A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 31 de mayo de 2013

CRISE, AUTORITARISMO E FASCISMO


Carlos Dafonte

A grave crise económica que se esta a producir no centro do sistema capitalista e como consecuencia da mesma, a agudización da loita de clases, poñen de actualidade, por unha banda, a situación de excepcionalidade dentro do sistema capitalista, que ata o de agora se teñen manifestado de tres xeitos diferentes a traveso da historia, o bonapartismo, a ditadura militar e o nazismo e fascismo, e por outra o tema da revolución, a necesidade de estudar, analizar, debater, como no século XXI pódese, nos países do centro do sistema, levar adiante un proceso de masas, que conte ca participación da maioría, e rache cas estruturas do sistema capitalista. Hoxe faremos algunhas consideracións sobre o nazi-fascismo.

lunes, 27 de mayo de 2013

EFEMÉRIDES MES DE MAIO


Carlos Dafonte

Día 1º de maio.

1886. A celebración do primeiro de maio está ligada a loita polas oito horas nos EEUU. En outubro de 1884, no congreso celebrado en Chicago da American Federation of Labor (A.F.L.), prodúcese un cambio de táctica; pásase de presiona-lo poder político para que lexisle a favor das 8 horas diarias de traballo, lexislación que os patróns non cumprían nos casos de existir, a comezar a preme-las patronais.
Apróbase unha resolución, convocando para que a partires do 1º de maio de 1886, case dous anos máis tarde, todas as organizacións obreiras fixaran a xornada laboral nas 8 horas. A resolución aprobada no congreso perdeuse, pero coñécese a aprobada polo Comité Executivo permanente a proposta de Gabriel Edmonston, que compartía a idea de levar a cabo o 1º de maio de 1886 unha grande mobilización obreira polas oito horas.
As razóns pola que se escolleu esta data non esta clara; se dan numerosas explicacións, desde que esa é a data da gran folga dos traballadores da seda en 1531 en Lucca, Italia, ata que é a posta en marcha do ensaio dos seguidores de Owen de New Harmony. A explicación máis racional é que o 1º de maio nos EEUU coincidía co comezo do ano de traballo para a contratación de servizos.

domingo, 19 de mayo de 2013

NA II ª TRANSICIÓN. AS PERSPECTIVAS DA REORGANIZACIÓN DA ESQUERDA GALEGA


Roberto Laxe
A 1ª Transición terminou legalmente o 6 de decembro do 1978 coa votación da Constitución monárquica, e realmente o 23 F cando co “auto golpe” lexitimaron ao Borbón como un demócrata. A partir de aqui comezou un paso atrás, un esquecemento sistemático de como foron conquistadas as liberdades democráticas, que presentaron como un “agasallo” do rei e Suárez ás forzas da esquerda; cando foi exactamente o contrario, a chamada oposición democrática, co PCE á cabeza, entregou nos Pactos da Moncloa a iniciativa na Transición aos herdeiros do réxime, que despois fixeron á súa imaxe e cos seus perfís.

miércoles, 15 de mayo de 2013

ALGUNHAS CUESTIÓNS QUE NON DEBEMOS ESQUECER CANDO FALAMOS DA CRISE E DA SAÍDA DA MESMA


Carlos Dafonte

1. En todos os países que configuran o planeta, tamén polo tanto na U.E. aínda que moit@s o teñan esquecido, ou téntense encubrir ca formulación da existencia de “clases medias”, “caixón de xastre” onde métense asalariados con niveis medios e altos xunto con pequenos comerciantes, profesións liberais, etc., tentando que teñan intereses comúns, existen diferentes clases sociais que se atopan en constante loita, sendo a máis importante a que libran, no sistema capitalista, @s traballador@s asalariad@s e a burguesía.
Clases sociais que crean partidos para defende-los seus intereses, pero sobre todo os partidos burgueses, tentan esconder esta realidade, converténdose en partidos interclasistas, é dicir, onde convivan diferentes clases, as veces teoricamente antagónicas, irreconciliables nas súas posicións, para así recibir votos de moi diferentes sectores sociais. Hai que entender que non tería obxecto un partido onde só estivese afiliada a grande burguesía, formado por banqueiros e grandes empresarios; “cantaría moito”, a xente daríase conta dos intereses que perseguen e recibiría só votos destes sectores, que son moi reducidos, o que non lles permitiría acada-lo poder.
Ademais a sociedade actual é moi complexa, recibe enormes cantidades de información, case sempre ó servizo da clase dominante o que fai que moitas veces un banqueiro e un obreiro, pola falla de conciencia do asalariado, coincidan nun proxecto de defensa dunha determinada crenza relixiosa, da defensa en abstracto da propiedade, poden coincidir tamén, por estar en contra do divorcio ou do aborto e polo tanto votar ó mesmo partido, aínda que os seus intereses económicos sexan diametralmente opostos.

2. Se a sociedade esta constituída por diferentes clases, e hoxe ninguén o discute, con intereses diferentes e se a crise que estamos a vivir é xerada pola tendencia que no capitalismo existe, que funciona como unha lei, a caída da taxa de ganancia, desde unha perspectiva de clase, a burguesía, os sectores propietarios dos medios de produción, queren unha saída segundo os seus intereses económicos e @s asalariad@s outra moi distinta.
Pero tamén dentro da burguesía, nestes tempos de crise, prodúcense loitas e enfrontamentos entre uns sectores da mesma contra outros, tanto a nivel mundial como dentro dos propios estados, tentando quedarse cos mercados, cas materias prima, etc, tentando en suma facer desaparecer ós competidores máis febles, nun proceso de concentración e centralización do capital, cada vez en menos mans. As crises serven pois, “para limpa-los” mercados, eliminando competidores e no caso da bolsa, inversores, cuxas accións desvalorizadas, non todos poden aguantar a caída e venden, van parar a mans de quen ten máis poder económico.
Polo tanto se PP e PSOE, son partidos defensores dos intereses burgueses, chamárase así ou con outras siglas no caso do primeiro, como se ten amosado desde os anos do principio da transición, o primeiro desde unha perspectiva conservadora, progresista o segundo, non lles pidamos outra política, sobre todo a quen hoxe nos goberna, por que é pedirlle “peras ó ameneiro”; van facer o que lles interese ós sectores burgueses máis poderosos, que como reflicten os tan traídos e levados “papeis de Bárcenas”, son os que axudan ó financiamento do partido, e quen paga, manda.
Por iso tentar dar unha perspectiva, o que fan moitas veces os sindicatos maioritarios e os partidos da esquerda institucional, que mobilizando conseguiremos cambia-la política do goberno e facela “máis social” é verdadeiramente quimérico e é emprender loitas que nunca se van gañar: tanto PP, como PSOE, UPyD ou os nacionalistas de dereitas, CiU ou PNV, como partidos burgueses van defende-los intereses da burguesía, que non ten interese algún nunha “saída social” á mesma.
Polo tanto as loitas contra as políticas da burguesía deben te-lo obxectivo, ademais de acadar algunhas reformas, nunca se debe renunciar ás mesmas, de abrir novas perspectivas, de aglutinar a maioría da xente en base a explicarlles que se non hai cambios estruturais fondos, o que significa avanzar cara a unha nova sociedade que non asente os seus alicerces na explotación da forza de traballo e o dominio político, social e económico dunha minoría que se apropia da riqueza producida pola maioría da sociedade e a utiliza no seu exclusivo beneficio, senón abrimos esa perspectiva, o único que faremos e darlles ás masas falsas esperanzas e perder enerxías en algo que, se a burguesía non perde o poder, nunca se vai acadar. Só haberá “saída social á crise” se muda a correlación de forzas das clases en disputa, hoxe favorable á burguesía; e si esta correlación mudara a favor da maioría social, débese continuar nun sistema explotador?.
Alguén poderá poñe-lo exemplo do goberno de Andalucía, como indicativo de que se poden facer cousas distintas ó servizo dos traballadores, pero non nos enganemos, o goberno PSOE-IU fai paga-la a crise ós traballador@s, pero toman algunha medida, poucas, limitadas e quizais pouco eficaces, para facer menos dolorosa esa derrota.


    3. Porque o descrito no punto anterior é a realidade e non outra, se analizamos desde o punto de vista da loita de clases todas as medidas que se foron tomando, en todos os anos da transición, primeiro cos gobernos da UCD de Suárez e o Pacto da Moncloa, máis tarde co PSOE de González, despois co PP de Aznar, a continuación co PSOE de Rodríguez e agora co PP de Rajoi, todas as medidas foron tomadas co obxectivo de desarticular á clase obreira, facela máis ineficaz na defensa dos seus intereses, recortando todo tipo de dereitos, e potenciando un sistema produtivo baseado nas burbullas, que unido á crise capitalista actual, sitúa ó estado español en maiores dificultades para superala.
    Polo tanto dánse as condicións para que a saída da crise actual, se vaia facer en clave burguesa e cando dentro duns anos nos digan que xa estamos de novo nun período de expansión, será de expansión e acumulación de maior riqueza por parte da clase dominante, un sector da burguesía, pero os asalariad@s teremos que vende-la nosa forza de traballo nunhas condicións peores á de como o facíamos hai uns anos, con menos dereitos en todos os eidos, traballando máis horas por menores salarios, con contratos feitos á medida do patrón, cunha vida laboral máis longa para ter menos pensión, sen seguro de paro ou moi minguado, etc e con menos instrumentos de defensa que hai uns anos; esa vai se-la realidade.
    E se, din os expertos, que se crea traballo a partires dun crecemento do 2 % do PIB, se agora atopámonos no -1'5 e non podemos pensar que que se vaia a subir dun xeito continuado, posiblemente serán poucas décimas ó ano, se comezará a crear emprego polo ano 2020, de mala calidade e pasará como nalgunhas economías centrais do capitalismo, que ter emprego non é garantía de atoparte fora da exclusión social e a pobreza.
    4. O PP vanglóriase de ter evitado que fóramos rescatados, ese é o seu maior logro, din, destes meses de goberno, pero mente; cando un país é rescatado nunca, en ningún caso rescátase á maioría da poboación e se lle fai mellora-la súa condición de vida, rescátanse ós sectores burgueses hexemónicos que se atopan en perigo e paga o rescate dos ricos, a maioría da poboación. Ademais, as institucións da U.E. e o FMI, vixían e deciden as medidas que se teñen que tomar. E iso é o que está a pasar no estado español; fomos rescatados, pero dun xeito distinto a como o foi a economía grega ou portuguesa, tamén a española é maior e non se podería facer do mesmo xeito, pero cúmprense as premisas de rescate dos sectores burgueses, de pago do rescate pola maioría da poboación, a calquera prezo, e a perda de soberanía, que ninguén pode dubidar despois da modificación “express” da constitución por parte dos dous grandes partidos burgueses estatais, PP e PSOE e da vixilancia constante, á que se atopa sometida a economía do estado español, e o exame, hai que pedir permiso, por parte de institucións de fora, non elixidas democraticamente, para tomar calquera medida económica.
    5. A crise e a superación da mesma en beneficio da oligarquía, vai poñer en evidencia en Galicia, polo proceso centralizador e de concentración de capital dos sectores da burguesía dominante do estado e o peche de numerosas empresas, a compra de outras por empresas de fora, como ocorreu co Banco Pastor e Etcheverría as quebras de outras como Nova Caixa Galicia, o enfeblecemento da propia burguesía galega a todos os niveis, industrial, pesqueiro, financeiro, etc, e o aumento das dificultades para o futuro autogoberno galego; pero tamén ponse en evidencia, o pouco interese da burguesía local por defende-lo proceso ó considerarse representada pola posición de submisión do PP respecto os intereses centralistas. Parece que a burguesía galega ou é transnacional, ou subalterna da centralista, caso distinto da catalá que resiste ó intento de centralización e concentración, cunha proposta de maior soberanía, aínda que se abran fendas na propia clase.
    6. Fronte a este panorama económico con graves implicacións políticas e sociais, ós traballadores asalariados só lles queda a alternativa de loitar, decatarse que sen loita a burguesía non lles vai conceder absolutamente nada, aínda loitando vai ser difícil, pero só loitando é o único xeito de reconquistar dereitos perdidos neste período e non permitir que nos quiten ou rebaixen os que mantemos; a alternativa de establecer obxectivos moi claros a curto prazo, modificacións que sexan paliativo das políticas agresivas actuais, pero sobre todo tomar conciencia da necesidade de producir un cambio de sistema, o capitalista atópase esgotado e é necesario abri-lo debate entre os traballadores, de cal deben se-los alicerces do novo e o elemento fundamental para acada-los obxectivos anteriores: a organización; sen ela as loitas son facilmente derrotadas. E para consegui-la organización necesaria, poderosa para enfrontarse a agresión da burguesía, hai que tentar afastar aqueles elementos político-ideolóxicos que non sexan esenciais na loita de clase e que non permiten avanzar na unidade dos traballadores.

En Galicia no mes de maio de 2013

viernes, 10 de mayo de 2013

II ANIVERSARIO DO 15 M VISTO DENDE O 15 M DA RIA


Roberto Laxe (do Grupo de Traballo do 15M da Ria)

Hai xa 2 anos que xurdiu un novo movimento social que se deu en chamar “15M”, a consecuencia da indignación acumulada durante tempo coa situación política, económica e social que se estaba a vivir. Gritáronse consignas como “non nos representan”, “chamánlle democracia e non o é” ou “non é unha crise, é unha estafa”.
Dous anos despois, as consignas que ó comezo eran un tanto intuitivas vanse transformando en conviccións políticas, porque os feitos golpean a cotío e reafirman a nosa confrontación co sistema capitalista. O sentimento de desconfíanza nesta mal chamada democracia medra de xeito imparable co goteo constante de novas que demonstran que todas as institucións, desde as máis altas ás cercanas, están podres, desprendendo aires de corrupción, enrequecemento ilícito ou de simbiose co poder económico e financieiro. Nesta situación, están a aparecer voces nos partidos institucionais que claman por un gran pacto que leve a unha segunda transición en España. Sen embargo, un pacto que parta dunhas organizacións que manteñen a toda costa institucións inimigas e corruptas, non vai contar en absoluto coa opinión do pobo nin vai contemplar depuración de responsabilidades. Excepto tal vez nas formas, non vai supoñer cambio algún, tal como non o supuxo a transición do 78. Estamos convencidos que a solución está fora das actuais institucións, que terá que xurdir sen dúbida desde abaixo, recuperando a soberanía do pobo.
O feito de que se goberne co fin de favorecer a estes poderes, a costa da gran maioría da población, fai que gritemos con máis forza: CHÁMANLLE DEMOCRACIA E NON O É, e NON NOS REPRESENTAN. Por se fose pouco, tentan criminalizar as protestas e culpabilizar á poboación de vivir por riba das súas posibilidades, cando son eles os que levan anos vivindo por riba das nosas posibilidades. Esta democracia que defenden está a afastarse cada vez a máis velocidade da poboación, non só en calquera concello, na Xunta e no Estado Español, senón en toda Europa. As decisións son tomadas de forma cada vez máis escura, coa UE e a Troika como cabeza visible, sen que haxa ningunha capacidade real de decisión.
Mentras eles avanzan cara a acumulación de poder e riqueza, e da inmunidade duns poucos, a utilización perversa da débeda pública fai que a poboación sufra a miseria, a precariedade e o desmantelamento das conquistas sociais. Pero ESTA DÉBEDA NON NOS PERTENECE:
En primeiro lugar, porque esta UE, desde o Tratado de Maastricht, obriga a cada Estado a se financiar a través da banca privada, que recolle cartos públicos do BCE, para logo obter beneficios polos préstamos ós Estados.
En segundo lugar, a débeda dos Estados convertiuse nun gravísimo problema por mor do rescate con fondos públicos da banca, á que inxentaron miles de millóns de euros para tapar os buracos da burbulla inmobiliaria. Socializaron as perdas, trasladando ás contas publicas o descalabro da banca e as grandes empresas privadas.
En terceiro lugar, e como consecuencia dos 2 anteriores, os mesmos causantes da crise especulan coa débeda do estados, e aproveitan as súas necesidades de refinanciamento para incrementar os seus beneficios. Como moitos estados teñen as contas en vermello, teñen a excusa para lanzar as políticas de “austeridade”, entregando a bancos, aseguradoras e grandes empresas novos sectores productivos, resultado das privatizacións e desmantelamento de hospitais, centros de saúde, educación ou servizos sociais.
Para poder deixar este inmenso negocio ben atado, a Unión Europea e os grandes bancos acordaron garantir que o pago da débeda pública tivese prioridade sobre calquera outro gasto. Para materializar ese acordo, o PP e o PSOE reformaron nada menos que a Constitución no 2011.
POR ISO VOLTAREMOS A BERRAR: NON É UNHA CRISE, É UNHA ESTAFA!
Temos que rexeitar na rúa todas as medidas que están a supor un empobrecemento social, e esixir o non pago desta débeda ilexítima, sostida por institucións ilexítimas, e blindada por unha Constitución que tampouco é lexitima.
Apostamos pola loita, a movilización, a repolitización do pobo e os traballadores, e a unidade, nunha Fronte Única Social contra os Gobernos e a Troika, para a recuperación das conquistas roubadas e da soberanía popular.
Galiza a 09 de maio de 2013