A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 23 de septiembre de 2019

UNHAS NOVAS ELECCIÓNS QUE DEBEN MARCA-LO CURSO DO RÉXIME


Carlos Dafonte

Levábamos tempo en campaña electoral, agora o que se definiu é cando se van celebra-las eleccións. O réxime, é dicir as principais institucións políticas e a propia Constitución, as políticas económicas neoliberais e de austeridade fronte ás crises que se suceden, e o dominio social, político e económico da oligarquía financeira, sen estar en perigo, as forzas que o seguen a apoiar son moi numerosas, atópase incómodo despois do retroceso do bipartidismo e a aparición de novas forzas políticas; e aínda que non son “tan feros como parecían”, para enfrontar os próximos retos con que a oligarquía se atopa, continuar co proceso de acumulación e a concentración e centralización do capital nunha situación de crise de moi longa duración, atou todos os cabos e recomendou ningún pacto que poda abrir fendas, aínda que sexan cativas, no réxime.
E despois dunha potente “preparación artilleira” levada a cabo polos medios de comunicación, co obxectivo da demolición de Unidas Podemos e a denuncia de Ciudadanos como un partido de “chiquilicuatres”, oportunista, que cambia de posición constantemente, con graves problemas internos, que todo é certo, convócanse novas eleccións para tentar que os dous partidos hexemónicos na transición política, aínda que un cambiase varias veces de nome, a dereita progresista, o Psoe, e a dereita conservadora, o actual PP, consigan o pulo e os votos necesarios para iniciar de novo a senda bipartidista.

viernes, 13 de septiembre de 2019

NON SE SUPERA A SITUACIÓN DE CRISE E TODO INDICA QUE ENTRAMOS NUNHA NOVA RECESIÓN


Carlos Dafonte.

O 19 do mes de agosto, nas páxinas económicas do diario “El País”, o analista explicaba un dato que acontecía nos EEUU, ó que lle daba moita importancia como é a “inversión da curva de rendementos”. Nun artigo que publiquei neste blog, hai varios meses, en xunio, falei deste indicador; como é posible que o analista económico de “El País” tardara tanto en publicalo cando había tempo que xa era coñecido?.
Teño a impresión que se intentan ocultar uns datos á opinión pública que anuncian a entrada nunha nova crise económica, que pode chegar a consolidarse nunha nova recesión, cando non fomos na maioría dos centros do capitalismo de supera-la de 2007. Parece como si existise a consigna de “non meter medo” entre os traballadores, pois os centros financeiros, aínda que na teoría neoliberal non exista o concepto de crise dentro do sistema capitalista, son conscientes de que se producen, aínda que non a consideren consubstancial ó sistema, produto sempre dos erros dos gobernos.

jueves, 5 de septiembre de 2019

INCÉNDIOS NA AMAZONÍA. SOCIALISMO OU BARBARIE.

Roberto Laxe

O chamado pulmón do mundo, a Amazonia, ardendo para beneficiar aos capitalistas, principalmente ianquis, aínda que non esquezamos o proxecto de China de atravesa-la con vías de comunicación. O outro pulmón do mundo, Siberia, leva ardendo semanas; mentres, rexístran-se temperaturas marca en Groenlandia e Alaska, e Rusia convértese no primeiro produtor de petroleo no Ártico (botou unha central nuclear ambulante nun barco).
O lume está a ser utilizada como substitutivo da guerra para a destrución de forzas produtivas, a natureza, ao servizo de que o capitalismo salga da crise como sexa, e á conta do que sexa. Nada novo baixo o sol, o capitalismo "naceu a sangue e lume" dixo Marx, e leva camiño de morrer da mesma maneira... Só que arrastrando á humanidade tras el: pondo á fronte de estados imperialistas como EE UU ou Italia e en semicolonias como Brasil, a verdadeiros descerebrados. Porque só uns descerebrados poden dicir o que eses sres din para justificarse.