A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

domingo, 28 de abril de 2013

CRONOLOXÍA DE ANTONIO GRAMSCI NO 76 ANIVERSARIO DA SÚA MORTE


Carlos Dafonte.

O 27 de abril de 1937, ás 4'15, aquel cerebro que o fiscal que o acusou no xuízo celebrado en 1926, dixo que había que conseguir que non pensara máis, deixou de facelo. Case sen contactos ca súa familia, só o seu irmán Carlo, Gennaro ó que lle unían maiores afinidades políticas, tívose que exiliar nos primeiros anos do fascismo e estaba a loitar na guerra civil española contra o franquismo e rotos os vínculos ca organización política da que fora secretario xeral, explica que ó seu enterro só asistiran o devandito irmán e a súa cuñada Tatiana.

miércoles, 24 de abril de 2013

ALTERNATIVA GALEGA DE ESQUERDAS (AGE) DEBE CAMBIA-LA SÚA ESTRATEXIA


Carlos Dafonte

Fago estas reflexións despois de asistir a unha charla de ANOVA, un dos alicerces de AGE, na que interveu Xosé Manuel Beiras. Na súa intervención un tanto “soreliana” fixo constantes invocacións á necesidade da autoorganización da xente a redor dos seus problemas cotiás, económicos, laborais, etc, e que AGE actuaría como interlocutor e intermediario diante do Parlamento; explicou a súa evolución que o levou a pactar cunha forza antaño “españolista”, pero partidaria do dereito de autodeterminación, en función do que significa esta crise da que fixo unha caracterización, polo que a contradición principal era máis de clase, que entre “nacionalismo-españolismo”; fixo unha diferencia clara entre a autoorganización a redor dos problemas económicos e a política, que se debe realizar en ANOVA, e ratificouse con moita forza na posición de que AGE non é máis que un grupo parlamentar.
Antes de entrar nos contidos da miña curta intervención na asemblea, a primeira das que se produciron, quero dicir que o tema AGE ocupoume moito tempo en discusións con xente de Galicia e de fora, e sobre todo con xente que a votou e que esperaba que eu fora algo máis flexible nas miñas posicións, pola época do proceso electoral. As declaracións dos seus líderes levaban ó equívoco; dicíase que AGE sería un grupo parlamentar, pero tamén que eran unha forza política anticapitalista o que é contraditorio se o analizamos en profundidade ou unha Fronte Popular.
A miña posición antes do proceso electoral era de que AGE ía ser, no caso de obter deputados, só un grupo parlamentar, fronte a posición de diferentes persoas que atopábanse esperanzados de que AGE, ademais dun grupo parlamentar combativo que establecera unha política de oposición radicalmente distinta a levada por PSOE e BNG, fose o inicio, o alicerce, da necesaria reconstrución da esquerda en Galicia. Que lles facía pensar así?, pois as verbas dos dirixentes de AGE, comezando por Beiras que o 25 de xullo, cando lanzou a proposta falou dunha “fronte popular” ou de Yolanda que dixo de construi-la “Syriza galega” e esta formación grega non é só un grupo parlamentar, é unha organización que traballa na sociedade grega, organizando á xente, que teñen un programa anticapitalista, etc. Eu moito máis cauto, pensaba que era unha alianza de “comenencia”, para tapa-los previsibles malos resultados electorais de EU, nun momento moi favorable, co descrédito dos partidos maioritarios, a crise do BNG, etc e ANOVA, Beiras, que quizais tentaba facerlle paga-lo Bloque os seus desencontros.
Pero despois dos resultados acadados, máis de 200.000 votos, das espectativas creadas, que non entraron nunca nos meus cálculos, como xa escribín neste blog, AGE debe xogar un papel distinto do que Beiras deseñou na devandita charla, que segundo el, é seguir a ser un grupo parlamentar sen máis.
Por iso decidinme a intervir, foi a primeira que se fixo e cunha certa ironía dinlle as grazas polas súas verbas, que confirmaban as miñas previsións sobre o que ía ser AGE, pero tamén lle fixen a consideración que o número extraordinario de votos recibidos, debíalles levar a analizar que AGE debe xogar outro papel máis salientable, organizar politicamente a numerosos sectores e ser o xermolo da reconstrución da esquerda en Galicia, que era o que moitos dos seus votantes esperaban. Non actuar así era unha fraude non só para quen os votou, senón para todos aqueles outros que estaban a espera de que AGE dera pasos adiante.
Contestoume cunha verdade de Perogrullo, que nunca a partires dun grupo parlamentar se podía levar a cabo o que eu esixía, cousa que é certo e por iso lles pedía que cambiasen o rumbo da Alianza Galega de Esquerdas. Do que se trata é de construír unha alternativa, desde o anticapitalismo que din profesar, e superar o papel de intermediario entre unha sociedade que sofre os efectos das políticas neoliberais e as institucións. Facer anticapitalismo desde o parlamento é un exercicio moi limitado, tendo en conta que hai unha forza conservadora que ten a maioría absoluta e outras dúas que nos últimos anos actuaron perfectamente integradas no sistema. A alternativa anticapitalista hai que elaborala na sociedade, ó tempo que organizas politicamente á xente.
Despois da miña intervención producíronse varias máis de colectivos afectados por problemas específicos, e polo menos dúas máis que esixían a creación dunha Fronte Popular ou Fronte de Esquerdas, na mesma liña dos que como eu, ven necesario, urxente, que AGE entre no debate de supera-lo institucionalismo e de xoga-lo papel que a historia deste país lle ten hoxe adxudicado.

En Galicia no mes de abril de 2013

miércoles, 17 de abril de 2013

"ESCRACHES"


Carlos Dafonte

Con este termo denomínase a acción dun grupo de elector@s, algún é de supoñer dado o número tan elevado de votos que tivo o PP, que sexan dese partido, realizan para lembrarlles @s deputad@s e senador@s, que @s elector@s existen entre votación e votación e deben ser tidos en conta cando se vai lexislar sobre aspectos tan importantes como é neste caso, a lei hipotecaria da que depende que che quiten a vivenda, sobre todo cando a Unión Europea considera esta lei como contraria os dereitos da cidadanía. Unha Lei Hipotecaria de principios do século pasado que nin PSOE nin PP nestes anos fixeron nada por cambiala e cando algo fixeron, como no caso do primeiro, foi para axilizar máis os desafiuzamentos.
A dereita, e estou seguro que o PSOE de estar na mesma circunstancia reaccionaría do mesmo xeito que o PP, tenta terxiversa-la situación, considerando un feito moi grave que os electores se queiran poñer en contacto cos elixidos para facerlles ver cal é a solución máis xusta ó problema que centos de miles de cidadáns padecen, por culpa dunha crise que non xeraron, como pode ser quedar na rúa, sen vivenda e cargados de débedas para o resto das súas vidas e das dos seus fillos.
Nestas circunstancias debíamos de estar a falar do modelo de democracia, da calidade da que nos dotamos na transición, despois da ditadura, e chegar á conclusión que un elemento fundamental da mesma debe ser o control dos elixidos por parte dos electores, cuestión que no estado español no existe.
A dereita conservadora e reaccionaria, utiliza esta falta de control para maltratar ó electorado, mantendo á marxe de toda información e o que é aínda peor, considérase con capacidade para cambiar radicalmente o programa presentado nas últimas eleccións e que é un feito normal sobre o que non debe dar explicación algunha, agás a estulticia de que non coñecían as contas reais; o PP ten os mecanismos necesarios para, sen estar no goberno, coñecela realidade da economía española.
O teño repetido en numerosas ocasións, desde o meu punto de vista, non son os votos os que lexitiman a un goberno senón o cumprimento do programa presentado que é o contrato que establece con quen lle vota e o que lexitima a súa actividade. O que esta a acontecer no estado nestes anos, que se agudizou nos meses do PP no cargo, é a ruptura total do consenso nun sistema que garantía certa dose de convivencia, ó marxe das tensións que en toda sociedade capitalista, xera a loita de clases.
A maioría da cidadanía observa incrédula, pero con un aumento cada vez maior da súa furia, e nesas circunstancias é difícil ser educado, como aumentando a súa contribución ás administracións do estado mediante os impostos, a rebaixa dos seus salarios e pensións, etc., só serve para desmantelar iso que chamamos salario indirecto, que son os servizos básicos dos que ata hoxe, aínda moi deficientes respecto a UE-15, gozaba.
O PP debe comprender, como se ven poñendo de manifesto desde que a crise se manifestou dun xeito máis virulento, que a súa actuación, como a do partido da alternancia, son das causas fundamentais de que o réxime plasmado na constitución de 1978 teña perdido lexitimidade, para unha parte moi importante da cidadanía, que cada vez máis o pon en cuestión, sobre todo por non recoller, as institucións que se someten ó veredicto das urnas, aquelo que os votantes pensan e que en momentos tan graves para a maioría da xente, decátanse que non contan absolutamente para nada para aqueles a quen elixiron, que non teñen sobre eles o máis mínimo control, e que deputados e senadores traballan máis en función das necesidades do partido ou de poderes non democráticos, existentes no estado e en Europa, que das necesidades de quen os elixe.
Os elixidos deben render contas diante de quen os elixiu, e o sonsonete de que se non están de acordo ca súa actuación, que non os voten nas próximas eleccións, non é propio dun sistema democrático; tampouco o é comparar os “escraches” ca actitude dos nazis, quen utiliza este tipo de argumentos amosan un descoñecemento total da historia, tanto sexan voceiros do PP como os intelectuais orgánicos no que se teñen convertido moitos periodistas que esquecen o seu labor, que é o de informar, e adícanse preferentemente á defensa do partido no goberno.
En primeiro lugar porque o voto non é un “cheque en branco” que lle das a un partido e que poida encher co que lle de a gaña, os elixidos teñen a obriga de cumprir o estipulado no contrato que é o programa presentado, e en segundo lugar por que os nazis asaltaban arrabaldes obreiros e xudeus co beneplácito e a complicidade do poder que detentaba a clase hexemónica, a burguesía industrial e os latifundistas, os junkers, que eran quen financiaban a súa actividade. Facer esta comparación é confundir as vítimas cos verdugos Os cargos públicos do PP non poden ir de vítimas, o son aqueles que por culpa das medidas por eles tomadas, que non estaban no programa electoral, quedan sen traballo, se lles rebaixan pensións e salarios e non poden facer fronte a unha hipoteca, e como consecuencia se quedan sen casa e cargados de débedas. Os “escraches” son unha especie, e pido perdón pola comparanza, en política, do “cobrador do frac”, que lembralle a alguén que ten unha débeda que ten que pagar, e ningún goberno ten dito polo de agora, que a actuación de esas empresas fora un delito.
Estou convencido que o PP ten nas súas mans rematar cos “escraches”, facendo o que é a súa obriga, que os elixidos do seu partido se comporten democraticamente e que os deputad@s e senador@s fagan o que é o seu deber, facer asembleas polas circunscricións nas que foron elixidos para escoitar o que os electores e afectados polas medidas tomadas, lles queiran facer chegar, e que as súas suxestións sexan tidas en conta. Que deixen de tomar en consideración as dos poderosos, que é verdadeiramente ó servizo de quen actúan.
Pero un partido antidemocrático nunca vai facer iso, fronte a máis democracia como xeito de solucionar os problemas, escollerá a solución de sempre, máis represión. Lévano no seu “código xenético político”.

En Galicia no mes de abril de 2013

sábado, 13 de abril de 2013

O 25 DE ABRIL DE 1974 E O 6 DE DECEMBRO DE 1978. DOUS RÉXIMES EN CRISE E UNHA SAÍDA



Roberto Laxe

Fai uns días, un sector do parlamento portugués púxose a cantar o “Grandola Vila Morena”, e o primeiro ministro que nese momento estaba a falar, tivo que calar e esperar a que se terminase; imaxinemos aquí que un sector do parlamento puxésese a cantar o himno de Riego (o da Republica), desde as bancadas do PP escoitariamos histéricos berros de “non abramos as feridas do pasado”.

A diferenza entre ambas as reaccións veñen dadas sobre como foi pechada a ditadura portuguesa de Salazar e Caetano, cunha revolución, a do 25 de abril, que limpou o pasado. Agora Portugal é un réxime democrático burgués sometido aos ditados da Troika e a Unión Europea. E o “Grándola Vila Morena” é o himno desa limpeza que nin a mesma dereita pode cuestionar.

No Estado Español sucedeu exactamente o contrario. Mentres os portugueses o 25 de abril derrubaban, sen condicións nin falsos consensos, a ditadura, no 78 aquí pactábase como os axentes da ditadura transitaban a “demócratas” e, no colmo para calquera demócrata, son agora os “administradores” dunhas liberdades que negaron corenta anos,

Por todo iso, mentres os portugueses din “é necesario outro 25 de abril” e para superar a situación actual reivindican a caída da ditadura, nós non podemos reivindicar nada, temos que dicir, abaixo o réxime construido coa constitución do 78. Iso si, a dinámica de ambos os procesos conducen a un mesmo final, a loita contra os réximes actuais, contra a Unión Europea e a Troika, e por verdadeiras transformacións sociais a partir dunha saída obreira e popular á crise.

Isto supón retomar o camiño comezado na folga xeral do 14N, cando a clase traballadora da Península Ibérica xunto cos compañeiros e compañeiras do resto de Europa rexeitaron na rúa, coa mobilización, os planes de axuste e austeridade que están a empobrecelos.

A Confederación Europea de Sindicatos (CES) non vai dar a continuidade que a loita contra eses planes precisa, esta directamente interesada na estabilidade desta Unión Europea e dos seus gobernos. Por elo, é preciso avanzar na construción dun referente sindical e político, combativo e de clase, que desde a mobilización poña en cuestión as bases capitalistas que xeraron esta crise.

Neste sentido, o pasado mes de marzo, en París, constituíse umha Rede Sindical Internacional, coa asistencia de 250 delegados e delegadas de 45 países, europeos e non europeos, que plantéase dar os primeiros pasos para resolver a contradición entre as necesidades sociais, a mobilización que a clase obreira precisa e o carácter reaccionario das actuais direccións sindicais maioritarias que frean constantemente a loita obreira e popular ao servizo dos seus pactos cos gobernos e a Unión Europea.


Galiza, 10 de abril do 2013


jueves, 11 de abril de 2013

EFEMÉRIDES MES DE ABRIL



Carlos Dafonte

Día 1.

1946. Edítase o último número de “O Guerrilleiro”, periódico da Federación de Guerrillas de León Galicia.

Día 3.

1920. Folga xeral en Turín en defensa dos Consellos de Fábrica. Desde o outono do ano anterior se foran constituíndo en Turín toda unha serie de Consellos de Fábrica que levaron a cabo unha grande mobilización o día 3 de decembro. Esta nova organización dentro dos centros de traballo preocupaba moito os empresarios polo que buscaron o enfrontamento cos traballadores, que xurdiu a finais do mes de marzo de ano seguinte, con motivo do debate sobre a hora legal, para tenta-la súa derrota. A discrepancia xurdida foi o motivo para que os patróns pecharas as fábricas e no curso da negociación, introduciron o tema da necesidade da desaparición dos Consellos. A paralización da industria turinesa foi total. Sobre estes acontecementos, nos que o PSI e os sindicatos mantiveron unha posición de pasividade, redactou Gramsci un importante informe, que foi defendido por Lenin no Congreso da Internacional de agosto do mesmo ano, fronte a posición de Bordiga. Gramsci non formaba parte da delegación italiana.

Día 4.

1920. Fúndase o Partido Comunista Obreiro Alemán(KAPD). Foi unha escisión “pola esquerda” do Partido Comunista de Alemaña (KPD), tras aprobarse no Congreso de Heilderberg a liña de Paul Levi, que se considerou “centrista”. Tamén influiu na decisión de separarse a aceptación do desarme do Exército Vermello do Rurh. Tivo os seus principais núcleos organizativos en Hamburgo, Berlín, Bremen e o leste de Saxonia. Contaba con preto de 80.000 membros.
Tentaba implanta-la “ditadura do proletariado”, pero criticando ó modelo soviético ó que cualificaban como “ditadura do partido”, rexeitaban a participación electoral e nos sindicatos reformistas, así como o modelo leninista de partido. Participou xunto co KPD nas xornadas fracasadas de marzo de1921, e foi modelo para a fundación por parte de Pannekoek e Gorter, do Partido Comunista Obreiro de Holanda

1968. Asasinato do dirixente negro estadounidense Martin Luther King, en Menphis, estado de Tennesse. Os intereses do complexo industrial-militar, medorento dun cambio de rumbo e da importancia que estaban a tomar os movementos pacifistas contra a guerra de Vietnam, dos negros polos dereitos civís e o avance revolucionario en América Latina, van levar a cabo toda unha serie de asasinatos no período no que destacan os dos irmáns Kennedy, de Luther King, Malcolm X e numerosos dirixentes dos “Panteras Negras”. En todos os casos, os asasinos non actuaron, ese foi o veredicto das comisións investigadoras correspondentes, dentro dunha conspiración; foron accións individuais. Esperemos que cando pasen os anos en que se consideran secretas, se poida coñecer a realidade de todos estes feitos.

Día 5.

1923. Nace Ernets Mandel. En Alemaña, fillo de Henri Mandel compañeiro de Rosa Luxemburg e Karl Liebnecht, fundadores do Partido Comunista de Alemaña. Desde moi neno tivo contacto cas loitas sociais e o marxismo e viviu en Bélxica onde se exiliaran os seus país por ser xudeus. Ca entrada dos nazis no país, abandonou os estudos universitarios e integrouse na loita da resistencia contra a ocupación, sendo membro da IV Internacional fundada por León Trotski; foi detido xunto con Abrahan León e encarcerado no campo de concentración de Dora, un anexo do de Buchenwal, do que conseguiu escapar. Despois da guerra converteuse no líder dos trotskistas belgas e un dos membros máis novos da dirección da IV Internacional xunto con Michel Pablo, quen foi nos primeiros anos o seu mentor político, ata a ruptura a primeiros dos anos 60. A discrepancia foi a loita de liberación alxerina. Aínda que correndo o risco de ser esquemático, podemos dicir que Mandel consideraba á clase traballadora como o suxeito revolucionario e Pablo os movementos anticoloniais, a loita contra as metrópolis. Despois do debate o primeiro se converteu no principal dirixente da IV Internacional.
Con anterioridade incorporárase ó Partido Socialista Belga, fundando o periódico La Gauche e dirixindo un grupo marxista dentro do mesmo. Foron expulsados do partido despois da folga xeral de 1960, convocada pola Confederación do Traballo de Bélxica contra o pacto entre socialistas e democratascristiáns, pula-lo control obreiro nas empresas e loitar contra a lei de folga. Desde o final da guerra ata os anos 60, foi colaborador en numerosos periódicos e revistas escribindo centos de artigos. En 1967 se graduou en París na Escola Práctica de Altos Estudios e nos anos setenta completa os seus estudos obtendo un doutoramento en 1972, na Universidade Libre de Berlín. Desde mediados dos anos sesenta comeza a etapa de conferenciante marxista en numerosos países, universidades e todo tipo de foros, sendo tamén numerosos os países capitalistas que vetaban a súa entrada para participar nestes eventos.
A partires de mediados dos anos sesenta conseguiu reagrupar a diferentes grupos trotskistas formando o Secretariado Unificado da IV Internacional. Ata a súa morte en 1995 seguiu a ser o membro máis destacado da organización así como da súa sección belga, o Partido Obreiro Socialista. O longo da súa vida utilizo diferentes alcumes para asinar artigos, Ernets Germain, Pierre Gousset, Henri Vallint ou Walter.
Tamén é autor de máis de trinta libros entre os que destacan : “Tratado de economía marxista”, “A formación do pensamento económico de Karl Marx”, “Resposta socialista ó desafío americano”, “Leccións de maio de 1968”, “O fascismo”, “Consellos obreiros, control obreiro e autoxestión”, “Construi-lo partido”, “O capitalismo serodio”, “A concentración económica nos Estados Unidos”, “A recesión xeneralizada”, “As ondadas longas do desenvolvemento capitalista: unha interpretación marxista”, “A crise 1974-1980”, “O Capital: cen anos de controversias o redor da obra de Karl Marx”, “O poder e o diñeiro”.

Día 7.

1962. Comezo da folga mineira en Asturias. Nos anos 1957-58, producíronse importantes mobilizacións nas concas mineiras, aparecendo as primeiras “comisións obreiras” na mina A Camocha, movemento que se estendeu por outros lugares e que contou co apoio e a dirección do PCE. Os cambios introducidos no réxime, o retroceso da familia “falanxista” en beneficio da “opusdeista”, os contactos ca Comunidade Económica, a posta en marcha do Plano de Estabilización, ca conxelación salarial e a suba dos prezos, o xiro na política de oposición aprobado no Partido Comunista, foron elementos, entre outros, que permiten entender as razóns da magnitude desta folga que derrotou ó franquismo. As sancións a sete picadores do Pozo Nicolasa, a consecuencia dunha reivindicación sobre horarios e outras melloras, trouxo consigo a
solidariedade dos compañeiros do pozo o 7 de abril, e despois de toda a conca do Caudal e máis tarde do resto das concas en Asturias e noutros lugares do estado; en 27 provincias houbo actos e folgas de solidariedade, recibindo tamén do estranxeiro numerosas mostras de apoio. Ás detencións de centos de mineiros, ás malleiras e torturas, á declaración do “estado de excepción” responderon as mulleres e unha grande parte da sociedade asturiana ca loita, como peches de comercios, cortes nas estradas, etc, que obrigaron a negociar cos mineiros ó Secretario Xeral do Movemento José Solís Ruiz, tendo que aceptar a xerarquía franquista a maioría das reivindicacións.

Día 9.

1948. Asasinato en Colombia de Jorge Eliecer Gaitán. Líder liberal antiimperialista e defensor das clases explotadas, exerceu como avogado en numerosas ocasións en defensa dos sectores obreiros e campesiños o que lle valeu o aprecio dos sectores populares;posiblemente o mellor orador e axitador de masas de Colombia e América Latina, que actuaba ó marxe da oligarquía que controlaba os dous partidos tradicionais o Liberal e o Conservador. A enorme popularidade que estaba a conseguir amedrentou á clase hexemónica que o asasinou ás 12 do mediodía cando saía do Hotel Continental de Bogotá, fronte o café “O Gato Negro”, en tempos do goberno conservador de Mariano Ospina. O suposto asasino Juan Rosa Sierra, foi detido e linchado pola multitude. Ó coñecerse o asasinato millóns de colombianos saen as rúas a manifesta-la súa reprobación producíndose o que se coñece como “Bogotazo” e tamén o “Colombiazo”, unha insurrección popular, que se fai co control da capital e de outras numerosas poboacións e zonas campesiña; mobilización espontánea que é reprimida moi duramente polas forzas represivas. Segundo numerosos observadores este feito tivo un antes e un despois na historia de Colombia considerándose como o inicio da guerra civil que dura ata os nosos días. Formáronse moitas guerrillas de grupos de liberais, enfrontados ó Partido Conservador, ata que entrou en escena ó Partido Comunista que máis adiante constituirá as FARC, como organización capaz de defender ós sectores máis febles da sociedade, creando as “republiquetas”, territorios liberados, o que fai que os liberais poñan fin á loita guerrilleira diante da ameaza que significa para o sistema o novo actor que entrou en escena.
Este día 9 de abril, en Bogotá as masas asaltaron o Palacio San Carlos, a Nunciatura apostólica, e varios edificios de diferentes institucións e contaron ca axuda da policía que se uniu ós sublevados. Estábase a celebrar en Bogotá o Congreso Latinoamericano de Estudantes; na delegación cubana participaba Fidel Castro, que se entrevistara con Gaitán días antes, e se sumou desde os primeiros momentos ó movemento insurreccional e terminou o día mandando un pequeno grupo de homes armados e de axudante dun xefe da policía sublevada.
Gaitán fora alcalde de Bogotá, parlamentario e ministro de Educación e Traballo e quizais o maior dirixente popular da historia de Colombia, convocante da “marcha do silencia” do 7 de febreiro de 1948, un desfile de duelo polas vítimas da violencia oficial, no que participaron decenas de miles de colombianos e convenceu ós sectores oligárquicos que a elección de Gaitán como presidente era imparable..

1952. Trunfo da sublevación popular en Bolivia. O país vivía nunha ditadura oligárquica imposta polas tres “familias” que eran propietarias do estaño, Patiño, Aramayo e Hoschild, cuxos axentes, avogados e socios, monopolizaban os gobernos e institucións da nación, e tamén lles pertencía a maioría das fabricas, ferrocarrís, bancos, servizos de todo tipo, fornezos eléctrico, de auga, telefonía, etc. A grande maioría da poboación atopábase completamente marxinada da actividade política e na miseria, aínda que contase cunha vangarda obreira, os mineiros, moi combativa e cas ideas moi claras como se puxo en evidencia nas chamadas “Teses de Pulacayo” elaboradas por Guillermo Lora en 1946, inspiradas no Programa de Transición e na Revolución Permanente de Trotski, que serviron de guía non só ó movemento obreiro boliviano, tamén ó de outros países de América Latina.
O sistema oligárquico entra en crise ca grande depresión mundial de 1929 e ca chamada “guerra do Chaco”, que enfronta ó pais con Paraguay e poñen en evidencia as limitacións do estado burgués e da súa economía, abrindo un período de grandes loitas políticas, no que destaca a guerra civil de 1949, as constantes matanzas de traballadores e o asasinato do presidente Villaroel, aforcado nunha praza pública. En 1951 gaña as eleccións o Movemento Nacionalista Revolucionario, liderado por Víctor Paz Estensoro e Hernán Siles Zuazo, partido reformista, nacionalista pequenoburgués. A reacción oligárquica foi a de formar unha Xunta Militar para impedir a chegada ó goberno do MNR, o que vai producir unha revolta que comezou na Paz polas milicias nacionalistas, pero o que é determinante é a entrada no escenario das milicias mineiras na capital e en Oruro, ó día seguinte, onde derrotan completamente ó exército da oligarquía e se estende a revolta por todo o país. Nestas xornadas púxose en evidencia a fortaleza da clase obreira que funda o 17 de abril, ó calor da revolución, a Central Obreira Boliviana (COB), dirixida por Juan Lechín do MNR.
Un dos problemas da revolución foi a inexistencia dun partido da clase obreira forte, o POR non quixo xogar o papel dirixente que lle correspondía, polo que se fixo co poder o MNR, que pulado pol@s traballador@s e campesiñ@s tivo que tomar algunhas medidas como a aprobación do sufraxio universal, a nacionalización das minas, a disolución do exército derrotado polo pobo e a súa substitución por milicias populares. Pero o MNR, unha vez no poder e pasados os primeiros momentos de pulo revolucionario, adicouse a reconstrui-lo estado burgués, e como non podía suceder doutro xeito, levou a un exército reconstruído a dar un golpe de estado no ano 1962 en favor dos sectores oligárquicos.

Día 10.

1919. Asasinato de Emiliano Zapata. A revolución mexicana contou con dous líderes populares por enriba de outros, Pancho Villa xefe dos exércitos do norte e Emiliano Zapata que asinaba como xeral en xefe das forzas do sur. De orixe campesiño, apoiou o latifundista Francisco Madero fronte a ditadura de Porfirio Díaz, pero pronto abandonou ó novo presidente cando se decatou que as súas reformas non ían soluciona-lo problema campesiño; Zapata presentou o Plano Ayala, redactado por Otilio Montaño, que establecía que a terra fose de quen a traballaba; unha vez asasinado Madero loitou contra a ditadura de Victoriano Huerta a quen apoiaba os EEUU, e contra o presidente constitucional Venustiano Carranza cuxos axentes tendéronlle unha trampa en Morelos, onde foi asasinado.

Día 12.

1927. Masacre de comunistas en Sanghai. (Ver efemérides do mes de marzo).

Día 13.

1873. Matanza de Colfax en EEUU. Produciuse como consecuencia das eleccións a Gobernador do estado de Luisiana, que nestes tempos e neste estado, sempre deron lugar a enfrontamentos violentos entre os republicanos e os demócratas. Neste ano, os dous candidatos consideráronse vencedores e diferentes organismos electorais deron vencedor a un e outro. Naqueles tempos, rematara a guerra civil facía pouco, os republicanos representaban ós sectores menos favorecidos da sociedade ó contrario que os demócratas que se nutrían fundamentalmente de brancos racistas, contrarios ó norte e que non aceptaban a existencia de negros liberados, moitos armados pois loitaran na guerra cos abolicionistas. Pois ben na disputa electoral, un grupo de brancos armados atacou ós afroamericanos libertos e da milicia, asasinando a máis de 150 de eles. Non hai que esquecer que neses tempos creárase o KKK, unha organización partidaria da supremacía branca.

1919. Masacre de Jallianwala Bagh na India. Tamén coñecida como masacre de Amristar, cometida polas tropas británicas cando dispararon contra unha multitude desarmada formada por sijs, hinduistas e mahometanos que celebraban un festival relixioso cultural ó tempo que desafiaban a prórroga do estado de excepción decretado polo goberno británico, amparándose na existencia de actividades subversivas na zona. As tropas, que estaban mandadas polo xeral Reginald Dyer pecharon as saídas do enorme patio rodeado de murallas onde se xuntaran, e dispararon contra a multitude producindo máis de 1800 mortos e miles de feridos. Este suceso vai ter enorme influenza nas relacións entre India e Gran Bretaña e será causa do inicio da campaña de desobediencia encabezada por Gandhi a partires de 1920. O premio Nobel de Literatura Rabindranath Tagore, renunciará ó seu título de “sir” e no caso contrario o escritor colonialista Rudyard Kipling, apoiou a Dyer e iniciou unha recadación pública de cartos para axudalo.

Día 14.

1931. Proclamación da II ª República no estado español. Unha vez que a monarquía considerou que a persistencia da ditadura do xeral Primo de Rivera, podía poñer en perigo a existencia da institución, pola cantidade de inimigos que a súa política concitaba, Alfonso XIII destituíu o ditador iniciándose un período de transición que se coñece como a “ditablanda” que conta con dous presidentes de goberno, o xeral Berenguer e despois da dimisión deste, o almirante Aznar, que tenta desvia-la atención posta na dicotomía monarquía ou república, convocando unhas eleccións municipais para o 12 de abril de 1931, como paso previo a unhas a Cortes de carácter constituinte. Tentábase esquecer os oito anos de ditadura e a complicidade e o apoio entusiasta da monarquía á mesma.
Con anterioridade ás eleccións vanse producir entre outros, dous acontecementos salientables, a sublevación dos capitáns de afiliación comunista Galán e García Hernandez en Jaca, en decembro e o seu fusilamento, e a xuntanza de todas as forzas republicanas do estado, incluídas as galegas, que asinan o chamado “Pacto de San Sebastián” en agosto, no que se comprometían a dar unha alternativa á monarquía e formouse un “comité revolucionario” que debíase converter no futuro goberno provisorio da futura república.
En Galicia asinárase o Pacto de Lestrove” resultado da asemblea celebrada o 26 de marzo de 1930, promovida pola ORGA e o Partido Radical, que contou ca presencia doutras organizacións, ata completar unha asistencia de preto de 60 participantes.
Nas eleccións municipais do 12 de abril, aínda que os monárquicos acadaron maior número de concelleiros, as listas republicanas gañaron en todas as capitais de provincia agás Ourense, na maioría das cidades e nas zonas industriais e de maior nivel económico. Redondela foi o primeiro municipio en proclama-la república, seguido por Eibar e a partires dese momento proclamouse en numerosas cidades e pobos. O rei tenta recurri-lo exército para manterse no trono, pero cando non conta co apoio unánime do mesmo abandona o país proclamándose, entre o entusiasmo popular, a II ª República. En Cataluña proclamouse a República Catalá. A república vai vir nunhas circunstancias políticas e económicas moi difíciles, no medio da grande depresión iniciada en 1929 e do ascenso do fascismo e o nazismo e a postura vacilante das chamadas “democracias” fronte ó mesmo.

Día 15.

1938. Morre en París Cesar Vallejo, comunista e poeta peruano. Moi enfermo desde principios do ano, ten que deixar de traballar como profesor de literatura. O 24 de marzo foi ingresado nun hospital falecendo o día 15 do seguinte mes. No seu enterro o eloxio fúnebre correu a cargo do poeta e camarada Louis Aragón. Entre setembro e novembro do ano anterior escribira as súas últimas composicións líricas para os poemarios “Poemas humanos” e “España, aparta de mi este cáliz”.

Día 16.

1930. Morre José Carlos Mariátegui. (Ver efemérides mes de xuño)

Día 17.

1961. Invasión de Cuba por “Bahia de Cochinos”. Desde o trunfo da Revolución Cubana o presidente Einsenhower, tento frustra-los devezos do pobo que saía de ducias de anos de ditaduras impostas polos EEUU. Desde finais do ano 1959, grupos de cubanos que non aceptaban a nova realidade foron captados pola CIA que recibiu, en marzo de 1960 o encargo de crear unha unidade paramilitar co obxectivo de derruba-lo proceso revolucionario. Formouse así un grupo chamado Brigada 2506 no que había numerosos exmilitares das forzas de Batista, sobre todos pilotos, que loitaran contra a guerrilla revolucionaria. O plano era desembarcar, crear unha zona controlada e establecer un goberno que fose recoñecido polos EEUU, que inmediatamente enviaría tropas na súa axuda. Un primeiro plano, chamado “Plano Bisell”, foi modificado despois do trunfo de Kennedy nas eleccións presidenciais, e o desembarco agora sería en “praia Girón”, na “Badía de Cochinos”, previo ataque contra a forza aérea revolucionaria. De madrugada, desembarca a Brigrada 2506 e aínda que avanza varios quilómetros o espacio aéreo é dominado pola forza aérea revolucionaria e os barcos de apoio son afundidos polo que numeroso material non pode ser desembarcado. O día 19 a derrota da invasión é total. Fidel Castro e o comandante revolucionario Xosé Ramón Fernández, “Gallego”, participan na ofensiva final que se salda con máis dun centenar de mortos e 1189 capturados. Algúns oficiais do exército de Batista foron xulgados e executados; no ano 62, o resto dos detidos foron liberados a cambio de 53 millóns de dólares que os EEUU, pagaron en alimentos, menciñas e tractores.

Día 19.

1919. Motín en barcos franceses que atacaban á Rusia soviética. Os acorazados Jean Bart e France foron enviados polo goberno francés ó Mar Negro para apoia-los “rusos brancos” na súa loita contra a revolución soviética. Liderados polo xefe de maquinas do primeiro, André Marty, que máis tarde será un dirixente do Partido Comunista Francés, os dous barcos se van sublevar. As condenas ós sublevados será moi importantes.

Día 21.

1907. Nace Enrique Lister, en Ameneiro, A Coruña. Foi o terceiro de sete irmáns, cinco varóns e canteiros como o seu pai e dúas mulleres. Moi novo marcha a Habana reclamado polo seu pai e traballa en diferentes oficios ó tempo que estuda no Centro galego. En 1924, cando se funda o sindicato de canteiros foi elixido delegado. Cando volve a Galicia tenta poñer en marcha o sindicato de canteiros de Teo-Ames e foi detido dúas veces por enfrontamentos ca Garda Civil. En 1927 atópase de novo en Cuba e ingresa no Partido Comunista Cubano no mes de abril, marchando para Nova Iorque a causa da persecución de ditadura de Machado, pero ó non poder desembarcar, chega a Coruña onde é detido. Posto en liberdade en 1929, xa como militante do PCE, traballa a nivel sindical o que lle leva a novos enfrontamentos cas forzas represivas que o levan de novo á cadea sendo liberado en maio de 1931. Elixido presidente do sindicato tamén o é como delegado ó IV Congreso do PCE. Os graves enfrontamentos con membros dun sindicato amarelo dirixido pola igrexa o levan escapar a Madrid, París e Berlín e máis tarde á URSS entrando a estudar na Academia Político-Militar Lenin, especializada na formación política dos cadros militares e na Academia Frunze do Exército Vermello. Durante o período de estudante formou parte dunha brigada que traballaba nas obras do metro de Moscova. Unha vez de volta, o PCE encárgalle a organización das Milicias Antifascistas Obreiras e Campesiñas, xunto a Juan Modesto e Juan Fernández.
No momento da sublevación fascista en 1936, incorpórase ás milicias populares e intervén na derrota da sublevación nos cuarteis de Madrid, tivo un destacado papel na creación do Vº Rexemento e foi nomeado responsable dunha das columnas que se dirixen á serra do Guadarrama, intervindo na batalla do Alto dos Leóns co grao de tenente e co de capitán manda dúas compañías do V Rexemento creado polo PCE e máis tarde comandante do mesmo.
Cando se crea o Exercito Popular regular, Enrique Lister é nomeado xefe da 1ª Brigada Mixta formada por diferentes batallóns entre o que se atopaba o das “Milicias Populares Galegas”, participando na defensa de Madrid e na batalla do Jarama. Máis tarde como comandante en xefe da 11 ª Divisións, a unidade mellor preparada do exército republicano, combate nas batallas de Guadalajara, Brunete e Aragón. Foi encargado persoalmente polo ministro de defensa, o socialista Indalecio Prieto da disolución do “Consello Rexional de Defensa de Aragón”, que estaba en mans anarquistas. Despois da vitoria en Teruel se lle ascende a Tenente Coronel e máis tarde como coronel intervén na batalla do Ebro. Tra-la queda de Cataluña pasa a Francia e o pouco tempo atópase en Madrid para poñerse ás ordes do goberno de Negrín, que o nomea xefe do Exército de Estremadura. Tra-la derrota marcha a URSS estudando na Academia Frunze e na guerra mundial participa co grao de xeral do exército vermello en varias batallas na zona de Ucraína. Tamén foi nomeado xeral do exército polaco e iugoslavo
A partires de 1945 o PCE encárgalle a responsabilidade do movemento guerrilleiro, e cando é perseguido en Francia, marcha a Praga onde leva a responsabilidade da emigración e a relación cos partidos da Europa supostamente socialista. En 1956 volve a París e como membro da dirección do PCE, mantén toda unha serie de discrepancias ca maioría da mesma sobre o desenvolvemento político nos países da Europa de Leste, sobre todo despois da entrada do exército do Pacto de Varsovia en Checoslovaquia en agosto de 1968, e das posicións de Santiago Carrillo asumidas pola maioría do PCE, que o levan a abandona-lo partido en 1970 e fundar en 1973 o Partido Comunista Obrero Español do que foi secretario xeral. Unha vez Carrillo foi expulsado volveu ó PCE en abril de 1986. Faleceu o 8 de decembro de 1994 en Madrid. Deixou escritas varias obras: “A nosa guerra”, “Lembranzas dun loitador”, “¡Basta!” e “Así estragou Carrillo o PCE”

1947. Morre Manuel Ponte Pedreira, “Fontao”. Xastre de profesión, unha vez finalizada a guerra, penou cárcere nas prisións de Santiago e Coruña onde comezou a militar no Partido Comunista. Posto en liberdade en 1943, incorporouse á guerrilla que actuaba nas comarcas de Oredes -As Mariñas, sendo elixido no verán de 1946 xefe da IV Agrupación Guerrilleira de Galicia, iniciando o movemento guerrilleiro unha forte actividade contra as forzas represivas, os falanxistas e publicando o periódico “O Guerrilleiro” que se espallaba por numerosas zonas da xeografía galega. A finais de 1946 fixo chegar unha carta o embaixador británico no estado español, onde denunciaba o cinismo das potencias que se dicían democráticas, apuntalando ó réxime franquista o tempo que denunciaba a miseria e a represión do pobo galego. A actividade das forzas represivas aumentou considerablemente a partires de 1947 e Ponte e outros guerrilleiros foron cercados por numerosas forzas da Garda Civil en Frades. Ponte e dous compañeiros morreron na acción e outro guerrilleiro conseguiu fuxir.

Día 22.

1870. Nace Vladimir Ilicht Ulianov, “Lenin”. Neste blog hai unha cronoloxía sobre a súa vida.

Día 24.

1916. Conferencia de grupos de esquerda da Internacional en Kienthal. O Manifesto da Conferencia celebrada en Zimmerwald era letra morta, polo que a Comisión por ela creada vai convocar unha nova Conferencia en Kienthal, para continua-la loita contra a guerra. Houbo 43 delegados e a esquerda da conferencia de Zimmerwald, os partidarios de Lenin, aumentaran. A orde do día estaba formado por 1º Acción a desenvolver para conseguir poñer fin á guerra. 2º. Actitude do proletariado fronte a paz. 3. Axitación e propaganda entre as masas e nos Parlamentos. 4. Convocatoria do Buró Socialista Internacional. O último punto foi o que provocou máis discusión, pois no fondo do que se trataba era se a II Internacional debía seguir existindo ou si unha ruptura debía provoca-la súa desaparición. Para prepara-lo proxecto de resolución elixiuse unha comisión de sete membros, entre os que estaba Lenin e contra do seu parecer, se aprobou que o Buró sería convocado, se lle daría un voto de censura, o Comité Executivo debía ser substituído por outro e os socialistas que houbesen entrado nos gobernos , expulsados. A resolución redactada por Lenin non foi aprobada, pero a á esquerda saíu reforzada da Conferencia.

1924. Nace Hugo Miguel Bressano, máis coñecido polo seu alcume de Nahuel Moreno. Dirixente trotskista arxentino naceu en Ribadavia, provincia de Bos Aires, no seo dunha familia acomodada politicamente ligada á Unión Cívica Radical. A súa infancia transcorre no que se chama na Arxentina, a “década ominosa”, toda a dos anos 30, marcada pola depresión de 1929, falla de liberdades, corrupción xeneralizada, persecución dos opositores e constantes fraudes electorais. Aínda que a Miguel Bressano non lle gustaba a política, vai ser un traballador marítimo, apelidado Faraldo, quen o vai a iniciar ingresando no Partido Obreiro da Revolución Socialista, de ideas trotskistas, en 1942. Esta organización tentaba unificar as diferentes correntes trotskistas arxentinas, pero vai fracasar e Bressano será expulsado do mesmo. Esta primeira experiencia política a recollerá no folleto “Tres meses de mi vida en el confusionismo”. Despois militou na LOR, grupo dirixido por Liborio Justo que vai ser que lle poña o alcume que utilizará toda a súa vida, “Nahuel Moreno”. Unha vez abandonada a LOR vai fundar, en 1944 o “Grupo Obreiro Marxista”, cuxo documento fundacional “O Partido” foi redactado por Moreno, cun obxectivo claro, integrarse no movemento obreiro de Avellaneda, o que vai conseguir pero con serias dificultades pola súa crítica ó peronismo ó que caracterizaba como “a vangarda da ofensiva capitalista contra as conquistas obreiras”. En 1948 cambiará o nome da organización polo de
Partido Obreiro Revolucionario e participará no II Congreso da IV Internacional. En 1953, prodúcese un xiro estratéxico na organización comandada por Moreno e inicia a practica-lo “entrismo” na organización peronista Partido Socialista da Revolución Nacional, o que lle leva a dominar a organización de Bos Aires. Pero o POR se vai transformando primeiro en Movemento de Asembleas Obreiras (MAO) e despois en Palabra Obreira co periódico homónimo. Crítico ó principio ca revolución cubana, unha vez vitoriosa, conflúe co FRIP creado por Santucho e xuntos fundan, en maio de 1965, o Partido Revolucionario dos Traballadores (PRT), que se escindirá nas correntes A Verdade, partidaria da loita de masas dirixida por Moreno e O Combatente, partidaria da loita armada dirixida por Santucho. En 1972 fundou o Partido Socialista dos Traballadores (PST), capaz de xogar na legalidade e formará con outros o “bloque dos 8” en defensa da democracia e evitar un golpe militar. Na ditadura tivo que exiliarse e a organización sufriu a desaparición de varios centos de militantes.
A cuestión da revolución nicaragüense e o envío da Brigada Simón Bolivar, foi motivo de ruptura ca IV Internacional e con Mandel.
Máis tarde fundou o MAS e a nivel internacional da LIT-CI. Morreu no ano 1987.
Entre as súas obras destacan “O marco histórico da revolución húngara”, “A revolución permanente na potsguerra”, “Teses sobre a Fronte Única Revolucionaria”, “Dous métodos fronte á revolución latinoamericana”, “Lóxica marxista e ciencias modernas”, “Actualización do Programa de Transición”, “Revolución e contrarrevolución en Portugal”.

1942. Creación en Ferradillos, preto de Ponferrada, da Federación de Guerrillas León-Galicia. 24 guerrilleiros de todas as tendencias políticas xuntábanse, constituíndo unha organizacións na que participaban combatentes do sueste de Lugo, leste de Ourense e oeste de León. Foi xermolo doutras organizacións guerrilleiras que xurdiron máis tarde. Nela había comunistas, socialistas, anarquistas e antifranquistas sen apelidos. Tentaron agrupar tamén os que actuaban en Asturias, pero estes crearían ó ano seguinte o chamado Comité de Milicias Antifascistas. Un aspecto esencial do grupo foi a creación dos apoios de xente non combatente, que se denominou Servizo de Información Republicano (SIR). Foron tamén estruturadas diversas “zonas de acción”: O Bierzo, A Cabrera, o norte da provincia de León e as limítrofes de Lugo e Ourense. Un dos seus máximos dirixentes foi Manuel Girón

1965. Sublevación popular na república Dominicana que derruba á ditadura. Despois do asasinato do ditador Leónidas Trujillo en 1961, un moneco sanguinario ó servizo do imperialismo norteamericano que mantivo unha brutal ditadura de varias decenas de anos, nas primeiras eleccións para elixir presidente celebradas no país en 1962, trunfa Juan Bosch, un intelectual reformista, que pula a aprobación dunha constitución, estimulou a participación de todos os sectores sociais na vida política iniciándose unha mobilización das clases populares, obreiros, campesiños e marxinais, o que vai crear numerosos conflitos sociais como non podía ser doutro xeito, pois a loita de clases faise patente. Diante desta situación política de existencia dunha democracia, os EEUU non queren que o exemplo da Cuba revolucionaria poida estenderse, e promoven un golpe de estado por parte de militares “neotrujillistas” en 1963, que se atopan cunha forte resistencia popular que culmina en abril de 1965 ca sublevación de oficiais novos partidarios de Bosch, liderados polo comandante Francisco Caamaño, partidarios da implantación de novo da Constitución de 1963. Cando os militares golpistas atacan as gornicións constitucionalistas, estes entregan armas ó pobo que inclina a vitoria para o seu bando. Diante desta situación os EEUU desembarcan unha forza de preto de 40.000 militares de diferentes armas. O 3 de maio Caamaño e nomeado presidente da República. Despois de numerosos enfrontamentos cas tropas norteamericanas estas van inclinando a balanza ó seu favor, producen numerosas masacres entre a poboación civil, chegándose a unha negociación en setembro, que devolve o poder á oligarquía e disolve as estruturas de poder popular. Caamaño marchará cara a Gran Bretaña a ocupar un posto diplomático. Máis tarde marchará a Cuba clandestinamente e será asasinado a súa volta á República Dominicana para poñer en marcha a acción guerrilleira contra do réxime importo polos EEUU.

Día 25.

1936. Nace o poeta guatemalteco Otto René Castillo. En Quetzaltenango. Desde moi novo comezou a militar no Partido Guatemalteco do Traballo. En 1953 co goberno de Jacobo Arbenz foi elixido Presidente da Asociación de Estudantes. Ó ano seguinte con motivo do golpe de estado contra o goberno democrático, exiliouse en O Salvador continuando a loita nas filas do Partido Comunista e traballando en diferentes oficios. Foi moi amigo do tamén poeta e comunista salvadoreño Roque Dalton. De regreso a Guatemala comeza a estudar Dereito e Ciencias Sociais. En 1958 concedéronlle unha beca para estudar na República Democrática de Alemaña onde estudou en Leipzig Lingua e Literatura. En 1962 ingresa na Brigada Joris Ivens, configurada por un grupo de cineastas que tentaba filmar as loitas revolucionarias dos pobos latinoamericanos. Regresou a Guatemala en 1964 compaxinando a loita revolucionaria cas actividades culturais e a dirección do Teatro de Municipalidade de Guatemala. Foi detido en 1965 e enviado ó exilio, nomeado membro do Comité Organizador do Festival Mundial da Mocidade a celebrar en Alxeria, o que lle permite percorrer numerosos países e Cuba, onde permanece varios meses. En 1966 regresa clandestinamente ó seu país e integrase como responsable de propaganda na Fronte Edgar Ibarra, das Forzas Armadas rebeldes. Ferido en combate en marzo de 1967, falece como resultado da tortura. O longo da súa vida recibiu varios premios pola súa obra poética, o Centroamericano de Poesía de 1955, o internacional de Poesía de Budapest, o Filadelfio Salazar, etc. A obra poética dos seus últimos anos foi recollida no “Vámonos patria a caminar”; Casa das Américas de Cuba, fixo unha Antoloxía baixo o título de “Poemas”

1974. Comezo da sublevación militar en Portugal que pon fin á ditadura. A sublevación militar dunha parte do exército portugués pon fin á ditadura máis longa de Europa iniciada en 1926 co profesor Oliveira Salazar como Presidente. Esta acción trouxo consigo a queda do chamado “Estado Novo”, o enxendro de carácter ditatorial fascista que había en Portugal, alicerzado na represión e na conculcación de todo tipo de dereitos. O presidente da transición foi o xeneral Spínola, un amigo de Franco, pero que fora destituído polo Presidente da República Marcelo Caetano por non estar de acordo co curso seguido pola guerra nas colonias. En 1973 nace o “Movimento das Forças Armadas”, constituído por unha serie de oficiais que tentan un levantamento militar en Caldas da Rainha en marzo de 1974; o fracaso trae consigo detencións e traslados forzosos entre os militares implicados, o que acelera os planos para o golpe de estado que se produce a partires das cero horas do día 25 de abril. A canción de Xosé Afonso “Grándola vila morena” transmitida pola radio é a consigna para poñer en marcha o operativo que coordina o maior Otelo Saraiva de Carvalho.
En poucas horas a ditadura se ven abaixo, os militares sublevados toman as rúas e millóns de portugues@s lles acompañan a pesares dos chamados a quedar nas casas, a revolución está en marcha. O único grupo do réxime que tentou resistir foi a PIDE, a brutal policía política o que produciu algúns mortos entre os manifestantes. O día seguinte o MFA controlaba todo o pais, e comeza un proceso de loita de clases, que vai pasar por diferentes estadios e no que interveñen as potencias imperialistas, ata que se consolida o trunfo das forzas máis moderadas favorables o capitalismo.

Día 27.

1937. Falece Antonio Gramsci. Moi enfermo desde 1934, foi trasladado, a diferentes clínicas, a última foi a “Quissisana” de Roma, onde ingresou en agosto de 1935, sempre cunha enorme vixilancia policial. Padecía mal de Pott, tuberculose pulmonar, unha hipertensión moi elevada, ataques de gota e outros problemas.

Día 29.

1965. Tropas dos EEUU invaden a República Dominicana para poñer fin o proceso revolucionario.

1992. Insurrección popular na cidade de Los Angeles, EEUU. Os balbordos estalaron cando un xurado composto por membros de raza branca absolveron a catro policías que lle deran unha brutal malleira a un negro, Rodney King, que foi gravada por un vídeoaficionado. Pero as causas reais foron a crise económica que golpeaba as zonas de residentes negros, o racismo da policía e os xuíces, que poucos días antes deixaran cunha leve condena a un tendeiro que matara a unha moza negra, que lle roubara unha larpeiradas. Os balbordo duraron varias xornadas, que foron televisadas en directo por diferentes cadeas, producíndose nos enfrontamentos ca policía e a Garda Nacional, decenas de mortos, miles de feridos e máis de dez milleiro de detidos. 1100 edificios estragados e os danos calculáronse en máis e 900 millóns de dólares.

Día 30.

1937. Nace en Cochabamba, Bolivia, “Inti” Peredo. Fillo do escritor e periodista director do diario católico “El Imparcial”, Rómulo Peredo. De moi neno vai vivir a Trinidad, departamento do Beni, onde pronto mostra grande atención ós numerosos problemas sociais e vai destacar no seo da Xuventude Comunista chegando a ser o seu secretario. Foi tamén un dos organizadores do Partido Comunista Boliviano en el departamento, xunto con Rodolfo Saldaña, Jorge“Loro” Vazquez Viana e o seu irmán menor “Coco” Peredo. Viaxa a Chile e Moscova para cursos de formación. Cando era membro do Comité Central do partido racha ca liña do secretario xeral Mario Monje e presta axuda á constitución do Exército de Liberación Nacional de Perú e á guerrilla de Salta, Arxentina, liderada polo periodista Ricardo Masetti, que formaban parte do plano ideado polo Che Guevara. Integrouse na guerrilla do Che en Bolivia e a morte deste, xogou un importante papel que permitiu a saída dos sobreviventes e reorganiza-lo exercito guerrilleiro. En 1969 regresou a Bolivia clandestinamente e fixo público o manifesto “Volveremos a la Montaña” no que manifestaba o reinicio da loita guerrilleira. Descuberto nunha casa de La Paz é feito prisioneiro, despois dun combate cas forzas represivas, e asasinado o 9 de setembro.

1926. Fundación da Liga Antiimperialista das Américas. Descoñezo o día da súa fundación, sei que foi en abril. Creouse nunha quincena de países americanos incluíndo os EEUU, onde se foran creando Ligas con anterioridade a súa coordinación. Na mesma tentábanse conxugar, aínda que non foi fácil, posicións comunistas de organizacións obreiras e campesiñas, cas reivindicacións antiimperialistas de sectores burgueses e liberais. Segundo os meus datos, a primeira dirección estaba formada por Luis G. Monzón, Juan Antonio Mella, Diego Rivera e Hernán Laborde. A primeira campaña internacional levada a cabo pola Liga, foi a de Mans Fora de Nicaragua de apoio ó xeral Sandino na súa loita por expulsa-los norteamericanos do país.