A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 9 de abril de 2007

ESTATUTO DE GALICIA E LOITA DE CLASES

 


A partires do trunfo do PSOE nas eleccións xerais de 2004 o tema da reforma dos Estatutos de Autonomía convertiuse nun dos principias temas de debate político no estado e de controversia entre as dúas forzas políticas maioritarias.


            Unha explicación pode ser a debilidade parlamentaria do PSOE e a necesidade de contar co voto das forzas nacionalistas burguesas, catalana e vasca, con representación propia, para levar adiante as tarefas de goberno; a cambio dese apoio parlamentar, estas burguesías consiguen maiores concesións da administración central ás autonomías a traveso dos estatutos. 


            A pesares do proceso evidente de transnacionalización das burguesías nacionais de Cataluña, País Vasco e Galicia, sobre todo nas dúas primeiras nacións, existen contradiccións evidentes, coa burguesía que segue a utiliza-lo estado centralista, consolidado no franquismo, no seu beneficio exclusivo. Neste proceso o nacionalismo burgués abandoa aspectos concretos do que foi o seu pensamento tradicional, a autodeterminación, por exemplo, pero segue a defender outros que lle son característicos ó longo da historia, como o monopolio do mercado interno e conseguir ventaxes para os interses que representan.


            PSOE e PP defenden un modelo económico neoliberal e globalizador e os movementos tácticos que levan adiante coas burguesías perifericas, según os resultados acadados nas eleccións, non deben levarnos a engano. Hoxe o PSOE aparece como o defensor dun capitalismo cunha “faciana máis humana”, xa que así é como se interpreta o que PNV e CiU  representan; pero non esquezamos que as dúas organizacións foron as sostenedoras do primeiro goberno do PP cando non acadou a maioría absoluta.


            En Galicia as forzas políticas parlamentarias, con certa indiferencia da sociedade, levaban desde hai meses discutindo a redacción dun novo estatuto que por falta de consenso ficou en suspenso.


            Á sociedade galega informóuselle de moi pouco, só de dous aspectos, e dun xeito moi parcial, e a través de consignas, sen argumentos; a financiación, é dicir como conseguir máis cartos da administración central para xestionar por parte da  administración galega, e o que foi a estrela destes derradeiros meses: se o novo documento debe recoller ben no limiar, ben no articulado, a definición de Galicia como nación. Do que se trata, entendo eu, é que o conxunto de “nacionalidades e rexións”  ó que se denomina España que constitue hoxe un estado, recoñeza dalgún xeito, distinto ó camiño da modificación constitucional, que no seu interior non hai só unha nación senón que é un “estado plurinacional”.


            ¿Ó proletariado de Galicia que é a gran maioría da poboación, beneficialles en algo a introduccións deste concepto ó marxe e sen levar aparellado  o conseguir un dereito como é o de autodeterminación?. ¿Non estará o debate actual, que seguro vai ter continuación a pesares do “parón” na redacción do estatuto, escondendo os temas que verdadeiramente lles interesan @s traballador@s, e sobre os que debía levarse a cabo un debate en profundidade, temas como a defensa dos servizos públicos, democratización da política galega e as súas institucións, control e novo papel das Caixas de Aforros, loita contra a deslocalización das empresas e contra da precarización do mercado laboral, fiscalidade, xornada laboral de 35 horas, e un longo etcetra?. Sentar no fondo as bases para avanzar cara a un novo tipo de sociedade


            Ë curioso observar como as forzas políticas parlamentarias cando discuten sobre o estatuto, todas falan do que “Galicia precisa”, cando a realidade da actuación da administración autonómica en todos estes anos foi moi sensible ó que as empresas precisan, a banca precisa, en resumo, ó que o capital precisa. Nos 16 anos de xestión do PP e nos meses que leva o bipartito, pódese albisca-la idea de que facilitándolles ás empresas e empresarios, a quen agora se lles chama “os emprendedores”, que consigan os beneficios mais cuantiosos posibles, Galicia vai prosperar, converxer, modernizarse e toda outra serie de conceptos que tanto lles gustan ós neoliberais de toda caste. A dura realidade nos dí, que a pesares dos inxentes beneficios das empresas, recollidos grazas ós grandes sacrificios impostor desde as diferentes administracións @s traballador@s, Galicia non converxe e cada vez atópase maís alonxada das medias do estado español e da Unión Europea a 15.


            No fondo aceptan a vella máxima de que o que interesa ás empresas interesa ó país, facendonos lembrar aquel eslogan mendaz, nado nos EEUU de Norteamérica de “o que beneficia a Xeneral Motors beneficia ós EEUU”.


            A estratexia de discusión dos tres partidos parlamentarios, e dalgunha outra forza que se lles agregue, esta clara, non entrar no debate sobre a base económica na que se sustenta a autonomía, cuxo obxectivo é asentar e afortala-lo capitalismo en Galicia, e convencer a grande maioría da población galega de que é imprescindible un estatuto para tod@s @s galeg@s, un estatuto de conciliación de clases, pero que  recollerá, sen lugar a dúbidas  os fundamentos do neoliberalismo. E non pode ser doutro xeito cando temos o antecedente do Proxecto de Constitución Europea, o seu carácter, e a defensa a ultranza que do texto fixeron PP e PSOE.


            Como se ten amosado nestes anos de democracia representativa, nin a constitución é para todos, nin o estatuto tampouco o foi. A primeira serviu, ainda que cando se elaborou parecía ía facilitar outras políticas, asenta-lo capitalismo transnacional e financieiro, enfrontado a unha crise permanente, producto das contradiccións internas. Crise cuxa solución aséntase nas políticas de todo tipo ás que denominamos globalización neoliberal, e os estatutos para facer concesións ás burguesías periféricas, para que as contradiccións interburguesas dentro do estado español, que se aguzan en tempos de crise, non sobrepasen determiñados límites.


            No século XIX, a loita pola constitución dos estados-nación, dentro dos grandes imperios, austro-húngaro, ruso ou otomán, tiña unha base económica clara, impoñe-la hexemonía dentro da formación social existente, do modo de producción capitalista. E decir,  son resultado das contradiccións interburguesas unhas veces, ou entre burguesía e aristocracia, en outras.


            As nacións sen estado dentro dos grandes imperios, enfrontábanse, lideradas polas burguesías nacionais, á clase dominante opresora centralista, arrastrando tras dela a sectores do proletariado. ¿Qué posición tiñan que defender nesa circunstancia @s traballador@s? A resposta de Lenin foi nidia, no senso de que o proletariado tiña que defende-lo dereito de autodeterminación, o dereito a separación, para non ser complice das clases dominantes da nación opresora, pero tiña que ser neutral na liorta entre os explotadores e non debía apoiar á burguesía da súa nación, na consecución de ningún dos privilexios que tentaba conseguir coa separación.


                        Polo tanto a base económica hoxe do dereito de autodeterminación, para a grande maioría da población galega, para o proletariado galego,  non pode ser ós intereses do capital senón o interés de avanzar cara o socialismo, que precisa para ser posible, nun estado como o español, da unidade da clase obreira.


            O dereito de autodeterminación, que é unha consigna transicional,  hoxe debe ser recollido polo proletariado, por dúas razóns fundamentais; a primeira por non ser razonable renunciar a ningún dereito que amplie o marco democrático e en segundo lugar, porque siñifica situarse mellor no proceso de loita de clases, para debilita- la burguesía de todo o estado.


            O estado español, a nivel económico,  arrastra un subdesenvolvemento secular por non terse dado unha revolución burguesa e manter a aristocracia ó longo do século XIX, posicións moi consolidadas no poder político, economico e social. Foron burguesías nacionais, catalana e vasca, as que primeiro plantearon a contradicción co réximen estatal, facendo boa a tese de que nun estado cunha economía  subdesenvolvida aquelas rexións onde máis forte sexa o desenvolvemento, antes entrarán en contradicción coa estructura estatal. Se engadimos que as contradiccións capital traballo de principios de século, xunto coas xeneradas polo intento de levar adiante tarefas pendentes da revolución democratico-burguesa, desenbocan nunha guerra civil e nunha dictadura de corte fascista, que non deu solución algunha ó particular desenvolvemento histórico do estado, é facil comprender toda unha serie de reivindicacións que son planteadas desde as dúas autonomías máis desenvolvidas económicamente.


            En Galicia, algunha organización  diante da ausencia dunha burguesía  defensora dos intereses nacionais, considerou, e a súa política tomou ese camiño nos últimos anos, a posibilidade de xogar ese papel, de cubrir ese oco, desde unha organización que dicía defende-los intereses dos sectores populares. Acabou caendo nunha contradicción de difícil avenencia cunha postura de esquerdas, defendendo a base económica  capitalista, para atraerse a unha burguesía non transnacional, cativa, mal organizada, feble,  que só se mobilizará polos intereses nacionais, cando Galicia teña un grao de desenvolvemento superior o resto do estado, abandone a súa posición parasitaria pois obteña maiores beneficios doutro xeito, deixe en suma de vivir das subvencións e do erario público, e defenda uns intereses propios sen medo a estimula-las contradiccións coa burguesía centralista,  como ocurriu nas outras dúas nacións do estado español.


            ¿Pero a onde leva esta política? A poñe-los intereses d@s traballador@s @s que dí representar, ó servizo da burguesía, e cooptar a sectores populares a un consenso co sistema , e a poñerlle atrancos ó pulo da loita de clases.


            Nesta perspectiva, colectivos de índole diversa, para establecer “distancias” interróganse sobre a necesidade da separación de Galicia do resto do estado. Eso, como dixo Lenin, é pura metafísica; a contestación como xa dixemos, esta en función do desenvolvemento da loita de clases. En calqueira caso, para dar unha resposta axeitada, é preciso facer unha análise do marco histórico e das particularidades do país, e ter moi claro que mentres a burguesía coloca nun primeiro plano as súas reivindicacións nacionais, o proletariado debe subordinalas ós intereses da loita de clases e o desenvolvemento de todos os ordes da súa clase.


            Hoxe para o proletariado galego o exercicio do dereito de autodeterminación, para que non seña un engano maís, debe ir cinguido á mellora das condicións de vida, en todos os seus aspectos, á loita polo socialismo e ó fortalecemento da solidariedade internacionalista da clase obreira.


            @s asalariad@s que teñan adquirida conciencia dos intereses da súa clase non deben distinguir entre un explotador español ou un explotador galego. A explotación da súa clase seguirá existindo tanto nun estado centralista como nun estado independente galego, e para loitar contra da explotación é preciso que os traballadores señan independentes do nacionalismo e que manteñan, como xa sinalamos a independencia nas liortas entre as diferentes burguesías.


            Hai aberto, aínda que de momento paralizado, un proceso de discusión sobre a reforma do Estuto de Autonomía, e o proletariado galego ten que plantear dun xeito nidio cales son as posicións que benefician á clase e que deben ser recollidas no estatuto; e si non hai sindicatos ou organizacións políticas que o fagan xa que defenden outros intereses distintos, hai que artella-los mecanismos para que ese debate non quede nos arredores do parlamento e os tecnócratas de turno, e se faga nas fábricas, nos centros de traballo, nas barriadas, nos concellos e chegar, se hai posibilidades, a apresentar unha Iniciativa Lexislativa Popular, recollendo as sinaturas necesarias, para que a voz do proletariado se escoite no Parlamento Galego. 


           


Galicia Abril 2007


 


C.Dafonte