A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 5 de abril de 2013

GALICIA PRECISA DUN CAMBIO DE RUMBO


Carlos Dafonte

Despois de máis de trinta anos de autogoberno, con importantes competencias asumidas, outras aínda non o foron, e cuantiosas cantidades de euros procedentes dos impostos do estado ou da UE, xestionados polas institucións galegas, as clases traballadoras atópanse nunha situación de precariedade só previsible como consecuencia de quen nestes anos xestionou o poder en Galicia e en beneficio de quen o fixo. E dicir, se miramos a realidade desde a perspectiva da loita de clases, única que nos permite coñece-la, podemos afirmar que nestes anos xestionouse só en favor dos poderosos, na idea trabucada propia do neoliberalismo, de que só eles poden crear postos de traballo e riqueza e polo tanto é necesario que teñan os bolsos cheos.
A realidade, que sofren de distinto xeito @s asalariad@s e os que non o son, indica que todos os datos a nivel económico son desfavorables; non converxemos cas autonomías con maior capacidade económica e a crise posiblemente faga máis difícil esta converxencia; seguimos a ser a única autonomía pluriprovincial que non ten a ningunha das súas provincias por enriba da media de riqueza do estado. Aumentan os desequilibrios de todo tipo entre a Galicia interior e a costeira. Segue o proceso de desindustrialización e o paro e a emigración, grazas as dúas últimas reformas laborais, atópanse nuns niveis, inaceptables ata para o sistema capitalista e continuarán aumentando nos vindeiros anos. O sector primario, gandaría e pesca teñen enormes problemas estruturais que levan a ruína a unha parte importante do mesmo; nun diario de Galicia, do mes de novembro pasado titulaba “tres milleiros de granxas lácteas galegas atópanse o borde de suspender pagos” situación que se está a dar desde hai moitos anos sen que se lle busque desde Galicia, nin desde a administración do estado, solucións e o sector pesqueiro segue a recibir cartos para continuar co desguace de barcos. Co outrora poderoso sector naval nunha completa decadencia, a pesares das patéticas aseveracións tanto de Feijoo como do ministro Montoro sobre a “carga de traballo” e as boas perspectivas. Co ataque constante contra o idioma e a nosa cultura desde as institucións propias. Cunha sociedade envellecida, e polo tanto con poucas perspectivas, que sofre constantes agresións contra dereitos básicos como a sanidade, pensións, garantía dos seus aforros, acadados a maior parte das veces nunha vida chea de sacrificios. Cos asalariad@s vendo mingua-los seus dereitos laborais, sociais e políticos, así como os seus salarios e axudas para os seus fillos, en libros de texto, comedores, ou familiares dependentes.
Esta situación da que describo so algúns parámetros, dun xeito obxectivo, ten ademais unha consecuencia que se pode cualificar de catástrofe, a emigración de milleiros de persoas nun vector da poboación entre 16 e 30 anos, calcúlase que preto de 75.000 nos últimos tempos, que nos convirte nun país cun futuro moi precario.
Polo tanto é razoable afirmar, contradicindo as verbas do Presidente da Xunta e dalgúns dos seus Conselleiros que ven moi próxima a recuperación da economía, cada vez parécense máis a Rodríguez Zapatero, a quen criticaban o seu “optimismo antropolóxico”, que Galicia atópase mergullada nunha fonda crise que se vai ver aguzada nos próximos anos, pois non hai ningún sector do que poda dicirse que vai ser o que tire da economía galega nunha suposta recuperación. Recuperación que a bo seguro se vai facer en función dos intereses da clase hexemónica na estrutura de clases española, polo tanto se dentro da propia burguesía vai haber vencedores e vencidos, dentro da clase dos asalariados todos vamos a ser derrotados ó mesmo tempo que tentarán impoñer un acusado centralismo uniformador ó servizo desa fracción de clase.
E se a crise económica é fonda, como non podía ser doutro xeito a crise política a pesares de que as aparencias as veces podan facer pensar outra cousa, tamén.
Cun PP cómplice das políticas que desde Bruxelas e Madrid se toman contra a maioría dos galeg@s e ensimesmado ca súa maioría absoluta que non a utiliza para tentar cambia-la situación, cuestión da que se comeza a decatar unha parte importante do pobo galego, o que aumenta a desconfianza que ten na acción política nestes momentos e que leva á desvalorización das institucións de autogoberno, deixan de crer que sirvan para algo, facéndoas máis vulnerables ós ataques centralistas.
A inoperancia das institucións e a corrupción imperante na sociedade galega, apúntase no debe do PP, pero a primeira non é a causa da torpe e pouco ilustrada dirección do partido maioritario, responde á defensa duns intereses de clase moi determinados que a poñen en contradición cos intereses da maioría de quen lle da os votos. É labor da oposición poñer en evidencia esta contradición e rescatar a parte dos votantes do PP para outras políticas.
Pero a oposición de dentro do sistema, PSOE e BNG, vive un proceso de desvalorización social despois que o goberno bipartido puxera en evidencia a fraxilidade e superficialidade da alternancia, incapaz de orienta-la sociedade galega polo “proceloso mar da crise” que iniciaba a súa andaina, como consecuencia da súa incapacidade de facer un análise certeiro da mesma e propor as solucións que se precisaban. Sumáronse a unha análise trabucada, en certos aspectos, como non podía ser doutro xeito, similar ó da Internacional Socialista, incapaces de decatarse e aínda que así fora non ían acepta-lo veredicto, de que non hai saída socialdemócrata á mesma e que, aínda que non estean perfilados os dous polos de enfrontamento, so é posible ou unha saída neoliberal, a que impón a UE, e o FMI ou unha saída que avance cara a unha nova sociedade, que nada ten que ver ca sociedade capitalista, que AGE fixo albiscar a máis de 200.000 galeg@s
Por iso os resultados electorais de hai uns meses, aínda hai moit@s galeg@s que pensan que as súas condicións poden variar por medio do voto, foron os que foron para as forzas que configuraron a alternancia co PP en Galicia: a derrota sen paliativos de PSOE e BNG, e unha aparición moi engaiolante da coalición de ANOVA e EU, que tivo proxección estatal.
Pero pasados uns meses desde aquel feito podémonos preguntar, sobre como xestionan uns a súa derrota e outros a súa aparición con forza no panorama político galego. A resposta é a decepción que penso embarga ó votante de calquera das tres forzas que se consideran oposición ó PP.
Un PSOE paralizado, concentrado na súa fractura interna, a busca dun novo liderado e un novo programa; faime recordar a soada frase de Marx, Groucho, de “estes son os meus principios, se non che gustan teño outros”, o que amosa unha vez máis a fraxilidade ideolóxica desta organización.
Un BNG, que necesitou recibir unha forte queda electoral, para decatarse que a súa actividade de “conseguidor” en Madrid, actuando como monaguillo do PSOE nas Cortes foi un fracaso, o mesmo que o abandono da rúa, pecharse nas institucións a xestionar os límites que o capitalismo impón, tanto nos Concellos, como nas Deputacións ou na experiencia da Xunta, na que apareceu como cómplice das políticas neoliberais do PSOE e interesado fundamentalmente na construción dunha burguesía nacional. Pero o camiño emprendido na última asemblea, na que cambiaron de voceiro, paréceme pouco meditado e unha mala copia do que acontece no País Vasco e Cataluña; nun momento como este no que as clases populares necesitan unha resposta as súas necesidades inmediatas; centrar a solución na profundización do proceso soberanista, pode servir para atraer a sectores independentistas pero o vai illar da maioría da sociedade. Véxolle de positivo que imposibilita un novo pacto co PSOE.
E por ultimo AGE, en quen moit@s galeg@s e non só do país depositaron a súa confianza, os primeiros dándolle o voto, @s segund@s co devezo de que a nova organización fose o alicerce da reconstrución da esquerda no estado, que indicara un camiño; penso, aínda que non transcorreu moito tempo, que os ánimos tanto de uns como de outr@s fóronse arrefriando. AGE neste tempo non soubo ser máis que unha forza parlamentar, pouco anticapitalista, amosando certa inexperiencia que é lóxica, pero tamén xeitos de actuar na institución, que non axudan a desenmascarala como a pedra angular e a máxima creadora de consenso no sistema capitalista. Polo que AGE penso, está a decepcionar máis a quen a votou e ós que non o fixeron pero a puxeron de exemplo, é que non aparece na sociedade galega como unha organización política que traballa como tal. Non existe neste senso, seguen a existir ANOVA e EU, cada unha polo seu lado o que convirte a AGE nunha agrupación de oportunistas feita para evitar uns resultados electorais decepcionantes. Ademais a fractura en AGE pódese afondar segundo se aproximen as eleccións municipais e se poñan por enriba dos intereses de clase, os espurios intereses da organización que cada un representa, esquecendo as propostas feitas na campaña ó Parlamento.
Que facer nestas circunstancias?. E refírome a numerosa persoas de esquerda golpeadas pola crise que non ven unha saída na loita parlamentar ou nas convocatorias sindicais. En primeiro lugar a pesares de que vivimos un proceso político que pode levar a moit@s a quedarse na casa, son momentos de estar na rúa, de loitar, falar, unir activistas, ir concretando propostas, para o que se necesita en segundo lugar, fuxir do sectarismo, tentar agrupar ó máximo número aínda que moitas veces non coincida en todo con nós e ir configurando o que pode ser un agrupamento amplo, capaz de influír sobre determinadas forzas políticas, movementos etc, que poña as bases para loitar por outra sociedade, ese é o cambio de rumbo que Galicia precisa.
Cando remataba este artigo para colgar no blog, publicanse dúas noticias que corroboran esta situación de crise en Galicia, a aparición do presidente Feijoo en fotos cun condenado por narcotráfico e as mentiras posteriores sobre a duración da súa amizade, e as dificultades económicas da empresa transnacional Pescanova.

En Galicia no mes de abril de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario