere destruir todas as conquistas da clase traballadora, e numhas condicións como as actuais so umha mudanza de fondo das estruturas da sociedade poder garantir que calquera victoria non se transforma nun novo ataque. O recente exemplo portugués é clarificador, os traballadores/as portugueses impuxeran o goberno a retirada do plan polo que lles reducian os salarios un 7% para darllo aos empresarios; non pasaron nin 15 dias, cando o goberno voltou à carga com umha outra proposta de suba de impostos, que tiña iguais consecuencias para os salarios. Por iso convocaron a folga xeral do 14N, e agora teñen que voltar á loita.
Neste cadro é onde temos que analisar e tirar as conclusións precisas do que foi o 14 no estado español, e pólo que nos compete, na Galiza.
Coa indústria e o transporte à cabeza: houbo folga xeral
A folga xeral foi Xeral, e Galiza de novo dentro dos territórios onde tivo mais incidência. Por moito que queiran rebaixar a resposta social, iso manifestou-se de novo em que foron os sectores centrais da economia, a industria, onde por exemplo a patronal galega do metal recoñeceu un paro do 70%, e o transporte (os portos, o transporte colectivo ferroviário e em bus, etc.) que non funcionou mais aló dos servizos minimos. Mas a folga tamen atingiu a sectores da administración publica, a educación e as universidades, a sanidade publica e privada, etc.
Por zonas, na Galiza, a folga foi masiva especialmente no Sul, em Vigo, Pontevedra, Compostela…, onde pechou tamen a maioria do comercio, e com mais dificuldades no norte, especialmente na Coruña, onde houbo moita diferenza entre o acontecido na indústria (Inditex, Alcoa, Fabrica de Armas, recollida do lixo, etc.) e  transporte, e no comercio e hosteleria, que abriron maioritariamente.
Ainda asi, como aconteceu no resto do estado e em moitas zonas de Europa (Italia, Franza, Grecia, onde non habia folgas xerais, mas houbo masivas manifestacións), o rexeitamento ás politicas da UE e os gobernos europeos expresouse com centos de miles de persoas na rúa, numha confluência dos mais diversos sectores da poboación salariada, desde obreiros do metal e obreiras do textil, traballadores/as do comercio ou a administración publica, ate autônomos (os falsos autônomos, que em realidade son asalariados/as), pequenos empresários, ou funcionários de escalas que non é normal que estean nas manifestacións obreiras.
As manifestacións foron o veiculo que os asalariados/as utilizaron para manifestar o seu rexeitamento e a sua vontade de enfrentar essas politicas, porque hai que ter em conta que em moitas ocasións non se pode facer folga por estaren ameazados de despidos, pola precariedade no emprego e, non o esquezamos, polos miles de traballadores/as no desemprego.
Foi umha folga politica
Cando foi convocada a folga xeral no Estado o goberno saiu afirmando que era umha folga “política”, mesmo algun dirixente do PP, a ínclita Espe Aguirre, pediu a sua prohibición por esse carácter político que lle atribuían, apoiando-se na reacionária lexislación herdada dos pactos da Transición, nas que se prohiben as convocatórias que non teñan un caráter meramente sindical.
Por moito que diga a lei, toda folga xeral é, pola sua própria esencia, política, pois se convoca para rexeitar unha decisión política do goberno de quenda. Asi foron as folgas contra os gobernos de Gonzalez, polas suas políticas de recortes das pensións ou da Lei de Emprego Xuvenil no histórico 14D do 88. Asi foron a folga contra o “decretazo” do goberno de Aznar, e asi foi tamen a convocada contra a política de ZP. Todas as Folgas Xerais, ao rexeitar umha decisión política, teñen por definición un carácter político.
Mas o 14 N non só era política por rexeitar umha medida dun goberno, senon que tiña un carácter superior, mesmo nos lemas propostos pólas cúpulas sindicais: “há culpabéis, há alternativas”. De feito, non foi umha folga contra umha medida senon contra unha Union Europea, un goberno,… que estan a aplicar um conxunto de políticas que levan o empobrecimento do conxunto da poboación traballadora, e ofrecianse alternativas.
Foi umha folga contra esos gobernos e essa Union Europa, por iso foi umha folga política que, tamen, expresa os seus limites.
A ambiguedade calculada das direccións sindicais e os seus métodos de convocar
Mas a folga do 14N tamen saiu a pesar dos obxectivos e os métodos das cúpulas sindicais. Em primeiro lugar, a maneira que teñen de facer as convocatórias semella mais umha campaña electoral que umha forma de loita da clase traballadora pólos seus direitos, axudando aos medios a presenta-las como algo alleo os seus interesse, como se os traballadores/as estivesen no medio dos dirixentes sindicais e os gobernos.
A convocatória das folgas, e sobre todo das folgas xerais, semella que xurden das necesidades desas cúpulas que non se poñen dacordo cos gobernos, e chaman à poboacion traballadora a respaldalos, como cando un goberno convoca as eleccións xerais, para ver de que a cidadania avale, ou non, as suas medidas.
Esta lóxica de convocar desde as cúpulas, manifestase nos medios que as organizacións sindicais poen para que a folga saia adiante. Cantas asembleas votaron a folga xeral? Em cantas empresas/sectores chamouse aos traballadores/as a participar nos piquetes? Como se organizaron os piquetes, a partir das empresas à vangarda nun polígono, nunha zona comercial, para levar à folga aos que por medo, desorganización ou o que sexa, non apoiaban? Xurdeu a decisión da base, ou póla contra foi a Confederación Europea de Sindicatos quen fixo a convocatória?
Esto é o que significa no concreto que a consciência da clase traballadora cresce, cando sae fortalecida política e organizativamente para as vindeiras batallas que temos que dar contra as políticas da Unión Europea e os seus gobernos. A resposta a esas preguntas é cuantificable obxectivamente, com números que a burocracia sindical non quere nin de broma.
O problema fundamental da clase traballadora europea para avanzar na conquista dos seus obxetivos son umhas cúpulas sindicais das que non se fai nengun descubrimento, fan parte do sistema. O 14 N, ainda sendo um fito histórico na unidade da clase traballadora europea, tivo duas limitacións fundamentais
Unha, a CES convocou tarde, e fora de hora. Desde que há xa cinco anos houbo ducias de momentos para convocar mobilizacións xerais desas características, ligadas a procesos concretos da loita dos traballadores/as cando os gregos chamaron aos pobos europeos “a se levantar”, ou cando non há tanto tempo coincidiron manifestacións em case todos os países contra iguais políticas de axuste e austeridade.
Dous, os obxectivos non foron debatidos pola base, senon que viñeron decididos desde a CES, pois a sua loxica, como bem expresa o sr Toxo, presidente da CES, esperan que os gobernos “muden as suas políticas”, e lles chamen a negociar as “alternativas”.
O 14 N veu imposto porque as cúpulas sindicais estan no medio do bocadillo, coas políticas da UE cada vez mais duras contra a clase traballadora e os pobos, e a crescente resposta e mobilización destes, que xa tiñan conseguido victorias parciais como a retirada do plan do goberno portugués. As cúpulas sindicais non tiveron outra posibilidade para, a partir dun lema ambiguo e sem debatir polas bases, tentar cabalgar a mobilización para reconducilo ao pantano da negociación cos gobernos e a Union Europea.
Por isto o seu lema é ambiguo, “ha culpabeis”, sem determinar quenes son para non ficar atados a umhas palabras de orde que imporian umha loita mais constante e dura, e que a poboación ten claro: os banqueiros e empresários, a Unión Europea e os gobernos que aplican as politicas. Consecuentemente, a ambiguedade nas propostas traducese nos medios burocráticos para levar adiante a mobilización, umha votación masiva a prol da folga e a sua continuide ate acadar os obxectivos, sem esperar a chamada dos gobernos, tamen lles ataría as mans na negociación.
O 14N demonstrou de novo os limites à mobilización que temos que romper, as políticas das cúpulas sindicais, opostas a que a clase traballadora avance nos seus obxectivos de derrotar a Unión Europea e os seus gobernos, e na sua autoorganización.
Para vencer, é preciso levantar umha outra política
O 14 N puxo sobre a mesa o rexeitamento a umha refundación da Union Europea a golpe de Austeridade e Recorte, que esta desmantelando o que quedaba do Estado do Bem estar provocando o empobrecimento do poboación europea, e ubicanos na perspectiva de novas mobilizacións europeas contra essa Refundacion.
Mas se o que se pretende é a victoria contra o frente das burguesias europeas, a sua institución central, a Unión Europea e os seus gobernos, a clase traballadora ten que dar um paso nos seus obxectivos políticos e nos seus métodos, superando as rutinas dos tempos de estabilidade social e política.
A UE e os seus gobernos son claros nos seus planes de austeridade, o pago da débeda é prioritaria nas contas publicas para financiar á banca e ás multinacionais, os recortes para destruir o Estado do bem Estar e fomentar à privatización dos servizos ate o de agora públicos, e as reformas laborais para aumentar a explotación da clase traballadora e mellorar os beneficios empresariais. Todas as suas medidas políticas e de direitos civis ordeanse baixo estos obxectivos.
Frente a esta claridade non se pode opor a ambigüidade das cúpulas sindicais, à espera dumha mudanza na política dos gobernos, ou trocos de goberno pola via electoral, coa entrada de Hollandes vários que vaian no camiño da negociación. Esta via, como a de o próprio Hollande e anteriormente ZP, demonstrase que é tamen o camiño aos recortes o axuste, só que coa vaselina da negociación coas cúpulas sindicais, seguindo a rutina de há cinco anos.
Os planes de austeridade e recortes son partillados, ou aplicados com máis ou menos agrado, por todas as forzas institucionais, que cando chegan a un goberno local, rexional, nacional ou estatal, non podem deixar de aplicarem. O recente exemplo de IU no goberno de Andalucía co PSOE é claro ao respeito.
Trás o 14N Toxo saiu afirmando que espera umha “mundanza” na política do goberno. Cumha crise do calibre da actual non collen medidas intermedias, nin negociacións sindicais parciais: a ofensiva é tan dura que estan em perigro todos os direitos laborais, sociais e políticos conquistados nos ultimos 50 anos, e os gobernos teñen renunciado a negocialas coas cúpulas sindicais e mesmo con outros partidos institucionais, senon que van ao enfrentamento coa poboación. Poren, facer mobilizacións coa esperanza de que os gobernos muden e negocien é darlle ilusións à clase traballadora e o pobo de que há saídas que non supoñan a continuidade na loita.
A disxuntiva, hoxe, esta em duas políticas enfrentadas, a dos gobernos e a Union Europea de recortes laborais, privatizacións e empobrecimento, e a saída obreira e popular à crise, que parta do non pagamento da débeda, da derrogación de todas as medidas antiobreiras e antipopulares, coa expropiación da banca e grandes indústrias estratexicas, a das medidas de reparto de traballo, reducindo a xornada sem reducir o salario, a de reestatalizacion de todos os servizos privatizados e a defensa dos públicos, baixo control da clase traballadora e o pobo, e a formulación de plans de obras e infraestruturas o servizo das necesidades sociais e non de financiamento das grandes constructoras e os bancos.
Os Estados Unidos Socialistas de Europa
O 14N, como toda folga xeral, pon sobre a mesa o problema do poder, é dicer quén fai, que sector da sociedade, que institucións, que goberno e que estado pode levar adiante unha saída obreira e popular à crise; porque a saída a beneficio do capital xa sabemos cales son, a Union Europea e os seus gobernos.
O principal balance da Xornada do 14N foi é a unidade da clase traballadora europea, pois é o elemento de cualidade respecto a outras convocatorias de Folga Xeral nos países da Union Europea, que pon sobre a mesa cal é a alternativa - dicia a convocatoria de CCOO e UXT, “ha alternativas”-.
Si, “ha alternativas”, mas dentro da sua ambiguedade non din cales son, porque eles defenden a actual Unión Europea, a que xurdeu do Tratado de Maastricht e ten xerado umha debeda impagable, a que recorta e axusta. As cupulas sindicais e os partidos institucionais que os apoian non se moven fora dos marcos da actual UE, o mais que chegan é a exixir aumentar o seu “caráter social” frente aos neoliberais que resolven todo côa “man oscura do mercado”. Mas para os pobos, para a clase traballadora, a actual UE é o seu gran inimigo. Por iso non podem levantar a unica umha alternativa clara, destruir esta Unión Europea limitandose a lavarlle a cara.
Para os marxistas revolucionarios si existe umha alternativa, a única que pode levar adiante un programa de transformación da sociedade, os Estados Unidos Socialistas de Europa.
Cando se din que “chegou a hora da política”, é porque este é o terreo da loita contra os plans dos gobernos e da Unión Europea, e non o da resposta parcial, sindical, aos ataques. Ë preciso levantar umha perspectiva social global, umha alternativa política ás institucións ao servizo do capital, e isto traducese na necesidade de construir um partido internacional, que a escala europea e nos estados, defenda a necesidade da transformación socialista da sociedade.
Superar a dispersión das alternativas sindicais e politicas
O 14 N, ainda sendo un paso na superación da dispersión estatal e nacional da clase traballadora, non resolve o problema. A CES non ten a intención de seguir na liña marcada coa convocatoria do 14, pois iso suporía nin mais nin menos que avanzar no que o capital teme como a peste, a unidade da clase traballadora, entre os sectores mais avanzados como gregos, portugueses, italianos, españois ou galegos, cos mais retrasados, alemans, holandeses, austriacos, etc..
Suporía romper a división que introducen facendo pensar a estos que eles estan pagando aos “vagos” do sul, demonstrando que quen paga a crise é toda a clase traballadora por igual, os alemans cos minijobs e a “axenda 2010” de Schroeder que destruiu elementos do seu estado do bem estar, e os do sul co desmantelamento do seu Estado a golpe de débeda, e que os beneficiarios desas políticas son a partes iguais, os bancos alemans, os capitalistas gregos ou españois que evaden capitais à banca alema ou francesa, ou os bancos españois, titulares da débeda portuguesa ou española.
A unidade do 14 N ten que ter continuidade para romper esta dicotomia/división entre o norte “rico” e o sul “vago e derrochador”, para unir a loita da clase traballadora europea contra os mesmos inimigos, os capitalistas e banqueiros europeos agrupados nesa cova de ladrons que é a Union Europea.
É obvio que a CES non vai a avanzar nese camiño, pois seria morder a man que lle da de comer; isto é tarefa dos organismos sindicais, políticos e sociais que coerentemente enfrentan essa Union Europea, e nomeadamente o chamado “sindicalismo de clase e combativo”, cuxos embrións existen em moitos estados europeos.
A CIG ten, neste camiño, unha responsabilidade especial, pois representa na Galiza, ao lado de outras organizacións sindicais menores (a CUT, a COG, a CGT, a CNT, e agrupacións sindicais de empresa), a essa perspectiva sindical combativa que esta a se desenvolver no conxunto de Europa. Implicar-se a fondo na realización dun Encontro Europeo para dar continuidade a unidade europea na loita é fundamental para non dilapidar os esforzos demonstrados póla clase traballadora galega o 14N.
O nivel internacional e europeo da crise, a “emerxencia social e política” na que vivemos pon a todas as organizacións na necesidade de superar as perspectivas locais. Non é negar o lexitimo direito à autodeterminacion das nacións oprimidas, o contrario, e unir esta exixencia à loita unida da clase traballadora contra o empobrecimento social que supon a Union Europea actual.
Para garantir a victoria frente a estes planes só há um camiño, levar este debate ás asembleas de traballadores/as, ás empresas e sectores, aos centros de estudo e bairros, e votar planes de mobilización que inclúan novas folgas xerais europeas, contra as medidas de austeridad, recorte e axuste, ate derrotar os gobernos de quenda, o de Rajoy e a Xunta, e a Unión Europea. 

En Galiza no mes de novembro de 2012
--

viernes, 23 de noviembre de 2012

GRANDE ÉXITO DA FOLGA XERAL. E AGORA QUE?


Carlos Dafonte

Unha breve nota para sauda-lo éxito da folga xeral do día 14. Atopo en internet unha cita de Federico Engels, que serve moi ben para reflexionar sobre a recente mobilización: “Nesta actividade de axitación as clases traballadoras atoparon medios poderosos para coñecerse entre si, para lograr unha comprensión da súa posición social e intereses, para organizarse e coñece-la súa forza. O traballador que ten pasado pola experiencia da axitación xa non é igual ó que era antes; e a clase obreira enteira, despois de pasar por ela, sae cen veces máis forte, máis esclarecida e mellor organizada a como estaba con anterioridade”.
E certo que hoxe a clase dominante ten medios máis poderosos que naqueles tempos, para que os resultados de calquera mobilización non sexan os que F. Engels afirma; teñen entre outros instrumentos, o que Anguita chama “a jauría mediática”, capaz de repetir ata a saciedade mentiras ata que se asuman como verdades. Pero á vista do acontecido o día 14, debemos congratularnos do avance que se vai producindo no proceso mobilizatorio que se iniciou ca folga xeral contra o goberno Aznar ata hoxe, que vai, a pesares da devandita “jauría mediática”, reformas laborais, despido libre, etc., cobrando un pulo moi importante, que estou convencido, comeza a preocupar ó goberno e a propia Unión Europea. As declaracións de Olli Rehn, no senso de que xa se fixeran moitas reformas ata hoxe no estado español, e que se podía abrir un paréntese ata 2014, as interpreto como mostra desta preocupación.
Porque o pasado día 14 houbo unha importante mobilización, no estado español e en Galicia. Millóns saímos ás rúas a dicir non a unhas políticas impostas polas institucións europeas, pero que de non existir, serían as mesmas que imporían gobernos ó servizo da oligarquía como o actual do PP e o anterior do PSOE. E nos mobilizamos millóns a pesares de que hai 700.000 parados máis que na anterior folga xeral, e a maior capacidade para reprimir, para exerce-la violencia sobre @s traballador@s, d@s empresari@s grazas as medidas do PP e que a “jauría mediática” empregouse a fondo, repetindo as súas falacias unha e outra vez, antes e despois do 14; para evitar que moita xente participara e para minimiza-los resultados da mesma. Para dicir, por exemplo, que na manifestación de Madrid, non se chegou ós cen mil participantes, cando sendo dúas ou tres veces maior ás convocadas pola Igrexa e o PP no mesmo lugar, contra o aborto ou os matrimonios de gais e lesbianas, daquela dixeron que eran máis dun millón.
Tivemos que escoitar tamén o argumento de que existindo motivos evidentes para unha folga, agora non era o momento; parece que hai que esperar a suba de salarios e a unha situación de pleno emprego para facela; ou ese outro de que damos mal exemplo, parecemos gregos chegou a dicir algún, que esconde un racismo evidente, pero como se dixo nun acto, o que verdadeiramente da mala imaxe deste país, son os comedores sociais desbordados, as inmensas colas nas oficinas de empregos, a xente buscando comida nos colectores de lixo, o 50% dos mozos e mozas no paro, máis de dous millóns de fogares con todos os seus membros nesa situación ou que máis de dous millóns de nenos se atopen no limiar da pobreza, e mentres isto se produce, se amnistía a grandes defraudadores. Non sei se somos como Grecia, o que sei é que a loita do pobo grego é admirable e que a súa clase dominante, como a que temos no estado español, é igual de defraudadora, ladroa e esquilmadora da riqueza producida pola sociedade.
É tan grande e violenta a agresión da clase dominante sobre a maioría da sociedade, que se está a producir unha mobilización constante que abrangue a diferentes sectores, que atopan nas convocatorias de folga xeral, a expresión da unidade de todos os procesos parciais.
Pero toda mobilización para que sexa efectiva debe soluciona-lo problema do obxectivo da mesma; ese é un nó central; non chega con dicir que se quere cambiar a política económica, social, etc actual, haberá que responder polo menos a dúas cuestións fundamentais, por cal outra e como.
Como dí Engels na devandita cita, as clases traballadoras, os asalariados, toman conciencia na loita, gañan en organización e experiencia. E cando aumentan a súa conciencia están a decatarse que pertencen a unha clase, que enfronte ten outra, a burguesía, que a explota, que unha e outra son clases antagónicas, é dicir, que nunca poderán poñerse de acordo e que os traballadores, a traveso do aumento da súa conciencia como clase, deben chegar a conclusión de que hai que cambialo sistema. Porque no capitalismo, quen leva as de gañar, para iso organizou o estado para que funcione ó seu servizo, e a burguesía. E se se quere modificar esta situación é preciso cambia-lo sistema, construír outro no que a economía, o novo estado, funcionen ó servizo da sociedade, da grande maioría.
Só ca loita social, moitas veces espontánea se pode acadar ese grao de conciencia? Deben intervir outros elementos, a ideoloxía, a organización, o xeito de transmiti-lo reflexionado sobre como se vive, como supera-lo presente, o que se quere para o futuro.
As mobilizacións do día 14 foron moi importantes, pero se escoitamos as propostas que se fixeron, algunhas son confusas e hainas moi variadas.
Os sindicatos maioritarios falaron de convocar un referendo sobre as políticas do PP, pero non explican cal vai se-lo camiño a percorrer para a súa celebración. Outros din chamar a mobilizarse para que o goberno cambie a súa política; o PP fai unha política de clase e non se vai cambiar por moitas mobilización que se convoquen; denantes que cambiala, convocará eleccións anticipadas. “Que se vaian” tamén se dixo e algúns ampliaron a consigna a “que se vaian todos”; poden agrada-los oídos pero para que sexa efectiva, deberá producirse un proceso de consolidación dun dobre poder que hai que explicar. O mesmo para os que afirman a necesidade da formación dun “goberno obreiro”, cuestión ca que estou de acordo. Hai grupos como a “Fronte Cívica-Somos maioría” que concreta en dez puntos a reivindicación que debe aglutinar á cidadanía. Tamén escoitei o día 14 afirmacións, dende tribunas, que me encheron de desacougo, por exemplo dicir que o do PP é un “goberno de incapaces”, como se aplicaran esas políticas contra @s asalariad@s por non ter moitos coñecementos e non por unha estratexia de clase.
E hai outra cuestión sobre a que é necesario reflexionar: o tema da vangarda organizada. Cando se fala deste tema hai moita xente que se enfada, estamos nunha época de transversalidades, pero é un tema fundamental. Non debemos esquecer que cando se fan propostas, fanse ca intención de que sexan asumidas pola maioría da sociedade; en certa medida téntase situar, quen as fai, na vangarda da loita. A sociedade mobilizada ten que creala vangarda entre todas as propostas que van aparecendo. A vangarda non se pode “impoñer” dun xeito burocrático, pero queiramos ou non, para que un proceso de masas trunfe, ten que existir.
Ata hoxe, a vangarda foron os sindicatos, pero o problema do estado español excede ó tema sindical, é un tema político e os actuais sindicatos non van sobrepasa-lo seu marco; a solución debe ser política e a vangarda tamén.

En Galicia no mes de novembro de 2012.

jueves, 15 de noviembre de 2012

EFEMÉRIDES MES DE NOVEMBRO


Carlos Dafonte.

Día 1.

rebelión argelina
1954. Iniciase, en Arxélia, a guerra de liberación nacional contra o colonialismo francés. O embrión principal da revolta foi a Organización Especial, fundada en 1947, unha especie de brazo armado do Mouvement pour le Triomphe des Libertés Democratiques (MTLD) dirixido por Messali Hadj, que defendía as dúas principais teses do Parti Populaire Algérien, PPA, fundado por el mesmo en 1937, independencia e retirada das tropas de ocupación. Diante das diferencias dentro do MTLD, que o levaron a escisión, os compoñentes da OS, fundan en marzo de 1954 o Comité Revolucionario de Unidade e Acción, CRUA, ó que pertencen Ait Ahmed, Ben Bella, Jider, Boudiaf, Belouizdad, Ben Boulaid, Ben M'Hidi, Didouche, etc. O 10 de outubro, nunha xuntanza do CRUA celebrada en Arxel, estableceuse a data do 1 de novembro como do inicio da loita de liberación. O territorio arxelino quedou dividido en seis wilayas, cada unha dirixida por un dos seis xefes históricos do interior, Didouche, Ben M'Hidi, Ben Boulaid, Boudiaf, Rabah e Belkacem Krim, que dirixía desde 1947 unha guerrilla na Cabilia. Previamente o CRUA transformouse na Fronte de Liberación Nacional, cunha organización armada o “Exército de Liberación Nacional”.
O 1 de novembro foron asaltados numerosos postos militares e de policía, depósitos de armamento, centros industriais, estacións de servizo, trens militares, etc, repartidos por todo o territorio alxeriano, dando comezo a longa guerra que finalizou en 1962, ca independencia.

Día 4.

1918. Proclamación da República Soviética de Kiel. Despois da sublevación da mariña de guerra o día 26 do mes anterior, o día 3 era cando se ía xulga-los amotinados prodúcese unha revolta xeneralizada, con mortos e feridos en ambos bandos e a formación o día 4 dun “Consello de obreiros e soldados”. Asáltanse os cuarteis, liberanse ós amotinados e fanse co control da cidade ó son da “Internacional”. O exército enviado para sofoca-lo levantamento confraterniza cos sublevados e iníciase un proceso reivindicativo no que se esixe a abdicación do emperador, sufraxio universal, liberdade para os detidos e melloras na alimentación. A chegada do deputado socialdemócrata Gustav Noske, nomeado gobernador polos sublevados, detén a revolución, pero Kiel, foi a faísca que acendeu a mecha para que se iniciara en outros moitos lugares de Alemaña.

1975. Morre na clandestinidade Agustín Tosco, lider sindical arxentino e un dos principais dirixentes do chamado “cordobazo”. Destacou polo seu compromiso cos traballadores manténdose ó marxe de todos os procesos do sindicalismo oficial arxentino de burocratismo e incluso de gansterismo, que se produciron en moitas cúpulas sindicais.
Nacera no ano 1930, en Coronel Moldes, provincia de Córdoba, fillo de pequenos campesiños pobres; viviu nunha casa de chan de terra e sen electricidade. Desde neno tivo paixón pola lectura que aumentou cando despois de estudar primaria, estivo interno na Escola do Traballo, onde segundo as súas propias verbas “discutíase moito”. Unha anécdota interesante foi, que sendo delegado dos alumnos, no peche do último curso tivo que falar, pois ben, fixo unha crítica feroz ó funcionamento do centro e negouse a recibi-lo diploma, rodeado das ovacións e a admiración dos seus compañeiros. Finalizada a secundaria entrou na Universidade Tecnolóxica, para estudar electrónica, estudos que abandona para adicarse ó traballo sindical, xa que compaxinaba estudos co traballo nunha empresa; afilíase ó sindicato de “Luz e Forza”; a súa capacidade e disciplina militante lle permiten ser elixido subdelegado con 19 anos e delegado con 20.
Nos primeiros momentos, despois da chegada de Perón á presidencia lle presta certo apoio, sobre todo polo enfrontamento con Braden, o embaixador e golpista dos EEUU, pero axiña comeza a proclama-la súa condición de marxista, o que lle leva a ter contactos nalgúns momentos co Partido Comunista; as discrepancias xorden pola proposta, tanto desde o PCA como dos peronistas, da alianza de clases e potenciar unha burguesía nacional, o que lle vai acercar á formación trotskista PRT, que nun momento determinado, na volta de Perón, o propón como candidato á presidencia arxentina, que Tosco non acepta.
A nivel sindical, ocupou altos cargos dentro do sindicato, tanto a nivel de Córdoba como do país, sempre en loita contra o burocratismo e a favor das asembleas de traballadores ás que consideraba superiores a calquera órgano dirixente. Consideraba que o sindicalismo debía ser sociopolítico, e preocuparse por cuestións que superaban a suba de salarios e condicións de traballo.
Na sublevación popular do 29 de maio de 1969, na cidade de Córdoba, en tempos da ditadura de Onganía, xogou un papel relevante o que lle carrexou unha condena de oito anos que non chegou a cumprir na súa totalidade. Ca vitoria de Perón en 1973, comezan a perseguilo, sobre todo cando é intervido o sindicato que dirixía, polo que ten que pasar á clandestinidade; moi enfermo e sen axuda médica, sobrevive ata a súa morte en difíciles condicións. O seu enterro acudiron varias decenas de miles de traballadores que foron tiroteados por membros da “Tripla A”, un grupo paramilitar dirixido por López Rega, protexido da dona de Perón.

Día 5

1916. Asasinato de traballadores en Everett, EEUU. A folga de traballadores dos serradoiros da cidade, recibiu a solidariedade do sindicato IWW (Traballadores Industriais do Mundo) de Seattle, que enviou dous barcos cargados de sindicalistas, en resposta a que os que axudaban ós folguistas foran expulsados da cidade polos grupos de provocadores pagados polos patróns; en total eran aproximadamente uns trescentos. Ö chega-lo porto de Everett, o primeiro dos barcos, o Verona, esperábanlles o xefe de policía Mc Rae e mais de douscentos homes armados polas empresas, así como tamén un remolcador con máis persoal armado; cando tentaron desembarcar os traballadores, disparáronlles desde o porto e o remolcador, morrendo máis dunha ducia e outros moitos caeron a auga e afogaron. No fogo cruzado entre peirao e remolcador, morreron dous homes que tentaban impedi-lo desembarco e varios foron feridos. No xuízo posterior, os máis de setenta detidos imputados foron absoltos

Día 7.

1976. Morre en combate en Nicaragua, o recoñecido como o máis alto dirixente da Fronte Sandinista de Liberación Nacional, Carlos Fonseca Amador.

1921. Congreso de unificación comunista no que se crea o Partido Comunista de España. A constitución da III ª Internacional, comunista, provocou moitas discusións no seo do PSOE, que necesitou de tres congresos para aprobar o camiño a seguir. A Federación de Xuventudes Socialistas en decembro de 1919, no seu V º Congreso acordou adherirse á Internacional Comunista e o 15 de abril de 1920, na Asemblea Nacional, celebrada na Casa do Pobo, aproba crea-lo Partido Comunista Español. O seu órgano de prensa é “El Comunista”. Dolores Ibárruri con toda a Agrupación Socialista de Somorrostro se vai integrar no novo partido. Representantes do mesmo acudirán ó II º Congreso da Internacional celebrado en Moscova e Moreno Gracia, será recibido por Lenin.
A creación do partido comunista acelerou a discusión e as contradicións no seo do PSOE que no II º Congreso Extraordinario celebrado en xullo de 1920, por grande maioría aproba entrar na I.C., resolución desvirtuada pola dirección reformista, que establece tres condicións ó marxe do Congreso. Envíase unha delegación formada por Daniel Anguiano e Fernando de los Rios. A IC non acepta as tres condicións, e lles formulan as 21 aprobadas con anterioridade para formar parte. No III º Congreso Extraordinario do PSOE, Fernando de los Rios non acepta as 21 condicións e aconsella integrarse na chamada “Internacional dúas e media”. Anguiano pola contra era partidario da aceptación das 21 condicións e recibiu o apoio de agrupacións de centros industriais como Asturias, País Vasco, Rio Tinto e outros; as componendas da dirección permitiu que a dereita gañara o congreso, polo que un grupo importante de dirixentes, encabezados por García Quejido, fundador do partido e da UGT, abandonaron o PSOE e fundaron o Partido Comunista Obrero Español. Xunto a García Quejido marcharon entre outr@s, Perez Solís, Facundo Perezagua, Isidoro Azevedo, Virginia González, Torralva Beci, José L. Darriba (Ribadeo), Severino Chacón (A Coruña)...Nacía así un segundo partido comunista, integrado tamén na IC; o seu Comité Nacional estaba formado por García Quejido, Nuñez de Arenas, Anguiano, Virginia Gonzáles e Perezagua.
Os consellos da I.C. permitiron a asemblea de fusión de ambos partidos . Con anterioridade a Federación Nacional de Xuventudes Socialistas convertéranse en abril, na Federación de Xuventudes Comunistas.
O partido unificado, Partido Comunista de España, tiña como órgano de prensa central “La Aurora”.


1879. Nace en Iakova, Ucrania, Lev Davidovich Bronstein, máis coñecido polo alcume de Trotski. Fillo dun campesiño propietario de terras xudeu, non practicante. Nun parágrafo do prólogo da súa autobiografía di “Ata os nove anos vivín sen interrupción nunha aldea apartada do mundo. Pasei oito estudando no instituto. O ano de saír das súas aulas fun detido por primeira vez. As miñas universidades foron, como as de tantos outros naquela época, o cárcere o desterro e a emigración. Dúas veces estiven preso nas cárceres tsaristas, por espazo de catro anos en total; as deportacións do antigo réxime foron outra dúas; a primeira de dous anos pouco máis ou menos, a segunda dunhas semanas. As dúas veces puiden fuxir de Siberia. Vivín emigrado en total, unha ducia de anos, en varios países de Europa e América: dous anos antes de estala-la revolución de 1905 e aproximadamente dez, despois da represión. Perante a guerra fun condenado en rebeldía na Alemaña dos Hohenzollerns (1915); ó seguinte ano expulsado de Francia a España, onde, tras pouco tempo no cárcere de Madrid, e un mes de estancia en Cádiz, baixo vixilancia da policía, expulsáronme de novo rumbo a Norteamérica. Alí sorprendéronme as primeiras noticias da revolución de febreiro. De volta a Rusia, en marzo de 1917, fun detido polos ingleses e internado nun campo de concentración en Canadá. Tomei parte activa nas revolucións de 1905 e 1917, e ambos anos fun presidente do Soviet de Petrogrado. Intervín na primeira liña no alzamento de outubro e pertencín o goberno dos Soviets. En funcións de Comisario do Pobo para as Relacións Exteriores, dirixín en Brest-Litovski, as negociacións de paz con Alemaña, Austria-Hungría, Turquía e Bulgaria. Ocupei o Comisariado de Guerra e Mariña, e desde o mesmo, adiquei cinco anos á organización do Exército Vermello e a reconstrución da frota. No ano de 1920 encargueime de dirixi-los traballos de reorganización dos camiños de ferro.
Deixando a un lado os anos da guerra civil, a parte principal da miña vida é ocupada pola miña actividade de escritor e militante dentro do partido. As “Edicións do Estado” emprenderon en 1923 a publicación das miñas obras completas. Xa viron a luz, sen conta-los cinco tomos sobre temas militares, trece volumes. A publicación foi suspendida no ano 1927, cando comezou a agudizarse a campaña de persecución contra o “trotskismo”.
En xaneiro de 1928 o goberno ruso desterroume á fronteira chinesa. En febreiro de 1929 fun expulsado a Turquía, e escribo estas liñas en Constantinopla.”
Vexamos outros aspectos concretos da súa vida. Todos quen o coñeceron de mozo, destacan a súa intelixencia e a dedicación a lectura, así como unha conciencia da xustiza moi desenvolvida que o leva a militar moi novo, primeiro nos populistas e axiña en organizacións marxistas. A participación na Liga Obreira do Sur de Rusia, o leva a cárcere por primeira vez e ó desterro. Despois de fuxir de Siberia, en Samara, na clandestinidade colabora na revista “Iskra” e asina artigos como “Pluma”; Lenin reclama a súa presencia en Londres, chegando no outono de 1902, e continúa a traballar na revista. No congreso do Partido Obreiro Socialdemócrata de Rusia, celebrado en 1903 apoia as posturas da minoría, menxeviques, aínda que se mantén ó marxe da división que xorde no mesmo. Lenin cualificouno como “xudas Trotski”. Estes enfrontamentos mantéñense o longo dos primeiros anos do século, e fanse moi agudos nos anos 1910-11 sobre todo na chamada Conferencia de Praga, en xaneiro de 1912, onde Lenin sae vencedor contra os liquidadores ou legalistas e Trotski arremete desde”Vorwaerts”, órgano central do partido socialdemócrata alemán, contra Lenin e os seus correlixionarios, cualificándoos de usurpadores e convocando unha nova conferencia de outros grupos, onde se declarou “que a conferencia de Praga non era máis que un conciliábulo da banda de Lenin”.
En 1913, xunto con varios dirixentes socialistas funda o grupo”mezhrayontsy”, nun intento por configurar un centro entre bolxeviques e menxeviques.
En maio de 1917 volve a Rusia e apoiará plenamente a posición de Lenin expresada nas que se coñecen como “Teses de abril”. Asumirá a xefatura do Comité Militar Revolucionario, peza clave no trunfo da revolución.
Coa desaparición de Lenin da primeira fila, a partires de 1922, tivo que facer fronte á alianza entre Zinoviev, Stalin e Kamenev contra a súa denuncia do comezo da burocratización do partido e o debate sobre “socialismo nun só país” ou “revolución permanente”, tese por el defendida; máis tarde en alianza con Zinoviev e Kámenev, participou na controversia con Stalin e a á dereita do partido, Bujarin, Ribov e Tomski, sobre a colectivización do campo, posición por el defendida, ou permitir a consolidación dunha poderosa capa campesiña, os kulaks. Organizou a “Oposición de Esquerdas” e despois da súa expulsión da URSS, a IV ª Internacional

1917. Toma do Palacio de Inverno de Petrogrado polos Soviets de Obreiros, Soldados e Campesiños, dirixidos polos bolxeviques, e disolución do goberno provisorio burgués, presidido por Kerenski. O dobre poder que se fora creando, os soviets, tiñan nas súas mans o poder efectivo do estado, só un goberno provisorio pantasma, como unha reliquia da antiga dominación de clase sobrevivía.

entierro Kurt Eisner
1918. Proclámase a República dos Consellos de Baviera. En Munich formouse un Consello de Traballadores e Soldados que obrigou a abdicar a Luis III da dinastía Witteslsbach e Kurt Eisner do Partido Socialdemócrata Independente de Alemaña, proclamou a Baviera como estado libre e republicano ó día seguinte. Despois do seu asasinato o 21 de febreiro a mans dun nacionalista da “Sociedade Thule”, o 7 de abril proclamouse a República Socialista de Baviera, que durará ata o 2 de maio, día no que se produce a intervención vitoriosa dos chamados “Freikorps”, que asasinan a máis de 800 dirixentes do proceso revolucionario. Era ministro encargado da represión o socialdemócrata Gustav Noske.

Día 8.

gramsci
1926. Antonio Gramsci dirixente do Partido Comunista de Italia é encarcerado polos fascistas, que o liberarán no ano 1937, cando se atopaba en estado terminal, para morrer ó pouco tempo. O atentado contra Mussolini en Bolonia o 31 de outubro, é o pretexto que necesitaban os fascistas para poñer fin as cativas liberdades que sobrevivían; o 5 de novembro ilegalízanse todos os partidos, péchanse todos os periódicos e imprentas da oposición. O Partido Comunista tenta levar a Gramsci a Suíza pero non acepta, quere asistir a sesión parlamentaria onde se van discutir as leis contra as liberdades; opina ademais que as medidas excepcionais debían tomarse, cando foran asumidas polos traballadores. A saída dunha xuntanza de parlamentarios comunistas é detido Nas difíciles condicións nas que vai vivir os once anos seguintes, escribirá, en loita constante cos seus carcereiros e a enfermidade, a maior parte da súa obra teórica, coñecida como “Cadernos da Cárcere”.

Día 9.

1918. Trunfa en Berlín a revolución proletaria. Constitúese un Soviet de Obreiros e Soldados. Despois de Kiel na maioría das cidades alemás vívense procesos de toma do poder por parte dos obreiros e soldados e se crean Consellos como expresión deste poder. En Berlín, Karl Liebknecht dirixente do grupo Espartaco, integrado no Partido Socialdemócrata Independente (USPD), e representante xunto a Rosa Luxemburgo da esquerda, desde o balcón do Palacio Imperial, proclama a república socialista; a manobra da burguesía de nomear a Ebert, da dereita socialdemócrata, como primeiro ministro, para neutraliza-la revolución, non deu resultado; tampouco a dura represión que non consegue para-lo movemento revolucionario; libérase ós presos políticos e aparecen os órganos do dobre poder. O kaiser abdica. Pero en Alemaña, ó contrario que en Rusia en 1917, pola ausencia dun partido revolucionario que explique ás masas as razóns polas que debe deixar de confiar nunha socialdemocracia ó servizo da burguesía e o camiño a seguir, os Consellos de Obreiros foron combatidos e destruídos pola alianza entre a burguesía e a socialdemocracia, que colocaron a todo o aparello estatal ó servizo desta tarefa. Con Ebert á fronte do goberno e do Comité Executivo dos Consellos e contando co apoio da burguesía, exército e aparellos do estado, pouco a pouco, foron desmontando o poder popular; por exemplo, cando o Consello de Berlín tentou formar unha Garda Vermella para defenderse da previsible reacción do exército, o Partido Socialdemócrata conseguiu que non se fixese efectivo o acordo e creou unha “tropa de defensa da república”, financiada pola burguesía, cun carácter marcadamente contrarrevolucionario.
O golpe definitivo foi o Congreso dos Consellos onde, a iniciativa dos socialdemócratas, resólvese poñer fin o poder dos mesmos, e avanzar cara a unha Asemblea que elaborase unha nova Constitución que decidira o réxime político en Alemaña. Nin o mitin de máis de 250.000 traballadores e soldados, que se celebrou ás portas do local onde se celebraba, foi capaz de poñer freo á traizón. A traizón á revolución por parte da socialdemocracia consumouse, pero terán que chega-las xornadas de xaneiro do ano seguinte, para que esta fora completa e coñecida en toda a súa dimensión.

Día 12.

1989.Falece en Madrid Dolores Ibárruri “Pasionaria” , Presidenta do Partido Comunista de España. Nacera en Gallarta, Biscaia, o 9 de decembro de 1895. (Nas efemérides de decembro, farei un amplo relatorio da súa vida)

Día 15.

1930. Folga xeral en Madrid de tres días. O derrube dun edificio en construción provoca un enterro multitudinario das vítimas, no que se producen numerosos incidentes ca policía que se saldan con numerosos mortos e feridos. Exercía de Director Xeral de Seguridade o que anos despois será xefe da sublevación fascista, xeral Emilio Mola. Chámase a folga xeral de tres días que se convoca tamén en varias provincias en solidariedade, Barcelona, Granada, Alicante e outras

Día 16.

1920. Apróbase na URSS o Plan GOELRO, abreviatura do ruso Comisión Estatal para la Electrificación de Rusia, que foi o primeiro plano elaborado na URSS despois da revolución. Por medio do mesmo conseguiuse levar luz eléctrica a millóns de fogares, sobre todo campesiños.

Día 17.

1866. Nace en Leslie, no estado de Michigan nos EEUU de Norteamérica, Voltairine Cleyre, destacada feminista, escritora e activista a quen se cualificou como “a perla da anarquía”. Desde moi nova comezou a escribir na revista “The progressive age” e a dar conferencias sobre Thomas Paine e o ateísmo. Segundo a súa fama vai aumentando, colabora en numerosas revistas e entra a formar parte dun grupo de estudos de librepensadores “American secular unión” que a leva a percorrer numerosos estados discutindo sobre o matrimonio, a liberdade sexual, o control da natalidade, os dereitos das mulleres.. A partires de 1980 despois dun encontro con Clarence Darrouw, axitador socialista, e dos sucesos de Haymarket de 1886, e as condenas posteriores a morte de cinco anarquistas, “os mártires de Chicago”, a levan a integrarse nesta corrente de pensamento e comeza a colaborar no periódico de Tucker, Liberty. Ë célebre a polémica ca anarcocomunista Emma Goldman, no seu libro “En defensa de Emma Goldman e do dereito de expropiación”. Escribiu tamén “Anarchism and American Traditions”e publicouse despois da súa morte, “A escravitude sexual”. Foi unha fervente defensora da revolución mexicana e do libertario Flores Magón. Fixo unha tradución ó inglés de “A Escola Moderna” de Ferrer i Guardia, que tivo unha grande influencia na pedagoxía libertaria nos EEUU. Morreu o 5 de xuño de 1912.

1983. Fúndase en México, o Exército Zapatista de Liberación Nacional; na selva Lacandona, no estado de Chiapas.

Día 19.

tania guerrilleira
1937. Nace en Bós Aires, Haydée Tamara Bunke Bider, integrante da guerrilla de Che Guevara en Bolivia, coñecida co alcume de Tania. De pais comunistas xudeus, o pai alemá e polaca a nai. Despois da derrota do nazismo os seus país volven á República Democrática de Alemaña, en 1952, onde estudará na Facultade de Letras de Berlín, e viaxará por África e América Latina estudando folclore. Coñecerá o Che Guevara en 1960 cando este realiza unha viaxe a Alemaña. Establécese en Cuba en 1961, adicándose a labores de intelixencia. Para prepara-la chegada de Guevara a Bolivia marcha para ese país, en 1964, e consegue toda a rede de axudas e todo o concernente á creación dunha fronte revolucionaria. Iniciada a acción sobre o terreo, o grupo no que participaba é emboscado pola traizón dun campesiño, e aniquilado, o 31 de agosto de 1967.

Día 20.

1910. Inicio da revolución mexicana. Foi un levantamento contra a ditadura de Porfirio Díaz que levaba máis de 30 anos no poder froito das condicións nas que se desenvolvían as relacións sociais de produción, nas que os campesiños traballadores das grandes propiedades, que eran a inmensa maioría, atopábanse nun réxime parecido o feudalismo, sen salario, a maior parte das veces cobraban en especies na tenda da empresa e acababan endebedados e sen saída posible, e os obreiros nas cidades, sometidos a salarios de miseria e xornadas de 14-16 horas día. Francisco Madero fundou o Club Democrático Benito Juarez e comezou a unir grupos opositores de diferentes estados. En 1908 publicou o libro “A reelección presidencial de 1910” onde establecía a necesidade de poñer fin á ditadura e crear un partido independente. Porfirio Díaz acepta o reto, aproba a creación de partidos, pero detén a Madero e mediante o fraude electoral, volve a ser elixido en 1910. Unha vez liberado Madero marcha a EEUU e ó pasar por Laredo fai público o manifesto coñecido como Plan de San Luís de Potosí, no que denuncia o fraude do mes de xuño, chama a descoñece-los poderes constituídos e no punto 7 chama tamén a toma-las armas para derroca-la ditadura “o día 20 de novembro desde as seis da tarde en diante, todos os cidadáns da república tomarán as armas para botar do poder ás autoridades que actualmente gobernan.”. Xorden exércitos rebeldes en moitas partes, Emiliano Zapata, Ambrosio e Rómulo Figueroa e Manuel Asúnsulo no estado de Morelos; Salvador Escalante e Ramón Romero en Michoacán e Jalisco; Gabriel Hernández en Hidalgo; Pascual Orozco e Francisco Villa en Chihuahua, entre outros.
Iníciase un proceso, cunha enorme participación das masas populares, que pasa por numerosas vicisitudes; Madero na presidencia, sublevación de Emiliano Zapata, asasinato de Madero, Huerta, co apoio dos EEUU presidente, guerra xeneralizada, Carranza presidente co apoio da maior parte dos revolucionarios e de acordo co chamado Plan Guadalupe, agás Zapata, proclamación da Constitución na cidade de Querétaro, asasinato de Zapata, tamén de Carranza, enfrontamentos entre Obregón e Villa co trunfo do primeiro, que consegue dereitos para obreiros e campesiños; asasinato de Villa en 1924. Nese mesmo ano, ca presidencia de Calles, asentouse o proceso e se pode dar por terminado, aínda que hai historiadores que o alongan uns anos máis.

Día 22.

1926. O Plenario ampliado do Comité Executivo da Internacional Comunista, condena á Oposición de Esquerdas, xurdida na URSS, á que cualifica como “trotskista”, facendo un mandato a todas as seccións do mundo a loitar contra a mesma, e destitúe a Zinoviev, como Presidente do Comité Executivo.

Día 23.

1935. A “Aliança Nacional Libertadora”, presidida por Juan Carlos Prestes, que se afiliara ó Partido Comunista Brasileiro, inicia en Natal, Brasil, unha insurrección contra a ditadura de Getulio Vargas, no poder despois dun golpe de estado en novembro de 1930. O 25 estala a insurrección en Recife e o 27 en Rio. A Alianza Nacional fora fundada o ano anterior por Prestes, que se atopaba na clandestinidade, e a este intento coñéceselle como a “Intentona Comunista”. A insurrección fracasou e Prestes pasará nove anos na cárcere e a muller ca que formaba parella, a alemá Olga Benario e entregada ós nazis que a asasinaran nun campo de concentración anos despois.

prisioneros franceses vietnam
1946. Comeza en Vietnam a guerra de liberación contra o colonialismo francés. Despois da derrota dos xaponeses, forzas militares chinesas nacionalistas invaden o norte de Vietnam e británicas o sur; nesta conxuntura o exército francés “toma posesión” da súa antiga colonia, Indochina, formada por Vietnam, Laos e Cambodia. Ho Chi Mhin, lider do Partido Comunista de Indochina proclamara o ano anterior a independencia de Vietnam e os franceses van a estar dispostos a concederlle o seu goberno, unha certa autonomía; despois das negociacións en París, os vietnamitas consideran inaceptables as condicións e o brutal bombardeo do porto de Haiphong por parte da mariña francesa, que causa miles de vítimas, considérase como o inicio da guerra de liberación. Os vietnamitas contaban ca guerrilla do Vietminh, perfectamente adestrada na loita contra os xaponeses e un estratego militar de primeiro orde, Vo Nguyen Giap. Os franceses utilizarán con preferencia á Lexión Estranxeira e ós paracaidistas así como a mariña. Ata o ano 1954, o da súa derrota, os franceses recibiron dos EEUU, axuda por aproximadamente o 10% do seu gasto na guerra.

che trabajo voluntario1959. Convocada polo Che Guevara ten lugar en Cuba a I ª Xornada de Traballo Voluntario. O lugar onde se iniciou a campaña foi na construción da Cidade Escolar “Camilo Cienfuegos”, lugar localizado no corazón de la Sierra Maestra. Aquel sábado, xunto a un numeroso grupo de cubanos, participou nunha xornada que durou varias horas. No sucesivo, a pesares das súas responsabilidades na dirección do país, era frecuente velo enfrascado nas diversas tarefas dun albanel, dun cortador de caña ou nunha fábrica, acompañado por miles de cubanos que estaban de acordo con aquelo que dixo: “...trátase dun traballo que non se realiza porque obriguen as leis. O traballo voluntario é voluntario e nada máis; o traballo voluntario serve para a sociedade, pero serve fundamentalmente para o individuo, para desenvolve-la conciencia de cada un”.

Día 24.

1884. Iniciase en Berlín a conferencia entre as potencias coloniais para repartirse o continente africano.

1918. Fúndase o Partido Comunista de Hungría. Desde meses antes do armisticio, que pon fin á Primeira Guerra Mundial, a axitación social en Hungría e moi importante; en xaneiro dese anos prodúcense as folgas nas fábricas de municións en Budapest, e esténdese por todo o país, baixo o lema de “paz e apoio ó proletariado ruso”. O Partido Socialista engádelle a consigna de sufraxio universal e chama a poñer fin a folga pero o movemento segue durante varios días, provocando unha creba no partido, onde aparece un á esquerda formada por delegados obreiros de Budapest, antigos anarquistas e socialistas partidarios da revolución soviética en Rusia. En xuño prodúcese outra folga xeral, despois de que a xendarmería asasinara a varios folguistas dunha fábrica estatal; únense tamén traballadores agrícolas e durante os catro días de duración o Partido Socialista mantívose ó marxe.
Cando o 4 de outubro Alemaña e Hungría solicitan o armisticio, créanse numerosos “Consellos de obreiros e soldados” nas cidades húngaras, o tempo que o exército se vai disolvendo. A burguesía, por medio do Partido Radical, e o Partido Socialista, crean o Consello Nacional para facer fronte á situación mentres @s traballador@s convocan unha manifestación na capital, para o día 28 de outubro, que é duramente reprimida pola policía, o que leva a que os manifestantes asalten armerías e a defenderse da agresión ó tempo que se consolida a unidade entre os obreiros e soldados que regresaban armados da fronte. Diante desta situación o Consello Nacional forma goberno e cae a monarquía; atopámonos ante unha revolta dos traballadores que poñen fin como en Rusia, en febreiro de 1917, a unha monarquía, pero a súa vitoria é usurpada pola burguesía que se fai co poder e proclama a república.
Neste contexto, e posto que a división no interior do Partido Socialista era xa un feito sen volta atrás, é cando nace o Partido Comunista, no que van a ter unha intervención moi importante Bela Kun e Lazslo Rabinovics, que regresan da Rusia soviética e que coñecían ben a experiencia revolucionaria neses país. No mes de decembro o PC xa era maioritario nos sindicatos de metalúrxicos e da siderurxia, desde o que presentarán un acabado programa revolucionario e conseguirán rachar co atranco a militar nun sindicato, se non pertencías ó Partido Socialista.

1948. É derrocado o goberno constitucional de Rómulo Gallegos en Venezuela, por un golpe militar dirixido polo tenente coronel Marcos Pérez Jiménez. Rómulo Gallegos iniciara o seu goberno en febreiro do mesmo ano e foi o primeiro presidente electo democraticamente de Venezuela.

Día 25.

1885. Nace Anne Louis Strong en Friend, estado de Nebraska; licenciada en Filosofia, nos primeiros anos adicouse desde un posto oficial, a defensa dos nen@s; despois da masacre de Everett, tomou partido polos sindicalistas e fixo campaña contra a guerra e o recrutamento; como periodista e activista foi defensora da Unión Soviética e da República Popular de China, e adicou a súa vida e unha parte importante da súa obra a combater as falacias inventadas polo capitalismo contra a causa do socialismo. Morreu en China en 1970

1911. Falece en París o cubano Paul Lafargue xenro de Marx. Nacera en Santiago de Cuba o 15 de xaneiro de 1842, nunha familia franco-caribeña, acomodada propietaria de plantacións de café. Veu a Francia a estudar onde destacou pola súa militancia revolucionaria de carácter anarquista; en 1865 participa no Congreso Internacional de Estudantes, polo que foi expulsado de Francia e marchou a Londres, onde estuda menciña, coñece a Marx, muda as ideas anarquistas polas socialistas e casa ca filla de Marx, Laura. É enviado a España en 1866, para tratar de minimizar os efectos da chegada de Giuseppe Fanelli, que enviado pola Internacional, explica as concepcións anarquistas e non as da maioría da Internacional. Fuxido de Francia despois da Comuna de París en 1871, volverá a España e entrará en contacto co grupo que máis tarde fundará o PSOE en 1879, axudando á introdución das ideas marxistas. Máis tarde en Francia, escrebe para o periódico “L' Egalité” e funda con Jules Guesdes o Partido Obreiro Francés, pero axiña produce unha escisión no mesmo. Á morte de Marx seguiu xogando un importante papel como propagandista e revolucionario marxista. Suicídase xunto a súa muller. Escribiu, “ O dereito á cobiza” publicada en 1880, quizais a súa obra máis coñecida; “A orixe das ideas abstractas”, de 1898; “O socialismo e a conquista dos poderes públicos” publicada en 1899”, “O método histórico” de 1903 “O socialismo e os intelectuais”, publicada en 1905

1956. Sae do porto mexicano de Toxpán, o barco Granma; con 82 revolucionarios cubanos a bordo, con destino á illa de Cuba, para iniciar o proceso revolucionario, co apoio de multitude de grupos organizados no interior, que acadou o trunfo o 1 de xaneiro de 1959. Fora mercado polo mexicano Antonio del Conde, colaborador dos revolucionarios cubanos, por 50.000 pesos mexicanos a unha empresa norteamericana.. Chegou a Cuba o 2 de decembro, non conseguindo coordina-lo desembarco ca sublevación popular en Santiago de Cuba. O grupo dividiuse e moitos dos desembarcados foron mortos, feridos e detidos; o 18 de decembro en Cinco Palmas, só se presentaron 8 dos desembarcados, Fidel e Raúl, Guevara, Camilo Cienfuegos, Almeida entre eles. Foran adestrados militarmente polo refuxiado republicano español Alberto Bayo

Día 26.

1864. Nace nos Países Baixos Herman Gorter. Foi un dos fundadores do Partido Comunista Laborista contrario ó parlamentarismo e un dos máximos representantes do comunismo dos “Consellos”, xunto con Antón Pannekoek. Por estes temas mantivo unha dura polémica con Lenin que escribira “A enfermidade infantil do esquerdismo no comunismo”, contestado e criticado por Gorter na “Carta aberta ó camarada Lenin”. Foi membro do Partido Comunista Obreiro de Alemaña e criticou na súa segunda carta a Lenin “As leccións das xornadas de marzo”, a posición do Partido Comunista de Alemaña, que segundo Gorter, levou ca súa actitude á derrota definitiva da revolución nese país. Entre as súas obras destacan “O Materialismo Histórico”, “Loita de clases e nación” e “A revolución mundial”

Día 27.

1959. Iníciase en Cuba a expropiación de latifundios de acordo ca Reforma Agraria aprobada con anterioridade. O primeiro foi a facenda Sevilla de 120.000 Has.

Día 28.

1820. Nace Federico Engels en Barmen, na Prusia Renana no seo da familia dun comerciante de téxtil, home moi relixioso e adiñeirado, pero tamén moi autoritario. Era o maior de oito irmáns. A rexión era un centro industrial moi importante e desde moi novo Federico Engels foi consciente da miseria dos traballadores; así o expresou nas chamadas “Cartas de Wuppertal”, publicadas sen sinatura, cando tiña 19 anos, que causaron moita indignación entre a clase burguesa, que non chegou a sospeitar que un membro da mesma, puidera denuncialos por explotadores. Ós dezasete anos tivera que deixa-los estudos no instituto, pois o pai meteuno na oficina do negocio familiar ca intención de que seguira a súa traxectoria, e máis tarde nunha empresa da cidade de Brema, onde viviu na casa dun pastor protestante, circunstancia que o afastou de toda idea relixiosa. Como a cidade era un grande porto comercial con estatuto de cidade libre, Engels puido ler gran cantidade de periódicos e libros editados en moitas partes do mundo, o que fixo que aumentase aínda máis o seu interese pola política e as cuestións sociais. Escribiu artigos baixo seudónimo, onde atacaba á monarquía, defendía ós traballadores e predicaba a necesidade de unir pensamento e acción. Consideraba que a tarefa fundamental da revolución democrático burguesa en Alemaña era a unión de todos os pequenos estado nun só, democrático, e polo tanto non dirixido por Prusia. Os intentos revolucionarios en Europa de 1830 e as folgas de Lyon dos anos posteriores, as axitacións en Francia, Polonia, España, etc; a aparición en Gran Bretaña do movemento “cartista”, as loitas obreiras e campesiñas dos anos trinta e primeiros da década dos corenta, permitiu, tamén en Alemaña, a aparición dunha certa crítica desde grupos reducidos como era o dos “hegelianos de esquerda”, seguidores do filósofo Hegel, que tentaba discernir todo o que acontecía no mundo desde unha perspectiva dialéctica, pero cun punto de vista idealista, o que non contentou a Engels que abandonou o grupo no que entrara a principios da década dos corenta en Berlin, mentres facía o servizo militar e asistía a clase na universidade. Marx o abandonara con anterioridade e marchara da cidade, pero Engels escoitou falar del en moitas ocasións. Mentres participaba no grupo, foi o único en manifestarse ateo e combateu por medio de folletos e artigos as posicións reaccionarias de Schelling de conciliar relixión e ciencia, fe e saber, utilizando para a súa crítica o libro de Feuerbach, aparecido en 1841, “A esencia do cristianismo”, onde establecía que non era deus quen creara o home senón o home o que creara a deus.
Licenciado do exército, onde conseguiu uns importantes coñecementos militares, marcha a Gran Bretaña a traballar en Manchester na empresa Ermer & Engels. De camiño fai unha parada en Colonia e na redacción da “Gaceta Renana” coñeceu a Karl Marx do que tanto lle falaran en Berlín, iniciándose unha relación para toda a vida na que Engels sempre se situou nun segundo plano. Xa enviara artigos para a revista e desde Manchester o seguirá a facer ata o seu peche. A súa estancia en Inglaterra propiciou unha viraxe no seu xeito de pensar; atopábase no centro do capitalismo, onde as contradicións capital traballo eran máis salientables, en momentos de pulo do movemento “cartista”, con cuxo periódico da á máis radical, “A estrela do norte”, colaborará. Tamén o fará en periódicos dos seguidores de Owen, tentando amosar ós traballadores correntes do pensamento francés, alemán, etc e experiencias das loitas obreiras noutros países.
Aínda que antes de chegar a Inglaterra, profesaba xa unha especie de comunismo, será neste país onde se asenten as súas ideas ó respecto; na súa obra “Esbozos para unha crítica da economía política”, fixo unha crítica do capitalismo desde o punto de vista do proletariado, considerando ás leis do capitalismo como pasaxeiras e deduciu o interese de clase dos partidos políticos e do estado, e a loita entre eles como a defensa deses intereses. Pódese dicir que é aquí onde se converte en materialista, paso previo a ser comunista
No seu libro publicado en Alemaña en 1845, “A situación da clase obreira en Inglaterra”, foi o primeiro en analizar as consecuencias da revolución industrial no país e establece varias leis que rexen o sistema capitalista : o aumento da explotación dos traballadores canta maior acumulación de capital, a existencia de crises periódicas ou a formación dun exército industrial de reserva formado polos parados e a necesidade da burguesía da súa existencia para preme-los traballadores, para facerlles rebaixar as condicións de traballo. Nesta obra chega a conclusión que burguesía e proletariado son clases antagónicas, nunca poden reconciliarse.
En agosto de 1844 abandonou Manchester de retorno a Alemaña, e pasou dez días en París con Marx que, unha vez pechada a revista de Colonia polo goberno, publicaba os “Anais Franco Alemás” na capital de Francia. Esta estancia vai afonda-la súa amizade. Os dous chegaran a conclusión de que o materialismo debía aplicarse para explicalos procesos sociais e a historia.. Polo tanto deciden redactar un libro onde explicarán as novas teorías, así nace “A Sagrada Familia” unha crítica contra os “neohegelianos” para quen a historia a “facían” os personaxes destacados, fronte a visión de Marx e Engels de que a historia a fan as masas populares e neste senso o proletariado estaba a xogar un destacado papel. Unha vez na súa cidade natal, adicase por enteiro á política tentando contactar, noutras cidades con socialistas e dando numerosas charlas. Na primavera de 1845 atópase en Bruxelas, onde estaba Marx expulsado de Francia, e escreben “A Ideoloxía Alemá”, recapitulación de todas as súas ideas, texto que non será publicado ata 1932.
Por aqueles anos existían en diversas cidades de Europa seccións dunha organización clandestina “A Liga dos Xustos”, con quen Engels contactara en Londres. A maior parte eran artesáns alemás. Nunha viaxe que realizan Engels e Marx a Inglaterra en 1945, contactan de novo coa Liga e son invitados en xuño de 1947 ó I ª Congreso da organización; asiste Engels e cámbiase o nome da organización por “Liga dos Comunistas” e o seu lema polo de “Proletarios de todos os países unídevos”. O II º Congreso celébrase en novembro do mesmo ano, Engels representa ós grupos de París e Marx ós de Bruxelas, e se lles encarga a redacción dun manifesto que se fai público en febreiro de 1848, o coñecido vulgarmente como “Manifesto Comunista”, unha das obras máis traducidas e lidas da literatura política universal. 1848 é un ano de importantes loitas contra a reacción monárquica e polas liberdades. Tanto Engels como Marx participarán activamente neste proceso que sacode os alicerces das monarquías absolutas europeas. Marx é expulsado de Bélxica e marcha a París, alí xunto con Engels redactarán as “Reivindicacións dos comunistas de Alemaña” e a continuación parten e se instalan en Colonia, para tentar dirixi-lo proceso revolucionario. Este foi capitalizado pola burguesía liberal e desde a “Nova Gaceta Renana”, Marx e Engels combaterán a idea de que o proceso revolucionario esta terminado. Acusarán de traizón á burguesía, que unha vez no poder esquece as súas promesas e chamarán a campesiños, proletarios e artesáns a establecer unha ditadura sobre burgueses e aristócratas, que se aproveitaron do sangue derramado para establecerse no poder. En setembro, Engels fala nun multitudinario acto convocado pola Gaceta Renana e se constitúe un órgano revolucionario, o Comité de Seguridade, no que participan os dous camaradas e días máis tarde noutro acto, considerou a necesidade de establecer unha república democrática. A represión se fai patente despois da sublevación de Frankfurt e a solidariedade dos obreiros e campesiños de Renania, disolven as milicias, deteñen ós dirixentes, pechan a Gaceta, Engels escapa a Bruxelas, onde foi detido e expulsado de Bélxica polo que vai a París. Pero en Francia vívese o trunfo da reacción e ten que escapar a pe a Suíza, nunha viaxe de máis dunha semana. Marx con grandes sacrificios publica de novo a “Nova Gaceta Renana” e Engels desde Suíza, envía o artigo “A loita en Hungría” no que apoiaba os métodos dos sublevados contra a contrarrevolución.
Engels non poderá volver a Alemaña ata xaneiro de 1949, cando a contrarrevolución segue en marcha. Desde a Nova Gaceta se lanzan as consignas de non pagar impostos, arma-las masas e crear Comités de Seguridade. O 7 de febreiro Engels, xunto con Marx comparecen ante un tribunal que os absolve. Na primavera diferentes estados do sur e oeste de Alemaña inician a insurrección, Engels xunto con Marx tentan da-lo movemento obxectivos claros. Engels levará a parte militar e levantará barricadas, situará as baterías en numerosas cidades alzadas en armas, pero os movementos e os Comités de Seguridade, estaban dominados pola pequena burguesía sempre medorenta do proletariado e non vía con “bos ollos” a presenza dun dirixente da Nova Gaceta. Despois da derrota das cidades ante o exército prusiano de Colonia marchan a Baden, onde o mesmo que no Palatinado non conseguen que prenda a chama da revolución. Marx vai a París e Engels volve ó Palatinado, en Offembach se converte no lugartenente de Willich, da Liga dos Comunistas, que comandaba un batallón de obreiros que tiñan que cubrir a retirada dos loitadores de Baden perseguidos polos prusianos ata chegar a Suíza; Engels destacará como un grande estratego, sempre na primeira liña de fogo. A mediados de xullo a revolución en Alemaña estaba derrotada. Recolleu esta experiencia no folleto “A campaña alemá pola constitución”. Despois marchou a Xénova e por mar cara a Londres, onde xa se atopaba Marx; chega en novembro de 1849. Marx comezara a reorganiza-lo Comité da Liga dos Comunistas, tarefa á que se incorpora Engels e na que van contar con grupos de exiliados alemás, como August Willich e Liebknecht. Aínda que o primeiro foi expulsado no ano 50 da mesma. Neste tempo Engels escrebe dúas obras importantes sobre a experiencia revolucionaria, “A guerra campesiña en Alemaña” e “Revolución e contrarrevolución en Alemaña”, aínda que esta serie de artigos, redactados por Engels, foron asinados co nome de Marx, no periódico New York Tribune, unha contribución desinteresada de Engels para mellora-la economía do seu amigo..
Estes son anos de importante produción teórica pero de dificultades organizativas, pois a fracción de Willich fai dano e en Alemaña se producen detencións e son levados a xuízo, numerosos membros da Liga. Escribirá o artigo “Proceso dos comunistas de Colonia” publicado no New York Tribune e a Liga se disolvera a medidos de novembro de 1852.
Desde os primeiros anos da década Engels tivo claro que tiña que axudar economicamente a Marx para que a súa portentosa mente seguira funcionando en beneficio da causa do proletariado e da revolución, polo que volve a traballar na casa Ermen& Engels de Manchester, o que fará unha grande parte do resto da súa vida, primeiro como axente comercial, máis tarde como apoderado e a partires de 1864 como socio, o que lle obrigaba a unha “dobre vida”. O 6 de xaneiro de 1863, morre a muller ca que casara, Mary Burns, obreira irlandesa que coñecera na súa primeira estancia en Manchester. Engels e Marx van vivir vinte anos en cidades distintas, o que provoca unha enorme correspondencia onde se aprecia como xerminaban as súas ideas.. Engels neste tempo escribiu toda unha serie de artigos sobre as técnicas da guerra e temas militares, así como sobre o colonialismo e a resistencia dos pobos orixinarios diante desa situación. Na década dos sesenta cos enfrontamentos entre Francia e Austria polo norte de Italia e os movementos de unificación en Alemaña, Engels publica varios estudos sobre estes temas e entra en controversia con Lasalle, que apostaba a favor de Francia no caso italiano e da Prusia reaccionaria no alemán. Xunto con Marx, exhortarán ó pobo italiano a conseguir polos seus medios a liberación e ós estados alemás a derrota-la reacción prusiana. Tamén discrepou de Lasalle na vía elixida para facerse co poder, posto que este, separándose do aprobado no “Manifesto Comunista” e na “Carta do Comité Central ós obreiros alemás”, establecía a vía pacífica e parlamentar para chegar a unha nova sociedade, sentando as bases do reformismo da socialdemocracia.
Engels non puido participar na fundación da Internacional, nin participou no seu Consello Xeral, pero axudou a Marx todo canto foi posible, para que o socialismo científico fora asumido polos traballadores. Para elo libraron fortes batallas contra os seguidores de Proudhon e de Bakunin.
En 1869 conseguen que teña nacemento o Partido Socialista Obreiro en Eisenach, no que figuraban Bebel e Liebknecht, sobre bases distintas das proclamadas por Lassalle.
Estes son anos en que Engels presta unha importante axuda á familia Marx, enfrascado na redacción de “O Capital”, e pola correspondencia entre ambos coñécense as importantes achegas de Engels a esa obra e como Marx consultáballe constantemente. Cando finalizou o I º Tomo envíalle unha carta que finaliza do seguinte xeito: “Así este tomo está listo. ¡Só grazas a ti foi posible! Sen os sacrificios que impuxécheste por min, xamais podería eu terminar o enorme traballo que supoñen os tres tomos. ¡Abrázote cheo de gratitude! ...Un saúdo meu querido e fiel amigo”.
Dous anos despois Engels deixaría de traballar no que tanto lle desagradaba, cando Marx conseguiu recursos cos que manterse. Casado ca irmá da súa antiga muller e acompañado tamén por unha filla de Marx, marchará a Irlanda a coñece-lo pais do que estaba elaborando unha historia. Na Internacional debatíase moito o problema irlandés, un país colonizado por Gran Bretaña a quen Engels prestoulle moita atención, aínda que os acontecementos europeos non lle permitiran nese tempo, terminar a súa obra. A guerra franco-prusiana, as discusións na Internacional sobre a mesma, as orientacións ós obreiros franceses e alemás sobre a mesma, a Comuna de París, van a ocupa-lo nestes tempos. No Parlamento alemán os lassallianos votaran os cretos de guerra solicitados por Bismarck, Bebel e Liebknecht, o farán en contra polo que serán encarcerados, Engels tentará axudalos e as súas familias ó tempo que denuncia a anexión da Alsacia e Lorena e ó nacionalismo e o militarismo. En setembro de 1870 trasládase a Londres, a vivir moi cerca de Marx e foi integrado no Consello Xeral da Internacional adicándose a tarefas orgánicas. Engels non consideraba acertado unha sublevación proletaria en Francia co poderoso exército prusiano ás portas de París, pero cando o 18 de marzo de 1871 se constitúe a Comuna de París, e por primeira vez comeza a experiencia dun goberno do proletariado, o apoia con todo entusiasmo e se pon xunto con Marx ó servizo do mesmo., tentando entre outras propostas o apoio dos traballadores do mundo e dos franceses o goberno revolucionario de París.. Engels, polos seus enormes coñecementos militares, recomendáballes tamén, como defender mellor a cidade do exército prusiano; pero a realidade é que se puxo de manifesto a carencia dunha forza revolucionaria que dirixira e coordinara todas as tarefas; blanquistas e proudhonianos foron incapaces de facelo.
A partir da derrota da Comuna, Engels tentou desde o seu posto saca-las experiencias da mesma e facelas chegar a numerosos lugares do mundo, sempre apoiando materialmente e orientando as loitas dos traballadores; en Amberes, Bruxelas, Santander, Barcelona, Valencia, etc e que en cada lugar no que se loitaba, contaran ca solidariedade do resto dos traballadores.
Tamén se adicou a loita ideolóxica contra os seguidores de Bakunin, cuxa concepción do Consello Xeral da Internacional era que funcionara como unha especie de “buzón”, fronte os que querían que o Consello propagase a idea da necesidade da loita política e a creación do partido do proletariado. Escribiu entre outros dous artigos esclarecedores, “Sobre a autoridade” e “Os bakuninistas en acción”; no segundo analiza o fracaso da revolución cantonal de 1873 no estado español.. A iniciativa de Engels, o Consello Xeral da Internacional traslada a súa se a Nova Iorque, diante da constante represión que se esta a dar en Europa..
Un dos aspecto nos que vai centra-la súa actividade a partires dese momento, foi lograr a creación dun verdadeiro partido socialista en Alemaña, pois pensaba que o centro de gravidade do movemento obreiro pasara de Inglaterra e Francia a este último país. Pero non viron con bos ollos a unificación dos eisenachianos cos seguidores de Lassalle, e criticaron con acritude o programa aprobado en Gotha, e máis tarde Engels o “novo socialismo pequenoburgués” defendido polo profesor da Universidade de Berlín, Dührung, que o novo partido unificado asumía. Nace por ese motivo o “Anti Duhring”, publicada en 1878, que é unha escolma de artigos que foron aparecendo no periódico socialdemócrata “Vorwärts” (Adiante).
Despois da autodisolución do partido en Alemaña, a finais da década dos 70, en contra da opinión de Marx e Engels, tentarán organizalo de novo separando elementos burgueses e ultraesquerdistas. No I º Congreso na clandestinidade celebrado en Widen en 1880, expulsouse ós demagogos e reformouse o Programa de Gotha e en 1884, xa morto Marx, expulsouse a fracción burguesa que apoiaba no parlamento as políticas expansionistas de Bismarck. Engels pasara entre outras actividades, os últimos anos da súa vida tentando establecer en Francia e Inglaterra partidos de traballadores con programas baseados no materialismo marxista; así xurdirá o Partido Obreiro en Francia e toda a serie de contactos con dirixentes sindicais en Gran Bretaña e a publicación de artigos nos medios orientados a ese obxectivo. Retoma de novo a escritura da obra “A dialéctica da natureza”, iniciada en Manchester, pero que volve a abandonar despois da morte da Marx para terminar “O Capital” cas numerosas notas que deixara escritas, nunha letra que só Engels entendía, e a redacción das achegas que son propias de Engels. En febreiro de 1885 deu por acabado o segundo tomo. Tardou case dez anos en remata-lo terceiro. Pero tamén se adicou a outras escritos de Marx, “A miseria da filosofía”, “O 18 Brumario de Luís Bonaparte”, “A guerra civil en Francia”, “A loita de clases en Francia” e a escribir e publicar obras propias; publicou en 1884 “A orixe da familia, a propiedade privada e o estado” e en 1888, publicou “Lugwig Feuerbacha e o fin da filosofía clásica alemá”. A súa morte non rematara o tomo IV de “O Capital” que trata sobre a teoría da plusvalía, nin a súa “Historia de Irlanda” nin a “Dialéctica da natureza”; tampouco unha extensa biografía de Marx que tiña en mente, publicou unha breve, e diferentes aspectos do movemento obreiro, que tratou en artigos pero sen a profundidade por el desexada.
Tiña ademais que participar na dirección do movemento obreiro a nivel mundial, cada día máis extenso e cheo de problemas.
Pouco antes de morrer en 1895, publicou o Limiar á “Loita de clases en Francia” de Marx, que se considera o seu testamento, polo que moitos socialdemócratas o manipularon para facer crer que Engels modificara a súa posición, aceptando avanzar cara ó socialismo pola vía parlamentar. Nada máis lonxe da realidade; nese texto reafirmase nas súas posicións.
Falece o 5 de agosto de 1895. As súa cinzas foron botadas o mar.

Día 29.

1847. Celébrase en Londres o II º Congreso da Liga dos Comunistas. Encárgaselles a Marx e Engels a redacción dun manifesto.

1963. Nacionalízanse en Cuba todos os servizos sanitarios pasando a ser de balde.

Día 30.

1914. Morre en Barcelona Anselmo Lorenzo, militante e teórico anarquista, coñecido como o “pai do anarquismo español”. Nacera en Asperillas, na provincia de Toledo en 1841. Tipógrafo de profesión tivo contactos con Giuseppe Fanelli que veu ó estado español a explicar a creación da I ª Internacional e pertencía á Alianza Democrática Socialista fundada por Bakunin. Fundará xunto con Farga Pellicer, González Morago, Francisco Mora Enrique Simancas, Donadeu e outros a “Federación Regional Española” da AIT. Participou no II ª Congreso da Internacional celebrado en Londres en 1870 e hospedouse na casa de Carlos Marx con quen discutiu problemas organizativos. Unha vez fundada polo pedagogo Ferrer i Guardia “A Escola Moderna”, Anselmo Lorenzo se fará cargo da editorial. A súa obra máis coñecida é “O Proletariado Militante”.

1922. Iníciase o IV º Congreso da Internacional Comunista, en Moscova, o último no que participará Lenin. Asisten 504 delegados de 60 organizacións.
Confírmanse as resolucións do III º Congreso sobre a crise económica mundial e as tarefas da Internacional Comunista e sobre a táctica da mesma. Analízase o período de decadencia do capitalismo, a situación política internacional, o que representa o fascismo, como “destinado a combater os esforzos revolucionarios do proletariado e que non só constitúen organizacións de combate contrarrevolucionarias e armadas” “senón que tamén, mediante a demagoxia social tentan crear unha base de masas, entre o campesiñado, a pequena burguesía e ata en certos sectores do proletariado, utilizando dun xeito hábil para os seus obxectivos contrarrevolucionarios, as decepcións provocadas pola chamada democracia”; tamén a división sindical, denunciando os intentos da socialdemocracia para dividi-lo sindicalismo; discútese tamén sobre as características do goberno obreiro e as circunstancias en que os comunistas deben estar dispostos a participar nun goberno con organizacións e partidos obreiros non comunistas; tamén discútese sobre o movemento dos Consello de Fábrica. Aprobáronse diferentes Resolucións, sobre a muller traballadora, a cuestión negra, os problemas nos Partidos Comunistas Francés e Italiano, sobre a formación ideolóxica, sobre España, etc.

1956. Iníciase en Santiago de Cuba a sublevación, contra o réxime de Batista, dirixida por Frank Pais. Estaba sincronizada ca chegada do barco Granma con revolucionarios procedentes de México, pero as dificultades da travesía, atrasaron a chegada ó dia 2 de decembro, polo que non se puido evita-la presión sobre os desembarcados. Pais foi asasinado pola policía o 30 de xullo de 1957 cando contaba 22 anos.