Non albisco como pode acabar todo o complexo conflito desatado polo ataque dos USA e Israel, contra o pobo de Irán.
Pero teño, segundo avanza o proceso algunha certeza: a primeira, que os USA non teñen unha estratexia clara sobre a propia guerra que provocaron e da que non teñen idea de como saír. Está moi claro nas narrativas que chegan dende o outro lado do Atlántico, cambio de réxime, despois de descabezalo dos seus dirixentes e da sublevación do pobo; poñer fin ao programa nuclear que segundo Trump xa estaba completamente destruído polos bombardeos de xuño pasado; defender ás mulleres e o pobo iraní da ditadura á que estaba sometido; provocar a guerra pois Israel atacaba e eles serían atacados, etc. Non existe na propia administración republicana unha narrativa unitaria.
Sen unha estratexia clara aprobada dende antes da intervención, vai ser moi difícil ter unha saída, hai que destacar que non segue o aprobado no documento sobre Estratexia Nacional a finais de 2025; os USA non son fiables. Todo está centrado en provocar o caos na rexión que é o planeado por Israel, o que certifica que é o sionismo quen dirixe e “leva do narigón” á administración republicana.