A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 23 de septiembre de 2019

UNHAS NOVAS ELECCIÓNS QUE DEBEN MARCA-LO CURSO DO RÉXIME


Carlos Dafonte

Levábamos tempo en campaña electoral, agora o que se definiu é cando se van celebra-las eleccións. O réxime, é dicir as principais institucións políticas e a propia Constitución, as políticas económicas neoliberais e de austeridade fronte ás crises que se suceden, e o dominio social, político e económico da oligarquía financeira, sen estar en perigo, as forzas que o seguen a apoiar son moi numerosas, atópase incómodo despois do retroceso do bipartidismo e a aparición de novas forzas políticas; e aínda que non son “tan feros como parecían”, para enfrontar os próximos retos con que a oligarquía se atopa, continuar co proceso de acumulación e a concentración e centralización do capital nunha situación de crise de moi longa duración, atou todos os cabos e recomendou ningún pacto que poda abrir fendas, aínda que sexan cativas, no réxime.
E despois dunha potente “preparación artilleira” levada a cabo polos medios de comunicación, co obxectivo da demolición de Unidas Podemos e a denuncia de Ciudadanos como un partido de “chiquilicuatres”, oportunista, que cambia de posición constantemente, con graves problemas internos, que todo é certo, convócanse novas eleccións para tentar que os dous partidos hexemónicos na transición política, aínda que un cambiase varias veces de nome, a dereita progresista, o Psoe, e a dereita conservadora, o actual PP, consigan o pulo e os votos necesarios para iniciar de novo a senda bipartidista.

Con Vox, na longa campaña electoral iniciada a finais de abril e que continuará aínda por un mes e uns días, ninguén se meteu, se lle necesita, como a Ciudadanos, con menos votos pero como un elemento disuasorio que faga reflexionar sobre os perigos que se atopan presentes se rachamos co esquema trazado no ano 78 e unha lei electoral manipuladora.
E un Ciudadanos aínda que reducido en votos e escanos, tamén é un perigo para un PP, que si abandona o guión, agora coñece que un financiamento eficaz cuxo proceder non se vai coñecer e a permisividade nos medios, en calquera momento pode repetirse o acontecido electoralmente en abril do presente ano. É dicir, que o PP consiga os peores resultados cuxos votos van parar a C's.
Na campaña contra Unidas Podemos, faltaba a “traca final”, convencer a Errejón que se debe presentar, non só en Madrid, onde despois de traizoar a Podemos que o elixira candidato á presidencia da Comunidade Autónoma, fundou Más Madrid, senón que agora sen estrutura orgánica, cartos para a campaña, programa nin discurso, o incitan desde diferentes medios de comunicación, a que se presente en todo o territorio do Estado. Os que o incitan supoño estarán comprometidos a pagar e axudar.
Un elemento moi subliñable nesta campaña, e que os medios de comunicación manexaron, é que nada do que eu considero importante e resumo nas anteriores liñas, é certo; senón houbo acordo é pola culpa dos políticos que todo o cifran nos seus intereses persoais, e son polo tanto mesquinos e inmaduros, que o único ó que aspiran e ter bos postos, bos salarios e practica-lo nepotismo, montando “chiringuitos” que para nada valen, como non sexa para enfeblece-lo erario púbrico.
Téntase debilita-los partidos e dun xeito subliminal de fortalece-la Monarquía, pois o acontecido nestes meses, leva a pensar, se o xefe de estado, é dicir o rei, pertencera a un partido, teríamos neste momento un problema maior. Menos mal que non é así e que o que temos é independente dos partidos políticos, que amosaron a súa incapacidade para dar solución ó problema. E como esta campaña a levaron os grandes medios de comunicación que son todos propiedade da oligarquía, pois se deben sacar, algúns partidos os primeiros, conclusións e canto antes mellor.
Algúns e algunhas dirán “¡Ah, unha nova teoría da conspiración!”. Non, nada relacionado con conspiracións; é o normal nas sociedades divididas en clases, onde a clase o fracción de clase hexemónica utiliza todo o seu poder para que trunfe o que chaman “o sentido común”, que non é outra cousa que o seu xeito de pensar. Dende hai anos fíxolles pensar a unha parte importante da sociedade, a moit@s que só tiñan o seu salario para vivir, que se converteran en clase media; tod@s éramos da clase media, pero cando chegou a crise viuse que non era así, aínda que para aparentar coherencia e non sentirse enganados, afirmaron que a crise se cargara sobre as “costas da clase media”; a crise cargouse sobre as costas dos traballadores asalariados e a clase obreira.
Os que montaron esta complexa campaña, cuxo obxectivo é reforza-lo réxime e polo tanto á Monarquía, o bipartidismo e as políticas neoliberais, non lles importa ser contraditorios e facerlles perder forza e prestixio a outro dos piares desta decrépita democracia: os partidos políticos; nin o que moitas veces estes mesmos medios consideran a festa da democracia, as eleccións. Verdadeiramente levan meses dicindo que a xente esta farta de votar e que ademais esta inestabilidade política non é consonte ca boa marcha da economía. Como alguén pode estar farto de votar? Como pode haber xente que diante dunha situación como a que estamos a vivir, cunha nova recesión que nos ven enriba, en vez de facer pactos as súas costas e renunciar a aspectos do programa presentado, que é o contrato que o partido fai cos seus electores, se enfaden por se lles convocar de novo para que decidan? Ninguén que se considere un demócrata se debe considerar cans@ por votar. “E que ademais é moi molesto ter o buzón con propaganda electoral”, pois tírela e non a lea, que tdos os días as grandes áreas comerciais o fan e ninguén protesta.
Ogallá nos convocaran cada poucos meses e puidéramos intervir moito máis en política, por medio do referendo, para temas que nos afectan e que ninguén pregunta, como o cambio do 135 da Constitución, por exemplo.
E respecto a situación económica, tampouco se lle debe dar creto ás verbas que se escoitan estes días; nos últimos anos pasamos por momentos de inestabilidade política cando o PP tiña maioría relativa, crise da Monarquía, crise no Psoe e do Pp, moción de censura e inestabilidade ata hoxe; pois ben, os datos macroeconómicos do conxunto do Estado son dos mellores dentro da U.E, non entro a analiza-las razóns, mentres que outras economías como a alemana, que deron estabilidade a situación política ca “grande coalición”, entra en recesión. Que non nos mintan.
O que está en xogo nas próximas eleccións, é afortala-lo réxime, cheo de corrupción, cunha feble democracia burguesa e polo tanto cada vez menos participativa e recortada, seguir cas políticas de austeridade que pula a UE, permitir que poderes que non se presentan ás eleccións sigan a impor os seus criterios, recortes en servizos públicos e privatización dos mesmos, mingua nos dereitos sociais e laborais, etc, ou abrir, aínda que só sexa abrir, e recuperar nas institucións, un espazo político ó que temos que obrigar a estar presente na rúa, para o que se necesita organización e mobilización, que poda se-lo xermolo dun dobre poder que hai que construír se queremos se produzan algún día, cambios estruturais importantes.

En Galicia no mes de setembro de 2019



3 comentarios:

  1. (,...) abrir, e recuperar nas institucións, un espazo político ó que temos que obrigar a estar presente na rúa, para o que se necesita organización e mobilización, que poda se-lo xermolo dun dobre poder que hai que construír se queremos se produzan algún día, cambios estruturais importante".... Un espazo nas institucións que axite desde elas pola apertura dun verdadeiro proceso constituínte que rompa con rexime do 78 e as suas políticas de recortes e austeridade, dando ás nacións o direito a decidir cal é a relación que queren manter co resto dos pobos.

    ResponderEliminar