A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 17 de abril de 2013

"ESCRACHES"


Carlos Dafonte

Con este termo denomínase a acción dun grupo de elector@s, algún é de supoñer dado o número tan elevado de votos que tivo o PP, que sexan dese partido, realizan para lembrarlles @s deputad@s e senador@s, que @s elector@s existen entre votación e votación e deben ser tidos en conta cando se vai lexislar sobre aspectos tan importantes como é neste caso, a lei hipotecaria da que depende que che quiten a vivenda, sobre todo cando a Unión Europea considera esta lei como contraria os dereitos da cidadanía. Unha Lei Hipotecaria de principios do século pasado que nin PSOE nin PP nestes anos fixeron nada por cambiala e cando algo fixeron, como no caso do primeiro, foi para axilizar máis os desafiuzamentos.
A dereita, e estou seguro que o PSOE de estar na mesma circunstancia reaccionaría do mesmo xeito que o PP, tenta terxiversa-la situación, considerando un feito moi grave que os electores se queiran poñer en contacto cos elixidos para facerlles ver cal é a solución máis xusta ó problema que centos de miles de cidadáns padecen, por culpa dunha crise que non xeraron, como pode ser quedar na rúa, sen vivenda e cargados de débedas para o resto das súas vidas e das dos seus fillos.
Nestas circunstancias debíamos de estar a falar do modelo de democracia, da calidade da que nos dotamos na transición, despois da ditadura, e chegar á conclusión que un elemento fundamental da mesma debe ser o control dos elixidos por parte dos electores, cuestión que no estado español no existe.
A dereita conservadora e reaccionaria, utiliza esta falta de control para maltratar ó electorado, mantendo á marxe de toda información e o que é aínda peor, considérase con capacidade para cambiar radicalmente o programa presentado nas últimas eleccións e que é un feito normal sobre o que non debe dar explicación algunha, agás a estulticia de que non coñecían as contas reais; o PP ten os mecanismos necesarios para, sen estar no goberno, coñecela realidade da economía española.
O teño repetido en numerosas ocasións, desde o meu punto de vista, non son os votos os que lexitiman a un goberno senón o cumprimento do programa presentado que é o contrato que establece con quen lle vota e o que lexitima a súa actividade. O que esta a acontecer no estado nestes anos, que se agudizou nos meses do PP no cargo, é a ruptura total do consenso nun sistema que garantía certa dose de convivencia, ó marxe das tensións que en toda sociedade capitalista, xera a loita de clases.
A maioría da cidadanía observa incrédula, pero con un aumento cada vez maior da súa furia, e nesas circunstancias é difícil ser educado, como aumentando a súa contribución ás administracións do estado mediante os impostos, a rebaixa dos seus salarios e pensións, etc., só serve para desmantelar iso que chamamos salario indirecto, que son os servizos básicos dos que ata hoxe, aínda moi deficientes respecto a UE-15, gozaba.
O PP debe comprender, como se ven poñendo de manifesto desde que a crise se manifestou dun xeito máis virulento, que a súa actuación, como a do partido da alternancia, son das causas fundamentais de que o réxime plasmado na constitución de 1978 teña perdido lexitimidade, para unha parte moi importante da cidadanía, que cada vez máis o pon en cuestión, sobre todo por non recoller, as institucións que se someten ó veredicto das urnas, aquelo que os votantes pensan e que en momentos tan graves para a maioría da xente, decátanse que non contan absolutamente para nada para aqueles a quen elixiron, que non teñen sobre eles o máis mínimo control, e que deputados e senadores traballan máis en función das necesidades do partido ou de poderes non democráticos, existentes no estado e en Europa, que das necesidades de quen os elixe.
Os elixidos deben render contas diante de quen os elixiu, e o sonsonete de que se non están de acordo ca súa actuación, que non os voten nas próximas eleccións, non é propio dun sistema democrático; tampouco o é comparar os “escraches” ca actitude dos nazis, quen utiliza este tipo de argumentos amosan un descoñecemento total da historia, tanto sexan voceiros do PP como os intelectuais orgánicos no que se teñen convertido moitos periodistas que esquecen o seu labor, que é o de informar, e adícanse preferentemente á defensa do partido no goberno.
En primeiro lugar porque o voto non é un “cheque en branco” que lle das a un partido e que poida encher co que lle de a gaña, os elixidos teñen a obriga de cumprir o estipulado no contrato que é o programa presentado, e en segundo lugar por que os nazis asaltaban arrabaldes obreiros e xudeus co beneplácito e a complicidade do poder que detentaba a clase hexemónica, a burguesía industrial e os latifundistas, os junkers, que eran quen financiaban a súa actividade. Facer esta comparación é confundir as vítimas cos verdugos Os cargos públicos do PP non poden ir de vítimas, o son aqueles que por culpa das medidas por eles tomadas, que non estaban no programa electoral, quedan sen traballo, se lles rebaixan pensións e salarios e non poden facer fronte a unha hipoteca, e como consecuencia se quedan sen casa e cargados de débedas. Os “escraches” son unha especie, e pido perdón pola comparanza, en política, do “cobrador do frac”, que lembralle a alguén que ten unha débeda que ten que pagar, e ningún goberno ten dito polo de agora, que a actuación de esas empresas fora un delito.
Estou convencido que o PP ten nas súas mans rematar cos “escraches”, facendo o que é a súa obriga, que os elixidos do seu partido se comporten democraticamente e que os deputad@s e senador@s fagan o que é o seu deber, facer asembleas polas circunscricións nas que foron elixidos para escoitar o que os electores e afectados polas medidas tomadas, lles queiran facer chegar, e que as súas suxestións sexan tidas en conta. Que deixen de tomar en consideración as dos poderosos, que é verdadeiramente ó servizo de quen actúan.
Pero un partido antidemocrático nunca vai facer iso, fronte a máis democracia como xeito de solucionar os problemas, escollerá a solución de sempre, máis represión. Lévano no seu “código xenético político”.

En Galicia no mes de abril de 2013

1 comentario:

  1. totalmente de acuerdo con el análisis.
    gracias por tus comentarios que nos ayudan a clarificarnos.

    ResponderEliminar