A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 
Mostrando entradas con la etiqueta LENIN. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta LENIN. Mostrar todas las entradas

lunes, 13 de marzo de 2017

LENIN, A SÚA IMPORTANTE CONTRIBUCIÓN Ó PENSAMENTO REVOLUCIONARIO. (I)

Carlos Dafonte

A pesares da súa curta existencia, morreu ós 54 anos, e os dous derradeiros con importantes problemas físicos que lle minguaban o seu quefacer, o pensamento de Lenin marcou todo o século XX e o vai seguir a facer no presente, sempre que o obxectivo dun proceso sexa a revolución é dicir, levar adiante as transformacións que permitan deixar atrás o sistema capitalista e inicia-la senda da construción dunha nova sociedade baseada noutras premisas que non sexan a explotación da forza de traballo, a consecución do beneficio como obxectivo prioritario, a apropiación da riqueza que produce o conxunto da sociedade por un grupo moi reducido de persoas, o consumismo e a liquidación da natureza e mantemento do patriarcado como instrumentos que axudan ó capital na súa hexemonía na sociedade.
Por iso o pensamento de Lenin non pode ser neutralizado polo capitalismo nin polos manuais ó que tan aficionados foron na URSS, comezando polos folletos redactados por Stalin cos que tentaba “domesticar”, poñer ó servizo da súa actuación práctica, o pensamento do dirixente da revolución de 1917. De igual xeito que o Che Guevara escribiu nun momento dado, despois de regresar do Congo, na súa etapa en Checoeslovaquia, da necesidade de “menos manual e máis Capital”, con Lenin acontece o mesmo, non é posible pecha-lo seu pensamento nun manual; o seu pensamento e tan rico, tan dialéctico, tan unido ós acontecementos que está a vivir, que orienta, que recitar frases por el escritas, fora do contexto no que as redactou, algunhas veces non conducen a ningures, só a crear confusión.
Significa o anterior que non elaborou ó longo da súa extensa obra unha teoría da revolución?. En absoluto, baseándose no marxismo elaborou unha teoría científica que debe axudar a todo revolucionario a comprende-la realidade e o xeito de actuar, pero sen repetir mecanicamente consignas que nun momento, na situación concreta de Rusia situou en primeiro termo. Poñamos un exemplo, unha cuestión fundamental para o avance dun proceso de transformación estrutural é, ninguén o debe dubidar, a creación do “dobre poder” e outra distinta é, como algúns aínda repiten hoxe, que os órganos do mesmo deban estar formados por obreiros, soldados e campesiños; esa era a necesidade da composición dos soviets na Rusia de 1917, en plena guerra mundial, cunha poboación de base campesiña moi ampla, pero debe se-la loita de clases nun momento determinado a que exixa a composición do mesmo. Teño a impresión que moitos dos escritos de Lenin en vez de documentos históricos, convertéronos en fórmulas que para algúns son posibles de aplicar en calquera lugar, en calquera situación e en calquera tempo, cousa que desde o meu punto de vista non é aceptable. Considero que o importante nestes anos de crise ideolóxica no campo da esquerda, é volver álectura da súa obra.