A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 27 de junio de 2007

COMENTARIO A UN COMENTARIO SOBRE "BREVE ANÁLISE..."



 


         O, chamemoslle artigo, breve, sen moitas matizacións, sobre os resultados das eleccións Autonómicas e Municipais pasadas, induce a un comentario no que se require a clarificación sobre determinados aspectos do mesmo, de conceptos, o seu alcance e contidos.


         Escomencemos polo planteamento da existencia dun espazo para a acción dunha forza da esquerda transformadora capaz de conxugar gobernabilidade con antagonismo”. Estou de acordo co final do comentario, de que cando algúns planteamos o concepto de gobernabilidade, non ten nada que ver coa “necesidade” de acadar gobernos estables das institucións do estado burgués a calquera prezo. Eu utilizo o termo unido ó de “antagonismo”, que siñifica a imposibilidade de conciliar intereses. É un xeito de dicir que no sistema capitalista as organizacións da clase obreira deben estar dispostas a utiliza-las institucións do sistema, participar nas mesmas para tentar levar adiante aquelas políticas que beneficien a maioría explotada da sociedade; e se estas políticas non é posible plasmalas en algo concreto, desa incapacidade @s traballador@s deben sacar ensinanzas e conclusións. Non debe servir só a participación para axuda-la mobilización, senón tamén como altavoz de políticas e posicións transformadoras, amosar outra política social, outro concepto de democracia na que a participación e o control d@s elixid@spol@scidadáns sexa unha realidade, amosar dende un “microcosmos” como pode ser un Concello, un retazo do que debe se-lo estado nunha sociedade socialista. E dito esto, que ninguén se trabuque, non creo posible “a vía parlamentar ó socialismo”.


         Polo tanto a miña idea de participación da esquerda nas institucións, esta moi lonxe da “componenda” para acadar, como xa dixen, postos a calquera prezo; menos para que serva para levar adiante políticas neoliberais; pactar só cando, por unha conxuntura moi determinada, haxa posibilidades de aprobar políticas transformadoras. E entendo que hai que ser moi rigoroso, e de non facelo así leva de inmediato ó “todos son iguais” e o desánimo dos votantes da esquerda. E cando falo da esquerda non falo do PSOE, aínda que acepto que haxa votantes que considerándose de esquerdas voten por ese partido.


         É preciso engadir que a clase dominante fai perdurar o seu dominio grazas o consenso e a coerción, e estou convencido que un elemento básico de consenso na sociedade capitalista, é o proipio estado, que xoga ademáis o papel coercitivo; polo tanto todo o que sirva a estabilidade do estado, servirá de axuda ó seu papel “consensual” e a que a clase dominante sega a exerce-la hexemonía sobre o resto da sociedade.


         Pero tampouco debemos esquecer o papel que poden xogar as institucións en mans da esquerda, cando xurda unha crise sistémica e se establece un dobre poder.


         Todos estes elementos só esbozados, deben levarnos a unha fonda reflexión e estudo sobre a natureza mesma do estado, as súas particularidades nunha determinada conxuntura, etc., polo tanto entramos na segunda reflexión sobre a que se pide aclaración.


Escribín, a democracia representativa española non funciona dun xeito estable e consolidado”. É a constatación dun feito sobre o que as xentes que queren transforma-la sociedade deben operar. Se ó estado lle presupoñemos ademáis do poder coercitivo o de compartir coa sociedade civil a creación de consenso, é importante analizar a perda deste papel, as razóns do feito, para que o siga a perder e o que hai que facer para que non o recupere. Algo ten que ver co papel consensual do estado, esa idea machaconamente repetida de que a xente co seu voto pode cambiar a súa realidade; como se as desigualdades sociais, de clase, desapareceran no momento de emiti-lo voto e tod@s ficaramos igualad@s; as diferencias de riqueza esfúmanse e se convirte en igualdade xurídica no seo do estado. Non analizar esto en profundidade pode levar ó “voto útil”, que é o máis inútil de todos para @s traballador@s, e pensar que estamos máis protexidos fronte a agresión neoliberal votando a Rodríguez en vez de a Raxoi, e que podemos facer fronte a esta agresión, que podemos cambia-lo curso das políticas económicas, determinadas en lugares nada democráticos, por medio do noso voto. Creo polo tanto que a cuestión e máis complexa que o que se formula no comentario, en que derrota-lo PP e derrota-lo réxime, como se o PSOE non fora parte e un dos piares fundamentais do mesmo. Manter esa posición desde o meu ponto de vista, leva a consagra-lo PSOE como a forza aglutinadora do voto de esquerda no país, e sitúa o necesario proceso de reconstrución do movemento obreiro nas súas dúas facetas, política e sindical, sen obxectivos claros e como un elemento secundario; o fundamental, e algunha persoa así indicoumo despois de lelo, chamémoslle artigo, foi da necesidade imperiosa de aglutinar todos as forzas da esquerda arredor do PSOE nas próximas elecións xerais. ¿Con ese pensamento de sectores progresistas e mesmo de esquerdas, alimentado polos medios de comunicación dun sector da oligarquía española da que o PSOE é representante, é posible avanzar na reconstrución necesaria?. Dificulta moito o proceso.


As pasadas eleccións plantean un tema crucial, o bipartidismo, campo escollido polos dous sectores da oligarquía española como o mais favorable para os seus intereses. Téntase construír, e Maragall deixouno moi claro hai anos nunha entrevista no diario Mundo, e agora o vai tentar a nivel europeo, fundando algo parecido ó Partido Demócrata, construír, dicía, un escenario moi parecido ó norteamericano, onde existindo un só partido na practica, dous sectores do mesmo, son capaces de mante-lo engano, grazas ós medios de comunicación creadores de opinión, e as liortas nas que se enfrontan, e así de parecer dúas organizacións que defenden distintos intereses, e as veces antagónicos. O mesmo “ruxido” que fan no estado español os partidos maioritarios. Pero se a monarquía e a explotación capitalista estiveran en perigo, veríamolos actuar unidos contra das forzas que levaran adiante o proceso. Nese reparto de papeis, para que pareza máis verdadeiro, nun estado onde aínda as secuelas dunha guerra civil e unha longa ditadura terrorista están moi presentes, diversos medios de comunicación, dos que crean opinión, dos que converten en “senso común”, o pensamento da clase dominante, reparten os papeis do enfrontamento civil, entre as forzas políticas maioritarias, para como atinadamente se di no comentario, mante-la ficción esquerda-dereita que lles permite un control sobre a maioría da poboación e truncar calquera tentativa de reconstrución.


¿Con quen se vai face-lo reagrupamento? Esa é a última cuestión que se plantea no comentario. Opino que non hai receitas; o que se necesita é como xa dixen reconstrui-lo movemento obreiro en Galicia, e a nivel de estado, nos seus dous piares, a nivel político e a nivel sindical. O reagrupamento debe ter ese obxectivo.


No primeiro nivel, o reagrupamento débese concretar arredor da teoría revolucionaria, o marxismo, o que debe conducir á construción, o de menos é o nome, dun partido marxista-revolucionario, dotado dun programa científico que responda ás necesidades d@s traballador@s. A coxuntura fará explícita as políticas de alianzas e o xeito en que a clase obreira exerce a súa hexemonía sobre outras clases e capas explotadas da sociedade; a criación dun amplo movemento, unha fronte electoral, etc.


Xuño 2007


C. Dafonte





martes, 5 de junio de 2007

BREVE ANÁLISE DAS ELECCIÓNS DO 27 DE MAIO



 


 


O señor Rodríguez, presidente do goberno, hai uns meses calculou mal o alcance que podía ter o reto lanzado sobre a opinión pública estatal cando afirmou que gañaría as eleccións aquel partido que conseguira, a nivel do estado, un voto máis que o seu opoñente. Erro groso que si tivera o talante que dí ter, deberíalle levar a aceptar que o PP gañou o pasado 27 de Maio, cando non é verdade.


         Considero que analizando o conxunto do estado, os resultados nos dín que todos perderon; uns, xa que sacaron menor número de votos que o seu opoñente, o outro por perde-lo control de autonomías e alcaldías importantes, casi todos, por perder maiorías absolutas, concelleiros e deputados en lugares politicamente moi relevantes.


         Esta consulta electoral confirma sinais inequívocas, manifestas, de que  a democracia representativa española non funciona dun xeito estable e consolidado, xa que produce unha alta taxa de abstención. Non esquezamos as ridículas cifras de participación no referéndum da Constitución europea, e os estatutarios de Cataluña e Andalucía. E non me veñan con que a xente cánsase de tantas eleccións ¡¡nin que fora tanto traballo votar!!. Do que a xente esta farta é das promesas incumplidas e de que non se recollan os seus debezos e tenten dar solución os seus problemas, os cotiás. A xente abstense por non haber alternativa, despois de cada elección prodúcese no caso de cambiar o partido da maioría, a alternancia; despois dun partido neoliberal ven outro neoliberal, unha política económica neoliberal dañina para os intereses d@s traballador@s, sustitue a outra política económica neoliberal do mesmo perfil, e así ata as próximas eleccións.


         O PSOE conseguiu menor número de votos que o PP, cando todo, según os seus razonamentos, estaba o seu favor: a economía “vai moi ben”, “estamos a ponto de acada-lo pleno emprego”,dicía hai uns días o señor Rodríguez, o que debía encher de satisfación a tod@s,  e foron aprobadas toda unha serie de leis de carácter social, matrimonios gais-lesbianas, de dependencia, contra o maltrato ás mulleres, ponse “orde no estado” coa modificación estatutaria, e o PP atopase aillado social e políticamente.


¿Por qué non acadou entón máis votos o PSOE que o PP? Creo que no fundamental, porque para a grande maioría d@s  español@s, @s que cobramos por nómina, non é certo que a economía “vaia ben” e os beneficios e obxectivos dalgunhas das leis aprobadas, as que afectan a grande maioría da sociedade, aínda non comenzaron a poñerse de manifesto, e moit@s dubidan que só con elas se acaden. Pero non deben esquecer que se leva adiante a intervención de tropas españolas en Haití, Afganistán e Líbano, que o goberno coloca ó país dun xeito descarado ó servizo dos EEUU, utilización das bases para agredir a outros pobos, voós segredos da CIA, etc.; lévanse adiante nestes tres anos as reformas laboral, para facilita-lo despido, de pensións, que fai máis difícil cobralas e fiscal para beneficio dos máis ricos; apróbase a lei de defensa, na que se establece a guerra preventiva, que tanto criticaron a Bush e Aznar, pero que tamén aprobaron no Tratado Constitucional Europeo.


¿Verdadeiramente este resultado é indicativo? Posiblemente dunha tendencia de voto, como se confirmou nas eleccións xerais de 2004 en que sorpresivamente o PSOE derrotou ó PP cando con anterioridade, nas municipais, conseguira máis votos. O PP consegue o froito da súa política de confrontación sobre aspectos conflictivos para importantes sectores da sociedade; a estrutura do estado e a cuestión da fin de ETA. É previsible que ata a celebración das próximas eleccións xerais, vexamos aumenta-la confrontación entre os dous partidos burgueses maioritarios.


Como resumo, podemos dicir que o presidente Rodriguez e o PSOE non estan consolidados no goberno, pois parte da masa social que lles votou no 2004, non lles deu nesta ocasión apoio. ¿Está castigando ó goberno, mandándolle un aviso, cando non esta en xogo a gobernabilidade do estado? É posible. Pero é un aviso amplo, pois IU e ERC, os seus aliados nas Cortes, tampouco saen moi airosos desta consulta electoral. A segunda gaña en número de concelleiros, pero os perde nos lugares politicamente máis relevantes. Para a primeira, excepto en Madrid, a perda de apoio social e institucional é alarmante, e confirma o descalabro das últimas elecións xerais, froito de impoñe-la direción, un proxecto deturpado do que debe ser unha forza-movemento da esquerda transformadora e poñerse ó servizo da forza neoliberal que detenta o goberno do estado.


 


En Galicia o relevante era confirmar se o “cambio” xerado polas elección autonómicas se vai consolidando. Desde o meu ponto de vista os resultados do 27-M, non permiten esta afirmación.


O PP segue a se-lo partido máis votado, o cal non ten importancia se non fora acompañado doutro dato máis preocupante para o goberno da Xunta, que avanza nas zonas urbáns mentres PSOE e BNG retroceden.


O BNG, despois do descalabro electoral nas eleccións autonómicas, suma agora a perda de concelleiros en Vigo, Ferrol, Pontevedra, Ourense e o estancamento en Coruña e Santiago. Nada rentabilizaron da súa presencia na Xunta e de tantos pasodobles de Quintana cos maiores, emulando a Fraga; prosegue a súa viaxe “cara o centro” iniciado por Beiras, e  perde votos, entendo eu,  pola súa esquerda. Viaxe que siñifica gaña-lo espacio social, político e electoral que pertenceu nalgún momento a Coalición Galega, representante de sectores da burguesía e pequena burguesía, absorvida, sen demasiada oposición todo hai que decilo, pola “maioría natural” de Fraga, nunha versión actual do bonapartismo do século XIX. O que tamén explica que o PP non teña con quen pactar.


E o PP aguanta en circunstancias difíciles, cando todo estaba na súa contra, desplazado de concellos importantes no ano 2003, da Xunta e en plena renovación do equipo diretivo.


Outro aspecto salientable, resultado de analizar un conxunto de eleccións, é que hai un número de votos que cambian de organización cunha certa facilidade; algúns apontanse a opcións “novidosas”, outros fuxen cara a abstención,  das opcións que se consideran de “esquerdas” diante da súa obsesión por “centrarse”.


Pódese dicir en conclusión, que a pesares de que o panorama electoral galego parece estabilizado en tres forzas políticas, hai espacio para a acción social dunha forza da esquerda transformadora, capaz de conxugar gobernabilidade con antagonismo, que recolla e organice politicamente, toda a mobilización social, todas as contradicións que en Galicia se producen e que ninguén quere asumir.


 


Galicia Maio 2007


C. Dafonte