A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 18 de junio de 2008

TEMPO DE CONGRESOS

Carlos Dafonte

 


Estamos en tempo de congresos. O PP celebra o seu dentro duns días e o PSOE no mes seguinte, a primeiros de xullo; IU prepara a súa asemblea. E aínda que esta última non o é, creo pertinente, pois parece se ten esquecido, reflexionar sobre que é un partido.


¿O resultado da vontade dun grupo de individuos unidos por lazos de amizade, que viven nun territorio definido, con afinidades culturais, coas mesmas ou parecidas aficións, ou os partidos seguen a expresar os intereses dunha clase social ou fraccións da mesma, mergullada na loita de clases, polo tanto na loita política, económica e ideolóxica, para impoñe-los seus intereses sobre todo os económicos? Sigo convencido que a última afirmación é o que guía a existencia dos partidos; o resto soluciónase con outro tipo asociacións que a lexislación permite.


Traio isto a colación, pois para ser capaces de analizar o que acontece no PP é preciso mirar por enriba dos feitos diarios, dos enfrontamentos persoais, que tamén os hai, e tentar distinguir entre que é o fundamental e o accesorio neste enfrontamento, que ocupa as cabeceiras dos medios de comunicación.


A burguesía española, a clase dominante no estado, exprésase politicamente a traveso de dous partidos de ámbito estatal, PSOE e PP e varios das nacionalidades, CiU, PNV, Coalición Canaria, UPN...Existencia de diferentes partidos que expresan as contradicións propias no seo dunha mesma clase social nun intre determinado; non son os mesmos intereses os do capital industrial que o do financeiro, por exemplo, nin os das empresas petroleiras e eléctricas que os da adicada ós medios de comunicación e a chamada “industria cultural”; nin os da burguesía centralista e as periféricas; contradicións que se aguzan en tempos de crise, como na que hoxe nos atopamos. Pero estas contradicións non son antagónicas, como as existentes entre a burguesía e o proletariado, entre os propietarios dos medios de produción e os que venden a súa forza de traballo. Elemento que hai que ter moi en conta.


O actual estadio da crise económica inaugura tamén un novo ciclo político que é o da colaboración dos dous grandes partidos da oligarquía, PSOE e PP, cuxa posta en escena foi o acto de investidura de Rodríguez, despois de gaña-las eleccións celebradas o 9 de marzo. Os congresos confirmarán este feito.


E sobre a crise é preciso sinalar que levamos mergullados nela moitos anos, pero o aumento da taxa de explotación dos asalariados e o “tirón” dalgún sector da economía, permitían acadar crecemento, baixo, pero crecemento, outro dos grandes mitos da economía capitalista, e agora entramos nunha etapa sen crecemento ou con crecementos moito máis baixos, próximos á recesión e o que é peor, con inflación. A temida estanflación.


Estou convencido que Rajoy segue ó pé da letra a partitura que escreben os verdadeiros poderes que dominan no estado español, e os enfrontamentos con baróns e baronesas do seu partido non son máis que expresións da resistencia persoal á nova situación. Lara, o maior editor do estado, deixouno claro nun foro económico celebrado hai poucos días en Barcelona, afirmando que é tempo de colaboración entre os dous grandes partidos estatais.


Os medios de comunicación que seguen a apostar por “outro PP” cambiarán de postura cando algún gran emporio económico ameace con retira-la publicidade de non “practica-la ortodoxia”.


Ogallá do seu congreso o PP saia roto e fragmentado, máis feble, os asalariados bastante temos con loitar contra as políticas neoliberais de quen nos goberna.


E en xullo o Congreso do PSOE. ¿Haberá debate? Non o creo, a pesares da situación do planeta e do estado, mergullados nunha crise económica global que afecta de diferentes xeitos a unha grande parte da cidadanía e crise alimentaria que leva producida numerosos balbordos en países da periferia; da especulación que eleva os prezos do petróleo e dos alimentos ata niveles insospeitados hai poucos meses; a pesares da construción europea antidemocrática, levada a cabo de costas ós pobos, ¿como é posible que dos 27 estados que forman parte da U.E. só en un sométase a referendo o novo texto “constitucional” aprobado en Lisboa, e onde foi ratificado polos parlamentos sexa descoñecido?; da nova xornada de 65 horas que tentan impoñer, da entrada pola porta de atrás da directiva Bolkestein, das numerosas intervencións das tropas en lugares de conflito ó servizo do imperialismo norteamericano e europeo, da responsabilidade que como partido de goberno ten nestes momentos, estou convencido que amosando unha vez máis o foxo que se esta a abrir entre o sistema e unha grande parte do pobo, no congreso do PSOE non se van discutir a fondo os temas que preocupan, nin se van producir voces discordantes que reclamen centrarse na realidade. Sería saírse do guión marcado.


Unhas verbas finais sobre a próxima Asemblea Federal de IU. A crise é no fundamental unha crise do PCE. As discusións e os desencontros son produto das diferentes visións que hai entre os membros do propio partido. No PCE hai hoxe dous proxectos, un neoliberal, disposto a colaborar co PSOE na gobernabilidade do país, que se esconde baixo o eufemismo de “facer xira-lo PSOE cara a esquerda”, é o proxecto que encabeza Llamazares, e outro que sen moverse fora dos límites do capitalismo, poderíamolo considerar “socialdemócrata de esquerdas”, que pula a maioría da dirección. Tamén fican restos, cada vez máis inconexos e febles, do que se pode considerar un proxecto comunista, pero non vai ser determinante na futura asemblea.




En Galicia no mes de Xuño de 2008